BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O día do falso gato’, excelente literatura lisérxica

Pasi Ilmari Jääskeläinen.

Pablo Fernández Barba.

Hai case un ano publiquei en Biosbardia a recensión dun título traducido ao galego que non estaba dispoñible no mercado do macrosistema editorial español. Laiábame daquela de como aquel título, publicado bastante tempo atrás, non merecera a atención nin da crítica nin dos espazos reservados á promoción literaria que vagan polo sistemiña adiante, sexan estes públicos ou privados. Un ano máis tarde, podo afirmar con tristura que o panorama nada cambiou: a tradución ao galego de obras estranxeiras segue a ser o irmán aínda máis pobre.

Cando o sistema literario español publica a tradución de Joyce Carol Oates ou Emmanuel Carrère, o aparato promocional todo, dende a revista máis pretensiosa ata o blog máis humilde, celebra o acontecemento. Nada disto estraña. Asumímolo todos a ambos os dous lados do Padornelo. Aquí tamén. Mais, cando nesta beira do telón de grelos asistimos á publicación dunha tradución ao galego, e malia o esforzo que iso representa, o aparato promocional fica mudo. Ninguén di nada. Pode que alguén se digne a colocar dentro dunha listaxe cos mellores libros do mes a obra dun xuntaletras como Stefan Zweig nun meritorio quinto posto, pero sempre detrás doutras catro “obras mestras da literatura universal” asinadas por calquera dos nosos xenios patrios contemporáneos. E iso será no mellor dos casos (que adoitará gardar correlación coa figura da tradutora ou do tradutor dentro do sistemiña, claro), porque o normal será que nin sequera apareza. Eu hai ben tempo que sigo esas clasificacións sen outra pretensión que a de botar unhas risas vendo apelidos como Levi, Paasilinna ou Somerset Maugham en postos de descenso directo. Fóra desas listaxes, o mesmo baleiro; en todas as partes!

Hoxe volvo escribir aquí sobre unha obra vertida ao galego que tampouco está no mercado castelán (coma se iso significase a medida de todas as cousas): O día do falso gato, de Pasi Ilmari Jääskeläinen, traducida do seu finés natal por Tuula Ahola.

No día no que o narrador, Kaarna, funcionario encargado de urbanismo no concello de Marrasvirta, ten que dirixir un discurso á veciñanza durante unha sorte de festival de antroido na vila, e no día no que a súa muller Minerva ten que presentar unha exposición sobre os vínculos da Stasi coa alta sociedade finesa, a nai do primeiro falece na residencia onde levaba anos ingresada por culpa do alzheimer. Isto dá pé a un axuste intimista de contas coa nai, coa nenez e co tempo perdidos, que dura o que tarda o taxi en levalo ao asilo e os breves momentos que pasa ao chegar xunto ao corpo da finada no seu cuarto. Un acelerado repaso, con máis buratos que un queixo de Gruyère, á relación do fillo coa nai (prestixiosa psicóloga de fama internacional, absorbida polo seu traballo), que se ve interrompido cando, logo de se ausentar Kaarna no aseo do cuarto durante uns intres, ao saír, atopa que o corpo da súa proxenitora está desaparecido. Non só iso: todo apunta a que corpo volveu tomar vida e botou a andar pola porta fóra. A partir de aquí, psicodelia pura. O fío da narración rompe en mil pedazos, e o real, o lembrado e o imaxinado asaltan o relato sen orde nin concerto aparentes, nunha historia inzada de gatos por todas as partes na que pasado, presente e futuro xa non deixarán de se mesturar ata o final da novela. Final no que, daquela si, todo o crebacabezas quedará resolto para revelar a enormidade de canto quedou atrás.

Na estrutura caótica e sen presunto sentido do relato reside a aposta fundamental da obra, e é aí onde Jääskeläinen e mais –aviso– o lector asumen o risco. A min, recoñézoo, custoume entrar nela, e aínda que o meu problema agora sexa non poder saír da sobredose lisérxica d’O día do falso gato, sei que non é unha novela para todos. Digo isto sen condescendencia ningunha: simplemente sei que non todo o mundo gustará dela. Asino estas liñas dende ese convencemento. O mesmo convencemento que me trouxo a escribilas para recomendar esta alfaia exótica que nos trouxo Tuula Ahola directamente dende Finlandia grazas a ese pequeno gran milagre que é Rinoceronte, que agora abre unha nova fronte para dar guerra con ‘Esplanadi’, o seu selo especializado en literatura finesa. Ben por eles.

 

One thought on “‘O día do falso gato’, excelente literatura lisérxica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *