‘O relato inacabado’ vs ‘O raio verde’
Xornada 4 da Liga Maruxairas do Outono 2021. Duelo entre Sofía Sicilia e David Botana.
Traba: Os relatos deben ter exactamente 499 palabras, fóra o título.
O relato inacabado
David Botana.
—É a maior cúpula de toda a antigüidade e segue sendo, desde logo, un dos
maiores fitos do enxeño humano…
Sandro está cun grupo de arquitectura. Son os seus favoritos. Desta volta
non toca falar de Agripa, nin da simboloxía relixiosa que foi pasando a través
das épocas por este máxico lugar. É demasiado bo no seu traballo. Hoxe toca
analizar o deseño da obra que contemplou impasible e eterna a todos aqueles que
quixeron posuíla. Iso mesmo me dixera había dous anos xa, despois convidoume a
un café machiatto e contoume Roma como só un amante pode facelo. Xa
non puiden marchar.
—…toda esa luz sen absolutamente nada de tracción, compresión pura. A
curvatura real da masa, amigos, e poida que do tempo, está enriba das vosas
cabezas…
Veuse arriba, está contento. Acaba de verme. O meu italiano menos italiano
de toda Italia. “Sonche coma os obeliscos roubados en Exipto, cara”. Esa
risa, meu deus. Xa estou na súa cabeza e el na miña. Frases enteiras só co
mirar. Como podes coñecer a alguén así en dous anos?
—…a clave está na clave. Este chiste só funciona cos do voso ramo, hehehe…
A clave realmente é o óculo, o ollo polo que nos mira Deus. Todos os que aquí
chegaron sentironse observados pola divinidade. Un mirar cálido, eterno…
Estame falando a min. Sempre sabe como facerme rir. Pero hoxe… Non, deuse de
conta. Agora está coa mosca detrás da orella. Un mal xesto meu e xa se decatou
de que algo vai mal. Non deixa de fitarme, de interrogarme co xesto. Eu digo machiatto
cos beizos e intento forzar un sorriso xenuíno. Teño que tranquilizalo, saír da
súa cabeza, cando menos ata que remate a guía.
—…pero poida que o máis importante, coma en toda a arquitectura romana,
sexa o utilitarismo e comodidade arquitectónica. Esa funcionalidade harmoniosa.
Xusto ao contrario ca os nosos coches…
Baixou o ritmo. Fodinlle a chispa. Está a pensar no que me pode pasar. Evito
miralo e collo o teléfono móbil. Sae unha mensaxe de Marco. Dime que estivo
ben, que hai que repetilo. Teño ganas de chorar. Só tomamos un café pero
síntome coma Xudas. Non lle dixen nada a Sandro. Eviteino todo o día só para
que non me vise a cara. Cando nos viu na festa, lendo o meu corpo, o meu riso…
estivo mal unha semana. Penso que o soubo moito antes ca min.
—…segue en pé a pesar de incendios, ataques e case un par de milenios de
políticos italianos. É posible que aguante ata o desamor.
Os seus ollos e agora si que choro. Sábeo. Vén a min, ri pero está roto. Non
sei que vou facer. Por que non o podo querer se o quero tanto?
—Cara…
Abrazámonos baixo o abrigo do ollo de Deus. Quero dicirlle algo, pero non me
saen as palabras. Ficamos así un bo anaco, ata que me tranquilizo. Sepárome e
miroo á cara. Enxúgolle as bágoas con dozura e dígolle que o
O raio verde
Sofía Sicilia.
—Como que acabastes?
O Vaticano parecíame o lugar máis raro para andarse con lerias. Pensei que o que me dicía non tiña pés nin cabeza, que era imposible que algo así ocorrese. Xan e Mariola? Levaban xuntos oito anos, dende os dezaseis. E agora, ela, debaixo da Capela Sixtina, cóntame que todo iso xa se foi? Que o seu amor se esfumara coma a saraiba da mañá? Non podía crelo.
—Foi hai un par de semanas. Non quería dicirche nada porque aínda o estaba procesando.
Procesando? Que clase de escusa era esa?
—Ven aquí —Apertei a Mariola entre os meus brazos, acollina co seu corpo enteiro, coma se eu fose engulir ese saquiño de ósos.
—Anda, miña nena, ven —volvín dicir.
Sentín como a blusa se me pegaba.
—E logo que foi? Deixástelo por propia vontade.
—Deixoume el.
—Que? Iso sí que non o esperaba.
—Anda, mira —De súpeto, Mariola sinalou co dedo o teito—. Va que é fermoso?
Ás veces Mariola ata me asustaba. Como podía ser tan sumamente fría?
—Xa vexo muller, pero quero que me contes, anda.
—Pois… non sei. Xa sabes como é Xan, uns días quere unha cousa e outros quere outra.
—A verdade e que si que é algo paspallás.
—Ben, pois resulta que un día estabamos tirados na súa cama, no seu piso, en Salgueiros. Seus pais marcharan para a casa de Caldelas e el invitárame a pasar alí a fin de semana, coma sempre. A cousa é que estaba eu estomballada enriba das sabas, espida, e Xan púxoseme a acariñar, pasaba o dorso da súa man polas miñas costas coma nunca o fixera, era incrible.
—E que ten isto que ver coa ruptura?
—Anda, cala, que non sabes agardar. Resulta que o sol entraba pola fiestra en forma de raios verdolados.
—Verdolados?
—Raios verdes. Como avermellados, verdolados.
—Coma esa pintura? —Sinalei un dos anxos da capela.
—Aínda máis verde, verdísimo.
—Un sol verde?
—Uns raios verdes, o raio verde!
Mariola deu un chimpo. De súpeto, todas as turistas quedaron mirando para nós.
—Ben, sigue, sigue, anda.
—Resulta que O raio verde foi sempre o filme favorito de Xan; sempre andaba con ela ás voltas. Dicía que el quería vivir unha historia así, marchar lonxe, eu que che sei. Buscar novos amores.
—Como?
—Si… e que por iso non podía estar comigo, que sentía aquilo coma unha especie de revelación. Coma se Rohmer lle estivese falando, coma se algo viñese dicirlle que o noso amor non tiña máis cabida no mundo. E nada, xa me ves a min, quedei feita un farrapo. Non durmín nada durante dous días enteiros, tampouco comín, mira, mira —Mariola amosoume o pantalon, que lle sobraba—. Pero sabes que che digo? Que fodan os homes, que eu son o suficientemente boa para vivir soa —Admirei o xeito de falar de Mariola—. A min é que xa non me importa… unha persoa que pasa contigo tanto tempo, que se supón que te ama e despois isto? Non ten xeito.
Vou co duelo entre Sofía e David. Coincidistes no enfoque de dúas historias de amor/desamor.
O relato inacabado
Gustoume este relato, desde o principio hai algo nel que motiva seguir lendo e queres saber como segue. E ese final aberto onde o lector pode decidir como rematalo para min é orixinal e fresco. Reflicte moi ben a angustia da muller que non sabe como manexar a súa relación con Sandro.
O raio verde
Non entendín ben este relato (lino 3 veces) pero a historia parece que vai perdendo forza, sobre todo na parte do sol verde, que non acabo de toparlle moito sentido. Non vin a película que se cadra daríame pistas que non acabo de topar no relato. E o final tampouco me convence moito. Se cadra é porque o seu contrincante me gusta moito, ou porque non chego a entendelo de todo.
O meu voto é para O relato inacabado.
O relato inacabado
Gustoume moito este relato. O final sorprendeume (xa non recordaba o titulo ó chegar alí) e completei sen darme conta esa palabra 500 mentalemnte. Boa xogada. O uso do presente é unha das claves do bo funcionamento do relato (e ainda asi hai algunha en pasado como “baixou o ritmo”). Os relatos en presente, ben feitos, e refirome con iso a que fosen “pensandos” en presente e que funcionen só co presente, teñen unha forza á que non se pode chegar cos relatos en pasado. Pero é como xogar con nitroglicerina, se che tembla o pulso durante a execución, palmas.
Sandro fala da cúpula pero tamen está falando de si mesmo en certa forma. Do que está vivindo nese momento. E está moi ben escollido ese vínculo entre eles dous, como se describe e como se manexa nun relato no uqe non falan da forma habitual entre 2 seres humanos. É un relato para enmarcar.
O raio verde
non vin a peli, pero sei o que é “o raio verde”. É un fenomeno atmosferico moi raro que se pode apreciar ó mencer ou ó solpor. cunha busca en google xa o tedes. Non sei se iso ten que ver co relato, pero aí o deixo.
A actuacion da protagonista do relato paréceme melodramática en exceso. Parece a reaccion á sua propia ruptura, non logro crer que sexa unha reaccion intima e sincera á ruptura de outra parella, por moi amigo que fose, ou polo menos non desa forma que o conta. Todos coñecimos parellas que romperon e inda o shock mais grande non produce tales pensamentos. No primeiro que pensamos eu diría que é en como quedamos nós con respecto á ruptura, por exemplo. De feito semella mais a reacción a unha ruptura entre 2 personaxes dun libro/serie que un estea lendo/vendo, inda que desde unha perspectiva un tanto adolescente ou amateur.
Supoño que a/o autor/a quería contrapor a reaccion de cada unha, a dramática e a calmada, como fan a veces nos animes/mangas ou nas pelis coreanas, onde as personaxes sobrereaccionan continuamente mentes outras manteñen unha calma irreal.
A escena do raio verde gustoume, habería que darlle unha volta á execución pero está ben metida. O final, en cambio, con esa conclusión tan mundana despois de semellante misticismo, deixoume frio. Talvez debía dicir ela que tamen queria atopar o seu propio raio verde, ou algo asi, algo que cadrase mellor co que se estaba contando. Tamen está un pouco desproveitada a 1º persoa, ó mellor en 3º funcionaba mellor, porque a narradora non aporta nada de si mesma á historia.
Voto polo Relato inacabado.
que curioso que ambos relatos, con esta foto, foran falar de desamor, non?
Como xa se comentou, pareceume moi curioso que ambos relatos optasen pola mesma temática. Case parecen dúas versións da mesma historia.
O relato inacabado
Paréme un moi bo relato. A estructura de intercalar a visita guiada cos pensamentos dos personaxes principais paréceme moi apropiada, aínda que penso que lle falta unha chisca de interacción entre ambos “mundos”. Tal e como se executou, ralentiza o ritmo da narración. En todo caso, os conflictos e motivacións dos personaxes quedan claros e o final aberto tamén me parece un acerto.
O raio verde
Tendo a preferir as narracións sobre os diálogos porque habitualmente consigo apreciar máis os personaxes a través delas. Este relato tamén está moi ben escrito, pero quizais por causa da falta dun narrador un pouco máis presente, conseguín empatizar menos con el.
O meu voto vai para “o relato inacabado”.
Que curioso que ambos tirasen polo mesmo tema!
“O relato inacabado”
Sorprendeume canto me gustou ese final inconcluso. A historia non é das que máis me atraen e mesmo me pareceu que por momentos é pouco clara (tan engaiolada primeiro, tanto se lle nota que lle mola outro despois…), pero penso que está moi ben narrada, avanza redonda e o remate aberto é magnífico.
“O raio verde”
Ai, síntoo, demasiado irreal para min, como esaxerando as emocións e as reaccións.
E o raio verde (avermellado verdolado??) non só non me di nada senón que non explica o peche, tan apresurado e frouxo.
Voto por “O relato inacabado”.
Boas.
Xa sei que chego tarde, pero por se aínda valeran para algo, aí van dúas palabras.
Esta é unha competencia entre dúas formas de enfocar o relato sentimental.
Gústame a trama e a linguaxe de “O relato inacabado”, aínda que quizais ande algo escaso de pistas sobre as motivacións das personaxes. Tampouco é que importe demasiado.
O raio verde é a crónica dunha separación en clave intelectualoide; persoalmente esmágame o simbolismo do raio verde: está ben transmitida a idea de que o fulano non está á altura das expectativas.
Gustoume máis “O relato inacabado” a pesar desa ausencia de final, ou igual por iso precisamente vai para el o meu voto.
Interesante duelo. Non sei que viron ambos autores, que os fixo tirar por camiños parecidos.
O relato inacabado é un moi bo traballo. Xa o detalle do final esta moi ben buscado, pero e que todo nel funciona perfectamente. A escea flúe sen problema e a explicación de Sandro chega a funcionar case mellor dentro de si mesmo que fora. O presente dálle esa forza que inunda a lectura. Meus parabéns ao autor.
O raio verde escolle un fenómeno moi curioso. Quizais lle perde un pouco a aposta melodramática, que chega a ser abafante no clímax da personaxe, que me costa un pouco de entender. Ten bo ritmo e consegue levar ben a tensión, pero o final quedáselle curto. Queda xusto no silencio incomodo que imaxino despois de dicir unha frase así.
O meu voto vai para O relato inacabado