BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O cuarto para extraterrestres’ vs ‘Peaxes’

Fotograma de ‘Algo pasa con Mary’, de Peter Farrelly e Bobby Farrelly.

Xornada 1 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre César Lorenzo Gil e Fran Fernández Davila.

Traba: O relato debe ser do xénero de ciencia ficción.

O cuarto para extraterrestres

César Lorenzo Gil.

Yuri entrou na oficina. O oficial apenas se vía a través da néboa do tabaco. 

—Así que en Perelkino, camarada —dixo o oficial—. Paz e abetos. Ten un piano, excelente.

—Cando…

—A asignación poderá cobrala mensualmente na oficina de Correos presentando esta documentación —Bateu co selo sobre un monllo de follas.

Yuri viuno na saliña de espera. Sentado coas pernas moi xuntas, enmascarado, con capa e petepáns.

—Que fai vestido así? 

—No Soviet Supremo sonlle moi chistosos —dixo o oficial—. Unha burla aos cómics dos EUA, que sei eu. A femia fala e fala, este non ensina un dente. Mañá pasará pola súa casa un médico para o tratamento.

—Non correrei perigo?

—Sobrevivimos ou non ao 42?

Durante a viaxe a Perelkino nin se miraron. Yuri agradeceu ter a sensación de transportar un paquete. O coche era novo e aínda non se amañaba con el. Fantasiou con comprar un abrigo forrado de pelo coa primeira paga.

Pensou en aparcar na rúa principal e non na garaxe, para lucir automóbil, pero non podía deixar que ninguén o vise vestido de marciano. Sorriu pola ocorrencia. Mirouno co rabo do ollo, seguía coma inerte.

A casa tiña poucos mobles, pero facían acolledora cada estancia. Comprara algunhas plantas e unha colcha corida para o cuarto de convidados.

Foille difícil atopar uns pantalóns que lle entrasen. Yuri pensou en queimar a máscara e o demais, pero finalmente gardou todo no alto dun armario.

—Queres café? Café! —Yuri acompañou as palabras con xestos. Doutorárase na Lingüística, sabía que a aprendizaxe debía baseala en mímica e repeticións. Pero descoñecía cal era a súa estrutura fonal. Aparentemente a anatomía parecía a dun macho humano de vinte e tantos anos, ben mantido, mais precisaba que emitise algún son. 

Yuri apañou o frasco da lacena, puxo un cazo ao lume e dispuxo dúas cuncas sobre a mesa. Pronunciou o nome de cada obxecto, repetiuno. Non obtivo reacción. Ollaba coma quen ve unha afastada carreira de cabalos que non lle importa.

Si bebeu o café, a ferver, dun grolo. Pareceu prestarlle, abrazou a cunca coas mans. Yuri pensou que até que viñese o médico era mellor non xuntar ambas louzas; arredeouse unha miga.

Mirou o reloxo, era hora de mercar o xantar. Na documentación que lle dera o oficial leu que o recomendado era alimentalo con pan branco, manteiga e arengas afumadas. Yuri odiaba as arengas e pensaba que todo o mundo as odiaba. Ademais, un convidado debe escoller o menú.

Logo dun cuarto de hora describindo con acenos diferentes alimentos, Yuri mudou de estratexia. Apañou unha folla e un lapis e debuxou. 

Desta volta atendeu, e arregalou os ollos cando Yuri pintou unha boca chea de dentes que trababa nun zanco de pito. Sorriu e calcou co dedo no papel cando viu o trazo dunha cunca de sopa fumegante. Yuri ofreceulle o lapis; colleuno. Coa pericia de Modigliani debuxou un polbo.

—Ah, camarada, ti es dos meus!

Riron. A gargallada sooulle a Yuri coma un tubo de escape furado.


Peaxes

Fran Fernández Davila.

Sabías que nas áreas de descanso da autopista ghalática fanse reunións de ultradereitistas? Pois eu tampouco. Que eu quería ir dunha tirada, pero tiven que parar pra mexar, eu claro, que a pobre Lurdes xa sabes. Coa cabesa no tarro. Que non sei porque hai que ir tan lonxe a recoller os corpos novos. Que que manía con cambiar de envoltura cada des anos. Eu xa ves que ben me manteño. E non cheghará así? Total, pró que fasemos… Pero ela, dálle, que se as amighas todas, que se o adestrador persoal, que se o plan renove… Claro, eu ben que desfrutei cando lle compramos o primeiro en Venus. Non sei. Sería pola quentura ou a presión, aínda que algho de ásido armosférico debeu de infiltrárselle, porque saíu reprochón. Co meloso que era o corpo orixinal… o de Venus non sei, como que picaba a amargho, sabes? Así que pró seghinte fomos a Marte e nada, chico, saíunos farol, todo seco, quedounos o matrimonio coma as dunas de Verín. E eu veña a comer pra compensar, e a enghordar, que houbo que cambialo por un de Xúpiter, se non, morría do colesterol. Como oes, un de Xúpiter, toma, ghama alta, pero nada, chico, que se alí haichos de varias rasas e a nós tocounos Denominasión de Orixe Ghran Mancha Vermella, el acabose, unha montaña rusa, que se aghora pra arriba e despois te tronso, unha xunqueira de pelexas até que non puiden máis. Arrinqueille a cabesa, metina no tarro e tirei pra Titán a por un deses de emerxensia, si, os reacondisionados que din, que aghora coa gherra hainos a bo preso se non es moi relambido coa idade, o xénero ou o número de estremidades, a min xa me daba ighual. Pero claro, con toda a présa, non tiña líquido pró tarro de suspensión e metinlle servesa, que me dixo a mentalnet que valía, e ben que valeu, que a Lurdiñas ía cantando e berrando, cun ollo torto e os labios en seta, pero a min alivioume a viaxe, que a cada reproche, a cada insulto eu botáballe un ghrolo do tarro. E ela veña a insultar. E eu a condusir e meterlle vaso. E o nivel baixando. E a vincha a inflárseme, que me rebentaba cando parei en Seres pra mexar, pero non puiden. Non puiden nin baixar do coche con todos aqueles currichos de uniforme, e as bandeiras, e as pancartas macho-power. Chico, deume medo. Non sei que me pasou, deume medo e seghín viaxe. E a Lurditas volta a insultar, a pobre, a quedar sen líquido até que, claro, non puiden máis e… e mexei no tarro. Si, como cho conto. Que tiven que tirar pra Nettuno, nada de Titán, Nettuno, tío!, onde choven os diamantes, xa imaxinas, e despois divorsio… que quedou con todo, total os cartos ghañáraos ela, eu sempre fun un marido floreiro. E así acabei, co traxe de reghlamento. E pra que vai ser? Pró seghinte mítin no asteroide dos caídos. Vés?

8 thoughts on “‘O cuarto para extraterrestres’ vs ‘Peaxes’

  1. O cuarto para extraterrestres

    Desde relato gústame o ambiente que crea. A burocracia, o secretismo, os funcionariado, o tabaco, as misions clasificadas.. con moi pouco recrea a época da guerra fria sovietica. Faltou algo para chegar a ver a deshumanizacion e o alienamento, pero claro, o relato non ía diso. Por desgraza.
    O relato é un pouco confuso. Tardei moito en saber quen dicia cada cousa e a quen se dirixía. Tampouco fun capaz de ver ó extraterrestre, para min é simplemente un extranxeiro. O disfrace de superheroe, outro pegote de quita e pon. En definitiva parece un entorno, un setting predefinido ó que se lle inocularon as 2 trabas así, sen máis miramentos. A ciencia ficción no relato é moi lixeira, demasiado para o meu gusto.
    o final do relato está adicado a que pode comer o alien. quere polbo e semella que iso ten que darlle ó lector un extra de algo. unha referencia ó carballiño, a lovecraft? como é que o tipo coñece os polbos, será que non está en realidade indicandolle que quere comer? Non sei, non logro ir máis aló. O mellor do relato, xunto co que xa dixen, é a ultima frase. Porque foi o único momento no que si puiden ver un extraterrestre, e meteume medo porque xa non o esperaba.
    pd: que é unha arenga afumada?

    Peaxes

    o problema deste relato, na miña opinion, é que o chiste se agota no primeiro impulso. O texto agradece certos detalles ou recursos, como as referencias politicas que abren e pechan o relato, a gheada e o seseo, a relacion de parella, o humor, etc. pero no fondo son só adornos que teñen que apoiarse en algo sólido. E no relato vexo moitos retallos pero non unha liña mestra.
    A miña receita para editalo sería cambiar a estrutura de “dialogo” á de “monologo”. O relato presentase como un dialogo cara un descoñecido (para o lector), e penso que cambiando iso a “monologo interior” quitariamos o que sobra (obrigados polo propio caracter do novo ton) e teriamos que engadir o que lle falta, que é esa radiacion de fondo persoal que boto de menos e que teria que unificar todos os fios do que se conta. Porque un, nun dialogo, pode ser falso, finxir, pode mentir, dicir cousas que non pensa… enton un dialogo asi, “casual” sen mais contexto non é suficiente pola propia natureza dos dialogos. Pero un monologo é sincero. Se les un monologo das por feito que estás lendo os pensamentos nus da personaxe e o impacto do que les é máis directo. O problema de eliminar o formato dialogo é que a unica relacion que atopo entre o relato e a foto é que na foto hai 2 persoas falando.
    Ademais entendo polo final que o tipo está contando unha cousa que sucedeu hai anos, e iso tamen lle quita algo de frescura a todo. É como que non cadra a emocion inmediata do ton co feito de que xa elaborado ese trauma, se xa está divorciado a raiz daquel episodio.

    Voto polo cuarto para extraterrestres, pola construccion do entorno e pola frase final. Do seu rival gustoume o paseo planetario dos cambios de corpo, pero a aposta total por ese tipo de narrador non me funcionou.

  2. ‘O cuarto para extraterrestres’: Neste relato custoume algo entrar, pero cando o fixen gustoume, dende o universo que constrúe, ata a situación que relata.

    ‘Peaxes’: Aquí agradezo detalles como a fala coloquial, que lle da verosimilitude por ser, entendo, parte dunha conversa casual. A idea do cambio dos corpos é orixinal e trátase de forma amena, pero máis alá diso, a historia en si deixoume bastante indiferente.

    O meu voto é para ‘O cuarto para extraterrestres’. Concordo en que aquí a ciencia ficción case non se aprecia, pero convenceume máis que o opoñente.

  3. Boas camaradas. Aquí estamos de novo. Tedes que saber antes de nada que para min a filmografía dos irmáns Farrelly mexa pola de Nolan, así que cando vin o fotograma xa me condicionou moi positivamente. Os relatos que enxendrou a combinación traba + fotograma non podían ser máis marcianos.

    “O cuarto para extraterrestres”. É un relato que precisa relectura pero que, cando se fai, se descubre moito máis sólido do que poida parecer nun principio. Non hai sobreexplicacións do que está a pasar e iso dalle certa coherencia interna dentro do surrealismo que o domina. A min, curiosamente, lembroume máis á peli Brazil ca outra cousa. Remata moi ben. No plano negativo creo que non profundizou demasiado en nada, tócanse moitas cousas de forma lixeira.

    “Peaxes” ten un formato moito máis dinámico. O gag está ben construído e fai gracia. É curiosa esa mistura do enxebrismo familiar galego coa ciencia ficción ao estilo do Autoestopista galáctico. Este lembroume á acción mutante do De La Iglesia, que españolizaba en certa maneira o xénero cify. Non se lle pode negar moita orixinalidade. O que ten de malo é certa repetición de conceptos como para ganar tempo, non vexo que o paso polos distintos planetas aporte moito ao que se conta. Había unha idea e adobouse con datos.

    VOTO por “Peaxes” porque me fixo moita graza.

  4. Boas, e perdón polo atraso. Aí vai o meu comentario.
    O cuarto para extraterrestres

    O mellor deste relato é a ambientación, sen dúbida moi conseguida. Pero o fío da historia paréceme demasiado retratado e o final algo sobado, demasiado trillado.

    Peaxes
    Penso que o fío narrativo das Peaxes está mellor conseguido que o do Cuarto para extraterrestres: a secuencia dos feitos establecese con máis claridade, e, en cambio, a construción do narrador mediante a linguaxe non me acaba de convencer. Ese ton coloquial paréceme pouco conseguido

    Voto por Peaxes porque me parece que ten máis cousas mellor feitas.

  5. O cuarto para extraterrestres conseguiu meterme no seu ritmo. A ambientación de segredos de estado e axentes dobres está lograda pero creo que topo de fronte contra a traba. Persoalmente, eu centraríame no concepto do estranxeiro como extraterrestre, quizais profundando na desconexión que sinte co que o rodea. Creo que aí podería estar a identidade do relato. Xogar todo arredor da estrañeza e da alteridade. Quizais, xa que o relato ten que ser de xénero, darlle a importancia a que o alien non comprende a tecnoloxía desa parte do mundo? Dende logo, o relato está ben traballado, pero creo que gañaría máis aproveitando as 500 palabras arredor dese concepto. Ou igual son películas miñas.
    Peaxes pon toda a carne no asador dende a primeira liña e non sei se funciona a favor ou en contra. Por un lado, marca dende o principio unha personalidade forte, que atrae ao resto da lectura, pero o resto do texto condicionase a este ritmo que marca un inicio tan explosivo. Noto ese adobe do que falan os compañeiros e penso que se pode solucionar de dúas maneiras. A primeira sería mudar a forma e manter o conteñido, quizais coa forma dun dialogo, que lle de máis coherencia á sobresposicióin que se acaba por facer da idea central do relato, do gag co que comeza. A segunda sería acurtar a corrente de pensamento, facela máis concisa, como se de verdade o narrador estivera a pasar por enriba deses conceptos, sen pararse demasiado neles. Ao acurtar o texto, non acusaría esa perda de folgos que hao que recubrir con recheo,. Moitas veces, presentar un texto curto pode parecer unha desvantaxe pero neste caso coido que puido ser un acerto, xa que a principal baza deste relato é a sorpresa e un remato precipitado axuda a conservar a sensación no lector.
    O meu voto vai para O cuarto para extraterrestres. Namorei do concepto.

  6. Graciñas a todos polos comentarios e graciñas extra aos que votaron por ‘O cuarto para extraterrestres’. Agradezo as críticas. Eu quería que a ciencia ficción ficase nun segundo plano aparente, pero que no fondo pivotase sobre ela todo o relato: retrocienciaficción, se queredes, porque a historia está ambientada na URSS cando os soviéticos levaban a dianteira sobre os estadounidenses en exploración espacial. O personaxe principal está inspirado en Yuri Knórozov, lingüista ucraíno que descifrou a escritura maia, e a casa na que está o cuarto para extraterrestres é a de Boris Pasternak, Premio Nobel de Literatura. As arengas afumadas son unha delicia en conserva moi apreciadas no Báltico, e quería que Yuri as odiase porque no fondo tamén odiaba Leningrado, cidade onde traballou gran parte da súa vida e onde faleceu. Entendo quen di que o alien é un estranxeiro e non un extraterrestre porque xusto era iso o que eu quería que parecese; francamente non lle vexo problema a iso. Todos os extraterrestres son estranxeiros por definición. Sobre o do polbo, non ten nada a ver co Carballiño (non se me ocorre que ten que ver O Carballiño nesta historia) senón con certa idea dos extraterrestres, por exemplo os que aparecen nos Simpsons, pero tamén porque o polbo é unha comida no fondo tan peculiar que considerei que servía para romper o xelo entre os personaxes. Cando compartes unha ración de polbo creas un vínculo especial. É certo que o relato non profundiza en nada, pero só así podía ocupar menos de 500 palabras. Quixen xusto xogar con iso, coa redución textual. A primeira versión tiña case 1.000.

    Sobre Peaxes, coido que o relato ten tres problemas: Primeiro, o ton: A lingua oral cando pasa a lingua escrita sofre case sempre. Coido que na ficción debe manterse a aparencia de que é oral, pero non reproducila tal cal. Ademais, se lle inoculamos dialectalismos, o contido pasa necesariamente ao fondo do prato porque onde se dirime o xogo é sobre a forma. E coincido co que se dixo aquí: É un pouco raro empezar e rematar falando de franquistas galácticos e meter polo medio a historia dun machista que primeiro é quen de mexarlle na cabeza á muller para escapar deles e ao final acaba de militante canda eles. Dito isto, o relato ten graza e ritmo e mestura bastante ben a ciencia ficción co Galicia Noticias. Foi un pracer o combate, Fran!

  7. o problema do alien e o estranxeiro é o seguinte: iso funciona (e moi ben) cando ves o alien e, unha vez establecido iso, chegas ó pensamento ulterior de que “o alien parece un estranxeiro”. Pero eu non vin o alien no relato, excepto ó final de todo, enton non existiu esa evolucion necesaria que criara ese pensamento, esa nova capa de lectura. O relato dicia que era un alien, si, pero non mo mostrou dunha forma eficaz. Incluso o seu aspecto era o dun humano. O final impactoume tanto, en realidade, porque de repente o estranxeiro pareceume un alien.

  8. Parabéns, César, pola victoria. Grazas a todas e todos polos comentarios.
    Está visto, polo escrito aquí, que a mestura de ciencia ficción e variante dialectal occidental non callan no lectorado. Xa o comprobara no seu momento con Sidadane Sero. Porén, e esta é unha teima persoal miña, creo que quero seguir explorando este carreiro (isto é unha ameaza) xa que penso que, se a nosa lingua existe dentro de 100 anos, será nunha desas variantes. Non hai máis que ver o mapa da evolución do Gaélico en Irlanda para facerse unha idea. Pero esa é outra historia.
    Outra cousa que aprendín nestes dous anos xustos que levo en Biosbardia é que tampouco son quen de falar de política nun relato e gañar un duelo. Desta parte tratarei de aprender ou afastarme. Aínda que a cabra tira moito ao monte.
    A primeira frase do relato é unha das miñas frases favoritas da película, onde só cambiei homosexual por ultradereitista e engadín a palabra ghalática. O resto é un desvarío propio do tipo en cuestión onde quixen primar o ritmo, a oralidade e liña de pensamento sobre calquera outra cousa.
    Para a trama tentei identificar cada un dos planetas coas fases polas que pasan algúns matrimonios: frescura, acidez, sequidade, tormentuosidade, materialismo, divorcio. Non sei se me pasei de evidente ou quedei demasiado críptico ou que todos tedes relacións idílicas. Fallo meu.
    Respecto á pregunta de por que o tipo acaba sendo un fascista máis aporto o que penso: frustración por unha derrota e incapacidade de xestión emocional dos feitos. Así é como acaba un nesas merdas. Sei que para que o relato funcione nestes formatos tan eléctricos ás veces hai que dicilo todo. E ás veces négome. E iso está mal, porque hai que pensar no lector sobre todo. Pero négome igual. Mal, moi mal.
    Respecto ao relato de César, paréceme que o universo está ben construído. Unha cousa tipo Men in Black nos tempos da URSS. O que non teño claro é a mensaxe do relato. Creo que o tempo investido na creación dese universo e o propio universo penaliza a comicidade (se é que o relato pretende ser cómico, que non o sei) e acaba fiándoo todo a unha derradeira frase de gran calibre, como o Madrid con Benzema se o árbitro é honesto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *