‘O espido de Gina’, aburrida-aburrida Galicia do 1960
Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) ten como narrador varias facetas: a de inventor do detective galego-estadounidense Frank Soutelo, cuxa serie de novelas xa suma cinco títulos; a de divulgador dos vínculos entre cinema e literatura (Capitol, última sesión (Galaxia)) e a de contista histórico, que deu, na miña opinión, o seu mellor traballo, O sabre do francés (Galaxia), unha colección de relatos sobre a invasión napoleónica en Galicia no 1809 moi conseguida a pesar de certos excesos expresivos.
Con O espido de Gina, Fernández aproveita o fío do cinema para convertelo en mcguffin dunha novela que en realidade é unha visión costumista da Galicia vilega da década do 1960. O historiador condúcenos á vila inventada de Valdesantos, trasunto de calquera vila galega (talvez o Carballiño natal do autor?) para contar o triángulo divino humano que se tece entre o párroco, o exhibidor de cinema e o dono do principal café, o Central.
Dicía que o cinema funcionaba como escusa porque o principal nó da trama é a “guerra” que nace entre o cura e o cinematografista a conto da estrea do filme Espida fronte ao mundo, protagonizado pola beleza italiana Gina Lollobrigida, actriz que a miña xeración coñeceu xa madura, como imaxe de Porcelanosa denantes da fichaxe de Isabel Preysler. Esta tensión entre xerarquía eclesiástica e arte é o menos interesante do libro. Demasiado visto, demasiado obvio (incluso o desenlace), sen profundidade, cunha narrativa que xoga a ser accesible pero que acaba por ser superficial, un corta-pega mental do autor de moitas lecturas, películas e series que almacenou na súa vida.
Podemos pensar que o desleixo en canto á trama responde a que o maior interese do escritor é facer unha novela de ambiente ou de personaxes. De feito, Fernández compón os primeiros capítulos como perfís dos protagonistas para logo ir pouco e pouco colocándoos no seu ambiente. A estratexia tamén fracasa porque non constrúe identidades senón iconas. A construción dos personaxes non se fai con trazos humanos senón en base a tópicos narrativos, como se estivésemos dediante dun inmenso decorado. E aínda por encima, as ferramentas novelísticas do autor resultan obsoletas. Todo ten cheiro a reseso nesta especie de Crónicas de un pueblo de papel.
Todo ten cheiro a reseso nesta especie de Crónicas de un pueblo de papel.
É verdade que o autor non nega a presenza doutras narrativas na construción deste libro. O efecto máis gráfico é completar as descricións dos seus personaxes dándolles a cara dalgún actor nalgunha famosa película clásica. Mais revelar os trucos non fai perdoar a falta de esforzo.
O fracaso d’ O espido de Gina é o fracaso da novela costumista, pensada para non incomodar a ninguén, artellada como mecanismo detonante da nostalxia por aqueles tempos que nos parecen mellores porque eran máis sinxelos, menos corridos pero que en realidade só manteñen ese bo lugar na memoria porque eramos novos. Talvez iso sexa o que lle pasa a Fernández, quen recorda aqueles tempos como neno.
Fernández non ocultou nunca a súa vocación de novelista popular, de encontrar como poida ese alfinete máxico das vendas no palleiro das letras galegas. Coido que esa intención é a que conduce esta novela, a que a pexa tanto que a fai ineficaz. Quen viviu nunha vila galega da década do 1960 quizais se reencontre coas súas lembranzas e sorría. Ou talvez recorde que aqueles eran tempos de moito aburrimento, de páxinas e páxinas que pasan sen sentido, con diálogos imposibles ou banais. Eis unha das virtudes da novela: mimetizar o texto coa época que representa, a aburrida-aburrida de veras Galicia vilega do 1960.
♦ O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, Galaxia, 2014. 196 páxinas. ♠16€