‘O Evento’ vs ‘A candidatura’
Xornada 1. David Botana fronte a Marcos López Concepción.
O Evento
David Botana.
Os paxaros chiaron ao unísono. Eran moitos: gaivotas sobre todo, pombas, patos, gansos, algúns creron ver até carolos e só unha testemuña falou dun papagaio. Ninguén reparara até ese intre na gran cantidade de aves que ateigaban o río. Despois da brutal chamada comezaron a voar nun sepulcral e estarrecedor silencio. Ían sincronizados nunha xigantesca bandada de cores cinsentas, coma estorniños a migrar, mais non había ningún destes pequenos artistas dirixindo o aquelarre. As formas que adoptaban tampouco eran as usuais. Na súa estilizada danza deliñaban xeometrías limpas e precisas: elipses cruzadas, volutas, espirais, fractais pulsantes… A medida que se mudaban sutilmente os ciclos xeométricos nos que estaban inmersas as afanosas aves, íase definindo no ar un núcleo esférico e translúcido de ás veloces. Nun marabilloso intre, o ceo da cidade quedou coroado por unha estática e perfecta bóla xigante de peteiros e plumaxes a virar. Logo foise cerrando, facéndose máis pequena e densa. Chegou a ser tan anana que resultaba difícil imaxinar como podían voar así de pegadas e a tal velocidade, inda así, o núcleo non deixaba de contraerse. Todo rematou como comezou, un estarrecedor chío foi seguido dunha explosión de plumas e aves saíndo en todas as direccións. Non se volveu ver nunca máis un paxaro nesa cidade.
Este acontecemento cambiou dalgunha maneira o mundo a través da xente que, por puro azar, foi testemuña del. Hans Glover achou similitudes entre a estraña danza das aves e certos patróns dos electróns nos orbitais atómicos máis exóticos, as súas investigacións abriron interesantes vías no estudo do estado cuántico da materia. O pastor Scheptz plasmou a súa recuperada fe n’O paxaro pintor, un fermoso libro de poesía que lle mostrou un camiño tranquilo a seguir a moitas almas descarreiradas. Así naceron “Os vectores”, unha nova relixión asentada na mística e na xeometría. O biólogo Sebastian Rae deseñou unha elaborada teoría apoiada nos campos magnéticos que vinculaba as migracións dos peixes coas das aves. Acusado polos seus pares de deixarse levar pola espiritualidade e de afastarse dos rigorosos camiños do pensamento científico, as súas hipóteses foron aclamadas por varios grupos new age. Aleph Salt, de profesión reloxeiro, traballou nunha nova vía para achegarse aos números irracionais significativos que, segundo el, supoñían a esencia central da matemática do Evento. Os seus estudos confluíron coma un torrente na teoría do caos, logo do cal toleou e tivo que ser internado. Un cativo Gregor Spitz quedou tan marcado polo que viu que adicou toda a súa vida, esforzo e intelixencia a desentrañar o enigma tras os paxaros. Apoiándose en todo o coñecemento humano ao seu alcance, conseguiu elevar os escritos de Glover, Scheptz, Rae e Salt á categoría de leis. A ciencia deu un salto exponencial e, inda así, nunca atopou a solución ao misterio. Tardou oitenta anos en decatarse do insignificante que é a mente humana ante a grandeza e complexidade do real. Ese día foi ver o mar, as gaivotas e as estrelas. Logo nadou cara ao horizonte.
……………………………………………………………
A candidatura
Marcos López Concepción.
–O importante na política é pasalo ben, se o pasas ben xa está media cousa feita –dixo o director xeral–. Mirádeme a min. Non hai bodega que non mande invitacións a Santiago porque saben que bebo con alegría. Para as eleccións, nesta cidade, iso é imprescindible… temos que apostar por un perfil máis popular.
–A ver… –Sagrario cruzou as pernas–, eu penso igual, eh? O partido o que precisa aquí é xente que actúe con naturalidade. Mira o último que se presentou, non cheiraba a pouco ventilado?
–Tanto… –O director xeral secundou a opinión de Sagrario. Abaneou os xeos do vermú–. Necesitamos un candidato que se abaixe á altura dos cidadáns, que entre nos supermercados.
–Alguén pouco intelectual.
–Ou que sexa muller –O director xeral apuntou co índice da man que sostiña o vaso–. Ti, Sagrario, serías unha boa fichaxe. Que si. Non negues coa cabeza. Xa cho propuxemos e non hai tu tía. Que dis, Laranxeira? Non ves a túa muller na política?
Paco Laranxeira, desde o seu butacón da terraza do Liceo, semellaba mirar distraído para as gaivotas da charca de Almirante Sanjurjo. Centrouse no que dicía o director xeral e sorriu amosando uns dentes perfectos.
–Os políticos deberían saber facer isto diante das cámaras –chimpou co dedo polgar unha oliva e papouna polo aire coa boca aberta. O director sinalou de novo co índice e chiscou un ollo. Sagrario fixo un xesto de sorpresa esaxerada.
–Non ves? Creo que o meu marido sería un bo político. Eu son moi seria. Pero el ten os valores do partido e é fillo duns panadeiros. E logo xa ves: é simpático.
–Grazas, cariño –Laranxeira tocou a perna da súa muller coa punta dos dedos–. A verdade é que non me importaría probar, son un corredor de fondo, se fai falta empezaría por abaixo.
– Mmm –o director xeral pensou en comentalo no próximo comité provincial–. Se falades en serio pódese estudar. Os pais de Sagrarito son dos nosos de toda a vida e se ti tes vocación…
–Máis que vocación hai que ter ideas con gancho –Paco deixou a carabuña da oliva nun pratiño e deulle tamén un grolo ao seu aperitivo–. Darlle servizos á xente. Por exemplo, un dicir, esas vellas que sachan nas parroquias, non se merecen que lles poñamos un par de negros sen traballo a que lles boten as patacas?
As gaivotas da charca interromperon na conversa dando chíos. Unha delas, en pleno voo, zarrapicou un chafariz na mesa e na cabeza de Paco Laranxeira.
–Vaia merda! Non te preocupes. Din que é bo como loción capilar –chanceou Sagrario mirando para si mesma por se lle tocara algo no reparto.
Laranxeira meteu os dedos no seu abundante pelo negro, remexeu e calcou polos lados até que lle quedou un peiteado de fixador. O director tivo que musgar os ollos porque unha auréola dourada, que crecía en intensidade, coroaba a cachola de Paco.
O Evento
é un relato complexo. estas 500 palabras parecen 2000. està ben o uso dos adxectivos para meter ambiente, inda que nalguns casos se da algunha combinacion mellorable (brutal/sepulcral). tamen da algun bandazo o tono. vai desde o ominoso a cousas como “eses pequenos artistas” e algo de humor “dirixindo o aquelarre”, a mencion do papagaio. por veces parece que o narrador pasou medo (esa é a boa) e outras que está contando unha anecdota divertida. pasa algo similar co enfoque. empezo a ler e semella que é algo contado en “pasado-presente”, é dicir, ben, o normal, asi podes transmitir o medo que sentiches, p.e. pasa asi coa primera frase. pero tamen ten enfoque de “pasado-pasado” (a mencion do papagaio, que é algo que se sabe a posteriori, ou dicir que non se volveu ver un paxaro na cidade.
non sei se me explico. non é exactamente o mesmo narrar un pasado que que unha personaxe conte algo que lle aconteceu no pasado. e non me dou situado, estou ante un narrador ou ante unha personaxe que conta o qe sabe? parece o segundo, pero dubidalo é como camiñar cunha area no zapato.
a descripcion do evento impresiona, está moi ben narrado como exercicio. so me faltou conectalo a algo: a un “eu”. onde estaba ese narrador? que sentiu el? penso que é unha personaxe porque di cousas como “resultaba dificil imaxinar”. tamen está claro que esa cidade non era a sua. enton supoño que non o viu en directo. foi por youtube?
“Este acontecemento cambiou dalgunha maneira o mundo a través da xente que, por puro azar, foi testemuña del.”
penso que sobra o de “dalguna maneira” e o “por puro azar”.
“Sebastian Rae deseñou unha elaborada teoría”
quitaria o de “elaborada”
a segunda parte do relato tamen é interesante de ler. o unico que non me gustou foi o final. é un frase un pouco topica, poderia ser o final de calquera dos 8 relatos da xornada. era mellor que lle cagase unha gaivota na cabeza.
A candidatura
o dialogo é axil e simpatico. laranxeira polo laranxa de ciudadanos? tamen parece adrede a mencion dun paco, un sanjurjo e unhas gaivotas na mesma frase.
o do negro botando as patacas non o pillo. é simplmente un comentario absurdo? éo tamen para os ointes intrarrelato? non o teño claro. faiseme irreferenciado. se inda fose “darlle tarifa plana en telepizza ós sanitarios”, enton si que teria referencia, independentemente de que a alguen lle fixera graza. o das gaivotas tena, o laranxeira para min tena. que o director sinale a sagrario dp de dicir ela de poñer alguen pouco intelectual, tamen.
non sei se entendin ben o final. o da aureola descolocame algo, supoño que é unha chiscadela do narrador no plan de: este é o elexido pola gaivota. O relato esconde as siglas, coma feijoo, pero sabese de quen está a falar. as referencias son as encargadas de encher esa parte.
Non teño nada claro o voto. o evento vexoo mais mellorable pero impactoume mais tamen. do segundo destacaria o ton e un par de frases, o final non me fixo click e o relato necesitabao. que non funcione o final do evento non lle afecta tanto. quitando esa frase ultima o relato xa mellora sen engadir outra.
voto polo “evento”.
Boas!!
O evento
A pesares de estar moi ben escrito, da a sensación de dous textos completamente distintos, o primeiro parrafo, que me encantou, é fantasía pura, cunha imaxe moi potente, e descrito dun modo magnifico. Sen embargo, o segundo parece un texto sacado dun libro de historia ou dunha enciclopedia. De feito, o párrafo podería comezar en “Un cativo Gregor Spitz…”, quitando todo o anterior, co cal, aparte de resultar menos apabullante coa cantidade de datos aportados, quedaría un bó homenaxe ó mestre Lovecraft
A candidatura
Un relato dinámico, cuns diálogos dinámicos e simpáticos. En poucas palabras, o autor define a maneira de facer política e a forma que teñen de pensar e ver á poboación dende certo sector da nosa sociedade. Imposible dicir máis con menos.
Foi unha decisión dificil, pero creo que O Evento, a pesar de contar cunha imaxe moi potente de inicio, ve lastrada a continuidade da historia polo inicio dese segundo parrafo. A candidatura, pola contra, e a pesares de ser un relato moito máis simple, leva mellor esa continuidade de principio a fin.
O meu voto vai para A candidatura
Nesta ocasión temos tamén dous relatos radicalmente distintos.
‘O evento’ é a historia dun feito extraordinario e misterioso e as súas consecuencias na sociedade humana, enténdoo como un reflexo do pequenos que somos en realidade. Este baño de humildade conta cunha imaxe poderosa, pero para o meu gusto non funciona de todo. Na primera parte sóbranme algúns adxectivos que recargan a narración sen aportar demasiado; na segunda, fáltame un punto de apoio, unha referencia entre tantas personaxes que menciona.
‘A candidatura’ é un bo realto humorístico, cargado de referencias que me fixeron sorrir durante prácticamente toda a lectura. Din que a comedia é a traxedia vista dende o lonxe, e penso que aquí todos podemos recoñecer á nosa clase política no seu “esplendor”. Créase unha complicidade autor-lector moi destacable. A parte dos negros coido que é unha crítica á precariedade, tan fomentada por certos partidos. O punto escatolóxico tamén funciona, pois é outro xeito de describir a estes personaxes e o entorno no que se moven.
O meu voto vai para ‘A candidatura’, penso que arriscou máis ao presentar unha crítica provocadora, e apostando por un rexistro humorístico moi achegado ao lector.
De “O Evento” gustoume o primeiro parágrafo. Lino entre fascinada e atemorizada, algo así como cando miras unha tormenta. Creo que o relato perfectamente podía acabar nesa especie de big bang avícola. A segunda parte éme interesante pola forma en que o autor vai fiando unhas frases coas outras, uns estudios con outros. Sen embargo faltoume unha persoaxe principal. Splitz, que nada ata o horizonte para cerrar o relato? Non consigo empatizar con él: outro máis dos estudiosos, unha terceira parte do segundo parágrafo… non da tempo a que teña peso no relato, aínda que se nos fale del desde cativo ata a sua morte. Despois dunha primeira parte potente o relato desínflaseme.
“A candidatura” é como unha tráxica comedia. Mostra unha escena que se me fai tristemente realista. A petulancia e a soberbia dos personaxes asquean tanto como a cagada da gaivota. Sinxelo, sen demasiadas voltas, e con bó final.
O meu voto é para “A candidatura”.
Dous grandes relatos para esta imaxe á que lle teño cariño, e agora máis.
“O evento” Son dúas partes moi diferenciadas e para min perfectamente enlazadas. Pregúntome porque eses nomes e non outros, galegos quizais. Pregunto, non sei, chocoume. Ten momentos barrocos, excesivos como ver a migracións das aves, non hai explicación, fascínate e iso é o que me fai sentir a primeira parte. A segunda é un intento de racionalizar, máis real, cun estilo narrativo diferente. Como sinala Lois hai momentos nos que tenta certo humor pero nin acaba de saír ben nin lle acae ao texto. Lendo o relato non paraba de pensar na novela/seríe The leftovers, non sei se foi premeditado ou saiu así. Para min o final e un The awakening en toda regla, perfecto, para un mundo sen explicacións posibles mellor botarse ao mar.
“A candidatura” é o outro lado do absurdo. Gústame a crítica aberta, o peche humorístico e o ben recreada que está a escea a través do diálogos pero sinto que lle falta algo de forza, máis caricatura quizais. O dos negros tampouco o entendín moi ben e descolocoume ao igual que o da oliva, que parece ter un peso que non lle acabo de ver. Os politicos coma monos de circo? pode ser.
Voto por “O evento” posto que é un estilo e unha temática que me presta máis.
Penso que de aquí saíu o mellor duelo da xornada. Son dous relatos con estilos totalmente opostos que mostran o mellor de cada casa.
O evento é un texto traballadísimo. É un exercicio de descrición con moitísimo nivel. O primeiro paragrafo é xenial. Non penso que sufra moito no cambio de paragrafo e a frase do final encáixame ben, na simpleza do final, fronte a complexidade de todo o exposición ao que poñen fin as novas leis.
A candidatura brilla no ton cómico e simple que penso que se logra tras tantas horas de darlle aos miolos. As referencias encaixan á perfección e aporta á escena o ton fundamental. Unha linguaxe que poida fluír así non debe ser nada doada de conseguir así que parabéns ao autor.
Penso que dous exercicios de estilo tan ben feitos fai decantar ao lector polo seu formato favorito. O meu voto vai para O evento.
O Evento: fíxoseme un pouquiño denso. Con dúas partes, inda que relacionadas, demasiado diferenciadas. Eu personalmente, disfrutaría máis dun relato así se a mensaxe de cada unha das partes estivese máis encaixada unha na outra. A verdade é que non atopei a información sobre as aves que se relata na segunda parte coas distintas autorías, pero despois cheguei á conclusión, de que sexa inventado ou non, está interesante de ler, e a riqueza da linguaxe é indiscutible.
A Candidatura: un relato que prometía moito ó principio, con partes moi ácedas (e non o digo pola Laranxeira) e cun ton humorístico intelixente. Pero despois fóiseme como quedando un pouco un insípido. Con todo, ten unha linguaxe máis fluida que a do seu rival e resulta máis efectivo á hora de enganchar ó lector.
Cústame decidir. Recoñezo que non me encantaron ningún dos dous, pero quizáis lle vexa un pouquiño máis de peso literario a O Evento, así que voto por este.
Vou votar polo evento. O ton que emprega resúltame máis evocador e chamativo. Os dous relatos teñen un enorme mérito, mais quédome con ese.
Boas noites.
O meu voto vai para A candidatura.
Como xa comentaron anteriormente, ambos os relatos son moi bos nos seus estilos.
O evento deume alarde Borgiano de espazos liminales e casualidades cósmicas que todos sabemos é un trabajazo. É moi visual aínda que un pouco denso. Entendo que determinados adxectivos axústanse máis ao estilo que ao contexto e por iso tampouco creo que sobren. Un resúmen quitaríalle o toque.
A candidatura é un sopro de aire fresco despois de tanta intensidade e tanto arremolinamento. Paréceme que tomou a imaxe dunha forma moi orixinal e que os diálogos son inmellorables.