‘O parto dos montes’ vs ‘Ao César o que é do César’
Xornada 6 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre David Botana e César Lorenzo Gil.
Traba: O relato debe conter catro versións da mesma historia.
O parto dos montes
O xuíz
A acusada, sen que se poida avaliar o método homicida, provocou o deceso do neonato no momento no que este asomou a cabeza. A acusada proferiu alaridos e queixas, mais ningún argumento que xustificase nin o feito biolóxico extemporáneo da preñez nin quen fora o causante do devandito estado. Á espera dun informe forense detallado, da miña impresión, que xorde dun meticuloso informe ocular, afirmo:
- Que a acusada empregou artes propias do seu sexo e anatomía para obstruír as vías respiratorias do feto.
- Que empregou artes propias da súa condición de bruxa para impedirnos aos presentes captar de que forma executou o homicidio.
O cura
Aldara non matou o naipelo; o neno alboreceu morto. Foi Deus o xusto verdugo. O froito pecaminoso dunha relación ilexítima entre unha anciá solteira e algún íncubo. As faccións do meniño eran claramente mongólicas, un castigo que a providencia preferiu finalmente impedir, un rastro da natureza maligna e concupiscente dos pais. Aldara estaba ensopada en suor cando lle administrei os santos óleos, porque a vin consumida e alagada en sangue e ela mesma me pregou cun aceno mudo dos seus beizos que a acudise naquel transo tan indigno. Cando lle dei a beixar a cruz pareceume sentir ao seu carón a presenza do Adversario e recoñezo que sentín medo, aínda que pronto mudou en min esa sensación e pensei que expirando o bebé, se cadra aforraramos un Anticristo, un monstro.
O alcalde
O neno si era subnormal. Eu sabía que as veciñas a amaldizoaran con ese agoiro des que lle viran a barriga inchada. É que…! Alá arriba, sen compañía, soa de todo no páramo, acompañada só polas tumbas dos seus pais. A xente pensa que foi algún tratante que se perdeu na mera e foi pousar o fociño nas enaguas da Aldara. Levaba no peto do chaleque a cinta métrica, pero deume apuro poñerme a medir mentres lle viña ou non lle viña a agonía á muller, e simplemente envurullei nun lenzo a criatura para que non puidese atravesarnos de maollada. Fóra pareceume ver tumulto con fachos e ramallotes de loureiro a saber para que, pero pola xanela vin que a parella de números estaba tranquila, compartindo o tabaco, e acouguei eu tamén.
Aldara
Parín diante de tres homes, contigo catro, meu amor. Furáronlle a tripa as meigas do río un segundo antes de nacer; un segundo antes de nacer deixei de sentirlle o corazón. Miraron todos dereitos para o chafariz de sangue que expulsei, obrigáranme a ter as mans lonxe do cativo porque pensaban que o había aforcar. Bestas. Soñara con entregarcho envolto en pano de liño, o noso pequeno, e só pensaba en ti cando o alcalde cortou o cordón, o cura me deu a cruz a bicar e o xuíz bramaba «asasina, asasina». Sei que estás a chorar no teu agocho embaixo das táboas do cuarto, mais hei saloucar dabondo para que non te sintan, para que non te expulsen do noso fogar.
Ao César o que é do César
O párroco, don Xerardo, ergueu a vista. Non ía ser un bo enterro, só parecía realmente apenado o bisneto. O resto dos fregueses, incluso a escasa familia que acudira, semellaban máis aburridos ca outra cousa. Pasaba moito iso nos enterros de xente moi maior. Era normal, se vives moito es ti quen choras polos demáis. E Cesárea vivira moito. Cando lle foi dar a extremaunción, dixéralle que xa vira catro curas na parroquia, e que ningún deles lle ulira ben. Xerardo riu con gana e ela tamén. O neno mirábaos con curiosidade, sen deixar de collerlle a man á vella. Foi falar con el, sobre o ceo e os sacramentos. O rapaz escoitouno atento e cando rematou só dixo: «Somos cinsas, non?»
Míraos. Nin unha bágoa, co que coidou deles. Seica van vender a casiña e as terras. Que marchan para a cidade. Agora que teñen os cartiños ben o poden facer. El seica non fai nada. Vai ao futbol e sela as quinielas. Co que foi o Lois no seu tempo. Rematar a Vega de Andrade así, que mágoa. Cría corvos. A moi lercha chegou co bombo e pouco tempo lle faltou para poñerlle o mesmo nome. Tería medo que a chimpase fóra, Cesárea tiña moito xenio de dios. Que irán facer coas patacas, venderanas tamén?
Que carallo imos facer con tanta pataca? Aquí tododios ten unha maldita tonelada de patacas, non vai haber quen as queira comprar. Igual podo montar un posto ou algo na feira. E non vou saber? Tan difícil non será ou? Fan falta papeles para iso? Hoxe en día fan falta para todo. Algo teremos que xuntar, hai que pagar esa pedazo cociña do catálogo… Si, si, perdoa. Estás ben? Eu que sei, ao final… Era unha boa muller. Non me podía ver diante, pero polo neno desvivíase. Eu que sei, Ana. Era túa avóa. Vale, xa calo. Deixar deixárona moi ben, non? Ao César o que é do César.
Ana mirou resignada o seu home, «será subnormal». Súa avóa tiña razón, nunca ía sacar nada bo del. Pero facíaa rir, e iso, tal e como fora a súa vida, valía máis ca unha cociña. Lois apretáballe a man mentres contía as bágoas. Ela non chorara aínda, non sabía se podería e iso molestábaa. Claro que a quería. Rifaban seguido, pero coidounos, vaia se os coidou. Fran seguía a bisbarlle cousas sen sentido. Cerrou os ollos e deixouse levar polo canto de don Xerardo. Lembrou o enterro de súa nai. «Tranquila, lerchiña. Eu inda teño corda». E o seu riso e as mans fortes nas súas. Mirou a Lois e viuna, xa só puido chorar.
O mellor duelo da xornada, sen dúbida.
O PARTO DOS MONTES
Pouco que dicir. Encantoume. Creo que é o relato de este torneo que mellor cumpre a traba das catro versións se perder un ápice de sorpresa no desenvolvemento. Crema pura.
AO CÉSAR…
Moi bo relato tamén que tería gañado calquera outro duelo menos este. Gústame a visión de Ana, e o contraste humano co resto dos asistentes ao enterro. Non sei se é boa idea usar os nomes dos participantes para os personaxes. A min despístame, faime máis difícil concentrarme no relato.
Parabéns a ambos autores. Voto por O PARTO
Vai ser unha elección difícil, encantáronme os dous relatos, pero haberá que elixir.
‘O parto dos montes’: Pareceume unha moi boa historia e ben construida, con esa sorpresa incluida ao final que non desentoa, senón que reforza todo o relato. Moi ben logrado o uso da traba, que encaixa perfectamente.
‘Ao César o que é do César’: Tamén cumple ben coa traba, cunha historia que resultará familiar a máis de un, e ben contada a través das reflexións dos personaxes. Non me decatara do detalle dos nomes mentres lía, a min paréceme divertido.
É unha elección difícil. Voto por ‘O parto dos montes’ porque me sorprendeu máis.
Boas.
A proposta de “O parto dos montes” paréceme moi boa, pero penso que -agás no final- as personaxes fanse demasiado arquetípicas, e iso estraga, para min, a idea inicial e final: a sorpresa final decae nese marco.
En “ao César o que é do César” non acabo de entender a entrada da segunda personaxe -aínda que esa é unha perspectiva que lle acae ben ao relato- e tampouco me convence a frase do neno. Fáiseme de máis para un cativo. Como retrato moral dunha certa realidade paréceme atinado, pero fáiseme algo visto.
Con moitas dúbidas o meu voto é para “o parto dos montes”.
O parto dos montes
normalmente comento os relatos a medida que os vou lendo, pero desta vez co apurado que vou farei doutro xeito.
Nun primeiro momento tiven deste relato unha impresion similar á dos outros comentaristas (talvez non tan entusiasta). estiven afondando en que era o que non me cadraba, e indo por partes era o fragmento do xuiz, que ademais era o 1º, o que me renxía mais. Por que o xuiz está tan convencido de que a señora matou ó neno? Está claro que llo quere apoñer sen importarlle que sexa certo. Ou de verdade pensa que é certo? Non o sabemos porque non coñecemos os seus pensamentos, só ese escrito que fai. Destes pensamentos meus fun tirando ata chegar ó seguinte: o relato é mais alegorico que literal. Que fan o xuiz, o alcande e o cura, e só eles 3, no parto dunha anciá? Non ten moito sentido. Non como argumento, ten uqe ser outro tipo de historia. Temos a un elemento estraño, excéntrico, aparentemente “antinatural” ou directamente prohibido, e logo 3 opinions sobre el: a da ley, que o condea con falsidades, a da relixion, igualmente negativa, e a da masa civil, da supersticion ou da ignoracia. Eu penso que a construccion real do relato é esta. Despois temos a da embarazada para darlle un verniz literario. O nome de Aldara, por certo, significa, segundo google, algo asi como anciá sabia (e o seu numero maxico é o 4). Ata iso está calculado. Que pasa? que estes calculos non debian verse. O relato tiña que ser mais normal. O relato tiña que ter mais apariencia de relato convencional, unha historia mais coherente. O cura podía estar. o xuiz non pinta nada aí (un medico faria un papel semellante), e o alcalde era facilmente sustituible pola parteira. E tras esas 3 personaxes esconder a mensaxe. Pero claro, aparecesteme así, espido de todo, cunha escena que se a imaxinas parece sacada da vida de brian pero en plan serio e eu non logro entrar no rollo do relato, que é a unica porta de entrada válida para expoñer o tema.
Ao César o que é do César
Ó relato facialle falta unha pequena revision para mellorar algunhas frases, sobre todo quitando adverbios no 1º paragrafo. Ó apoiarse nos relatos anteriores a historia flue ben e o lector atopase metido nun ambiente inesperadamente familiar.
O relato vai indo de menos a mais excepto ó final, que parece que quere chegar a un climax pero se qeuda a medias. O tema das mans e de Lois conecta ben co relato anterior. Era Lois o neno o que lle collia á vella as mans? É curioso que o relato rival sexa un nacemento morto e este un enterro con reencarnacion (bueno, non estou seguro de que sexa así, só da a impresion).
Unha cousa que perxudica ó relato desde o meu punto de vista é que a estrutura é demasiado heteroxenea. Empezamos cun omnisciente, pasamos a unha 1º persoa qeu non sabemos quen é, despois Fran e por ultimo Ana pero en 3º persoa ela. Non é que sexa mal feito, ten sentido, pero en conxunto fai que o lector se disperse. Ó mellor con algo mais rompedor, de maneira que qeudase mais claro que a heteroxeneidade forma parte da estrutura, como por exemplo empregando a 2º persoa nun dos fragmentos, ó mellor asi, digo, o lector entraria a valorar ese aspecto como basico no relato, como buscado, e non como algo instrumental ó que houbo que recurrir. Coma no caso do relato anterior, a apariencia é importante, é un aspecto que forma parte da obra.
Vou votar, con algunhas dúbidas, polo Parto dos montes, porque ó cabo destes 7 dias deume mais en que pensar, tivo un pouso mais forte, e porque hai que darlle ó César o que é do César. O seu rival ten o seu punto feble no mesmo órgano que a sua maior fortaleza: apoiase tanto nos relatos anteriores que as emocions que tes ó lelo están como atenuadas, como se se repartisen entre todos e todos se fixesen un pouco mellores pero ningun lograse por causa diso brillar mais individualmente. Por suposto tamen axuda a escrita en si, a do parto está deseñada cara o lector, para gustar. A do seu rival ten que dedicarlle moito mais esforzo a explicar a trama, a unir os puntos, a expresar as personaxes: a dicir cousas que había que dicir. Esa é a trampa na uqe caemos moitas veces os deseñadores de tramas. Queremola clavar e non nos damos conta de que nos adiantan pola dereita relatos de maior liberdade expresiva, mais suxerentes e/ou mais emocionais.
Este comentario é de Carlos Vega:
Moi boa xornada esta en xeneral¡ Encantáronme todos os relatos. Cre que se xuntaron fotos moi suxerintes desta vez.
O parto dos Montes
Un dos mellores relatos da traba. Gústame o xogo de figuras típicas, aínda que lle reste algo de credibilidade ás testemuñas, unha vez se poñen en conxunto. Cóstame imaxinar toda a escena por completo. Consegue tamén traspasar a tensión de parte a parte, de forma que a última, a da protagonista é aínda mais efectiva. Esta é traba das versións pon a proba o desenrolo da tensión, polo que este relato destaca polo seu acerto.
Ao César o que é do César
É un relato ben traballado, renunciando das anotacións que normalmente acompañan ás narracións deste tipo. Quizais vai na súa contra, porque os puntos de vista téndense a enlear sen a pauta de títulos introdutorios que parece que se estableceu xa como norma xeral. A conexión con outros relatos apreciase, pero quizais lle resta valor individual. Gústame a figura reencarnada, e como se identifica con apenas unha frase. Aínda así, faltoulle algo de forza contra o seu climático rival.
O meu voto vai para O parto dos Montes.