‘O lume dentro’
No grupo D, Erica Couto gaña automaticamente tras a retirada do torneo de Tomás González Ahola. O tema é “Lumes e fogueiras”.
O lume dentro
Era unha combinación de raso daquela cor que lle dicían cava, coma o espumoso, cun encaixe ancho recorrendo o bordo en pico que baixaba ata o peito, e unhas puntillas xeitosas, tamén de encaixe, ó longo da basta.
–Que estás a queimar aí, Rafael?
Era o tratante de bois camiño da feira.
–Nada, roupa vella que tiña Amalia nun baúl.
O tratante de bois cheirou negocio e, sen vergoña ningunha, abriu o cancelo e entrou para a eira.
–Pero non a queimes, home! Se non a queres dáma a min, que coñezo un que vai polas feiras vendendo farrapos.
Rafael encolleouse de ombros e botou enriba da roupa uns guizos e uns papeis prendidos.
–Eu fago o que diga a miña muller.
O tratante non o sabía, pero debaixo da combinación, todo enrolado, había un picardías verde claro, curto e aberto polos lados, con cadanseu lazo dun tul suave atado á altura das ancas. Rosiñas bordadas á altura do corazón, e máis encaixe e máis puntillas con rosetas e follas pespunteaban os bordes. E debaixo do picardías, medias de cor e lencería fina, un pano de seda para o pescozo con grandes mapoulas coloradas, unhas luvas brancas de encaixe. A Rafael, coma a moitos homes, este segredos gustábanlle así, con encaixes e transparencias e flores. Gustaba do tacto suave na pel, das teas baixando polo peito, percorrendo as costas, tocando o ventre, as coxas.
Coa punta do caxato o tratante remexeu no monte de roupa que estaba ós pés de Rafael, á espera de acabar no lume. Pescou unha blusa sen mangas, con estampado de lirios e un cordonciño fino que pechaba o colo deixando á vista, cando se puña no corpo, unha gota grande e xenerosa da carne do peito.
-–Ondiá, onde quedou a Amalia que puña isto no lombo, chacho?
Rafael arrepelou a peza de roupa e, collendo o tratante do brazo, levouno ata ó camiño.
–Non é cousa túa.
–Non será, home, non será, pero debeu pasar tempo. A Amalia que tes na casa é miúda coma un coello, e isto cábeme a min.
O tratante fixo un aceno de saúdo coa man cara á casa. Amalia miraba desde a fiestra da cociña.
–Agora que tes compañía, déixote. Pero –refungou– para a próxima, avisa, home, que eu tamén lle sabería dar uso. Xa me entendes.
Amalia, envolta nun vello gabán de Rafael, encolleita e fría, xa estaba baixando o patín. Camiñou lenta e arrastrando os pés. Arrimouse á fogueira coma buscando quentarse.
–Que fas tan cedo aquí fóra?
–Estou a queimar.
–Todo?
–Todo, si.
Amalia acariñou o brazo teso do home e deu a volta cara á casa de novo. Cando xa non quedaba nada dela, Rafael meteu a man no peto da chaqueta. Quedaba un guecho da perruca loura atado cun lazo violeta, e una floriña bordada arrancada dun viso, e, dentro del, un lume que a brugueira non podía apagar.
Erica Couto.
Moi ben creada a atmosfera e moi ben levadas as ambigüidades. Gran relato, como era aquel co que tiven que competir e contra o que, inopinadamente, me fixeron gañar. Pero que lle queres, aquí escribir, escriben todos de puta madre, pero votar, como bos galegos, non teñen nin puta idea de votar. Así que seguindo a terapia expiatoria iniciada por Botama, eu tamén confeso: tería botado polo teu.
Parabéns. Por este e mais por aquel.
Un relato ben levado, que parece que leva só unha escena sinxela pero que logra chegar moito máis aló do que calquera sinopse poderí contar del.
Dito isto, tamén admito que non estou de todo seguro do que acontece no relato. O tratante é o gancho para poder contar a historia, Rafael queima roupa íntima de muller, é roupa que poñía el (polo da referencia ó tamaño)? Se fose iso, por que a queima? Porque lla descubriu a muller e llo pedíu? Ou iso só llo dixo ó tratante? A muller leva posta roupa del, iso pode ser unha pista.
Tamén pode ser que sexa roupa dela. A escena sería menos potente pero máis entendible, pola reacción da muller despois.
En ambos casos o final funciona e aí está o mérito da ambiguidade, como dixo Pablo. Penso que un relato pode ser satisfactorio sen dar todas as respostas sempre que o autor deixe algunha porta aberta a posibles interpretacións. A diferencia entre poder sacar 2 ou 3 interpretacions dun relato e non poder sacar ningunha é moi importante. Non é o mesmo ambiguidade que descoñecemento. A sutil diferencia é o que, para min, fai bo este relato.
Eu gustei moito, moito, deste relato. Ao meu entender, Amalia está enferma de cancro (de aí a perda de peso, corpulencia e, sobre todo, o pelo que o marido garda no peto). Por iso a potencia dramática da escena final. O do tratante perdóase para poder ser o contrapunto narrativo e darlle diálogo ao relato. Se non existise, teriamos que coñecer a historia a través dos pensamentos de Rafael. Noraboa por este pequeno tesouro.
É un punto de vista interesante, pero non podo aceptar que o marido garde unha perruca artificial da súa muller, algo que trae o cancro consigo, como un recordo agradable. A perruca penso que é del, último vestixio que queda das súas fantasías.
Tamén entendín de forma distinta o da corpulencia. O tratante non se sorprende que Amalia sexa miúda agora, sorpréndese por pensar que unha vez pudiera ser tan grande de costas como para levar esa roupa.
Moi bo. Esa lectura que fai Duncan é boa, pero eu tamén creo que aquí as cousas van por outros rumbos traxicómicos. E gustoume non tanto polo que conta como polo xeito de facelo nese intre íntimo de ter que queimar tanta roupa fermosa, cando interrompe un tratante hehehe… que é todo un personaxe. “O tratante de bois cheirou negocio e, sen vergoña ningunha, abriu o cancelo e entrou”… 🙂
Moi bo, si.
Todos levamos dentro algún lume secreto, e este relato capta moi ben a esencia dese sentimento.
Unha pena…
“O lume dentro”
Vaia relatazo. Semella que os autores se senten máis cómodos liberados da presión do rival, porque vaia contendas orfas que temos… Unha gran forma de non dicir algo, tanto que incluso se poden interpretar camiños moi distintos de forma natural. Ao meu ver aí hai un cambio ciclo. Xogaban os dous cos roles, a muller cansou; nel inda perduran certos lumes. Cousa que o xenial tratante detecta e comparte. Encantoume a detallada descrición dos encaixes, confésome máis fan da puntilla e do raso que do fútbol.
Ai, “me puede la emoción”, compañeirxs. Mira que xa ten mérito porse a comentar un duelo sen duelo (pena que non teñamos a Tomás para darnos caña). Se porriba lle botades flores a este contiño meu… que máis se pode pedir? Pois iso, graciñas a todxs. E perdoade se ando retrasada cos comentarios e as votacións. Non dou feito!
Parabéns polo texto. Gustoume moito
Por tentar aportar algo máis: moi ben caracterizados os personaxes. Esa frase “Non é cousa túa” xa o di todo, pódese sentir a vergonza que sinte Rafael ao ver á luz do día os obxectos da súa “afición”. O tratante é un mero vehículo para que vexamos (os lectores) o segredo de Rafael. O que non entendín de todo é o que pasa con Amalia e por que se desfai do atrezzo. Dixo ela “ata aquí chegamos”?
De tódolos xeitos, o relato gustoume. Bo traballo, Erica.
Moi ben fiado. Diálogos precisos (case todos) e presentación de todos os elementos moi contida. Interesoume moito e quedou xenial ese concepto aberto. Chámame a atención en xeral que moitos comentadores se empeñan en daren a súa visión sobre o que pasa realmente. Con todo o cariño, sodes lectores un pouco século XIX ;P
Desde Joyce e Faulkner, a literatura deixou de importar pola precisión da súa mensaxe; a narrativa, igual que todas as artes, complétase unicamente cando o lector a decodifica, a interpreta e a remata.
Un dos tres mellores relatos da xornada. Parabéns!
Penso que só mereceriamos esa denominación se xulgásemos o relato en función do que a autora quixo dicir e non do que nós espontaneamente vimos nel. Recordo un rapaz que, á hora de valorar noutro torneo un relato que ía sobre un fotógrafo de guerra, dixo que non podería saber se lle gustara ou non ata que a autora explicase a crítica que quixera transmitir (ou mellor dito, se pretendía mostrar esa crítica ou non).
En cambio, compartir impresións sobre os relatos coma se fosen manchas de Rorschach, como aquí fixemos, aportando cada un a súa visión, creo que non menoscaba nin ó receptor, nin ó emisor nin á mensaxe, inda que non entre dentro do ámbito do debate literario. Os relatos non son adiviñas, pero a veces é un divertimento desmontalos (seguro que a autora tamén o pasou ben lendo esas hipóteses) e non sempre pode un atopar un foro coma este onde contrastar ou complementar a súa perspicacia coa de outros.
Non te piques 😛
Encantoume este relato, vin moi claros os personaxes e mesmo sentín o anaco de perruca no peto. Bravo.