BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O novelo’, narrativa policial diferente

Óscar Senra.

Eva Moreda.

Nesta novela breve merecedora dun accésit no certame SELIC do Concello de Santiago no 2020, Óscar Senra mestura con habelencia tres ingredientes básicos. Primeiro, unha narrativa policial na que recoñecemos trazos ben definitorios do xénero tal e como está asentado entre nós (policías ou ben resabiados ou ben incompetentes, ou as dúas cousas; ambientación urbana). Segundo, o desenvolvemento da acción no confinamento pola Covid da primavera 2020, un escenario que permite facer, en sentido estrito, realismo aínda que o ton tire máis pola distopía. Terceiro, unha forma de contar fragmentaria, lixeira (aínda que non carente de vontade de estilo) e un tanto pulp que xa viamos en Dixie en Wonderland, obra anterior do autor.

É, penso eu, o terceiro destes elementos o que consegue que os outros dous non se fagan tópicos e resesos nin tampouco caian nunha falsa profundidade que é máis ben pontificación: dous riscos que, vistos os precedentes na nosa literatura, me pareceron ben posibles en canto lin a sinopse do libro. O que se conta aquí é a desaparición en Compostela, durante os primeiros días do confinamento, de Marcelo, un repartidor de sushi de orixe colombiana, e as peripecias de dous policías, Salva e Chus, para resolver o misterio. A estrutura consta de capítulos curtos, narrados por diversos personaxes (algúns repiten, outros non) implicados no caso. Esta estrutura e a fluidez da narración son, se cadra, as responsables de que o final resulte un tanto abrupto e precipitado (como unha especie de “porque si”), pero a novela no seu conxunto é unha lectura máis que gratificante. O cambio de perspectiva mantén o interese, os policías protagonistas resultan máis frescos ca o modelo de madero queimado que semella impoñerse, e as referencias á pandemia están ben traídas: Senra soubo ver ben como o que serían os pasos e sospeitas típicas dunha investigación se verían afectados pola pandemia, e iso tamén lle permite darlles un aire diferente a algúns dos tópicos (por exemplo, o proceso de preguntarlle a un sospeitoso os seus movementos durante un período de tempo determinado simplifícase moito ou desaparece por completo ao ter que estar todo o mundo na casa; a ameaza dunha PCR positiva para os inspectores pode ameazar por paralizar a investigación quince días, etc.).

Os premios SELIC pretenden, segundo reza a súa páxina web, “incrementar a presenza da cidade na literatura galega”. No caso que nos ocupa, sorprendeume que a presenza de Compostela estivese aquí tan amortecida: hai algunha referencia á color local, como as gárgolas de San Martiño Pinario, pero os escenarios do crime ou outras ambientacións significativas non son lugares emblemáticos da cidade, senón sitios máis xenéricos ou un pouco menos obvios. Non obstante, penso que no fondo si hai unha pegada de Compostela: algúns tipos sociolóxicos como a moza cultureta do protagonista; espazos que se intúen pequenos, pegados, un tanto claustrofóbicos e que se poden asociar co casco vello da cidade: de seguro que os movementos e as distancias dun repartidor serían diferentes nunha cidade como Coruña ou Vigo. Nun contexto en que cada vez vemos máis novelas “de cidade” (e sobre todo de Vigo) que semellan un pretexto para logo construír un roteiro literario, resulta moi apreciable que o xurado valorase e distinguise a proposta máis contida de Senra para celebrar Compostela.

♦ O novelo, de Óscar Senra. Concello de Santiago/Positivas, 2021. 100 páxinas. ♠12€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *