‘O raposo na fronde’, retallos envolventes

Héitor Mera.
Hai obras que dan que pensar. E non o digo xa polo contido que delas emana, senón que polo estilo no que está escrita; as ferramentas cohesionadoras de toda a urda, poñamos por caso, dunha novela, ou pola sensación de estrañamento, de estar ante algo distinto; feito este último axeitado e desexable se de literatura falamos.
Neste sentido este, de momento imos chamarlle libro, de Eva Moreda dá moito xogo. A min gústame máis ou menos dependendo do punto de vista con que o observe.
O libro expón as experiencias dunha familia ao longo do tempo. Situacións realistas, duras, emotivas… atopamos todo o que se puidese esperar dunha historia? tal que así. De entrada o estilo, o discurso de Moreda. Envolvente. Creo que o xeito de narrar é fondo e equilibrado. Desprovisto de artificios innecesarios e ao tempo provisto dun ton e un devir que sitúa o lector ante unha obra literaria digna da maior das atencións.
Supoño que este bo facer no discurso de Eva Moreda vén asociado ás peculiaridades estruturais e, ao mesmo tempo, apenas matices, que se dá neste seu libro.
A cuestión é que lendo O raposo da fronde, co gozo ao que me refiro, teño unha dobre sensación. Por un lado, se leo o libro apuntando a cada un dos capítulos coma se relato independente fose, a satisfacción é maior. Polo outro, se do que se trata é de proxectar a historia coma se dunha novela se tratase, a cousa cambia. O desenvolvemento como novela falla. Non na historia, non no discurso, non no estilo; falla na cohesión do macrotexto. É coma se a autora collese retallos e os fose cosendo, cada un deles moi fermoso, pero no conxunto cuns contrastes que non acaban de darlle o punto de enlace axeitado a cada unha das partes. É coma se fose literatura de aproveitamento. Coma se fose sumando distintas historias (con nexos comúns entre elas), pero que non acabasen de conformar un todo ben ganduxado.
Así as cousas, esta cuestión non desmerece o mérito literario de Moreda. Recomendo esta lectura. Polo feito literario en si, pola recreación dos textos ben escritos, equilibrados en cada un dos seus retallos e emotivos na súa recepción.
Se cadra, este xogo da pseudo-novela fronte ao libro de relatos con conexións poida ser un logro da autora. Non todo van ser estruturas lineais. A vida é máis complexa e a esencia permanece con forza.
Desde logo, Eva Moreda fíxome pensar, gozar coa lectura e divertirme nas miñas viaxes en barco de Cangas a Vigo e neses momentos manuelantonianos eu agradézoo moito.
♦ O raposo na fronde, de Eva Moreda, Morgante, 2024. 84 páxinas. ♠15€