O empresariado histórico nas letras catalás

UNHA DÉCADA CASE PRODIXIOSA NA LITERATURA CATALÁ (II)
Xesús González Gómez.
Como dixemos na anterior entrega, na década de 1960 aparecen diversas editoriais que modernizan (sic) o mundo editorial catalán, sendo as máis «importantes», Club Editor, creada en 1959 e que acabara en mans de Joan Sales e dará a coñecer nesa década dúas das máis grandes novelas catalás do pasado século e que mencionamos na entrega anterior: La Plaça del Diamant e Bearn, Edicións 62 e Aymá/Proa, coa colección «A tot vent» (aos escritos sobre a tradución ao catalán nos anos 1960 remítome). E nacen outras ou publican tamén en catalán: Vergara, Taber, Lumen, Molino (que entrega as novelas de Agatha Christie), Grijalbo, Plaza & Janés, Planeta, Destino, que en 1966 inicia a publicación das obras completas de Josep Pla e o ano seguinte crea o Premio Josep Pla de Narrativa, Edició de Materials… A estas editoriais hai que engadir as xa existentes Barcino, Selecta (a verdadeira recuperadora do libro catalán na posguerra), Estela, Novaterra, Fontanella (as tres en mans de católicos progresistas; algunha destas editoriais acabaría en mans de homes e mulleres do PSUC, é dicir, dos comunistas), etc. Sen esquecermos La Galera, especializada en libro infantil e xuvenil, cuxo maior éxito fora, daquela, un dos libros da literatura catalá mais vendidos de todos os tempos: El zoo d’en Pitus (1965), de Sebastià Sorribas
De 1960 a 1965, o número de libros publicados en catalán pasa do centenar aos 500. Mais, malia a cantidade de traducións do melloriño da literatura universal, cales son os libros preferidos (é dicir, comprados) polo público catalán? Segundo Vallverdú: «os datos demostran que as preferencias dalgúns intelectuais e dalgunhas editoriais ían por un lado e a recepción do público por outro». Os libros máis vendidos neses anos serían os seguintes: L’Atlántida, de Verdaguer e a novela Fanny, de Carles Soldevila (dous clásicos). En segundo lugar, dous autores sinalados pola crítica da década: Mercé Rodoreda e Llorenç Villalonga. No ensaio, o libro máis vendido: Els altres cataláns, de Francisco Candel (tradución do orixinal castelán). No que respecta ás traducións, curiosamente, os libros máis vendidos van polo lado do cristianismo: o Novo Testamento, A forza de amar, de Martin Luther King, O cristo de novo crucificado, novela do grego Nikos Kazantzakis, e O pan dos anos mozos, de Heinrich Böll. E, finalmente, dúas novelas (?) que engulipan os «escoltes»: Estimar, ou diario de Dani e Dar, ou o diario de Ana María, de Michel Quoist, un crego, e sociólogo, teólogo, etc., francés dos considerados como progres[1]. Un dos best-sellers desa década foi unha gramática catalá en edición de… autor: Signe (1962), de Albert Jané. E cara ao final da década, os escritores que «gañan o interese do público» son Manuel de Pedrolo (que publica non sei cantas novelas cada ano), Salvador Espriu, pero non como poeta, senón como narrador (Espriu puido ser un dos grandes narradores cataláns, como demostran os seus libros de relatos, mágoa que non se dedicase a iso con mais forza) e Terenci Moix cuxas obras son tachadas de escandalosas. E mentres, as editoriais enchen naves e naves de libros non-vendidos e/ou invendíbeis.
Mais nesta década que semellaba prodixiosa, non todo «foron flors i violes», é dicir, fácil e agradábel. En 1967 comeza unha baixada da produción de libros en catalán. En 1966 editáranse 548 títulos, tres anos despois, é dicir, en 1969 a cifra diminúe na 364. Causas?: libros máis caros, pola tiraxe, que en español, saturación do comprador militante, «competencia» da televisión, que nesa década coñece a súa maior expansión en España, endurecemento da censura, e a inicios de 1969, declaración do «estado de excepción», entre outras. E unha delas, certa megalomanía editorial, que acadará o seu cumio coa edición da Enciclopedia Catalana. Se ben contaba con 14.000 subscritores, o que nun principio debía ser a adaptación dunha enciclopedia italiana ao catalán, convértese nunha enciclopedia totalmente catalá: todo se fai de novo e a cousa chega a límites incontrolábeis, con máis de 500 colaboradores. Como que os salarios non eran moi altos, en 1968 iniciouse unha folga. A cousa acabou como o rosario da aurora. A enciclopedia, que nacera á sombra de Edicions 62, sepárase desta e faise cargo dela Banca Catalana. Os traballadores que máis se significaran na folga, foron despedidos, e, finalmente, redirixiuse a enciclopedia e acabou a súa publicación, en 15 volumes, moitos anos despois de que se iniciara: en 1980.
E polo camiño, a distribuidora da maioría das editoriais catalás, Ifach, quebra[2], e con ela Edicions 62, a Enciclopedia Catalana e outras editoriais menores. A década prodixiosa acababa case co mundo editorial catalán: Edicions 62 salvouse porque Banca Catalana condonoulle a débeda, ao tempo que baixaba o ritmo de publicacións e saldaba diversas coleccións; Club Editor estivo un ano sen publicar ningún título, a Enciclopedia Catalana, como dixemos, acabou en mans de Banca Catalana, diversas editoriais menores fecharon, e o ritmo de publicacións en catalán non superou o número de títulos publicados en 1966 até 1975.
Nesa década, como dixemos apareceron diversas revistas en catalán: Serra d’Or, da man dos monxes de Montserrat (aínda se publica hoxe). Revista mensual, foi unha especie de frente popular cultural catalán: en 1966 contaba con 11.000 subscritores. No nadal de 1961 aparecía o primeiro número da revista dirixida ao público infantil Cavall fort. Se do primeiro numero tiráronse 10.000 exemplares, en 1967 contaba con 27.000 subscritores e 3.000 exemplares vendíanse en quioscos e librarías. A revista, para driblar a censura, amparouse baixo o manto protector da igrexa. Outra revista que naceu aquela década foi Oriflama, que nacera en Vic, en castelán, «como produto mixto entre igrexa e exército» coa lenda «Servicio castrense de la diócesis de Vic». Pouco a pouco catalanizouse e creou un grupo de intelectuais de vigatáns que colaboraron nela: Emili Teixidor, Miquel Martí Pol, Ricard Torrent, etc. Durante tres meses de 1967, como a nova lei de prensa obrigaba a que o director dunha publicación fose xornalista, a revista non saíu, até que nomearon director a Josep Maria Huertas Claveria, que incorporou xornalistas como Rafael Pradas (militante do PSUC ) ou José Martí Gómez. Multada e secuestrada en diversas ocasións, en 1960 a débeda acumulada era dun millón de pesetas, cando Jordi Pujol, por medio de diversos testaferros se fai co seu control. A revista foi «rompedora», moderna, etc., aínda que publicou diversos artigos abondo «rancios» e mesmo reaccionarios de Pujol, asinados, iso si, con pseudónimo. En 1972, vendeu o futuro president da Generalitat catalá, as súas accións político demócrata cristián Anton Canyellas, que, evidentemente, dereitizou o seu contido. En 1977, despois de diversas vicisitudes, Oriflama desapareceu.
En 1967, da mans de catalanistas franquistas, aparece o semanario Tele-estel, que se inicia cunha tiraxe de 70.000 exemplares. O ano seguinte, só alcanza a tiraxe de 20.000. En 1969 chega aos 18.000 exemplares e en 1970, ano en que desaparece, a tiraxe era de apenas 9000 exemplares. As causas foron múltiples, pero sobre todo a pouca venda e incidencia da revista debeuse a que naceu como concesión aos catalanistas franquistas e a ideoloxía que deitaba a era, malia certos colaboradores, completamente conservadora e, no fondo, franquista.
Acabamos esta segunda entrega coa creación, en 1961, de Òmnium Cultural. Os seus fundadores: Fèlix Millet, de «rancio avoengo» catalanista, que apoiou o levantamento militar de 1936 e a cuxa sombra fixo unha grande fortuna no terreo dos seguros. O seu fillo, pai da patria catalá (tiña todas as medallas e condecoración habidas e por haber concedidas por distintas institucións públicas do país), e que levaba o seu mesmo nome: un estafador. Lluís Carulla, o propietario de Gallina Blanca, que fixo a súa fortuna baixo o franquismo. En 1966 foi obrigado a saír na televisión apoiando a participación na fantochada denominada referendo sobre a Lei Orgánica do Estado, ou algo así, que foi o primeiro paso para chegar á España actual. Joan B. Cendròs, fíxose millonario coa masaxe para despois do barbeado «Floyd», propietario durante un tempo da editorial Aymà/Proa. Joan Vallvé, gran empresario metalúrxico e Pau Riera, empresario do téxtil. En 1963, o Òmnium foi clausurado e até 1967, en que novamente o estado franquista lle concedeu a legalidade como asociación cultural, traballou na clandestinidade, ben que eran vixiados, e non molestados, pola policía. O Òmnium creo diversos premios, entre eles o Premi d’Honor de les Lletres Catalanes, que se entrega a aquela/es que salientaron pola súa defensa de Cataluña. méritos literarios á parte, de aí quen nunca lle fose concedido a Josep Pla. Actualmente entréganse ao gañador ou gañadora 20.000 euros. En 1969, primeiro ano da súa concesión, a cantidade era de 500.000 ptas. Que eu saiba, só un home rexeitou, non o premio, senón a cantidade outorgada: Salvador Espriu. Por que rexeitou o cartos? Espriu coñecía os mandamais do Òmnium, sabía quen eran, e sabía que se aceptaba os cartos, farían del o que fixeron do pobre Joan Oliver (Pere Quart), que os necesitaba: un pallaso ao servizo dos amos do Òmnium[3].
[1] Unha nota biográfica: eu lin o primeiro dos libros citados do reverendo Quoist: aínda me dura o aburrimento que me produciu naquel 1967, con 17 anos recentemente cumpridos: o libro fora un regalo da miña nai con motivo do meu aniversario.
[2] Karl Marx inicia o seu O 18 Brumario de Louis Bonaparte coas seguintes palabras: «Hegel remarca nalgunha parte que todos os grandes feitos e personaxes da historia universal se producen, como se dixésemos, dúas veces. Mais esqueceuse de engadir: unha vez como traxedia, outra vez como farsa», Karl Marx, Luttes de Classes en France/Le 18 Brumaire de Louis Bonaparte, Paris, Jean-Jacques Pauvert Éditeur, col. Libertés 14, Paris, 1965, p. 219. Un dos feitos que se repetiu na historia catalá foi o da quebra da gran distribuidora de libros cataláns, L’Arc de Berà no 2010, corenta anos despois de Ifach, deixando no ar a diversas editoriais. Tal feito, quítalle algo de razón a Herr Doktor Marx, nunha e outra ocasión, o feito foi unha «traxedia».
[3] Ora ben, cando Salvador Espriu morreu, en febreiro de 1985, a Generalitat de Catalunya, dirixida por Jordi Pujol fíxolle uns funerais «de estado», coa axuda dos herdeiros do poeta. Cando xuño do ano seguinte morre Joan Oliver, a Generalitat quixo repetir a operación: as condicións que puxeron os herdeiros de Joan Oliver –seguindo os expresos desexos deste– para que se realizase a fantochada de funeral, foron tales, que o goberno catalán se limitou a dar o seu pésame pola morte do poeta.