O que nos di Olga Tokarczuk sobre o futuro da literatura

César Lorenzo Gil.
Durante unha conversa co xornalista polaco Sławomir Sierakowski durante o Poznán Impact (festival dedicado á economía, tecnoloxía e innovación), a escritora Olga Tokarczuk, gañadora do Premio Nobel de Literatura no 2018, deixou uns titulares que, teño a sensación, provocaron máis expectación popular que varios dos seus lanzamentos editoriais. As que máis po levantaron son estas: “Comprei a versión máis avanzada dun modelo de linguaxe [aplicación de IA] e frecuentemente me sorprendo coa forma fantástica con que el amplía os meus horizontes e profunda o meu pensamento creativo. Mais por outra banda, cómpre ter moita conta con iso”. Tras o rebumbio, a propia Tokarczuk emitiu un comunicado onde desmentía, tal e como aseveraron bastantes medios, que usase a IA para escribir a súa última novela (que sairá en polaco proximamente), senón que se fincaba nela, sobre todo, no proceso de documentación: Para preguntarlle cousas como qué música escoitarían tales personaxes en tal ano, e así mesmo recoñeceu que as respostas, en moitas ocasións, son alucinadas.
Mais Tokarczuk, nesa entrevista, dixo algo bastante máis relevante: “Parece que o mundo, co seu ímpeto destrutivo, non merece máis novelas longas e esixentes. O número de persoas dispostas a ler eses libros só fai baixar. Antes había demanda deles. Hoxe, ler un libro longo é un desafío realmente asustador para moitas persoas, e constantemente me atopo co feito de que lectores d’Os Libros de Jacob buscan coñecer o final mediante resumos… Hai temas que non poden abordarse brevemente”. “Creamos un paradoxo tráxico: O mundo ao noso redor estase volvendo incriblemente complexo en todas as áreas, e o lector moderno, apurado, busca freneticamente historias extremadamente simples e absolutamente unidimensionais, polo que perden, no proceso, a capacidade humana de comprensión complexa da realidade”. Moitos non me cren, mais coido que esta é a miña derradeira novela. Gustaría moito de que alguén coa mente aberta un día analizase a literatura contemporánea desde unha perspectiva obxectivamente económica. Garanto que, se calculases honestamente o enorme esforzo e as miles de horas exclusivas dedicadas á creación d’Os Libros de Jacob, o meu salario por hora proporcionaríame unha pensión de mineiro xubilado. “No mercado actual, ningunha editorial sería quen de cubrir proporcionalmente e de xeito lucrativo os custos dun traballo tan extenso e pagar por ese libro adecuadamente. Por outra banda, despois de todos estes anos, estou fisicamente esgotada do proceso da escrita e de ficar debruzada sobre o teclado do computador. Daquela, voume concentrar nos contos”.
Isto díxoo unha autora galardoada co premio máis prestixioso do planeta, capaz de publicar as súas obras en varias linguas, incluídas as máis faladas e as que contan cunha meirande masa lectora. Unha autora que, á parte de vivir do que escribe, tamén está convidada a festivais (vai estar no Porto o 26 de xuño) por todo o mundo e goza dun prestixio absoluto non só en Polonia, senón en todo Occidente.
É evidente que a relación entre economía e literatura é tan absurda que nin compensa intentar dotala de lóxica. Ninguén debería dedicarse a escribir literatura como medio de vida. Claro que hai uns poucos que viven de escribir (no mundo hai menos escritores profesionais ca futbolistas) pero son fabas contadas os que viven ben de escribir literatura. Haberaos que vendan publicando novelas e vendendo dereitos para a televisión e o cinema, pero ese debería ser outro epígrafe no rexistro do IAE. É inxenuo confundir o que fan Tokarczuk, ou Mircea Cartarescu, co oficio de Brandan Sanderson ou Harlan Coben. Mais o lamento da autora polaca oxida a trabe que sustenta o engado da literatura como actividade anómala no capitalismo industrial: As editoriais, a conta de venderen literatura comercial, podían sustentar proxectos pouco rendibles ou directamente ruinosos como publicar unha novela de máis de mil páxinas que non negocia nin unha concesión cos “lectores preguiceiros” dos que se queixa Tokarczuk. O brillo da literatura parecía capaz de atopar o seu lugar, coma unha das poucas disciplinas humanas aínda transcendentes, no espazo inmaterial da existencia humana. Si, un libro é un obxecto físico, sexa unha novela literaria ou un manual de autoaxuda, pero o seu límite é inmaterial, supera o seu papel de fetiche e mercadoría. Ocupa, na nosa memoria e na nosa experiencia emocional, un lugar máis elevado.
Mais o que di Tokarczuk é que esa época quizais rematou. A experiencia lectora non quedou fóra do exhibicionismo narcisismo da era das redes sociais. Seguro que ler sempre foi un indicador de status, que as bibliotecas de chan a teito contan tanto coma as polgadas da televisión da sala, pero xa non chega con ler e acumular. Agora cómpre ler e amosar. Nun ámbito que prima a cantidade de impactos. É complicado ter un muro de Instagram ben nutrido con libros de máis de 500 páxinas. A brutal suba do papel desde o 2021 é dos poucos índices inflacionarios que non se trasladaron ao consumidor final. Os libros non valen na libraría hoxe o dobre que daquela, ao contrario do que ocorre coas cenorias ou as costeletas de vitela, mais si se multiplicaron os custos de produción. Isto supón que, en efecto, moitas editoriais bufen cando deben publicar un libro voluminoso. Hai autores, tamén en Galicia, peregrinando de despacho en despacho intentando convencer os directores editoriais de que “aposten” pola súa novela grosa. Será casualidade que a meirande parte dos premios de narrativa en lingua galega estean pensados para “novelas curtas”?
Con certeza, os andeis das librarías están ateigados deses libros do futuro dos que fala Tokarczuk: Novelas de entre 100 e 200 páxinas, cunha mensaxe literaria moi medida e unívoca. Algunhas con indiscutible valor literario.
Hai anos, Eva Moreda defendía aquí que “os posmodernos poderían dicir o mesmo sen tantas páxinas” e talvez Os Libros de Jacob sexa unha novela excesiva á que lle sobre texto, pero tamén é verdade que a novela contemporánea, tras décadas de acumulación de teorías, modelos, estratexias, modas e debates, só se pode definir como un artefacto onde debe primar, por riba de todo, a capacidade do seu autor para crear un universo, coas regras que lle pete; e pode haber universos complexos do tamaño da cabeza dun alfinete, coma os que se atopan nas páxinas de Jorge Luis Borges ou de Eva Baltasar. Pero non esquezamos que a literatura tamén é oficio de doentes de verborraxia, ególatras aos que lles encanta facerse ler. Como dicía António Lobo Antunes, escritores que son coma gatos: Nunca van achegarse a ti para animarte a que os leas, senón que van facer arder o mundo para que rabees por asistir ao seu incendio. Gustaríanos igual Contraluz, de Thomas Pynchon, A máis recóndita memoria dos homes, de Mohamed Mbougar Sarr, O plantador de tabaco, de John Barth, Noticias del imperio, de Fernando del Paso, A fogueira pública, de Robert Coover ou Refuxio no tempo, de Gueorgui Gospodinov se os seus autores as escribisen na metade de páxinas? Non é acaso ese dispendio de forza o que converte eses libros en puñadas contra a ditadura da produtividade 24/7?
E se cadra a literatura XXL quedará como vicio “de nicho”, igual ca os xogos de guerra de mesa que lle encantaban a Roberto Bolaño, ou o coleccionismo de cámaras fotográficas fabricadas na RDA. Algo dese ambiente pode palparse no concepto brodernism que inventou o escritor e tradutor arxentino Federico Perelmuter nesta crítica dunha novela de Laszlo Krasznahorkai publicada na revista Los Angeles Review of Books de hai pouco máis dun ano. Algo así como un híbrido entre o modernismo de primeiros do s. XX e bro, como expresión dunha masculinidade excluínte, en referencia a que a meirande parte das obras que se engloban neste suposto movemento están escritas por homes. Estarían estas obras, segundo Perelmuter, unidas por un “vasto río negro de letra de imprenta”, infectadas polo experimentalismo pretensioso. Un grupo de obras adoradas por un grupo de incondicionais dos “ladrillos” cuxo liderado, polo menos moral, gañou a pulso por Andrei, o misterioso crítico literario fundador da marabillosa web The Untranslated (aínda acubillado con orgullo en “El WordPress”), e que ten en editoriais como Deep Vellum (selo texano que publica en inglés e nos EUA moitos destes libros “bromodernistas”), a francesa Noir sur Blanc, a portuguesa Cavalo de Ferro (Penguin) ou as españolas Pálido Fuego, Fulgencio Pimentel, Candaya ou Impedimenta entusiastas seguidores capaces de obrar ese milagre do que xa dubida Tokarczuk, que ese estado febril da literatura se contaxie entre autores e lectores.
Quizais o que faga falta é buscar o xeito, amañar o modo de conquistar máis tempo para deixarse arrastrar, coma nun fascinio irresistible, por Miquel de Palol, Michael Lentz, Alberto Laiseca, Antonio Moresco, Cristina Morales, Clemens J. Setz, Sara Barquinero, Lucy Ellman, Elsa Morante, William T. Vollmann, Gustavo Faverón… E, por suposto, por Olga Tokarczuk.






