BiosBardia

O país dos libros en galego

O revólver de Tórtola Valencia

Tórtola Valencia caracterizada para danzar, e espida nun debuxo do seu ex-libris.
Tórtola Valencia
caracterizada para danzar, e espida nun debuxo do seu ex-libris.

Xosé Enrique Acuña.

Unha muller quíxoo ser todo desde a arte que practicou. Tal foi a súa vontade que o logrou. O tempo, por décadas, conseguiu que fose desviándose da memoria e ela mesma, certo día de 1930, tamén apostou por que a súa figura se afastase definitivamente dos escenarios. Aínda estaba na plenitude mais decidiu retirarse. Antes, Tórtola Valencia foi unha bailarina e unha muller excepcional, deseñada por e para si mesma, que apostou por un concepto de danza que tentou conciliar e casar coa súa propia biografía. Desde que nunha noite de 1908 comezase a bailar en Londres, para un espectáculo que titulou “La Habana”, pasou a percorrer teatros de todo o mundo e neles ese adxectivo de “excepcional”, semella o máis acaído para caracterizar os pasos que representou na danza e nos valores de liberdade que transmitiu a outras mulleres non tan decididas e ousadas como ela.

Dise que nacera en Sevilla, que o seu pai e mais a nai morreron en México, e que ela chegou case nena a Inglaterra, onde se formaría como artista. Desde 1911, os galegos e galegas que podían ler xornais comezaron a saber desta muller da que non se ocultaban escándalos e mesmo ataques de bispos e sotanas no medio de campañas na contra do que eles entendían como pornografía. Pelexas nos trens coas súas asistentes femininas, vítima de escandalosos roubos das súas xoias, acusacións de uso de morfina ou interesadas noticias de que perdera a razón en Cuba. Cousas, xa fosen certas ou non, que aumentaban unha lenda que á fin se poderá gozar en vivo nos teatros galegos de 1920. Na espera, xentes con capacidade social e económica de estar informada sabían das súas andanzas previas. Coñeceron que fora modelo e tamén inspiración de pintores que bebían do exotismo e de caducos pasados históricos como Ignacio Zuloaga, Ricardo Baroja, Anglada Camarasa, Anselmo Miguel ou Eduardo Chicharro e que, xunto a caricaturistas ás veces crueis, debuxantes modernistas como Penagos, trasladaron a súa figura a revistas ilustradas e caixas de perfumes. Sóubose que Valle Inclán lle presentara unha audición no Ateneo de Madrid en 1912 e que, para poetas e intelectuais amigos, bailaría un ano despois en pleno cemiterio de Madrid.

Tórtola explicaba, entrevista tras entrevista, que viaxara pola India colonial e pola Rusia aínda imperial, que no Perú bailara case núa para os xefes indios ou que fora apedrada en México. Chegouse a narrar, para persignación e escándalo das beatas, que nunha igrexa da Orde Terceira en Yucatán, convertida en cuartel xeral dos revolucionarios, os insurrectos celebraron un banquete, servíndose dos vasos sagrados, cun altar maior redecorado con retratos de líderes da revolución xunto a un busto de Ferrer i Guarda e un retrato de Voltaire. A vez, detallábase, nos muros laterais os cadros do Via Crucis foran substituídos por retratos de bailarinas de varietés, entre os que destacaba un de Tórtola Valencia: Ave María Purísima!

Expuxo a súa propia pintura en 1920, deseñaba boa parte dos seus traxes e atrezzo e foi unha estrela pioneira do cinema mudo español. Desde a pantalla, a primeira vez que en Galicia se puideron ver os seus repintados ollos e figura foi no momento que no Pavillón Lino da Coruña se pasa a película Pasionaria, en xaneiro de 1916, con ela como primeira actriz. Un filme dirixido por José María Cortina que tamén se responsabilizará do drama Pacto de lágrimas, a segunda das cintas nas que Tórtola se converte no reclamo para o público, e que tamén foi exhibido nese mesmo ano polos cines galegos.

Tórtola e os escritores galegos

A emerxencia de mulleres artistas como Tórtola Valencia non foi ben dixerida mesmo desde certos sectores liberais. Xornalistas que se podían situar nese campo político-social non disimularon unha misoxinia activa que á vez disfrazaba unha postura defensiva e de desconcerto ante a capacidade de autonomía e decisión que Tórtola evidenciaba. Eran mulleres que viaxaban soas, que firmaban contratos por si mesmas, que elixían as súas amizades masculinas (ou femininas) en liberdade, e que ocupaban os cuartos dos hoteis desde un atrevemento que a outras mulleres non se lles admitía.

O xornalista galego Wenceslao Fernández Flórez foi todo un exemplo desta postura. Cando nas súas columnas citaba a artista —e faino en moitas ocasións— semellaba por unha parte admirala, mais en frases concretas e escollidas, repartía contra ela doses entre misóxinas e machistas que apuntaban directamente á intimidade persoal de Tórtola Valencia. Unha bailarina que definía como “unha eterna novela”; falsa, segundo o seu criterio. Como táctica, certas veces aproveitaba os seus artigos para atacar á vez dúas personaxes polas que non tiña especial simpatía: “Valle Inclán está casado e ben casado cunha muller tan culta como intelixente, pero de non ser así habería que abrir unha acción popular para obrigalo a se unir solemnemente con Tórtola Valencia. Xa comprenderán vostedes porque o dicimos”.

Fernández Flórez entendía que Tórtola, “mestra do reclamo publicitario”, ben podería converterse —pola súa paixón por inhalar certos fumes aromáticos— nunha das mulleres que poboaban o entorno ou a literatura de Valle Inclán: “Mágoa de solteiría do galán [don Ramón] para celebrar entre princesas espirituais e abades obesos, na capela ruinosa do pazo medieval onde, entre as rochas denegridas e tráxicas da illa de Sálvora, tivo a excelsa liñaxe dos Bradomín a súa preclara orixe, as nupcias gloriosas da danzarina [Tórtola] e o estilista [Valle Inclán]. Ela podería aprender a muiñeira para acreditala por eses teatros do mundo, e el se converter en novelador de xitanos…”. En textos que publicaba na prensa baixo o epígrafe de “El Madrid de un provinciano”, Fernández Flórez non ocultou nunca unha animadversión enfermiza por Tórtola á que acusaba de ser non máis que simple elenco feminino dunha novela “ao Eça de Queiroz”, e da que, sobre todo, habería que tomar con reparos de credibilidade todas e cada unha das afirmacións e aventuras autonarradas que repetía: “Di que o seu traxe o deseñou co pintor Ignacio Zulouga cando ela vai sempre envolvida en teas absurdas de debuxo complicado, todo un museo de anticuario. Non comprendemos que se poida experimentar por ela algunha paixón”. O Wenceslao mesmo se atreveu a afirmar que se Tórtola Valencia “se queixaba de que nunca tiña amado” era porque a súa forma de vida non lle permitía ser muller. Certo día tamén escribiu que fora a vela actuar “medio espida, envolvida nunha túnica que cobre as súas carnes” no madrileño Teatro Romea. E dese momento deixa unha agre e distante constancia do que sentiu ante a súa danza: “Hai beleza nun ataque de epilepsia?”. Outro exemplo e cando se quixo meter co toureiro Joselito —don Wenceslao, iso si, odiaba infinitivamente máis os matadores de touros que a artista— espetoulle que na area das prazas, cando lidaba, se lle parecía a Tórtola Valencia. É dicir, todo un insulto.

Dúas fotografías de Tortola. A bordo dun barco en Nova York e un dos seus aspectos xa  retirada como artista.
Dúas fotografías de Tortola. A bordo dun barco en Nova York e un dos
seus aspectos xa retirada como artista.

No mar de Galicia

Un titular de 1917 agacha, para nós, a man do Roberto Blanco Torres xornalista: “A bordo do Alfonso XII está Tórtola Valencia”. No porto da Coruña, en tránsito para Nova York, Tórtola recibe en 1917 un xornalista que confesa que nunca a vira bailar. Sabía dela, aclarou, polo poeta español Antonio de Hoyos, “sacerdote máximo da escola decadentista castelá”. Esa xornada, Blanco Torres sentiu durante a conversa que a Tórtola lle crecían os ollos e a boca dun xeito alarmante mentres a artista lle daba queixas por conta de todos aqueles que a confundían “cunha simple cupleteira”. A ela, porfiaba, non se lle podían pagar só 500 pesetas mentres que a Nova York, onde “hai casas de sesenta pisos, con catro ou cinco ascensores eléctricos” vai cobrar “vinte e catro mil pesos por dez semanas, nas que traballarei só catro días e durante unha hora”. En prosa ampulosa, o xornalista descobre o porte de Tórtola Valencia e os seus “brazos perfectos, aínda que algo grosos de máis para unha sacerdotisa, dunha bela color morena mate”. Despois de sentir “a mirada dos seus ollos inmensos, lixeiramente sombreados polo veo que envolve a cabeza da artista, as pestanas e o discretísimo e sabio craión”, repara na súa “axila coidadosamente depilada” e que ía “vestida de negro, coas pupilas agrandadas no círculo violeta das olleiras”. Coida o noso Blanco Torres que os ollos de Tórtola eran como xoias ou estupefacientes e, escravo dos mitos que Tórtola representaba coa súa danza, pensou que non merecía o nome de Tórtola: “Non concibimos unha tórtola a estirar as patas ao compás da sádica danza de Salomé. Quizais o nome de Ibis estaría mellor aplicado á intérprete dos ritos faraónicos e caldeos”. No remate da charla, Tórtola confíalle o segredo do anel que portaba con nove pingas de veleno. “De ácido prúsico?”, pregúntalle Blanco Torres; “Peor aínda. De pezoña de áspide”. É a resposta de Tórtola que, diante do empresario,“colorado como un gandeiro”, se despide dun xornalista que expresa o lamento de non poder vela danzar nun teatro coruñés, pero si encantado de coñecer a través dela “esas casas de sesenta pisos” de Nova York.

Foron tres os anos que Tórtola tardou en actuar por vez primeira en Galicia. En xaneiro de 1920 debuta no Teatro Rosalía de Castro con enorme aparato de propaganda e cun programa no que baila coreografías montadas sobre pezas musicais de Edvard Grieg, Saint-Saëns, Granados, Albéniz ou Chopin. Tres días de sesións das que queda un testemuño xornalístico no que igualmente queremos ver a pluma de Roberto Blanco Torres. Malia situarse como unha “parte insignificante do público provinciano, de quen non é corrente que cheguen as emocións supremas do espírito universal senón con considerable atraso”, o xornalista tenta facer unha crónica que non se pareza en nada ás “ampulosas e pedantes dos revisteiros literarios cortesáns” e, non querendo “saber de todos eses adxectivos rimbombantes de dicionario enciclopédico con que a designan os cronistas do hieratismo”, transmite unha modernista visión dun dos bailes interpretados por Tórtola Valencia: “Na Marcha Fúnebre de Chopin, feita para chorar unha profunda desventura sobre a lousa do irreparable, a fermosa muller, expresión agora das tristezas sen consolo, avanza humillada ao peso da súa desolación, tocando a fronte no cisco da senda, reptando na sombra, caneando o corpo da dolor que a ameaza e cerca; a se crispar, a se retorcer, a intentar apresar entre os brazos algo que os ollos mortais non poden ver, mais que o espírito adiviña entre as garras xeadas e inconmovibles da Escuálida”.

O xornalista metido a crítico transcribe tamén unha agradable sorpresa. “Eu, a vostede, xa o coñezo. Viñera a verme a bordo do Alfonso XII…”. Tórtola seica non esquecera a vella conversa que os dous mantiveran, e permítelle que poida estar presente mentres a ela se lle secan as suores e retira a súa esaxerada maquillaxe. “Veña, sentaremos un intre (…) logo do baile non se me pode ollar de perto. Calquera diría que veño de saír do baño”, coméntalle, ao mesmo tempo que o convida a fumar un pequeno cigarro: “Un exipcio?”. Fuman os dous e pola cabeza de Blanco Torres pásanlle todos aqueles rumores que circulaban sobre a paixón de Tórtola polo haxix: “O fume do incenso non fai máis que causarlle un lixeiro proído nas inmensas e magníficas pupilas”. O cronista tamén se converte nun máis dos xornalistas que se empeñaron en saber a orixe real ou enganosa do seu nome artístico: “O meu apelido é Valencia e o meu nome … Ben, chámome Tórtola porque si. E non me pregunte máis porque me fai dano falar diso. Algún día direille a razón…”. Fracasado o intento non lle quedou outra que incumprir aquel primeiro desexo de non caer na pomposidade: “Tórtola, é unha muller de lume; mais tamén de carne e seguramente de óso —non nos atrevemos a meternos en interioridades— moito máis apetecible que as figuras dos frisos do Partenón (…) Ten a robusta arrogancia das amazonas e das valquirias, necesaria para erguer, sen vacilación, a punta do veo gardador do misterio na que xace oculta a perdida beleza das civilizacións ignoradas”

A chegada de Tórtola ás cidades onde actuaba —en poucos días era contratada por Isaac Fraga para que debutase nos seus teatros de Santiago, Pontevedra e Vigo— quedaba precedida dunha peculiar campaña de publicidade a medio de notas facilitadas pola propia artista á prensa. En Galicia, os textos que se inseriron para gloria de Tórtola Valencia contaban coa firma de figuras como Valle Inclán e Emilia Pardo Bazán, as dúas incontestables entre a clase social que se podía permitir o prezo das entradas do espectáculo. Así, as palabras que achega como saídas da prosa da Pardo Bazán retratan unha bailarina personificadora do orientalismo e que malia que a escritora recoñecía que só unha vez vira a actriz “coas súas estrañas e suxestivas danzas”, tal visión xa fora de abondo para impresionala: ”En Tórtola Valencia semella renacer Salomé, que é un dos ideais estéticos do noso século”. Mentres, no caso de Valle Inclán sempre se ofrecía completo o soneto que titulara “A Tórtola” e que, apropiado para época, contiña estrofas que tentaban transmitir imaxes moi do gusto da artista: “Los ojos negros, cálidos, astutos / Triste de ciencia antigua la sonrisa / y la falda de flores una brisa / de índicos y sagrados institutos”.

O poeta Ortiz Novo, tan achegado a Camilo Díaz Baliño que atendeu profesionalmente os pases de Tórtola en Santiago (o mestre Ángel Brage dirixiu a orquestra), declarou un día que só dúas veces se sentira cativado polo potencial artístico dunha muller. Foran, subliñou, os días que vira actuar a dúas mulleres únicas. A Berta Singerman, recitando, e a Tórtola Valencia a danzar. Gozounas na mesma Compostela que con outro poeta como Manuel Fuentes Jorge representaban os dous unha decadente e simbolista escola galega de poesía en español. Fuentes Jorge, escritor e á vez xerente do teatro santiagués de Isaac Fraga que contratara á artista, define a Tórtola como unha “flor de paganía” por medio dun soneto, propio dunha poesía ancorada no século XIX, desde o que quere engaiolar unha Tórtola Valencia que pouco despois foi citada, e desta vez en galego, polo Eugenio Montes plenamente vangardista cando, nun artigo enchido de futurismo, lle quere facer saber a un tamén caduco e simbolista poeta portugués Eugénio de Castro que, no escenario madrileño do Teatro Maravillas en 1922, mentres baila Tórtola Valencia, ao mesmo tempo Apollinaire e Marinetti xa viaxan en tempo “crochets e uppercuts e aeroplanos”.

Nas nove ondas da Lanzada

O outro Camba, Francisco, será o que un día de 1920 lle transmitiu que Tórtola Valencia pasara en Vigo unhas xornadas de lecer. E nesa cidade, refería, Tórtola escoitou a alguén falar do mar da Lanzada e mesmo que as súas praias, virxes de turismo, poderían sinalarse como as máis máxicas do mundo: “Tórtola pediu un automóbil. Desde lonxe ollou a praia brillando co sol”. E onde a bailarina imaxinou que se situaría un balneario para tomar baños, a artista ollou unha torre medieval e unha capela románica a modo de santuario. Camba sitúa a data xusta do almanaque e mais tamén as noticias que a artista recibe tras mostrar curiosidade polos centos de persoas que alí viu concentradas. Os que lle falaran dunha praia sempre solitaria pásanlle a comentar: “Case deserta o resto do ano. Mais hoxe é día de romaxe”. Camba narra o que deseguido aconteceu: “Cos seus acompañantes, Tórtola Valencia detívose a almorzar nunha taberna do camiño. E alí soubo outras cousas respecto ao motivo da súa viaxe”. Na praia da Lanzada aquelas poubanas que ela vira non vestían nin se comportaban coa altivez das burguesas que enchían as praias de Biarritz. Eran mulleres novas e mais tamén menos novas que alí se achegaron desde a montaña. “Veñen tomar pola noite, ás doce, as nove ondas que as sandarán de meigallos, que as purificarán”, apúntanlle para aumentarlle a intriga cando o seu interlocutor (o propio Francisco Camba?) lle confesa que esas “nove ondas é necesario tomalas en plena nudez, e hai demasiados curiosos”.

A partir deste momento, Camba aproveita para transmitir unha dúbida: “É posible que nunca teña estado na India. Mais ela di que si. Di que foi á India co obxecto de bailar espida en presenza do Ganges”. A lembralo, cadrou unha comparativa —“de socato, diante dela, ao alcance dos seus pés, outra auga ritual e sagrada”— e, ao tempo, aventura un desenlace ideal e literario: “Nada se sabe de certo do que fixo nese serán no que decidiu non retornar a Vigo. Os romeiros da Lanzada, segundo por estas aldeas se dixo, aquela noite, desde o alto da ermida, viron un cortexo estraño que se achegaba á luz da lúa. Un grupo de xente tras dunha muller a cabalo, cuxa beleza ben se adiviñaba desde lonxe, e cuxa alfaias relucían prodixiosamente (…) a caravana detívose ao pé dos cantís, xunto á mellor das covas. Despois escoitouse un cántico e desde a gruta saíu unha figura branca, xa sen alfaias e xa sen adornos. Unha branca figura de muller que se adiantou cara ao mar con paso rítmico e que recibiu as nove ondas relixiosas”.

Reclamo da actuación  en 1920 de Tórtola Valencia no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Reclamo da actuación en 1920 de Tórtola Valencia no Teatro Rosalía
de Castro da Coruña.

Un incidente armado en 1926

O retorno aos escenarios galegos por parte de Tórtola Valencia fíxose agardar seis anos. Vigo foi a cidade elixida para comezar unha nova xira por Galicia que non acadaría final feliz. Cando bailaba sobre unha alfombra colocada sobre o escenario do Teatro Tamberlich, Tórtola férese nun pé ao se pinchar cun pequeno cravo alí esquecido. A soportar o sufrimento mentres executaba os seus bailes, ninguén do público detectou a súa dor. Mais en canto baixou o pano que lle daba final á primeira parte da súa actuación, converteuse na Tórtola colérica da que tanto se tiña falado. A berros, procurou o oficial tremoísta e sobre el bateu insultos dunha ampla e acreditada colleita. Pero o verdadeiro e máis grave problema chegará deseguido. Ante as acusacións da bailarina, e na defensa do seu bo facer profesional, o traballador sinalado nin se encolleu nin se achicou. Tórtola, ofuscada e fóra de si, diríxese a correr cara ao seu camarín para reaparecer armada dun pequeno revólver co que apunta directamente o encargado da tremoia. Ao se ver en perigo, o tremoísta bótase sobre a artista e dunha áxil gadoupada logra tirarlle a arma que cae no piso. A tensión xerada crea un caos total nos camerinos, con desmaio de Tórtola incluído. Xa superado o breve síncope, négase a retornar coa ferida ao escenario. A pretensión por parte de Tórtola Valencia de non continuar o espectáculo xera novas tensións e tamén unha seria ameaza por parte do empresario teatral de chamar a policía para que esta levantase acta do perigoso incidente do revólver. A augurar problemas maiores e mesmo denuncias xudiciais, a Tórtola non lle quedou outra que entrar en razóns e, axuizada, decide reaparecer coas súas danzas ante un público ao que non lle transcendera a gravidade real do acontecido había ben pouco entre bambolinas. Aínda así, logo do sucedido coa arma e o tremoísta, Tórtola toma o día seguinte unha sabia decisión. A peripecia da noite anterior xa non estaba en exclusiva na boca dos implicados directamente, e o uso pola súa parte dun arma dáballe, con razón, mala espiña policial e xudicial. Aínda que por parte do ameazado non se interpuxese denuncia por suxestión do seu patrón teatral, Tórtola soubo que corría perigo certo de ser detida e quizais procesada. A medio de telegramas suspende a actuación que tiña prevista tamén na Coruña e xunto a súa miss de séquito toma un tren que a última hora do seguinte día a situará en territorio francés. En Biarritz, Tórtola agarda que se esquezan dela, do seu carácter e, sobre todo, do seu revólver vigués.

En anos previos a súa retirada, a vida de Tórtola Valencia convertérase, moi a seu gusto, en toda unha fábrica de noticias. Unhas polos seus éxitos, outras polos seus escándalos e, tantas por inverosímiles. Unha delas foi o anuncio de voda co poeta Antonio de Hoyos que os dous implicados sabían que era imposible que acontecese na realidade. De Hoyos, homosexual de mexadoiros, implicado no seu día en feos asuntos de proxenetismo, e republicano activo que mal faleceu nunha prisión franquista (aínda que a prensa pro-golpista galega deuno como asasinado polos roxos nunha saca no Madrid do 36), era por aqueles días un famoso poeta declinante que á vez coñecía de primeira man os propios gustos sexuais de Tórtola Valencia, da que, entre os máis achegados, non cesaban de circular rumores sobre as relacións que mantiña con determinadas mulleres. Malia que, seguindo a máis cutre tradición española, tentaron esposala co toureiro El Gallo, o certo é cada vez máis persoas coñecían que as súas miss, con remudas ao paso do tempo, eran en realidade as súas amantes. Con todo, Tórtola xogaba cos equívocos para non asustar nin escandalizar o seu público feminino. Mulleres que, como no caso das actuacións que celebrara en Galicia, cubrían boa parte das localidades, e que, sendo certo que representaban en exclusiva un minoritario sector social favorecido, fantaseaban —desde as actitudes artísticas e persoais de Tórtola Valencia— novos territorios de liberdade individual en décadas previas á explosión liberadora, xa moito máis en clave popular, da II República.

Todo isto se lembraría en Galicia cando Tórtola Valencia morre con setenta e dous anos. O xornalista galego Pedro Míguez, correspondente en Barcelona do xornal compostelán La Noche, e gran seguidor do firmamento das grandes estrelas da cinematografía, consegue que o periódico dirixido por Borobó publique o obituario que lle prepara a Tórtola Valencia a pesar de que, recoñecía, “tantos pensabamos que xa tiña morrido”. Míguez trasladou o anecdotario final dunha muller que quixo envellecer arrodeada do seu patrimonio de arte misteriosa, traxes luxosos e papeis vellos nunha torre do barrio de Sarrià: “A porta da súa casa estaba blindada e fixo colocar timbres de alarmas e fortes barrotes de aceiro nas fiestras”. En realidade, Tórtola Valencia quería salvagardar un proxecto biográfico que foi acumulando no seu domicilio por medio dunha colección obxectos entre os que vivía ensumida na compaña da súa compañeira Ángeles Magret. Poucos amigos e familiares de adopción nun enterro no cemiterio vello de Barcelona, e esquelas afastadas do luxo para unha artista que aínda se carteaba con ex presidentes de repúblicas sudamericanas e que, segundo Miguez, “facíalles sinais aos anxos por medio dunha linguaxe que só ela coñecía”. Outro xornalista galego, Ramón Louzao —antes lexionario, xogador de rugby e hoxe esquecido— foi tamén dos que reviviu as xiras de Tórtola Valencia. O xornalista da redacción de El Pueblo Gallego, amais de definir a Tórtola como usufrutuaria dunha inmensa popularidade, con amizades nos cumios da política, as armas, a literatura e a arte, e con “máis dun éxito diplomático” nas repúblicas americanas, restaurou historias como aquela dun diplomático galego que na República do Salvador coñecera de ben perto a Tórtola Valencia.

A gloria cosmopolita de Tórtola chegaba á súa fin en febreiro de 1955 após décadas de “ocultación activa” en palabras da historiadora Iris Garland. Unha decisión, a tomada desde aquela retirada en Quito en 1930, caracterizada por Garland como todo un “autoexilio feminista” e que forma parte dos misterios e realidades que outras estudosas (Odelot Solrac, Irene Peypoch, María Pilar Queralt) perseguiron até poñela á altura de artistas mundiais da danza como Isadora Duncan, Maud Allan, Ruth St. Denis ou Anna Pavlova. O seu repregamento, o seu afastamento dos escenarios, coincide coa determinación de vivir en parella cunha muller que durante un tempo pasara como a súa asistente persoal. Tórtola decídese finalmente por unha relación ben complicada para a época, como imposible de ocultar. O método elixido choca coa realidade dos nosos días pero a estratexia legal que utilizou non foi, por moito que poda estrañar, única naquel tempo de tabús. Tórtola, desde o seu potencial económico, a permisibilidade de clase, e máis tamén, como non, desde unha ousadía entendida como liberdade persoal, adopta como filla a Ángeles Magret, unha muller moito máis nova que ela. E así viviron. Quizais, na realidade, tentou ser como algunha das mulleres-mito de antano que inspiraban e conducían as súas danzas.

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *