BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O poeta e o mar’ vs ‘Selkie’

Buques. EDU RUIZ.

Xornada 1 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Carlos Vega e Sabela González.

O poeta e o mar

Sabela González.

A liña que separaba os dous mundos era a mesma que separaba a auga e a area. Na auga, as máquinas lanzábanse, rudas, con ímpeto, coma se nas ondas se agochase unha besta que debían domesticar. Na terra, os mandís secaban as mans gastadas e virábanse para volver ao lar, para coidar que a vida seguise na illa.

Os barcos marchaban sempre ao amencer e o ruído da súa partida aboiaba nas praias un par de días. Paseniño, o son das buguinas trocábase risa de xogos e todos vivían un tempo coma se non lles faltase ninguén. Ás veces, o solpor da fin da marea non traía de volta a todos cantos marcharan. Daquela, a liña da area volvíase visible e dolorosa. A viúva, o orfo, o amor roto paseaban entón pés nus na area esperando que as cunchas esvaídas doesen o suficiente.

Mentres os homes da illa, os de verdade, desaparecían no mar durante semanas, o Poeta gravaba as victorias e traxedias da pesca nos seus cadernos. Gardaba así conta de mortos e vivos, mesturaba as crónicas das mareas asasinas coas follas rancias de versos das súas tristezas: o Poeta fixera poesía do pesar que as eivas que o retiñan en terra lle causaban. Os versos foran bágoas na adolescencia, pero co tempo viñan tornándose xa case sorrisos.

Un día, o Poeta anotou unha marea máis e un mariñeiro menos no seu rexistro, suspirou e saíu nadar. Nadou cara ao leste, nadou cara ao oeste e parou aboiar un anaco coa ollada fixa nas focas da orela, inspirando a vida salgada do mar. Adoraba a sensación liviá que as ondas lle ofrecían, adoraba esquecer a perna malfeita. E custáballe crer que os mariñeiros non quixeran aprender a nadar. Cantos rexistros aforraría no seu caderno? Se cadra uns cantos. Ao lonxe, entre as amigas focas, a viúva do Roxo pisou as migallas de cunchas con intención.

O Poeta saíu da auga. A pel, observada, afiou os poros mentres a tea do calzón lle debuxaba a vergonza. Apertouse na toalla furada a só uns pasos da viúva que o fitaba.

–Non tes medo ao mar? –dixo ela–. O mar leva todo, Ramón.

O Poeta abaneou a cabeza, deixando voar as pingas salgadas dos cabelos.

–Non teño, non. A min o mar só me dá.

A viúva espreitou o horizonte e procurou sen éxito o mesmo significado nas ondas ca o que atopaba o Poeta. Estirou unha man de mandil húmido e os seus dedos entretecéronse cos do Poeta por unha regaña da toalla.

–Se non dá nada, que van eles buscar?

A viúva colleu aire ata o máis profundo dos pulmóns.

–Buscan a vida, Ramón. Son valentes, heroes que ás veces dan coa morte.

O poeta apertou a man da viúva mentres negaba coa cabeza.

–Non, Isa. Os heroes ousan vivir. A vida non hai que buscala. A vida é isto.

…………………………………………………….

Selkie

Carlos Vega.

Non se sabía cal fora o primeiro barco remolcador que descargara na praia de Crook, pero convertérase en tradición que calquera morto no mar ao que o capitán non reclamase, fora deixado na pequena illa, cuxa única poboación era unha colonia de focas que ninguén sabía como chegara alí.  Non obstante, pronto se fixeron obvias as vantaxes daquel cemiterio de campaña. A localización, a medio camiño entre augas profundas e o continente, permitíalles aos remolcadores saír de volta con rapidez aos restos da batalla. Ademais, e por razóns que se omitiron nos informes, a carga non se acumulaba.

Fora durante a Gran Guerra, co chamado nacional a toda embarcación que puidese cargar máis do seu peso, que se comezou a visitar máis a zona de Crook e chegaba a haber, nos descansos da contenda, pequenas frotas arredor da illa, cargadas cos restos da loita. Os ferros e restos de proas feridas aínda se perdían no fondo do mar, pero os corpos aboiaban, lacerantes, tinguindo co seu fedor a pesca de meses. Pensaban que o sol e a area necesitarían tempo para conter aquela hecatombe diaria, pero pronto puideron observar como a praia, invadida dos mortos do día anterior, amencía despexada.

Os que só viviran aquela guerra botaban as redes sen mirar, con temor. Recollíanas apartando a face e intentando manter o peso da sinistra pesca nos brazos, lonxe da cabeza. Aínda así, había quen non era capaz de obviar a imaxe dos ventres inchados ata rebentar a pel, que semellaban tirar das redes, nun último intento das entrañas por volver á terra. Esta, de todas as imaxes que gardaba o mar, era a que apagaba a mirada dos novos e sempre había algún que, no seguinte porto, marchaba para non mirar atrás.

Os máis vellos ollaban para os corpos sen temor, pero cando ían descargar á illa evitaban achegarse en solitario e fondeaban durante horas nas inmediacións, á espera dalgunha silueta que se achegase polo horizonte. En compaña era máis fácil evitar falar dos animais mentres desmontaban as redes sobre as augas da praia. As tripulacións veciñas, solidarias, ocupábanse en ruidosas tarefas que mantiñan os sentidos fóra dos sucos da praia, marcados con ansia visceral e que constituían a única testemuña dunha descarga anterior. 

Por iso a imaxe máis habitual era a da pequena frota, sen orde nin rango, marchando en conxunto despois de guindar os mortos, e intentando enxordecer os berros de excitación das focas, que se abalanzan sobre a nova captura. Acostumadas ao carbón e ás xigantescas bucinas, reclamos dun criador que nunca coñeceron, acudían en manada á praia, para ver como descolgaban as redes, cheas nos mellores días. Mentres afundían os inimaxinables dentes semellaban aplaudir coas aletas atrofiadas ás colas dos barcos, agradecidas pola comida.

7 thoughts on “‘O poeta e o mar’ vs ‘Selkie’

  1. Moi boas! Neste caso as historias diferéncianse abondo, o que fai máis doada a elección. Aquí van as miñas impresións.

    ‘O poeta e o mar’: En primeiro lugar describe o destino habitual dos mariñeiros, para a continuación construír, en contraposición ao Poeta; unha decisión axeitada, xa que a historia xira arredor desa idea, da diferencia entre el e os demais, e do seu concepto de vida. Un relato sinxelo pero bonito, cunha interesante reflexión.

    ‘Selkie’: Gustoume o ton sinistro do relato, moi acorde coa idea dunha guerra. Talvez por gusto persoal, boto en falta algún personaxe concreto que seguir, máis que a descrición desa carga macabra. Por iso, decántome polo seu opoñente, malia ser este un digno rival.

    O meu voto vai para ‘O poeta e o mar’.

  2. Grandísimo nivel, de menuda librei. O poeta e o mar paréceme tan ben escrito que te leva a ese final predecible e fermoso e quedas mirando o relato coma se fose un gran mar de respostas.
    Chamoume tamén especialmente Selkie, quizáis menos narrativo¿ pero moi interesante por ese retrato dos depredadores homes focas.

  3. Ola! Vaia vaia, aquí a foto forzou o tema marítimo case sen escapatoria, pero os dous relatos chegaron a portos moi diferentes.

    “O poeta e o mar”: O relato ten alicerces bos, unha dirección clara que vai do xeral ao particular, presentando ao personaxe e despois vendo como se relaciona nunha escena concreta. Tamén vexo un bo uso do diálogo para ese final, buscando un efectismo moi de fin de conto xusto cun xiro lingüístico. Non teño problemas nin con ritmo nin con forma, que penso que son correctos. O que si acho máis problemático neste relato é o ton, que nunca acabo de comprender de todo. Nun comezo parecería unha especie de fábula, unha alegoría da vida activa fronta á vida contemplativa. Pero ese ton desfaise despois dos primeiros parágrafos e o personaxe deixa de ser unha idea a ser un home máis concreto. De aí que se nos fale da súa perna tolleita, e de aí tamén que teña sentido esa relación coa viúva. Porén, non se desprende de todo do ton fabulesco e sinto que no relato nada é abondo concreto, como se as balas fosen de fogueo. A reflexión final parece dalgún xeito deslexitimar a vida dos mariñeiros, como se a súa fose unha escolla e non unha obriga, o que me podería ter sentido nesa idea do conto alegórico pero en canto teño que imaxinarme ao poeta como un home de verdade non sei, non mo creo. Ten esta tensión de ton o relato, quizais porque une dúas ideas (inicio e final) sen integralas de todo. Decidirse por un dos dous durante todo o conto penso que lle favorecería.

    “Selkie”: Paréceme interesante a lectura da imaxe para pensar nunha illa de cadáveres remolcados alimentada pola batalla. Creo ver unha inspiración na flota civil de Dunkirk, que aquí en lugar de salvadora dos vivos serve para dar repouso aos mortos. De entre os puntos fortes do conto creo que resulta moi evocador, sabe que a descrición é a cerna deste conto en concreto e emprega con pericia os adxectivos para resultar desagradable e perturbador. Por outra banda, aínda que quizais non sexa moi canónico, eu gostei de que o conto non teña per se unha trama con protagonista, que a súa finalidade sexa case informativa, de nos describir unha cousa que existe. Agora ben, aínda que esta sexa a realidade pragmática do conto, penso que un autor ten que ter saber agochalo dalgún xeito. Se non, cae no perigo de que a persoa que le remate e pense “ben, e que pasa?”. Un conto completo nunca debería dar a sensación de ser só preparación para a acción que non chega. Con isto en mente, se cadra colocar unha dirección cronolóxica, ou colocar unha ou varias personaxes que simbolicen algún tipo de cambio, aínda que sexa puramente testemuñal, faríalle ben ao conto, creo eu.

    Voto por “Selkie”

  4. O mar!

    Vaia un temazo. Gocei dos dous relatos. A pesar de seren moi diferentes, ambos me produciron a mesma impresión. Son moi evocadores os dous e crearon o seu universo dunha forma eficaz. Quedáronme ganas de saber máis da historia. E iso é o malo, que teño a sensación de ler dous principios, dous exercicios de quecemento para algo moito máis fermoso que non deu tempo a reflexar. Sempre pasa o mesmo co mar, dá a sensación de que te hipnotiza e non che deixa avanzar.

    O poeta e o mar

    Que interesante a contraposición de dúas almas ancoradas a terra e a súa visión diversa do mar e da vida. Eu tería comezado por aí, pola frase “O Poeta saíu da auga… ”. Todo o anterior parece accesorio. Xa as palabras mar, viúva e poeta xeran un universo completo. Encántame a imaxe da viúva agardando na praia. Recórdame ao poema de Rosalía e a canción de Carlos Núñez.

    Selkie

    Pásame o mesmo. A idea das focas antropófogas é impresionante. Quedei con ganas de que a historia comezase aí. Chócame a idea, sen embargo, de que alguén tome a molestia de sacar corpos do mar para despois deixalos na praia á expensas dos depredadores. No obstante, como premisa é unha alfaia.

    O meu voto vai para Selkie.

  5. Os dous relatos céntranse na vida mariñeira e, cousa curiosa, non esquecen de mencionar as focas que tan ben se ven na imaxe, de maneira marxinal en ‘O poeta e o mar’ e cun protagonismo absoluto en ‘Selkie’.
    ‘O poeta e o mar’. Este conto ten un gosto máis clásico en canto á temática (o mar que devora, as mulleres dos mariñeiros sendo viúvas de vivos, etc.) e propón algunhas imaxes que funcionan ben, coma esa referencia ó Poeta coma alguén que non é “un home de verdade”, por tolleito e por home que vive cos pés na terra (en todos os sentidos). A frase que pecha o conto funciona moi ben, a mensaxe é clara, cousa que favorece ó relato no seu conxunto.
    Selkie. Unha historia de terror que se nos presenta, en primeira instancia, coma un relato de corte máis histórico ou viaxeiro. Iso gustoume moito, como tamén me prestou que o término que da título ó conto e que proporciona unha posible clave de lectura mitolóxica non se volva incluir no corpo do texto. Nalgúns puntos paréceme que a narración queda medio colgada, por exemplo: “Ademais, e por razóns que se omitiron nos informes, a carga non se acumulaba”. Onde? Na illa? (si, logo queda claro, pero nun principio, non). Coido que ese pequeno esforzo que temos que facer para descifrar sen ambigüidade o sentido da oración bótanos, por un intre, fóra do relato.
    O meu voto vai para ‘Selkie’.

  6. Teño que confesar que xa non vos admiro como escribidores dos contos, tamń como comentaristas vendo o que sodes capaces de analisar e as de cousas que sodes capaces de ver nos enfrontamentos. Neste enfrontamento cústame dicidir porque como xa comentou Francisco dáme a sensación de que os relatos poideron estr máis claros empezando por eses cachos que menciona: indo máis directos pola parte máis atractiva do que se conta. Se cadra o ton (escuro e truculento) de Selkie está máis traballado, pero vou votar por “O poeta e o mar” polo contraste entre as vidas dos mariñeiros e a dese poeta tolleito (acabou por caerme smpático) que anda a flirtear coas viúvas 🙂

  7. Gustaronme moito ambas

    O Poeta e o mar crea un boa ambientación con pouco e o personaxe do poeta gustoume moito e aínda que as reflexións creo que poderían terse integrado mellor ou de xeito máis sútil tamén a seu xeito gustame así.

    Silkie tamén crea un ambiente, eta vez das atrocidades que se dan na guerra mesmo fóra do campo de batalla e fai que o concepto de “Focas asasinas” sexa tetrico e traxico.

    Ambos son xeniais pero o meu voto vai para O Poeta e o mar, a mensaxe sentese cercana e viva para a xente que aínda temos aínda que sexa contacto indirecto co mar e ademáis imaxinomo ó poeta coma un tremendo husbando

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *