O libro ‘As cruces de pedra na Bretaña’ comentado na Bretaña
A sección ‘Reseñas Históricas’ que comezamos con este artigo pescuda nos arquivos, nas bibliotecas e nas coleccións documentais para dar a coñecer entre o público de BiosBardia comentarios sobre libros galegos clásicos en contextos foráneos.
Xesús González Gómez.
Iniciamos a sección de Reseñas Históricas coa que publicou Henri Bourde de la Rogerie na revista Annales de la Bretagne en xullo do 1931 ao redor da obra As cruces de pedra na Bretaña, de Afonso Rodríguez Castelao.
O crítico dubida da principal tese que Castelao deita no libro sobre a orixe dos cruceiros bretóns e por que se dá unha semellanza tan profunda entre as cruces de pedra galegas e as bretoas.
Eis a tradución do texto francés.
ALFONSO R. CASTELAO, As cruces de pedra na Bretaña. Sant-Iago de Compostela. Seminario de Estudios (sic) galegos… 1930, in-8º, 151 croquis. Galicia e Bretaña son os países que posúen maior número de cruces de pedra, o autor cre recoñecer entre os monumentos de Bretaña e de Galicia numerosas analoxías, mais as variantes na decoración e os accesorios da cruz son máis numerosas en Bretaña que en calquera outra parte. As nosas cruces son ordinariamente anteriores ao século XV. O Sr. Castelao, que é galego, xulga que o costume de erguer cruces foilles inspirado aos bretóns polo exemplo dos cruceiros situados ao longo dos camiños de Santiago: esta conxectura parece discutíbel, xa que Bretaña non está no camiño de Santiago e a devoción a Santiago e ao seu célebre santuario estivo pouco espallada na provincia. As observacións do Sr. Castelao son no entanto moi interesantes. Non se posuía aínda unha colección tan importante de vistas e de croquis das cruces da Baixa Bretaña.
H. R. B.
Henri Bourde de la Rougerie, arquivista de l’île-et-Vilaine, autor de diversos libros.
ANNALES DE LA BRETAGNE. Revue publiée par la Faculté des Lettres de Rennes avec la collaboration des MM. les Archivistes des cinq Départements de Bretagne. Tomo XXXIX, nº 3, xullo 1931.
A recensión sobre o libro de Castelao aparecen dentro da sección: CHRONIQUE D’HISTOIRE, DE LITTÉRATURE ET DE GÉOGRAPHIE DE LA BRETAGNE, sección Arqueoloxía, p. 442.