BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O que me quedaba por dicirche’, aleatoria e desestruturada

Alberto Mancebo.

César Lorenzo Gil.

O presentador de informativos da TVG Alberto Mancebo publica a súa primeira novela, O que me quedaba por dicirche, unha obra breve que o xornalista explica que escribiu durante un dos confinamentos por covidia, concretamente en Portugal, onde daquela exercía como correspondente da Galega.

A novela conta a historia de Xoán, programador informático, que acaba de coñecer a Paula, con quen inicia unha relación romántica. A isto súmase a procura do pai de Xoán, unha figura ausente que se converte no macguffin argumental cuxo principal obxectivo é que o lector non abandone a lectura tras a quinta ou sexta mención á beleza do protagonista e narrador (“a súa inusitada beleza”, indícanos a sinopse da contra), que parece o trazo máis importante da súa personalidade, pero que como non se explica nin se sustenta en nada, acaba por esgazar a verosimilitude de toda a obra..

O que me quedaba por dicirche é unha novela un tanto “aleatoria e desestruturada” (p. 36), cunha trama moi feble e manida e un estilo con bastantes deficiencias. As metáforas, das que o autor abusa, buscan epatar, pero quedan no cerebro lector unha décima de segundo: “son paquetes de datos que se acumulan baixo as miñas unllas” (p. 46). “Unha manda de formigas subíame pola perna e traían (sic) nas súas bocas centos de cachiños de dúbidas” (p. 115). Os diálogos teñen un aire teatral, coma se os personaxes os declamasen, pero case nunca transmiten nada dabondo solemne que xustifique esa afectación.

Mancebo intenta deixar migallas de realismo máxico, especialmente nas pasaxes dedicadas á memoria familiar, un realismo máxico de quinta man, sobado polo tempo, sen gran capacidade de abraio. Todo o que para o narrador é “magnífico” parece bastante rutineiro.

Unha das decisións máis inexplicables da novela é a aparición dun capítulo, “Paula”, narrado pola parella do protagonista, que vén sendo como un resumo anódino da súa mocidade universitaria, contado con idéntico estilo do que usa Xoán no resto do libro, e sen apenas interese argumental e menos literario.En definitiva, O que me quedaba por dicirche non alcanza grande altura literaria porque os seus achados estéticos son poucos e non engrenan ao xeito coa trama proposta. Parece máis un borrador ca un libro xa pronto para publicar, un exercicio de estilo que precisaría máis substancia e menos aire para alcanzar os seus obxectivos. Mancebo redacta con soltura, pero nesta obra está moi condicionado por certos automatismos e preconceptos expresivos que opacan calquera rastro de orixinalidade ou voz propia. Só cando describe espazos e mantén a raia a solemnidade dá para ver que latexa unha mirada literaria escondida.

♦ O que me quedaba por dicirche, de Alberto Mancebo. Xerais, 2023. 136 páxinas. ♠17,95€

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *