BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O ocaso da familia Portela’. Un nobelón no Vigo franquista

cub_ocasoImaxinen este libro coma un fío. Un fío polo que avanzar paseniñamente, páxina a páxina, na procura do outro cabo. Unha historia familiar, o recordo dunha muller que logo de decidir non ter fillos quere explicarlle ao seu namorado e de paso á súa propia familia a orixe da renuncia á propia estirpe. Mais a liña, imaxinen, vai tropezando a cada pouco nun nó do que sae outro fío. Así capítulo tras capítulo até termos entre as mans non un nobelo senón un nobelón tan enguedellado que xa nin sabemos que fío é o principal ou se a historia que realmente pensamos que nos guía é a máis importante.

A técnica d’O ocaso da familia Portela, primeira novela da viguesa Noa Pérez González, que publica Barbantesa, está baseada nese modelo de árbore que se abre en ducias de ponlas, nun xogo de bonecas rusas nas que o lector ten sempre a sensación de que detrás de cada parágrafo hai outro que estende o campo de enfoque da historia e logo outro e outro, nunha especie de hipervínculo analóxico que ten moito sentido na teoría desta novela pero que na práctica fracasa.

Ten sentido porque é a principal marca de estilo de Pérez González. Por detrás deste relato de iniciación, resentimento e nostalxia sobre as cicatrices que deixou nun grupo de mulleres a ideoloxía franquista da súa casa, a dunha familia acomodada de Vigo, a autora é ambiciosa: quere enmarcar de vez toda a cidade. Está ben: todo escritor necesita o seu universo e o mapa mental e o dos afectos vanse entrelazando coas fronteiras imaxinarias entre o urbano e o rural, entre o burgués e o obreiro, entre o próximo e o misterioso.

O eco que chega de García Márquez non é o do miolo senón unicamente o da casca, a parte da súa poética que antes caducou.

O problema é que a escritora non consegue o seu obxectivo. Primeiro porque cimentou o relato nunha construción narrativa algo gastada. Mentres lía o libro pairaba na miña memoria a arquitectura de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez. A referencia, na miña opinión, é explicita de máis, especialmente na sintaxe e no ritmo. Réstalle orixinalidade a este libro porque o eco que chega do colombiano non é o do miolo senón unicamente o da casca, a parte da súa poética que antes caducou. Algo semellante xa o viviramos nas recentes letras galegas con Tonas de laranxa, de María Lorenzo Miguens e Manuel Lorenzo Baleirón, Premio Xerais 2012.

E segundo porque foi vítima dos clixés do subxénero da novela de memoria histórica. Aínda que non é tan evidente o maniqueísmo coma noutros textos que viaxan ao franquismo e hai que gabar que a voz narrativa estea máis ou menos situada no bando dos vencedores do 36, o antifranquismo aparece edulcorado, proxectado desde o presente. Non debe ser casualidade que tanto neste libro coma en Tes até as dez, de Francisco Castro (Galaxia) e mais en A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Xerais), a insurrección se exemplifique nunha imprenta. Pode ser que os libros venten os libros mais coido que hai algo máis. A imprenta é un símbolo pacífico, obxectivamente humanista, racional, metáfora do progreso, pulcro e inequívoco. É moi doado catalogar bos e malos dun e doutro lado desta máquina. Mais como afirmaron recentemente Suso de Toro e Xosé Enrique Acuña, a loita contra a ditadura foi máis complexa, máis crúa, máis sucia. Por suposto que non é responsabilidade da escritora abranxer por si soa cada pegada do mundo que recrea pero a escolla dos espazos dos personaxes relacionados co réxime e dos opositores é moi elocuente nesta novela.

Non debe ser casualidade que tanto neste libro coma en Tes até as dez, de Francisco Castro (Galaxia) e mais en A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Xerais), a insurrección se exemplifique nunha imprenta.

Este é o libro dunha debutante. Pérez González edifica parágrafos longos que buscan ocultar a impericia sintáctica e expresiva da autora. Demasiada perífrase, demasiado adxectivo (outravolta encontrámonos cun libro galego onde os cualificativos son (case sempre) simplemente tixolos baleiros que terman de frases feitas). Nunha novela curta coma esta, ese debullar de cada granceiro de microhistoria de cada micropersonaxe dana o ritmo da lectura, desconcentra e mestura as situacións relevantes para os personaxes principais con simples divertimentos narrativos da autora. Eses “contos” están acugulados de tópicos da literatura folletinesca: indianos ardentes, amores imposibles, mulleres que penan de amor en casaróns cubertos de tebras…

As mellores páxinas da novela son as finais, cando a narradora deixa de xogar a ser omnisciente e se baleira por fin; olla cara a cara o lector. É aí cando a coñecemos ben, cando o que viviu transpira realmente polas palabras que emprega. Tras moitas follas nas que deu a sensación de contar aquilo que se espera que debe contar, por fin a sentimos non como un recorte de cartolina senón como unha persoa coas pantasmas ao pé das guerlas.

♦ O ocaso da familia Portela, de Noa Pérez González, Barbantesa, 2015. 119 páxinas. ♠14€

César Lorenzo Gil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *