BiosBardia

O país dos libros en galego

O galego literario: unha ucronía

Pluma e papel. TEKKE/FLICKR.

Xesús González Gómez.

Hai unhas semanas, nesta mesma web, Manuel Veiga «publicou» un pequeno, polo tamaño, artigo titulado «A literatura galega e o grande estilo». Non vou entrar nin no tema de fondo do artigo nin en polémica ou debate co meu amigo Manolo (e subliño o de amigo para que ninguén se chame a engano, xa que semella que entre os amigos nunca se debate nin se polemiza, ben que estes apuntamentos máis que polemizar ou debater queren ser unha pequena «engádega» ás reflexións de Veiga).

Un, eu, é amante da ucronías, que lle imos facer. Do meu dietario do 2010 tiro estes apuntamentos, ucrónicos. Apuntamentos que se ben é certo non enchen ningún baleiro, penso que continúan as reflexións de Manuel Veiga. E continúan esas reflexións, porque o grande estilo non é cuestión de individualidades senón de colectividades ou «comunidades», ou se se prefire: de tradición. Como observaba T. S. Eliot (“A tradición e o talento individual”, in Los poetas metafísicos y otros ensayos sobre Teatro y Religión I, Buenos Aires, Emecé Editores,1944, pp. 11-23, todas as obras literarias acaban sendo creadas en compañía, a partir do xa creado: citándoo, imitándoo, traducíndoo, plaxiándoo, parodiándoo, distorsionándoo, negándoo, etc. O autor nunca está só, unha creación en rigor é sempre unha re-creación, etc., e non continuamos, porque este camiño porque o percorrido tería que ser moi longo e hoxe só queremos dar un apuntamento, ou unha “carallada”, se traducísemos a “collonada” de Josep Pla ao galego “enxebre”.

Son dos que aínda pensan, e xulgo que a reflexión de Veiga, no fondo, me entrega a razón, que a riqueza léxica non ten nada a ver coa creación lingüística ou literaria (ou que toda poesía é poesía da experiencia… lingüística do poeta, etc.) Polo que respecta ao léxico, ¿non é certo que o léxico rosaliano (de Rosalía de Castro) é moi pobre, case probrísimo, poderiamos afirmar, mentres que a súa creación lingüística non foi aínda superada, e coido que tardará anos en selo, polo/as poetas e literato/as galego/as aparecido/as despois dela?

Podía, en apoio da miña «hipótese» achegar probas a partir de escritore/as galega/as actuais ou pasado/as. Aínda que nunca me importou, sei que é «feo» sinalar co dedo, sobre todo se os sinalados son contemporáneos nosos, así que vaiamos a exemplos «históricos» en diversas literaturas. Euxenio Montes deu pouca obra en galego, non obstante a pesar da súa pobreza léxica no noso idioma, resulta que a súa obra galega, a súa obra literaria, é superior á súa obra literaria en castelán, idioma que (no léxico) dominaba moito máis. O mesmo, case, podiamos afirmar de Eduardo Blanco Amor. Jacinto Miqueralena, Pedro Mourlane Michelena, Gabriel Miró e toda unha restra de nomes, dominaban moito máis e mellor o idioma español ou castelán que, por exemplo, Max Aub por non falarmos de Pío Baroja: cando se fala de literatura non hai «color», a favor destes dous últimos, claro. Agustí Esclasans dominaba moito máis o catalán, en principio e, segundo Carles Riba, que Josep Pla ou Josep Maria de Sagarra: literariamente falando, un pódese preguntar quen carallo era o tal Agustí Esclasans. O francés de Patrick Modiano é moito máis pobre que o francés, por exemplo, de André Maurois como o de Ionesco é máis rico que o de Samuel Beckett, no que respecta a léxico e mesmo solucións ou resolucións gramaticais: cando se fala de literatura, outra vez non hai «color», a favor de Modiano e Beckett, evidentemente. Na nosa literatura, estou seguro de que a maioría dos escritores actuais coñecen (por estudo) máis o galego que case que todos os nosos «clásicos»: e que? Así poderiamos ir navegando por cada unha das literaturas de Occidente e, supoño, que de Oriente. É dicir, ou quero dicir, que a riqueza léxica non ten nada que ver coa creación lingüística, e este é un dos factores que, infelizmente, esqueceron, e aínda esquecen, demasiados «literato/as» ou escritore/as galego/as, aínda que talvez se debería afirmar que as escritoras foxen con máis «facilidade» da trampa léxica. Mais vaiamos á «ucronía», ás páxinas do meu «dietario» do 2010.

19 de xullo de 2010

Pequenos apuntamentos ucrónicos sobre o estilo dos escritores a partir dunhas páxinas de Respiración Artificial, Buenos Aires, Seix Barral. Col. Biblioteca Breve, 1994, de Ricardo Piglia.

Nas páxinas 131-138 desta novela, o seu autor, Ricardo Piglia, fai unha síntese (sic) da literatura arxentina desde o inicio desta até a actualidade (anos 1980, cando se publica por primeira vez a novela). Borges, afirma, é o final do XIX e Roberto Arlt o inicio da modernidade, do século XX. Esta afirmación fíxoa Piglia en diversos ensaios e en declaracións «xornalísticas». Mais non nos interesa agora o tema da «historización» da literatura arxentina, senón o que di Piglia sobre a lingua e o estilo de Roberto Arlt, na páxina 134 desta novela. Un dos personaxes da novela afirma: «El estilo de Arlt es una masa en ebullición, una superficie contradictoria, donde no hay copia del habla, transcripción cruda de lo oral. Arlt entonces trabaja esa lengua atomizada, percibe que la lengua nacional no es unívoca, que son las clases dominantes las que imponen, desde la escuela, el manejo de la lengua como el manejo corriente; percibe que la lengua nacional es un conglomerado.»

Imaxinemos –a imaxinación humana, contra o que din algúns, non ten límites, sobre todo cando se trata de asneiras– por un momento que en 1981 o BNG gañase, por maioría absoluta (corenta contra trinta e cinco) as eleccións autonómicas. Triunfo que irían repetindo ano tras anos até o 2005, ano que en que sendo aínda a primeira forza, perde a maioría absoluta e pacta co PSOE, este en franca minoría. Durante os anos que van de 1981 a ese fatídico, para o BNG, 2005, este grupo político, xa ben trabado, conseguiu o que non se conseguira en dous séculos e medio de historia: crear unha burguesía galega, que semella que é a súa ambición, ou que o foi, durante os seus anos de bipartito. Tamén conseguiu unha normalización do idioma en termos que nunca se soñara. As enquisas do 2004 daban o seguinte resultado: coñecemento do galego, 99%; lectura e escrita do galego, 89%; uso na casa 90%, uso cos amigos, 93%, etc. É dicir, o idioma estaba normalizado e normativizado sen protestas, ao non ser os insidiosos de sempre, que deben existir. A normativización do idioma levouna a cabo o ínclito ILG. É dicir, o idioma galego que se falaba e escribía, segundo as proclamas destes señores, en 1980. En realidade: un castelán mal «chapurreado» con léxico galego, ás veces, polo medio. Non; quitemos isto. O idioma normativizado é o que proclamaba naqueles tempos a AS-PG, que era algo así como un pacto a mínimos entre portugués, cousas do ILG e idioma «popular», con incongruencias evidentes e fallos lingüísticos que saltaban aos ollos, a primeira vista. Ou, se se quere, o máis fácil, o reintegracionismo funcionou e é así como se normativizou o galego en todas as áreas.

Se o galego normativizado fose o que proclamaban daquela os reintegracionistas, a cousa estaba clara: estabamos a usar o idioma imposto polas clases dominantes portuguesas durante séculos e traspasado ou transvasado a Galicia coas variantes impostas pola clase dominante galega –a ucronía de que esta fose e estivese galeguizada, lembramos[1]–, desde a escola até o DOG, pasando pola televisión, e todos os medios de comunicación habidos e por haber. Daquela, cales serían os escritores canónicos, os estilistas do galego? Carvalho Calero ou Vitorino Nemésio, ai? Cunqueiro representaría o estilo perverso, alquímico, marxinal, que representa Arlt na literatura arxentina, ou Céline na francesa –aínda que esta ten diversos representantes, polo auxe da súa literatura «nacional-popular», por tomarmos emprestado o termo al signori Gramsci? Ou o representante dese estilo perverso, alquímico, marxinal, sería Blanco Amor?

Se a normativa fose a da AS-PG, quen serían os canónicos: Lois Diéguez; Paco Rodríguez, Manuel María; con sorte, Blanco Amor? E o –ou os– escritores que representarían o estilo alquímico, etc.: Cunqueiro, outra vez. Ou o propio Blanco Amor, por que non Xoán Manuel Casado ou Luís G. Tosar, preghunto?

Se a normativa fose a do ILG, os canónicos, os que o son hoxe: Ferrín, Casares, e algúns outros (sobre todo os nacidos ao abeiro de tal institución). Cunqueiro sería o representante do estilo alquímico etc., con Blanco Amor e uns cantos máis.

E Otero?, podémonos preguntar. Otero, sexa cal for o estilo «canónico» sempre será alquímico. Porque resulta que Otero, tan católico el, non tiña vocación de cóengo.

Mais todo isto é unha ucronía, porque na literatura galega non existe ningún escritor de estilo alquímico, perverso, transgresor. Non; non existen estes escritores, non poden existir porque a lingua galega nunca foi conformada pola clase dominante e así, fóra dos casos en que os escritores queren ser «estilistas» da lingua –caso Darío Xohán Cabana e outros–, o estilo de todos os escritores galegos, fóra a calidade, adoita ser pseudo-canónico, aínda que semelle que non o é. Para que hoxe existise, se dese, un escritor con ese estilo alquímico, perverso, transgresor, etc., necesitaríase que ese escritor considerase, como Arlt, a lingua como un conglomerado e non como un palimpsesto das diferentes gramáticas. Mais, finalmente, cando o seu texto chegase ao corrector lingüístico, a súa novela, os seus relatos, a súa peza teatral, o que escribise, cambiaría e converteríase nunha obra que procura ese estilo unívoco ao que nos afixeron os correctores e as diversas institucións ou agrupacións que vixían a lingua duns e outros armados cunha gramática para emparedar a fala, coma afirmaba Manoel-Antonio, «n-un feixe de regras como quen garda un mito en sete huchas concéntricas» . Así están as cousas.

Finalmente, están aqueles que amorean as palabras segundo lle soan, sen saber o seu significado, e alguén pode pensar que están a usar dun estilo perverso, alquímico, etc. Simplemente, non teñen nin sentido do estilo nin sentido da lingua E isto acontece moito na literatura galega: buscar o son esquecendo o sentido e o resultado son textos «belidos» que non son nada ou «mucho menos que nada», como cantaba Cuco Sánchez.

Neira Vilas puido ser un representante dese estilo que non temos na nosa literatura: matouno a ideoloxía, a «idea», e así a literatura, por arte de birli-birloque, desapareceu maiormente dos seus escritos.

Podía continuar cos exemplos, mais todo isto resultaría ao final non ucrónico, senón aburrido, só apto para somnámbulos.

Pero repito, todo isto é unha ucronía.

[1] Por outra parte, cabe lembrarmos que as clases dominantes nunca son «nacionais», tal como o entende unha suposta esquerda que se alcuma nacionalista. As clases dominantes, aquí, Galicia, e en toda a parte e lugar, e en todo momento da historia, sempre cumpriron, e moi ben, o seu papel: gañar o que lles interesaba: é dicir, a guerra de clases.

4 thoughts on “O galego literario: unha ucronía

    1. Eu penso que exemplos hai de obras escritas con vontade de resultaren canónicas; logo que o sexan ou non xa depende. Cando lin “Réquiem por un campesino español”, o que máis me impresionou foi o xeito en que rezumaba canonicidade. É como se Sender se propuxese riscar todas as casiñas da canonicidade, e ademais o fai ben. Mesmo o cambio de título desde o inicial “Mosén Millán” viría confirmar esa vontade canónica desde o título. Non me parece tampouco un demérito de por si escribir coa vontade de ser canónico, aínda que cando o intentas e non sae ben nótase bastante.

      Por certo que de acordo co comentario sobre Max Aub, pero coido que empezou querendo ser un deses autores de léxico exuberante e logo felizmente se decatou de que non era este o camiño. Nos dous primeiros parágrafos de “Campo abierto”, a primeira novela do Labirinto Máxico, conto as seguintes palabras que tiven que mirar no diccionario: jaharradas, jabelgue, calofrío, alcor, derrengaduras, adargando, talanqueras. As outras novelas do ciclo non caen nestes barroquismos.

      1. Para min tampouco é un demérito, nin un mérito, pero xa me parece traballo dabondo pensar que estrutura lle convén á novela, perfilar as voces das personaxes e do narrador….., como para querer axustala a un canon, que por outra parte entendo que pode ir mudando. Teño a impresión, os que carecemos de coñecementos temos iso, impresións, de que o tema do canon é un tema posteriori da creación literaria, unha necesidade máis dos académicos, dos criticos, necesitados de ordenar e sistematizar, nese intento das humanidades de equiparase á ciencia newtoniana. Pero é iso unha opinión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *