BiosBardia

O país dos libros en galego

O ocaso da literatura fantástica en Galicia

O fantasma do bosque. COTTONBRO/PEXELS

César Lorenzo Gil.

O 22 de maio, o xurado do Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, do que eu formei parte, declarou deserto —por segundo ano consecutivo— o certame por considerar que ningunha das obras presentadas se adscribía ao xénero fantástico nin ter os valores literarios mínimos para tal recoñecemento. Neste texto quero reflexionar sobre a primeira causa e formular algunhas pregunta: Existe hoxe literatura fantástica en Galicia? Pode haber hoxe literatura fantástica?

Dun xeito moi conciso, podemos definir a literatura fantástica como aquela na que o imposible desde o punto de vista lóxico se fai posible. Se ese elemento imposible ten unha base racional, falaremos de ciencia ficción. Se é de natureza sobrenatural, definirémola como literatura fantástica. Tradicionalmente, este xénero dividiuse entre literatura fantástica, propiamente dita, na que ese elemento sobrenatural produce desasosego, estrañeza ou terror, e literatura marabillosa, onde ese factor imposible, sobrenatural, se incorpora sen problema ao plano cotián. No gran armario da literatura fantástica podemos incluír o realismo máxico, a literatura marabillosa de Álvaro Cunqueiro, a ucronía e a fantasía (con base no folklore ou nas sagas protohistóricas).

En Galicia, a literatura fantástica goza dun lugar preeminente na súa tradición. Sobre todo porque a literatura galega culta nunca se desapegou da literatura galega popular (a literatura oral) e dos códigos vitais propios da cultura rural, premoderna e sustentada nos ciclos naturais (míticos) da natureza que permitían a prosperidade.

Esta práctica literaria tivo referentes máis “puros”, caso de Ánxel Fole, e outros máis elaborados, como Vicente Risco. Álvaro Cunqueiro, tal e como ten explicado Xosé Miranda, non é un autor do fantástico, senón do marabilloso, é dicir, na obra de Cunqueiro, o sobrenatural insírese no cotián e non crea o choque que si provoca o factor fantástico na obra de Antón Risco, por exemplo. Máis recentemente, autores como Xosé Luís Méndez Ferrín souberon modernizar o xénero e estilizalo literariamente (Arnoia, Arnoia), e hai múltiplas voces que practican dun ou doutro xeito literatura fantástica: Sabela González, Antonio M. Fraga, Xosé Duncan, Fernando Cimadevila, Érica Couto-Ferreira, David Botana…

Non é casualidade que no primeiro momento, o Premio Antón Risco estivese vinculado á editorial Urco, quen, xunto con Contos Estraños, foron as únicas experiencias editoriais especializadas en literatura fantástica. Moitos dos nomes que recentemente publicaron literatura fantástica fixérono, xustamente, a través destas plataformas.

Mais, fóra destas experiencias, que son marxinais dentro do sistema e cuxos resultados, en termos de calidade literaria, son discutibles en varios casos, a literatura fantástica está en crise. Talvez non só en lingua galega. É evidente que dentro da ficción de masas, a literatura popular hoxe perdeu moitas batallas fronte ao formato audiovisual. E o xénero fantástico, en moitos casos, pertence a esa ficción, que se autodeclara non literaria, e que claudica diante do cinema e, especialmente, diante das series de TV. O caso máis paradigmático é o da saga de ‘Canción de xelo e lume’, de George R. R. Martin, que malia empezar como unha saga de novelas, acadou o éxito completo cando se converteu en serie, até o punto de que o seu arco narrativo finalizou nas pantallas e non no papel. A derradeira novela da serie, se ao final se publica, será unicamente unha curiosidade.

Outra causa do ocaso da literatura fantástica pode atribuírse ao papel da ciencia na nosa sociedade. O coñecemento científico opera hoxe coma un dogma de fe. Obviamente, parece evidente que o método científico como motor do pensamento é un avance sobre outros modelos de pensamento colectivo, e tampouco é este texto o lugar onde falar dos excesos e efectos colaterais deste dominio do científico sobre calquera outro concepto no saber humano. Mais si valorar que o seu apoxeo tamén modela a literatura, a ficción en xeral. A ciencia é popular. En moitas novelas que se din modernas as metáforas xiran en torno aos campos semánticos da física ou da química, os e as científicas son hoxe heroes que se honran na cultura popular (Einstein e Marie Curie, especialmente) por considerar que a práctica científica está a salvo das polémicas e as mesquindades humanas. E até o coñecemento científico superou calquera outra sabedoría nas películas e series policíacas (CSI).

Non estraña que pareza hoxe que a literatura fantástica non serve para explicar o noso mundo. Algo que si parece que pode facer a literatura policial.

No concerniente á alta literatura tampouco parece que o fantástico ocupe un lugar moi destacado entre as preferencias temáticas dos autores contemporáneos. Son os tempos da autoficción, máis ou menos velada. Os tempos do dominio do realismo.

Aínda así, hai figuras internacionais moi relevantes: Marlon James, Nadia Bulkin, Joe Abercrombie, Mariana Enríquez, Pasi Ilmari Jääskeläinen…

Sexa como for, o exemplo do Premio Antón Risco é só un exemplo de que a literatura fantástica en Galicia pasa horas baixas. Só cómpre ver as listaxes de novidades editoriais para ver cantos libros deste xénero se publican ao ano. Os premios literarios teñen entre as súas funcións provocaren a creatividade. Neste caso concreto parece evidente que non se está a conseguir, xa que nin tan sequera os autores aspirantes fan o esforzo por escribiren literatura fantástica. O intento do Antón Risco, tras seis anos, talvez precise un período de reflexión, ou a súa desaparición, como xa ocorrera anteriormente co Premio Risco, que empezou premiando literatura fantástica e, polo vía dos feitos e logo da propia denominación, pasou a ser, simplemente, un premio de narrativa.

 

One thought on “O ocaso da literatura fantástica en Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *