BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O paxaro de nácara’, unha novela oca

Pura Salceda.

Xesús González Gómez.

Collo do estante de libros pendentes de ler unha novela galega que me enviaron. O seu inicio é o seguinte: «Tras a nevada, a semellaba un gran pastel de nata estendéndose ante os seus ollos». Inicio que, como todo inicio, pode servir o mesmo para un roto que para un descosido, mais talvez un lector (ou unha lectora) un pouco despistado/a ou optimista podía esperar una novela de humor: desengánese, aquí non hai humor nin nunha frase: todo é serio, como o aburrimento.

A obra, titulada O paxaro de nácara (Galaxia, 2019) é da autoría de Pura Salceda quen, segundo informacións da lapela, xa publicou outra en castelán. «Nélida, unha muller galega emigrada a Barcelona retorna á súa aldea polo funeral da súa avoa. Alí reencóntrase con Elías, un antigo amor que se truncou cando el emigrou a México. Agora ela está casada e con fillos, polo que aparentemente todo é auga pasada. Mais o encontro con Elías fará revivir un tema que crían agachado: a misteriosa morte hai moitos anos de Gonzalo, un tío de Nélida en México, nun accidente de coche», contraportada dixit, e tal como está redactada a contraportada está redactada, se a tal escrita se lle pode chamar redacción, a presente novela.

Iníciase a obra e é como unha introdución xeo-arqueolóxica (logo viran as introducións socio-político-económicas) ao lugar en que se desenvolverá a acción, se é que aquí se desenvolve algo; penso que non: simplemente se plasman pensamentos e diálogos tan absurdos que encherían de envexa a Ionescu and company.

E o lector (ou a lectora) empeza a ler a novela, e tópico tras tópico, lugar común tras lugar común, enchen as páxinas; páxinas nas que mesmo se dan ás veces algunhas leccións sobre literatura galega actual, citas literarias ou de literatos, etc., non dirixidas a un posíbel lector (ou lectora), senón dirixidas, sobre todo, a quen está no allo, a quen sabe de que vai a cousa (política e literaria do país) etc.; todo isto unido a unha prosa de ineficaz imaxinación, a un panorama humano (sexan boas ou malas persoas, sexan ou non emigrantes, aparezan moito ou case non aparezan, etc.) nada estimulante: é dicir, pasea pola novela toda unha galería de personaxes que é aleatoria: se non aparecese, a novela sería igualmente o que é, dan como resultado unha caricatura de obra literaria.

O paxaro de nácara é unha desas obras que resultan fatigantes. Primeiro pola cantidade de persoas «intelixentes» (ademais de boas) que aparecen nela e que, curiosamente, case que todas pertencen á familia de Nélida. Por outra parte, a maioría dos diálogos só serven, non para información do lector, senón, simplemente, para dilatar o tempo e encher páxinas e páxinas sen que se avance realmente no coñecemento dos personaxes e da acción. Chégase á páxina 200 e non pasou case nada. Ademais, a visión do mundo que impera nesta obra é a óptica aconsellada polos manuais para se converter nun bo cidadán (ou nunha boa cidadá), óptica que deseña unha heroína moderna (a devandita Nélida) coa súas contradicións –case ningunha– e a súa «brillantez». Mais a pouca fondura do texto provén doutras impericias: a ineptitude á hora de franquear o territorio específico diso que chamamos literatura, xa que dá a impresión de que Pura Salceda escribe (ou escribiu esta novela) para entreter os seus familiares e as súas amizades no canto de dirixirse á lectores descoñecidos para, talvez, proporcionarlles o consolo que proporciona a boa literatura (iso de que escribo para os amigos é unha solemne parvada e, sobre todo, unha coartada usada, precisamente, polos malos escritores; ou por aqueles escritores que ao non teren nada que dicir dedícanse á retórica máis pura: escribir para convencidos os textos que estes queren ler).

Falabamos liñas atrás dunha «prosa de ineficaz imaxinación», e é que a manipulación verbal realizada pola autora desta novela non procura a iluminación que fascina, nin esixe do lector ningunha actividade das neuronas que activan o pensamento, pois este tipo de literatura limítase a solicitar unha recepción pasiva, aburrida, insulsa e acrítica. Tense a impresión, moito antes de que chegue a última frase da novela, de que a autora está lonxe da crenza de que a literatura (ou a practica literaria, para pórmonos en plan althusseriano) pode chegar a ser unha ferramenta eficaz de coñecemento. Pura Salceda decántase pola cómoda visión da literatura entendida como un oficio rutineiro e aséptico. É difícil, cando menos para min, detectar en O paxaro de nácara calquera especie de emoción estética, e pódese pensar, á vista dos resultados, que o estilo e o ritmo da prosa constitúen para a autora unha molestia e que, ademais, non sabe «driblar», por usarmos do léxico futbolístico. Entendendo por «driblar» o que recibe o nome de axilidade narrativa, aínda que no caso desta novela quizais habería que falar de sintaxe anoréxica.

Claro que talvez todos os males desta novela se resumen en que nela predomina unha literalidade que concede a detalles puerís e accións correntes do grupo familiar e da xente da aldea unha importancia que non acaba de interesarlle ao lector. Sen dúbida, con esa intención pode chegar a escribirse unha obra literariamente válida, máis no caso de Pura Salceda frústrase o propósito desde dentro, é dicir, na capacidade mesma de proxectar o anecdótico cara a un plano representativo (é o que dicía Tolstoi e lembraba aquí hai pouco César Lorenzo: describe a túa aldea e describirás o mundo: ora ben, acho que Tolstoi demandaba describir a aldea desde dentro da aldea, non desde o exterior, como é, por outra banda, o caso da presente, xa que a ollada que se bota ao mundo non é desde o interior da aldea, senón que o exterior da aldea bota unha ollada sobre esta; ollada, evidentemente, deturpada e deturpadora; unha ollada, en definitiva, de turista burgués, que diría Manuel-Antonio) ou ben cara a un plano de vibrante comunicación testemuñal capaz de transcender o «anecdótico». Nesta novela a autora non sabe conservar a distancia necesaria co tema tratado, de maneira que non se le nin un testemuño directo e o material anecdótico, ao que se lle pode conceder unha indubidábel veracidade, é mudado… por obra do distanciamento literario en «realidade recreada». A simplicidade convértese aquí en mexericada e a verdade, en fastío. Noutras palabras, estamos perante unha desas novelas incapaces de superar a confidencia, o autobiográfico, a tendencia a un lirismo enfático e descritivo, de aí que o lector (ou a lectora) perciba que non é introducido nunha realidade, senón nunha especie de confesións e informacións dun valor que non supera o menos un (-1).

♦ O paxaro de nácara, de Pura Salceda, Galaxia, 2019. 416 páxinas. ♠23,90€

One thought on “‘O paxaro de nácara’, unha novela oca

  1. Os modelos de prosa en galego son Ferrín,Emilio Araúxo e Bieito Iglesias.Non se pode escreber ben en galego se non se le moito en portugués:Eça,Camilo,Monteiro Lobato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *