‘O republicanismo de Castelao’, un estudo de David Rodríguez para a España actual
Manuel Veiga Taboada.
O nacionalismo galego contemporáneo carece dunha visión de Estado articulada. Certo que empezou, a comezos da Transición, cunha proposta neste sentido, as chamadas Bases constitucionais da nación galega para un pacto federal, pero que moi pronto se viu inviábel. Bastantes anos despois, e quizais con menos ambición, o BNG, xunto co PNV e CiU, asinaron a chamada Declaración de Barcelona, na que as tres forzas defendían “unha nova cultura política” para o Estado. Pero o manifesto e as ideas que postulaba foron completamente ignoradas polas forzas estatais. Hoxe, no canto dunha nova cultura política, estamos a presenciar un extemporáneo revival dos mitos franquistas que, máis que ofreceren unha proposta de futuro, parecen poñer en evidencia o esgotamento dun ciclo na política estatal.
O procés català non postulaba, pola súa parte, unha nova España, senón a independencia de Cataluña. Só o universo inicial de Podemos, despois do 15-M, parecía conter algo desta idea de rearticular España dun modo diferente ao implantado por Franco e tamén ao reformulado máis tarde pola Constitución de 1978. Pero este xermolo alternativo, que conseguiu ao principio un importante eco nas nacionalidades históricas, diluíuse deseguida ao chegar a Madrid. A poderosa administración do Estado, os múltiples servizos dos que dispón, entre os que poderiamos incluír os medios de comunicación e a maquinaria electoral, absorberon en poucos meses ese inicial impulso centrífugo, hipoteticamente federalizador.
A forza do propio procés independentista xa se baseaba na idea de que non tiña sentido ser federalista, como algúns socialistas cataláns pretendían, simplemente porque en Madrid non había interlocutores. A España monolingüe non era federalista.
Este sintético cadro móstranos unha situación de impasse á que non se lle ve remedio inmediato. E, non obstante, segue sendo necesario elaborar propostas construtivas. No que lle toca ao nacionalismo galego, que é o que nos corresponde, cremos que algún programa debería ter ao respecto, máis alá de servir de eco necesario nas Cortes das reivindicacións conxunturais galegas e de propugnar para o longo prazo a República Galega.
Este adro ou resumo político vén a conto, e quizais resulta imprescindíbel, para presentar o recente libro de David Rodríguez, Liberdades antigas, tempos modernos: O republicanismo de Castelao, e sobre todo para decatármonos da súa importancia.
Rodríguez trata de abrir unha vía que combine a razón de ser dos chamados nacionalismos periféricos coa existencia dun Estado forte, de gran peso histórico e de enorme influencia cultural, como é o español. E para iso recorre nada menos que a Castelao quen, debido sobre todo á época que lle tocou vivir, foi capaz de ofrecernos unha idea propia de Hespaña (cun “h” para marcar a diferenza) máis asumíbel polas distintas partes.
David Rodríguez ten argumentado xa noutras ocasións que, mesmo desde unha postura independentista, é necesario recoñecer que a historia que nos envolve é a do mundo hispánico, como asumen de forma natural os portugueses.
A idea motriz do libro é a de “republicanismo”, pero non se refire ao da II República, réxime que defraudou a Castelao, como deixou ben escrito, senón a un republicanismo antigo, de raíz grega, un republicanismo popular que entende a comunidade como superior ao individuo e que, polo tanto, se confronta co neoliberalismo e co individualismo extremo que na actualidade rexe nos países occidentais e sobre todo anglosaxóns. Lembremos a máxima de Margaret Thatcher de que a sociedade non existe.
David Rodríguez leva a cabo unha lectura fonda e pensamos que bastante orixinal de Castelao, relacionada por suposto coas teses doutros políticos e pensadores do seu tempo, e que corre en certo modo paralela á que hoxe no Estado español están a difundir ensaístas como José Luis Villacañas e Xavier Domènech, entre outros, autores todos nos que Rodríguez se apoia.
A idea primordial de comunidade aséntase na tradición e, no caso concreto de España, nos antigos reinos. Sobre isto, Rodríguez cita a loita contra os franceses como un caso exemplar. Despois de derrubarse o aparello estatal español, son as comunidades tradicionais, como a galega, as que se autorganizan e expulsan o invasor, aínda que despois boa parte dos seus intereses se vexan defraudados polo absolutismo do rei Fernando VII.
Fronte a esta raíz popular estarían as teorías constitucionalistas, case sempre papel mollado, case sempre de froitos breves, porque remiten a unha abstracción sen moita base real, ignorando o tecido social construído durante séculos polo pobo. Esa abstracción, propia do republicanismo francés xa maduro, e en parte baseada na Ilustración, quixo ser rectificada polo Romanticismo e polos que reivindican un certo dereito natural.
Sobre a tradición, en concreto, dinos Rodríguez: “Castelao non pretende restaurar, pretende engadir o novo inspirándose no vello: rectificar a Historia e engadir unha nova tradición á tradición”. E despois engade: “A ollada de Castelao é dinámica como a de Benjamin”, unha xínea intelectual “na que o romanticismo é indubidabelmente progresista”.
Nunca estivo España exenta desta perspectiva. Non podería ser de todo novo un ideario que fala da tradición. Velaí as Comunidades de Castela (S. XVI) e posteriormente a I República, con Pi i Margall á fronte. En Galiza habería que citar a Aureliano Pereira e Eduardo Chao, republicanos federalistas, ben diferentes dos republicanos da II República, que só chegaron a ser federalistas ocasionalmente e só de nome.
¿É posíbel retomar o camiño que aquí David Rodríguez reconstrúe, apoiándose sobre todo nos textos analizados de Castelao? É certo que a día de hoxe esta perspectiva non existe, pero non podemos coñecer o futuro. En todo caso, a proposta destas liberdades antigas para tempos modernos ten a virtude de incluír todos os pobos da península (un marco ao que podería sumarse Portugal). Non se lle pode así contrapoñer a crítica de que os nacionalismos periféricos son egoístas, pasadistas ou anti anti-españois.
É esta unha proposta que lles interesaría a todos, porque nace das propias raíces de cada un, a historia plural de España que só a manipulación e a forza converteron nunha liña uniforme e uniformizadora, monolítica e sustentada nun aparello administrativo que non contempla as necesidades populares e as características propias de cada territorio.
Quedan por dicir moitas cousas e entre elas, e non é a menos importante, que este ensaio, que eu considero ben elaborado e moi oportuno, recibiu o premio Vicente Risco de Ciencias Sociais na súa XXVI edición. Estamos ante un libro que merece ser lido e debatido a partir de hoxe.
♦ Liberdades antigas, tempos modernos: o republicanismo de Castelao, de David Rodríguez. Dr. Alveiros, 2022. 204 páxinas. ♠18€