BiosBardia

O país dos libros en galego

O FBI contra ‘Espartaco’

BREVÍSIMA HISTORIA DOS LIBROS REXEITADOS.

livro-espartaco-de-howard-fast-14733-MLB20089296733_052014-FA historia dos libros censurados ou rexeitados por unha editorial, en base só á discrepancia con algunha das opinións do autor, é por suposto moi longa. Pero as consecuencias non sempre son negativas. Hai libros que chegan a acadar maior difusión grazas a ese rexeitamento inicial. Podería chegar a ser o caso de Gregorio Morán que acaba de ver anulado o contrato que tiña con Planeta para publicar El cura y los mandarines e que agora editará Akal. Ofrecemos aquí un breve repaso a algúns destes desencontros entre autores e editores.

Manuel Veiga Taboada.

Nos anos corenta, Howard Fast estivo no cárcere. O seu delito fora negarse a entregarlle ao Comité de Actividades Antiamericanas a lista dos membros dunha organización dedicada a axudar os exiliados españois. O medo conseguiu que case ninguén se solidarizase con el ou puxese de manifesto a súa desconformidade co encarceramento.

Pero Fast non permaneceu quieto, aproveitou o seu tempo en prisión para escribir unha novela que titulou Espartaco. Ao saír do cárcere, presentoulla ao seu editor, que lle dixo que si enseguida á idea de levar aquela obra á imprenta. Non embargante, tan pronto J. Edgar Hoover, o director do FBI, soubo do proxecto, ameazounos os dous e o libro non puido ver a luz. Sete editoriais máis rexeitaron sucesivamente o orixinal. Fast viuse obrigado a editar a obra pola súa conta, grazas á axuda de varios amigos. Para a súa sorpresa, o libro logrou bastante éxito. Anos despois, cando o clima de intimidación xa se disipara, Espartaco acadou unhas vendas moi elevadas e a tradución a 56 idiomas. Kirk Douglas conseguiu ademais que a obra fose levada ao cine, dirixida por Stanley Kubrick, onde obtivo tamén unha grande acollida.

Un caso máis próximo sería o de Pedro Martínez Montávez, pero cun final menos feliz. Montávez, arabista nacido en Jaén, é o autor, entre outras moitas obras, da colectánea de artigos titulada: Pensando na historia dos árabes. Dono dunha prosa agradábel e dun estilo de argumentación cabal e documentado, conta, na introdución, que lle levou o texto a un editor amigo, director dunha institución pública dedicada precisamente a fomentar as relacións hispano-árabes. Pero o que recibiu foi, segundo as súas palabras, “desafecto” e “incomprensión”. O libro foille rexeitado. A pesar de tratarse dun dos textos máis brillantes sobre esta materia escritos en España, tivo que ver a luz de forma modesta, nunha edición case persoal que apenas chegou ao público.

O desafecto das autoridades resultoulle, non obstante, proveitoso ao escritor exipcio Alaa Al-Aswany. A súa colección de relatos Desexo de ser exipcio foi condenada pola Organización do Libro do seu país. Ao igual que Fast, Al-Aswany viuse obrigado a editalo por conta propia e cunha tirada moi curta, apenas trescentos exemplares, que, non obstante, permitiu que o libro fose coñecido e estimado polos críticos. Grazas a iso, algúns dos editores europeos máis importantes se preocuparon polos relatos e na súa edición fixeron constar os agravios recibidos pola obra en Exipto, a modo de eficaz reclamo publicitario.

O caso de Peter Handke, un autor que nalgún momento estivo proposto para o Nobel, resulta tamén coñecido. Despois de negarse a aceptar o punto de vista oficial sobre a ex Iugoslavia, comezou a ter dificultades para editar as súas obras. A pesar do seu anterior prestixio, chegou a ver rexeitado o seu libro Preguntando entre lágrimas por todas as editoriais españolas. Finalmente viu a luz en Alento, unha pequena editorial de curta vida.

Algo parecido lle sucedeu a Eduard Limonov. O autor ruso comezou a ser traducido con éxito, pero ser crítico con Boris Eltsin e Mikhail Gorbachov e apoiar os serbios afastouno das librarías. Agora a nova xeración de escritores da antiga URSS inspírase nel. Sen nostalxias do pasado, cren que o século XX ruso foi o dunha grande utopía que ocupou a vida de millóns de persoas. Esta nova xeración de autores cre tamén que Europa valora a Rusia como un país parecido aos de África, coa diferenza de que nun lugar vai frío e no outro calor.

Joyce obsceno

Pero, por suposto, entre as historias máis coñecidas de censura, encóntranse as padecidas por D.H. Lawrence, autor de O amante de Lady Chaterley, novela publicada en Italia en 1928 pero prohibida en Inglaterra e nos Estados Unidos até que, en 1959, un tribunal norteamericano anulou a acusación de obscenidade que pesaba sobre ela, ou por James Joyce, cuxo Ulises sufriu un proceso semellante.

Se á obra de Lawrence pode recoñecérselle aínda hoxe o seu erotismo, aínda que cos criterios actuais deba ser considerado un erotismo case inocente, poucas persoas entenden na actualidade que o Ulises fose perseguido baixo a acusación de ser un texto obsceno.

2 thoughts on “O FBI contra ‘Espartaco’

  1. Interesante artigo. Cumpría escribir un análogo sobre libros prohibidos, censurados ou ninguneados pero na literatura galega. Para abrir boca, podíase comezar polos avatares editoriais d’A perspectiva desde a porta, de Patricia A. Janeiro.

    Saúdos

  2. Creo que “A perspectiva desde a porta” é un libro interesante e diferente. E espero que Patricia Janeiro non se desanime e continúe escribindo. Iso é o que importa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *