BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O home que matou a Antía Morgade’, un novo caso para o Dúo Pimpinela

Arantza Portabales.

César Lorenzo Gil.

Esta novela apareceu a un tempo en castelán (Lumen) e en galego (Galaxia), sen que en ningunha das edicións se sinale cal é a versión orixinal e cal a tradución. Aínda así, analizando a sintaxe e certos fallos na corrección, é doado concluír que a edición en galego é a versión traducida.

O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales, é o terceiro título dunha serie que se denomina oficiosamente ‘Abad e Barroso’, nomes dos dous policías santiagueses protagonistas. A pesar de todas seren novelas independentes e autoconclusivas, por todas elas percorre unha trama “privada” da que logo falaremos.

Nesta ocasión, os policías deben descubrir quen matou a Xabi, un traballador da Citroën asasinado na noite dos Fogos do Apóstolo do 2021 en Santiago, durante unha cea de reencontro de varios ex compañeiros dunha casa de acollida a finais da década do 1990 na que se suicidara a irmá dun deles, a Antía Morgade do título. Ese eco do pasado é a chave do suceso do presente. Non destripo nada. É o cerne da novela.

Portabales propón unha proposta narrativa non literaria ben redactada, coa dose axeitada de frases feitas, obviedades e pobreza léxica para non asustar ningún posible lector. Este tipo de obras sostéñense unicamente na sofisticación e enxeño do seu argumento. E é xusto aí onde O home que matou a Antía Morgade amosa máis debilidades.

Esta novela pertence ao xénero policial só en aparencia. Sería mellor definila como novela coral na que a acción avanza mediante escenas nas que os protagonistas dialogan moito. 

O narrador, teoricamente equisciente, que vai acompañando cada un dos personaxes, segundo lle interesa utiliza a omnisciencia sen dó. A maiores hai un narrador en primeira persoa (un dos protagonistas), unha decisión que se fai bastante incomprensible porque apenas cambia o enfoque do narrador en terceira, pero lastra gran parte da intriga.

Todo neste libro é pouco verosímil, un permamente deus ex machina con estética de serie policíaca de media tarde, non unha gran produción, máis ben unha desas mal iluminadas da TDT profunda.

A parte policial, algo caótica e un pouco deseñada ao chou, vese ensombrecida pola trama íntima de Abad e Barroso, cuxa relación como ex namorados ten un toque entre o Dúo Pimpinela e La isla de las tentaciones, todo bastante redundante e superficial (como exemplo, a caracterización do comisario Veiga, xefe e amante da subinspectora Barroso). Ben, en realidade ese modelo reality televisivo onde todos se encaman con todos é un dos principais fíos da novela, con flirtes, odios, obsesións e amores que aguantan décadas en brasa, todo para que ao final —mal que ben— as pezas casen.

♦ O home que matou a Antía Morgade, de Arantza Portabales. Galaxia, 2023. 456 páxinas. ♠19,90€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *