‘O gran poema’, até onde a memoria alcance e máis alá
César Lorenzo Gil.
Tino de Féliz é o “nome comunal” que usa Constantino Bértolo para a súa primeira obra poética en galego, O gran poema. Bértolo, nacido en Navia de Suarna no 1946, vive fóra de Galicia desde os nove anos, pero con este libro demostra que o seu galego segue vizoso, indomesticado, autonómo para a práctica literaria.
Podemos definir principalmente O gran poema como unha cosmogonía persoal, un relato sobre a orixe. Pero De Féliz esquiva as modas sobre o relato do íntimo, sobre o minimalismo expresivo baseado na propia experiencia ou nos detalles particulares, senón que pon en hora o seu universo propio co propio Universo.
Non en van o poema está dividido en cinco cantos e desde o primeiro verso sobresaen a épica, a mitoloxía, o eco dunha poesía feita para declamar, para estragar a voz berrando cada unha das súas estrofas con todo o pulmón. De Féliz domina á perfección o ritmo. Toma da tradición dos bardos heroicos o seu xeito de convocar a natureza e o pobo ao redor da palabra. Pero tamén é consciente do tempo no que escribe e é por iso que conviven con esa tradición dous elementos moi importantes neste “gran poema”. Por unha banda, o diálogo con outros textos. No colofón —por certo, decorado cunha preciosa cabeza heráldica de lobo—, o propio autor pronuncia unha interesante sentenza: “Polo demais no poema utilízanse versos e verbas doutras moitas voces. Aínda que agradecido a todas elas, non as nomeo por non crer na propiedade privada das palabras”. En realidade si que cita, mediante notas ao rodapé, moitas referencias a outros autores, nun xogo de espellos moi interesante que, ademais, conecta co segundo elemento: a ironía. É pura toda a épica dos versos? Esa mitoloxía do universo persoal, en moitos casos, coma se estivese argallada por un Falstaff moderno, destila humor, escepticismo, moita crítica social e algún sarcasmo. De Féliz pasa de puntas en moitas ocasións pola gran cultura e prefire abrazarse fraternalmente coa expresión popular. Mergúllase feliz no frondoso vocabulario do que ve: a paisaxe e o pobo. Nomes comúns e propios cos que edifica unha basílica barroca pola que as palabras se van facendo corpo e tomando conta da estrutura coas simples forzas mecánicas da acumulación, a asociación e a evocación.
Navia de Suarna como epicentro de todo ese universo literario gaña con este libro pasar á inmortalidade. Velaquí un seu mapa emocional e expresivo que xa nunca máis permitirá que fique indiferente. O poeta deixou en cada recanto da terra bágoas e saliva e construíu con ese barro unha especie de paraíso recobrado cheo de cicatrices e erros, mais tamén de toda a materia de vida, destinada, paradoxalmente, a desaparecer e a permanecer para sempre entre versos.
O galego literario de De Féliz/Bértolo é un reencontro. Un idioma non unicamente serve para comunicarse cos seres humanos, parece indicarnos O gran poema, senón que fundamentalmente é un código para captar a esencia de todo aquilo que foi apousando no fondo do torrente da memoria, o pensamento e a experiencia. Esa redescuberta e o seu entusiasmo brillan especialmente nunha obra coma esta, confeccionada por un poeta de máis de setenta anos que se permite a brincadeira de experimentar cun idioma que para el foi, esencialmente, fala.
En definitiva, a chegada de Tino de Féliz á literatura galega é unha boa noticia. Porque consegue entender á perfección a nosa tradición de poesía social e mitolóxica (a referencia a Xosé Luís Méndez Ferrín é explícita en varios momentos do libro) e porque amosa que a linguaxe debe ser, antes que calquera outra cousa, a materia prima coa que se constrúe a literatura.
♦ O gran poema, de Tino de Féliz. Chan da Pólvora, 2022. 65 páxinas. ♠12€