O Samaín 2016, a festa da Escarlatina
Ledicia Costas pasou a festa dos Defuntos no Barco de Valdeorras. Era a principal convidada dunha xornada que explica moi ben que sucedeu este ano coa festa do Samaín/Halloween en Galicia. A biblioteca municipal da vila organizou un día dedicado ao Universo Escarlatina, que incluíu obradoiros de maquillaxe, unha noite terrorífica durmindo na propia instalación e un festín coas receitas inspiradas no personaxe creado por Costas e que viu a luz no 2014.
Desde a aparición do primeiro libro da serie, Escarlatina, a cociñeira defunta (Xerais): premio Merlín, premio “Nacional” de Literatura Infantil, entre outros, o fenómeno do libro non deixou de medrar. O éxito da noveliña superou as habituais canles para a literatura infantil (recomendación ou lectura obrigada no ensino) para se converter nunha icona do lectorado máis novo, que devora os libros e tamén os pratos que cociñan grazas ao receitario que a obra contén.
As vendas da Escarlatina superaron os dez mil exemplares e o ritmo de reimpresións é altísimo. O nivel de penetración é regular en todo o territorio, no espazo máis urbano e nas vilas, entre crianzas de oito anos e rapazada que xa se arrima aos catorce. A eclosión deste fenómeno social descoñecido en Galicia até agora (podería compararse ao dos Bolechas hai unha década pero as súas características son diferentes) prodúcese xustamente na festa dos Defuntos. Moita xente escolleu disfrazarse inspirándose nos deseños de Vítor Rivas. Non só cativos senón tamén adultos festexaron a noite do 31 con fasquía vitoriana de camposanto.
Os motivos deste éxito de Ledicia Costas e o seu mundo fúnebre (a segunda obra da serie, Esmeraldina, a pequena defunta, tamén publicada por Xerais, está a ter tamén boa acollida entre o público) hai que buscalos en dous ámbitos, que se complementan.
Un gran libro
Escarlatina é un gran libro infantil. A autora conseguiu elevar con grande habelencia literaria un tema cotián pero difícil como é o dó entre os menores polos seres queridos. E logrou algo aínda máis complicado, que os lectores se fascinen polo texto e procuren polos seus propios medios ler o libro. Isto, que en calquera cultura normalizada sería algo cotián, en realidade é un pequeno milagre. A Escarlatina compite cunha miríade de ídolos infantís, case sempre publicados en castelán (Futbolísimos, a familia Stilton, Agatha Mistery… Até ten competencia directa no plano sinistro, a famosísima Ada Goth, do fantástico Chris Ridell).
Escarlatinando
Ademais dunha boa obra literaria, a Escarlatina é unha obra moi interesante como libro de receitas. Non son receitas de coña nin a autora as subordina ao resto do texto. Ben ao contrario, as receitas están moi ben elaboradas, adoitan saír ben e conseguen o seu propósito: que os rapaces se refuxan, batan nos cazolos e fedellen no forno. Este valor social, que nestas datas se complementa coa maquillaxe, os disfraces e demais ambientación fúnebre, foi fundamental para entender o éxito da personaxe nun tempo no que as familias lle outorgan un enorme valor á socialización dos seus fillos en aniversarios e demais festas.
Falta, de momento, levar máis alá o fenómeno. Xerais non ten costume de facer merchandising das súas obras mais quen sabe se no caso da Escarlatina nacerá unha liña de produtos, non estritamente editoriais, que fixe aínda máis o escarlatinismo entre a crianzada galega.