BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O espello do mundo’. A Idade das Mulleres

nicolasHai moitas novelas históricas que se establecen en dous planos temporais. A máis famosa (e interesante a día de hoxe malia estar descatalogada) é Xa vai o griffon no vento (1986), de Alfredo Conde. En moitas, os planos non son paralelos senón que se explican mutuamente, unha é a orixe do outro. Eis o caso d’O espello do mundo, primeiro texto narrativo de Ramón Nicolás, profesor e crítico.

Un historiador, Martiño, case por casualidade, accede a un material documental inédito, a relación entre ona Guiomar Méndez, unha abadesa de san Pedro de Ramirás do século XII e a sabia palatina Hildegard von Bingen. Na novela vanse alternando as pasaxes da pescuda deste tesouro histórico, no tempo actual mais que serve tamén para coñecer, de forma indirecta, a vida das relixiosas que no século XX quixeron reinstaurar a comunidade, coas das propias vivencias e correspondencias entre relixiosas de alto nivel intelectual na Idade Media.

A novela de Nicolás, tendo en conta que é unha opera prima e que se adscribe, con matices, ao xénero histórico, non cae nos vicios habituais neste tipo de obras: a acumulación de datos, que se verten sobre o lector coma un cazo de leite fervendo e a obsesión por recrear o pasado ao milímetro até tal punto que non hai conexión posible coas necesidades e disposicións das persoas que len no tempo de hoxe. Ben ao contrario, o meirande acerto deste libro é superar eses perigos mediante a contención, a sobriedade narrativa e a precisión no enfoque. Unha historia sinxela, con poucos personaxes, pouca acción, unha novela íntima sobre a cotidianidade e os feitos extraordinarios que normalmente acolle.

O espello do mundo si ten unha dimensión sociolóxica clara e explícita: reivindicar o papel das onas, ou directivas monásticas do medievo, na configuración do modelo social galego do seu tempo. A través das vivencias e palabras de Méndez, a novela trasládanos ás angueiras dunha sociedade pequeniña, rudimentaria mais que se aproveitaba dunha rede global: a unidade que as ordes relixiosas mantiñan coas súas metrópoles e entre si a través dunha ruta moi ordenada que atravesaba Europa de punta e punta e que foi definitoria do éxito como proxecto político do Camiño de Santiago. O autor quere reivindicar non só o papel dirixente das mulleres senón o modelo alternativo que estas onas (ou a propia Bingen) tiñan para a Igrexa e tamén pola sociedade. Ese interese por retratar a “Idade das Mulleres” trasládao ao presente, onde dun xeito moi intelixente e atractivo para o lector, a historia (entre melodramática e detectivesca de Martiño deixa ver máis alá o esforzo imaxinativo das relixiosas que quixeron revirarse contra o vento da historia e volver crear comunidades monásticas no rural do interior de Galicia hai só unhas décadas).

O peor deste libro é que esas ríxidas metas sociolóxicas maniatan o estilo literario. Os diálogos son artificiais e farragosos, a suposta fidelidade aos modelos expresivos epistolares medievais non ten moito sentido para unha obra de ficción e cando Nicolás salta os rexistros habituais da narración e inclúe definicións botánicas ou incluso lingüísticas de grande interese, non se desapega do verniz académico e perde unha boa oportunidade de facer florecer a imaxinación e a beleza.

O espello do mundo volve pór de moda a Idade Media nas letras galegas co bo sentido de encontrar novas vías de coñecemento e reivindicación do noso pasado. E como boa novela histórica, proxecta os intereses do noso tempo. A historia das mulleres é un campo no que se avanzou moito nos últimos anos e no que en Galicia xa hai grandes profesionais, caso de Aurora Marco ou Miguel García-Fernández, este especialista xustamente no papel feminino no Medievo. Que se publique unha novela coma esta indica que ese novo nivel na investigación empeza a traspasar as barreiras académicas e espertar o interese popular.

♦ O espello do mundo, de Ramón Nicolás. Xerais, 2016. 191 páxinas. ♠16,65€

César Lorenzo Gil.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *