BiosBardia

O país dos libros en galego

O papel dos medios de comunicación na industria do libro

Arturo Pérez-Reverte, á dereita, e Pablo Motos, no programa ‘El hormiguero’, de Atresmedia. ANTENA 3

César Lorenzo Gil.

Calquera profesional que se dedique á industria do libro sabe cales son os piares na cadea deste obxecto: ideación, produción, distribución e promoción. Digo promoción e non difusión porque hai moito tempo que o libro deixou de tratarse como un obxecto diferente a un simple produto. Por suposto que a linguaxe que o arrodea non ten nada que ver coa que arrodea a venda de zapatos, pero igual que se estilizou o “relato” para conseguir que un comprador gaste nuns zapatos e non noutros, tamén se “comercializou” a retórica da venda de libros, case ao nivel da cocaína: “Engancha desde a primeira páxina”; “unha vez que o collas non o poderás abandonar”; “quitarache o sono”…

Pero nesta ocasión non quero falar das ferramentas da promoción, senón do papel dun dos seus principais axentes: os medios de comunicación. Concretamente en España. Principalmente os masivos e xeneralistas. Non os suplementos literarios nin as webs especializadas; nin sequera os perfís nas redes sociais cuxo principal elemento é o libro. Refírome ás páxinas de “Sociedade” dos xornais locais; aos programas matutinos ou vespertinos da radio; aos informativos da TV.

Como aparece o libro neste ámbito?

Todos os axentes implicados: xornalistas, directivos de medios, axentes literarios, editores e escritores saben como funciona o mecanismo porque é un sistema sinxelo e case nunca permeable á sorpresa.

Os medios de comunicación son unha especie de podio ao que só chegan os “mellores”. Esa é a teoría. Os medios filtran de entre as case 40.000 novidades anuais (non contamos como tales as reimpresións, reedicións e libros específicos, como os manuais de oposicións e outros materiais formativos, entre outros). Mais o criterio de filtrado está viciado.

Primeiro pola propia implicación dos grandes grupos editoriais nos medios de comunicación. Atresmedia, por exemplo, está participado polo grupo Planeta, polo que, obviamente, os seus títulos van recibir maior atención. Non todos os seus autores nin libros, abofé, senón aqueles con maiores expectativas de venda. Pequenas reportaxes nos informativos, recomendacións en microespazos (algúns deles integrados en programas máis amplos), entrevistas nos programas de entretemento nocturnos…

En segundo lugar, o medio valora a popularidade do autor. É unha lóxica perversa, que non só depende de se o autor ten tantos miles de seguidores no Twitter, senón que se relaciona co poder dos departamentos de Comunicación de cada grupo editorial. A popularidade tamén hai que sementala. E o factor máis relevante para que un autor se faga relevante é a lista de vendas. Tamén poden influír determinadas polémicas ou a “historia humana” do escritor ou autor, pero o acceso ao prime time calcúlase en exemplares vendidos. Como temos afirmado máis dunha vez en Biosbardia, a cifra de vendas substitúe a calquera outro valor porque é obxectivable. Tanto vendes, tanto vales.

O medio non descobre un libro. A noticia é o éxito dese libro.

Por suposto que hai excepcións. Escritores célebres porque tamén son presentadores de TV ou rostros coñecidos; autores internacionais que visitan Madrid ou Barcelona ou (é o mesmo fenómeno, pero a outra escala), escritores afincados en Madrid ou Barcelona que visitan algunha capital nas “provincias”. Non hai nada que faga máis feliz a un redactor xefe de sociedade dun periódico local que a visita dun destes nomes, para unha presentación ou unha sesión de sinaturas.

Caso á parte é a RTVE. O ente público, no relativo ao libro, cumpre á perfección este cometido de reforzar o mainstream, de celebrar o éxito ou promover as grandes operacións comerciais dos grandes grupos. As noticias sobre libros no Telediario son publirreportaxes. A posta en escena, o ton do guión, a colocación na grella… Todo responde a unha estratexia de converter a información sobre libros nunha especie de oasis ante o horror da información internacional e a crispación dos choques da política estatal. Xunto co cinema, o libro é, para a filosofía informativa da canle, o final feliz que esixe a escaleta clásica do informativo de influencia estadounidense. Unha receita que se remonta á década do 1950, pero que segue funcionando.

Hai dous elementos deste sistema que son moi interesantes. Por unha banda, o único momento no que se rompe ese modelo de refrendo da celebridade é durante as longas tardes da canle 24 Horas. Aí aparecen case sempre figuras pouco coñecidas, aspirantes a best-seller que atopan amparo en entrevistas case que improvisadas nas que a presentadora de quenda amaña sete minutos de directo a partir dos datos da contraportada e a nota de prensa editorial.

Por outra, a TVE premia o best-seller inesperado. Este ano, o agraciado é David Uclés, autor de La península de las casas vacías (publicado por Siruela). Cando hai que falar de literatura, ao equipo de redacción de Informativos este tipo de fenómenos vénlle que nin pintado. Varias narrativas se xuntan para arroupar ese “final feliz”: autor novo, editorial pequena (non tanto), obra que peregrinou por non sei cantos selos até atopar o seu lugar…

Este modelo crea, polo tanto, como ocorre noutros ámbitos, dúas dimensións paralelas. Para moita xente, só se publica o que publican Planeta e Random House para públicos moi limitados. En cambio, e por fortuna, a industria do libro española vive un momento de diversidade (sobre todo no relativo á narrativa traducida e latinoamericana), audacia editorial e alta calidade na escolla e produción. Pequenos e medianos selos que case nunca van aparecer fóra das páxinas e espazos especializados.

E no caso da literatura galega?

Acabamos rápido: Nos contadísimos casos de mainstream si poden obter certo mimo da prensa xeneralista ou de atención na Radio Galega fóra do Diario Cultural. Pero eses nomes non só deben vender e, polo tanto, ser célebres, senón que teñen que comungar coa ideoloxía hexemónica deses medios ou, no mellor dos casos, manterse nunha disidencia morna. En caso contrario, o veto é completo. Na TVG non se fala de libros agás contadísimas excepcións.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *