BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O paso en falso’, Adrián Solovio descafeinado

Abraham Pérez. DISTRITO XERMAR/AELG.

César Lorenzo Gil.

O feito literario, coma calquera outro, pódese dividir en fases: ideación, planificación, execución, edición e recepción. Igual que sucede coa posta en escena dunha película ou coas costuras dunha boa peza de roupa, o ideal é que a feitura se note o menos posible, que a lectura dun texto nos chegue coma se acabase de xurdir do alento divino, do xenio. Tamén podería ser, para un determinado tipo de lector, que esa obra deixe tan evidentes os seus fíos que capture o interese por incorporarse a un macrotexto composto por moitas obras e moitos autores que na mente dun lector experimentado van construíndo coma un valado bloque a bloque. Isto é o que ocorre, habitualmente, coa literatura de xénero, que atrae lectores xustamente pola rixidez da súa fórmula e non polas innovacións.

N’O paso en falso, de Abraham Pérez, si que están moi presentes as costuras; é moi evidente o esquelete no que se asenta a novela. Outra cousa é que o resultado final consiga todos os seus obxectivos literarios.

En primeiro lugar, podemos definir a novela como un exercicio metaliterario antes que calquera outra cousa. E non un exercicio cun único obxectivo, senón con varios. O principal é actualizar o mito de Adrián Solovio ao tempo presente. Solovio, protagonista de Arredor de si, de Ramón Otero Pedrayo, funcionaba naquela obra como representante de certa mocidade (a contemporánea a Otero) fronte aos desafíos do seu tempo, non só sociais e psicolóxicos, senón tamén estéticos. Pérez intenta converter o seu Manuel Bugallal nun Solovio actual, estudante en Compostela de Filoloxía que se enfronta tamén aos seus desafíos persoais e xeracionais. Ademais, Pérez disemina, conscientemente, non só a referencia a Solovio (o protagonista fai un traballo de fin de grao sobre Otero), senón todo un catálogo de lecturas e referencias literarias. Esta é unha novela que quere falar —e fala— doutros libros.

En segundo lugar, sobre a novela paira a sombra do escritor chileno Roberto Bolaño. Á parte de usar o estilo testemuñal que el emprega en Los detectives salvajes (un estilo que el non inventa, pero si refina, e que se usa hoxe en día acotío: por exemplo en Obra maestra, de Juan Tallón). Pérez é moito máis comedido ca Bolaño e úsao só unha das catro partes do libro, por outra parte non moi voluminoso, pero é tan marcado o xesto que condiciona toda a literatura do volume.

A teoría está clara, pero que ocorre coa práctica?

Na práctica, esta novela non pasa de exercicio. Non tanto un exercicio de estilo, senón máis ben un exercicio de voz narrativa. Pérez entra ás apalpadelas na súa propia novela. É un autor aprendendo a camiñar. Quizais incluso é consciente diso e de aí o título de O paso en falso. Se é así, o título élle acaído, porque son moitas as eivas que converten esta obra nunha novela en gran parte falida.

Principalmente falla a linguaxe da novela. O rexistro é burocrático, farragoso, con abuso dos conectores e un uso moi deficiente do diálogo. A narración, cando é liñal, non ten ritmo, faise aburrida e anódina. Nas partes máis dinámicas (testemuños e diarios), o autor é incapaz de independizar cada voz narrativa. Outra vez a maldición de que todos os personaxes falan igual, incluso cando o autor se expón a individualizalos dun xeito tan explícito e relevante.

O paso en falso non é unha novela de trama. É unha novela de personaxe, pero cando acabamos a lectura preguntámonos “por que” ese personaxe. As súas reflexións e actos son bastante triviais, cando non directamente insulsos. Non hai unha ollada subxectiva sobre o mundo que ve. Os pensamentos que lle veñen á mente son obvios ou reiterativos, cando non directamente ecos de ecos das reflexións comúns que se poden escoitar en calquera conversa.

Tampouco nos serve a obra para compor un fresco xeracional; por moito que o intente o autor, nunca entra a fondo nesta cuestión e todo parece superficial, escrito ben con medo, ben con certo desleixo. Sen capacidade para trabar nas emocións nin nas condutas, o libro pasa ben como fútil anecdotario dun tempo moi concreto (principalmente a década do 2010), sen deixar demasiada pegada no lector.

Con todo, hai que gabar que as novas voces literarias exploren as súas propias vías. É interesante que xurdan autores en lingua galega con ambición. Cómpre un diálogo entre a nosa tradición literaria e novas voces (novas en idade tamén), pero ás veces o queique non leveda dabondo ou queda sen forza ao tiralo do forno. O importante é axustar a receita e volvelo intentar.

♦ O paso en falso, de Abraham Pérez. Galaxia, 2023. 178 páxinas. ♠17,60

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *