BiosBardia

O país dos libros en galego

O mito dos 30 centímetros

priapo

Coas vendas de libros ou de xornais pasa coma co tamaño do anturio: cadaquén mide, multiplica e redondea á alza.

En Galicia deberiamos facer unha enquisa no gremio de escritores sobre o que eles consideran que deberían vender os seus títulos. Non sería diferente do que pensa un lector, por moito que a súa posición é privilexiada para coñecer cales son os hábitos reais de lectura.

Analicemos estas palabras:

Para entendérmonos: para unha pequena editorial a venda de 1.000 exemplares é o normal; a venda de 5.000 exemplares é un éxito comercial para unha pequena e satisfactoria para unha de tamaño grande ou medio; vender 10.000 é un luxo para calquera e vender máis de 50.000 –cifra que non alcanzan a maioría dos autores que chamamos literarios– é un milagre ou o resultado de construírse coma marca a base de premios ou marketing.

Quen as dixo? Manuel Bragado? Vítor Freixanes? Falan do mercado editorial galego. Que levante a man quen pense que si… Ou falará alguén que vende libros en Portugal… ou en Catalunya: 5 millóns de habitantes, 50.000 libros como exitazo…

Pois non. A frase é dunha entrevista da revista arxentina Crisis (de Hernán Vanoli) a Constantino Bértolo, editor de Caballo de Troya, do grupo Random House Mondadori, ao respecto do mercado en castelán.

Como ben di Bértolo noutro treito do texto, o 47% dos maiores de 14 anos non compran ningún libro e do resto, só o 8% dos que afirman compraren máis dun libro ao ano din tamén leren un por mes.

Se esas cifras as trasladásemos á sociedade galega, cantos lectores «habituais» temos? Facendo unha regra de tres básica, se un éxito editorial nun contexto de 43 millóns (descarto os mercados americanos porque máis alá da falacia do Instituto Cervantes e a prensa, cada mercado é independente e custa pular dun ao outro) se cifra en 50.000, para un mercado de tres millóns… a resposta é 5 por 3 son 15… 3.488 e pico. Non sexamos rañetas, redondeemos en 4.000 exemplares.

Escritores que vendedes iso, sodes os máis queridos. E os que venden máis (que algún larpeiro de domingo hai por aí) a gardalos porque os seus beneficios han valer para manter en pé a industria cultural, que ao paso liberal que imos, calquera día din que hai que liquidala porque «non lle interesa a ninguén».

Este texto publicouse orixinalmente en marzo do 2011.

ImaxeOfrenda a Príapo, de Claude-Michel Clodion, 1775.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *