O noso escritor en París: Manuel Rivas en ‘Le Monde’

Continuamos co repaso á recepción crítica que a obra de Manuel Rivas tivo no seu momento en Francia. Nesta entrega analizamos as recensións que publicou o prestixioso xornal Le Monde sobre as obras En salvaxe compaña, O lapis do carpinteiro e Os libros arden mal.
Xesús González Gómez.
Épica apocalíptica
17 de outubro de 1997
Manuel Rivas, En sauvage compagnie, París, Meatilié, 1997, trad. Dominique Jacottet
As almas dos mortos, en Galicia, encontran refuxio en lugares moi curiosos. E as dos vivos, as pobres, debátense sempre nun mundo demasiado estreito para elas. Mais existe outro universo, feito de recantos e de evasións prodixiosas, onde os vivos e os mortos poden ás veces relacionarse. Esta esfera particular, fermosa e rugosa, sombría e asombrosa á vez, Manuel Rivas faina xurdir nun libro de encanto inhabitual. Baixo a pluma deste escritor español de corenta anos, laureado co Gran Premio de literatura pola súa última obra, a novela convértese nunha materia volcánica e rebelde, onde a poesía fai pagar caras as regras convencionais da ficción. Escrita en galego e traducida ao español polo autor, En salvaxe compaña é unha visión épica da apocalipse.
Unha apocalipse dos humildes, nunha vila situada nalgunha parte nos arredores da Coruña. Unha fin dos tempos sen saída, que entrecruza os destinos caprichosamente impedíndolles realizarse completamente. Os seres rózanse e en verdade nunca se encontran, como se os separasen muros invisíbeis. E con razón. Porque neste mundo ao revés que imaxinou Manuel Rivas, a maior parte dos vivos están privados de coñecemento e de entendemento. Semicegos, agás en raros momentos, non saben que un pobo os espreita na sombra. Reencarnados en bichos de diferentes especies, sobre todo os máis repulsivos, os defuntos ollan afogarse os que posúen aínda unha aparencia humana.
De entrada, o escritor inverte a orde das cousas ao establecer vínculos secretos entre os animais e as xentes. Desde a primeira páxina. Unha rapaciña entra nunha igrexa “apertando contra o peito un filliño, que era un can con pencas de arlequín”. Algunhas liñas máis adiante, persigna tamén o can como se non fose dunha natureza diferente da súa. É unha nena, evidentemente, que sabe verdades que os adultos ignoran e que non tardará en esquecer. O autor lémbraos ao longo desta novela dominada pola negra figura dos “trescentos corvos de Xallas”, estes guerreiros-poetas do “último rei de Galicia”.
A carón de Rosa, a muller cansa e maltratada, de Cholo, o seu marido, e de Spiderman, o seu pretendente, toda clase de siluetas fantásticas voan, corren ou gabean: Toimil de Bergantiños, corvo e “protonotario do rei de Galicia”; Don Xil, antigo abade metamorfoseado en rato; Matacáns, un roedor que se pode finchar de ter sido “o peor furtivo de Nemancos”; e logo tamén un anarquista mudado en gato ou unha vella quiromántica transformada en toupa. Algúns humanos marxinais, vellos, mudos, mais ou menos desprezados, serven de intermediarios entre estes mundos superpostos que se comunican á marxe de calquera racionalidade. Dun capítulo a outro, Manuel Rivas dálle a palabra ao universo de abaixo ou ao de enriba procedendo cunha certa ironía. Porque soamente o mundo dos humanos está asolagado nunha atmosfera de sobrenatural e de misterio. O das almas migrantes vive un prodixio permanente da maneira máis natural posíbel.
Como por azar, os personaxes máis introspectivos, os máis inclinados a se interrogaren sobre a natureza das cousas, nunha palabra, a filosofaren, áchanse no mundo de abaixo ou a piques de alcanzalo. Neste círculo, axiña designado co termo de “parroquia”, lémbranse moito de acontecementos non sempre alegres. Un enterramento, por exemplo, as circunstancias dunha morte ou a historia da vila e mos seus habitantes. “E algunhas lembranzas péganse a nós como o lique á pedra, di Misia, a vella contacontos que se dispón a morrer. Son fragmentos de vida que non se perderon, que se alimentan do aire frío, que medran lentamente na casca do tempo”.
Por oposición coa continuidade que reina nos mortos, Manuel Rivas pinta a esfera dos vivos como un lugar áspero e convulsivo. Os defuntos poden sufrir cos seus lamentos, co frío ou coa fame que os empurra a rillar vellos xornais, mais non ignoran a súa propia sorte. Os vivos non saben nada. E a escrita convértese ás veces en explosiva, elíptica, incluso escura en certos pasos ou entrecortada por unha puntuación inesperada cando hai que describir este humanos presas da dúbida, do despeito e da desesperanza. É que a morte os envolve, tanto como a soidade e a cegueira.
A morte, precisamente, que se introduce ás agachadas nos menores meandros da existencia. O autor introduce de primeiras subrepticiamente, na representación dunha “Virxe de rostro doloroso, cuberta dun negro manto de loito”, na aparición dunha segadora no fresco dunha igrexa, despois con centos de pequenos signos cómicos ou falsamente accidentais. Axiña, non obstante, a morte convértese no personaxe principal, guiando cunha man firme o conxunto do equipo. É a dona do tempo e da Historia, a man dun Deus presentado como unha figura irritada de quen os defuntos desconfían constantemente. En diversas ocasións o novelista describe a Deus como un afastado contramestre que “sabe manter o seu lugar”, “non deixa” as súas presas e con quen a mellor maneira de se comportar é “pasar desapercibido”.
E se fixo o home á súa imaxe, semella afirmar o autor, non é sobre todo para lle enviar o sufrimento? Moi habilmente, Manuel Rivas insinuou no curso da novela signos que lembran a Paixón de Cristo. Son primeiro as cargas que hai que levar como unha cruz, os cartos, por exemplo: “O mundo debía estar dividido entre os que levan e os que non levan cartos, pensa Rosa. É nisto que se recoñece quen está abaixo: leva sempre algunha cousa”. Hai tamén unha multitude de cousas que traspasan, pinchan, esfolan ou feren. Un raio que atravesa a campa dunha igrexa, unha “Virxe co corazón un atravesado por sete espadas”, espigas de trigo que rabuñan a pel, vinte navalladas para matar un namorado demasiado tépedo. E logo, o sangue, o “sangue do sacrificio”, vertido para vencer un “pesadelo” non explicitado, a vida sen dúbida.
Todos estes elementos deitan dun texto que conxuga felizmente unha profusión de rexistros. A escrita de Manuel Rivas mergúllase nunha única lingua rica e densa de visións extremadamente poéticas, de pasos épicos ou argóticos e de salientábeis diálogos, onde as réplicas chocan como se cada individuo proseguise unha especie de monólogo. O escritor usa tamén dunhas frases que lembran as dos contos e lendas. O emprego repetido de cifras simbólicas, en particular o sete, lanza o miúdo a novela do lado do marabilloso. O conxunto non é refinado senón ferinte, cheo de espiñas tanto como de flores. Á imaxe dun mundo indomábel e violento sacudido polas convulsión da apocalipse.
Raphaëlle Rérolle
Manuel Rivas moquéase das fronteiras
20 de outubro de 2000
Manuel Rivas, Le Crayon du charpentier, París, Gallimard, 2000.
Despois do volcánico “En salvaxe compaña”, o galego cambia de ton. Na esteira do “realismo máxico” dun García Márquez, mestura historia de amor e loitas fratricidas na España franquista.
O seu territorio, alá onde se desenvolven as flores singulares da súa prosa e da súa poesía, é Galicia. Non tanto a Galicia real, aínda que esta rexión do noroeste de España lle forneza á vez o seu relevo e a súa historia, o nome dos seus lugares e dos seus heroes: a “Galicia inventada”, como el a chama, a única que lle interesa verdadeiramente. Manuel Rivas, un dos escritores máis prometedores do seu país, vive no corazón dun universo que de España só ten o nome dos mapas como outros –e entre os máis grandes Arno Schmidt, por exemplo–, os seus relatos vincúlanse sempre ao mesmo cadrado de terra sen convertelo nun escritor rexionalista. Porque é nas bisbarras máis amplas do imaxinario, nos pazos frondosos do soño e do fantástico, que se ramifican os textos deste autor de corenta e tres anos.
Coroado por diversos premios prestixiosos (entre outros o Premio da crítica, 1990, o Premio Torrente Ballester e o Premio nacional de España en 1996), Manuel Rivas é un abolicionista na alma. As fronteiras? Para que, se non é para servir de trampolín ao espírito de revolta (fronde) e á soberbia dos que pretenden ignoralas? Orixinario dunha rexión fronteiriza, porque Galicia linda con Portugal, sabe sen dúbida que estes límites son á vez moi concretos e totalmente abstractos. A proba entrégaa a lingua galega, tan próxima do portugués, da que Manuel Rivas fai a súa ferramenta para a ficción –libre de se traducir el mesmo ao castelán, como moi ben fixo coa súa segunda novela (En sauvage compagnie, Métailié, 1997). Nun fermoso artigo publicado en Le Monde Diplomatique (novembro 1999), o novelista lémbrase dos proxectos de infancia que pulverizaban, con anticipación, os perímetros estreitos. Desde a súa nenez, nun barrio situado “na extrema punta marítima da Coruña”, os pícaros aos que se lles preguntaba que quería facer de maiores respondían en coro: “Emigrar!”. Evocar as fronteiras, xa que logo, a fin de transgredilas mellor. Un dos lugares da última novela de Rivas chámase Fronteira, como para dar o ton dunha historia a cabalo sobre outra fronteira, non tan compartimentada como parece: a que separa a maxia da realidade.
Unha vez escritas estas dúas palabras, aparece forzosamente a idea dun paralelo co “realismo máxico” de Gabriel García Márquez. Falando da cultura da súa rexión, o propio Manuel Rivas subliñouno: “Poderíase, non sen ironía, suxire, desenvolver a tese segunda a cal o “realismo máxico” de Gabriel García Márquez ten a súa orixe na avoa galega do autor”. Como no novelista colombiano, as lendas, os cantos tradicionais e toda unha cultura popular alimentan o imaxinario do mozo galego. Mais ao achegarse a un realismo máxico ao estilo de Márquez, Rivas perdeu parcialmente a graza rugosa e desenfreada que enchía de luz En salvaxe compaña, esa novela sombría e mesmo tenebrosa. Algo se sosegou, ao mesmo tempo que se tranquilizaba a louca explosión de sonoridades, de personaxes e de misterios que era o grande encanto deste precedente libro. O lapis do carpinteiro non é tan sorprendente –e ás veces incómodo de ler– como En salvaxe compaña, nin tan abraiante.
Queda, evidentemente, o talento dun autor que sabe introducir a poesía non soamente nas frases, senón na súa maneira de considerar o mundo. A súa historia, enraizada no período que segue ao golpe de Estado franquista, pon en escena individuos que nada detén, ningunha fronteira, porque a súa imaxinación traballa: o suntuoso doutor Da Barca, a súa noiva a fermosa Marisa Mallo e o garda civil Herbal –o que escoita, no oco da súa orella, a voz dun pintor anarquista a quen “fixo explotar a cabeza” por encarga. “O importante é ver o que hai que ver, eis o que é importante”, explícalle o pintor a Herbal. E tal é tamén o propósito do autor, que nos dá a ver unha historia de amor e de loitas fratricidas, na que as cores xogan un papel esencial. Non soamente o branco, asociado á morte, senón tamén todos os coloridos mediante os cales o corpo humano, os sons e mesmo os sentimentos se funden no inmenso berce da natureza. Como para celebrar un potente himno ecolóxico, onde o pracer de estar no mundo predominaría sobre o odio e a mágoa.
Raphaëlle Rérolle.
Os relatos salvados das chamas
Manuel Rivas, L’Éclat dans l’abîme, París, Gallimard,
24 de outubro de 2008
Nun relato torrencial e revirado, Manuel Rivas volve darlles vida ás palabras queimadas durante o xigantesco autodafé da Coruña en agosto de 1936.
As palabras non son só palabras: son o corpo da lingua e o da literatura, a súa carne, o seu sangue, os seus ósos –a vida mesma. Nada tan simple, nada tan estarrecedor. E nada tan radical: é a partir deste principio que Manuel Rivas construíu todos os seus libros, desde En sauvage compagnie (Métailé, 1997) e Le Crayon du charpentier (Gallimard, 2000) até este impetuoso L’Éclat dans l’abîme. É grazas a el, sen dúbida, que a última novela deste galego quincuaxenario (naceu na Coruña, España, en 1957), arrastra moito máis que o interese do lector, ou mesmo a súa admiración: a súa emoción, o seu asombro, a súa admiración, o seu pracer.
É preciso non obstante facer algún esforzo para entrar neste enorme libro que navega sen cesar á beira do “demasiado”: demasiado denso, demasiado lírico, demasiado potente, demasiado sensíbel, demasiado revirado. Aceptar mergullarse nun remuíño (maëlstrom) de cadros, de personaxes reais ou ficticios, de situacións históricas e de escenas puramente inventadas. Aceptar perder o fío, logo volvelo achar. Deixarse embarcar, case en apnea, por un océano de palabras e de imaxes, de diálogos fundidos no corpo do texto, de exclamacións, de nomes propios. Agarrarse ao casco deste xigantesco navío e deixarse arrastrar, todas as velas despregadas, por parágrafos cheos a rebordar –que poderían ser tamén cancións, poemas en prosa ou partituras de ópera. Seguir, con delicia, unha escrita prodixiosamente dinámica, atravesada por vagas e mareas, sacudida por bruscos golpes de mar. Nunha palabra, padecer vertixe, cando non mareos.
E finalmente deixarse levar –como nos libros que Rivas fixo o corazón desta novela subtitulada “Memorias dun autodafé” [subtítulo engadido á tradución francesa]. A partir dun episodio histórico (a inmensa fogueira organizada polos falanxistas, militantes profranquistas, no porto da Coruña o 19 de agosto de 1936), o escritor constrúe un relato que viravolta ao ritmo das páxinas que escaparan ás chamas. Todos os personaxes están vinculados dunha maneira ou outra ás obras que ardes e que, como o indica o título galego “arden mal” –porque voan. O relato ségueas en zigzag, como acompaña os libros sobreviventes: de Vicente Curtis, o antigo boxeador, a Samos, o falanxista, pasando por Santiago Casares Quiroga, o pai de María Casares “que posuía a máis rica biblioteca privada de toda a cidade” (“no número 12 da rúa Panadeiras”) ou a Samantha, da “Academia de danza” e moitos máis.
“Escribo como un Charlot vagamundo”, sorrí Rivas para definir o carácter falsamente dubitativo do seu texto. A imaxe vén naturalmente, nun home para quen a literatura non é unha abstracción. Mellor digamos unha persoa: “As palabras esperan ser convocados, di. Aman a boca da xente”. E: “As palabras son algo físico, como os dedos, por exemplo. A lingua nos fai: estamos constituído de palabras”. Manuel Rivas fala con calor. É un home un pouco tímido, do xénero do gran tipo ben plantado que vos tira a foto da súa nai (un clixé dos anos 1950, cos bordes dentados) despois de dez minutos de conversa, os ollos borrosos. “A literatura ten unha boca que pode aparecer en lugares insospeitados, unha taberna, nun pastor. Para min ten formas primitivas, e a primeira foi a miña nai”.
Influencia materna
Porque desta nai saían, a embute, historias e máis historias: “Falaba soa, sobre todo cando traballaba –e traballaba todo o tempo, a transportar leite”. Lembra Manuel Rivas: “Levaba diálogos, facía varias voces, unhas despois das outras, era moi turbador e tamén inquietante: parecía un cometa entregado ao vento”. O que el identificou, moito máis tarde, como unha afección psiquiátrica que lle deixou, non obstante, un herdo: a súa paixón polo relato. Manuel Rivas é alguén que conta, que fai disgresións que ramifica tanto na vida como na súa novela. E que, pouco a pouco, amplía a idea da influencia materna a Galicia, concibida por el como unha “matria” (por oposición á “patria” tradicional).
Porque a súa terra e a súa lingua (na que escribe antes de se autotraducir ao castelán) están omnipresentes nos seus libros. “Para min, explica, a lingua está asociada ao corpo das xentes de aquí, á súa vida real, á natureza que os arrodea. A toda unha cultura moi rabelesiana que impregna esta rexión”. Forma parte deses escritos que se fan cargo da historia do seu país –no seu caso, principalmente, a guerra civil e as desfeitas do franquismo, xa presentes en novelas anteriores. Queimar libros, como fixeron os falanxistas, é ameazar con matar a lingua, impor un “silencio inimigo”.
A evocación deste silencio foi tan ruda que era necesario deter a escrita do libro: “Cara á metade do texto, non podía máis: esta historia facía xurdir tales horrores que tiña vergonza da especie humana. Logo lembreime dun pozo que meu pai teimaba en cavar sen nunca atopar auga. Entón eu tamén continuei”. En nome do pai, da nai e das palabras que, cando son verdadeiramente vivas, poden oporse ás pulsión de morte carretadas pola historia.
Raphaëlle Rérolle