BiosBardia

O país dos libros en galego

O peso da nación

logoEva Moreda.

É vinte e tres de decembro. Estou de vacacións na casa familiar de Ribadeo e alguén vén de traer un calendario para o 2015 titulado “As doce palabras galegas máis bonitas”. Folléoo. Penso que detrás desta epidemia de listas de palabras máis bonitas do galego están as mesmas políticas que me levaron, vai xa máis de ano e medio, a decidir abandonar o galego como lingua literaria e adoptar unha lingua que para min non é nativa: o inglés. As doce palabras elixidas para o calendario dificilmente sorprenderán a ninguén; son as de todas as listas. Comparten ademais, non sabería dicir por que, certas características: todas eles teñen tres ou máis sílabas e polo menos unha consonante líquida (cunha soa excepción, cóxegas). Todas elas son palabras máis obviamente galegas que, digamos, zapato ou casa: formalmente son distintas dos seus equivalentes en castelán e nalgúns casos (morriña, ruliña, larpeirada) mesmo se pode argumentar que tal tradución non existe. Moitas reflicten trazos estereotipicamente asociados ao carácter galego, como a proximidade á natureza (bolboreta, luscofusco, raiola, vagalume) ou o sentimentalismo (morriña, aloumiñar, morriña, mesmo lareira).

Os nosos antepasados gardaron durante séculos e en condicións pouco favorables palabras como aloumiñar, lareira, larpeirada; iso nunca llelo poderemos agradecer bastante. Pero agora esas palabras pesan. Ou pésanme. Pésanme porque foron, estas e outras, palabras aprendidas na escola e celebradas como tesouro da lingua galega, pero raras veces escoitadas nun contorno onde se falaba un galego xa castelanizado. Pésanme porque esas palabras, e outras para as que de adolescente tiña que ir ao dicionario, foron colocadas no celme da lingua propiamente literaria e repetidas ad nauseam ata convertérense case en kitsch. Pésanme tamén outras palabras e outros modos de escribir, os que querían reflectir a fala popular e remataron tamén por converterse en clixés. E pésanme todas estas palabras porque en Galicia as palabras non son só palabras: cada unha delas é nós, é a nación. Aos escritores se lles atribúe unha responsabilidade especial na normalización lingüística e no proxecto nacional porque son as palabras a súa ferramenta, dun xeito que non se lles atribúe aos músicos ou artistas plásticos.

Pero agora esas palabras pesan. Ou pésanme. Pésanme porque foron, estas e outras, palabras aprendidas na escola e celebradas como tesouro da lingua galega, pero raras veces escoitadas nun contorno onde se falaba un galego xa castelanizado.

Hai algo máis de ano e medio, sentía as miñas ferramentas cansas e deslustradas. Pesadas. Xa outros as usaran tantas veces que eu caía sempre nos vellos modos de facer, incapaz de desvinculalas daqueles significados e connotacións que outros lles apuxeran encima. Non conseguía facer que fixesen o que eu quería que fixesen. Alguén poderá argumentar que todo creador o é no contexto dunha tradición, e mesmo se podería dicir que as obras artísticas que pagan a pena son o resultado dunha tensión especialmente frutífera entre a tradición e a vontade que tiña o seu creador de buscar o seu propio camiño. Non hai nada de especial neste sentido no sistema literario galego. Pero a min a tradición, as palabras, a nación, pesábanme demasiado. Alguén con máis pericia, vontade ou se cadra coñecemento do galego ca min seguiría perseverando na busca por rescatar as palabras do seu peso. Eu, non sei se con razón ou sen ela, decidín converter aquela fala que xa usaba no meu traballo e no meu día a día na miña lingua literaria. Abandonei a novela que estaba a escribir, con pouco éxito, en galego, e empecei a reescribila en inglés.

Por primeira vez, estou máis próxima ca nunca ás miñas palabras, e por primeira vez tamén, decátome de ata que punto a palabra é a ferramenta do escritor.

En inglés, avanzaba –avanzo– máis amodo que en galego. O camiño non é de todo descoñecido nin perigoso, pero si hai algúns riscos e obstáculos no paso. As ferramentas teñen –como non!– as súas connotacións e asociacións, pero non me pesan tanto. En parte porque é só o peso das palabras; desapareceu para min o peso da nación. En parte, porque as palabras non me caen no colo case inconscientemente; agora teño que buscar eu a palabra xusta, o xeito de dicir xusto. Por primeira vez, estou máis próxima ca nunca ás miñas palabras, e por primeira vez tamén, decátome de ata que punto a palabra é a ferramenta do escritor. Levoume tempo dar co idiolecto da miña narradora-protagonista, pero no proceso cheguei a coñecela moi ben. Tamén foi escribindo en inglés cando aprendín a revisar. Cantas veces, escribindo en galego, tiña limitado as revisións a leves toques que non eran capaces de endereitar os problemas que eu advertía nas miñas novelas, pero que non conseguía solucionar. Coa miña novela en inglés, a preocupación pola corrección lingüística levoume a examinar cada palabra dos meus catro borradores preguntándome en todo o momento se expresaba o que eu quería dicir e era coherente co resto da historia.

Cambiar de lingua literaria libroume do peso da nación e coido, ademais, que me fixo mellor escritora. Pero isto non pretende ser ningunha solución universal: os meus problemas para escribir en galego non din nada sobre o galego en si. Como moito din algo do sistema literario galego. Ou máis ben dos meus problemas para relacionarme co sistema literario galego de xeito produtivo. E con “de xeito produtivo” quero dicir aquí facer a literatura que quero o mellor que podo e non a que sinto que debo facer. Se cadra foi o camiño fácil; se cadra debía ter perseverado. Pero, de momento, é o meu camiño.

Eva Moreda é escritora.  (A Veiga, Asturias, 1981) debutou na literatura galega en 1997 tras obter o Premio Rúa Nova de Narracións Xuvenís coa novela de tema artúrico Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota. Ten publicado desde entón outras cinco novelas en galego. A súa literatura recibiu distincións coma o Premio Ourense de Contos para a Mocidade (2000), o Premio Narrativas Quentes (2010) coa novela erótica Organoloxía (Positivas), ou o último Premio Terra de Melide con A Veiga é como un tempo distinto, publicada por Xerais. Profesionalmente é investigadora e docente en Musicoloxía na Universidade de Glasgow.

6 thoughts on “O peso da nación

  1. Penso o mesmo ca ti. O que pasa é que eu decidín escribir en galego precisamente para intentar romper o “peso da nación”. Un desafío que se sobrepón ao desafío de facer literatura en calquera idioma. E un boleto máis para asegurarse a derrota.

  2. Quedoume cortado o comentario, cun resultado un pouco apocalíptico.
    En todo caso, felicitacións pola túa reflexión. Seguro que aprendes moito dese esforzo co inglés.
    Eu segurei apostando polo “más difícil todavía”. Como no circo.
    De ser máis novo, igual aprendía e me pasaba ao alemán. O alemán tamén ten moitos lectores

  3. Volvín quedar cortado neste móbil. Remato:
    O alemán tamén ten moitos e bos lectores e, hoxe por hoxe, non me produce o arrepío das linguas colonizadoras.

  4. Ola Eva!
    Polo que leo vives en Glasgow e como saberás hoxe comeza o Celtic Connections, a ver se atopas nalgún diario español ou galego, sobre todo éstes últimos, algunha reseña sobre a nosa cultura representada nese magnífico festival do folk, e digo nosa porque o mércores toca Carlos Núñez no Glasgow Royal Hall. Unha mágoa!!

  5. Coido que todo se resume a que prefere escribir nunha lingua “grande” e con proxección mediática a facelo nunha pequena que pouca publicidade ten. Está plenamente no seu dereito, mais que non disfrace a súa lexítima decisión con argumentacións trascendentais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *