‘O sol do pasado’, chegando ao futuro con demasiada présa
Os escritores de literatura xuvenil son moi sensibles ao tópico de que moitos dos libros encadrados neste eixo editorial carecen de ambición literaria ou que chegan á imprenta con pouco traballo de imaxinación, corrección e edición. O problema é que non é un tópico senón unha certeza que se repite moitas veces. Eis o caso d’O sol do pasado, de Xorxe Emilio Bóveda, que publica agora Urco na súa nova colección ‘Xuvenil’.
A novela ten un argumento ben doado de explicar: no futuro a sociedade, tan perfecta que disque “todos o saben todo de todo” conseguiu dominar as viaxes no tempo. Tanto que o poder utiliza esta capacidade como hoxe a viaxe no espazo, é dicir, facilita a emigración ao pasado daqueles individuos que o pasan mal economicamente. Velaí o caso da familia protagonista: os Bouza, que atrapados nunha crise que vén sendo a nosa cun pouco de verniz futurista (modo cuántico, para que mellor encaixen as viaxes no tempo), son trasladados á Auria (Ourense, vaia) do noso tempo actual.
O libro está disposto en capítulos que tratan cada un dos estadios temporais nos que os Bouza fan parada cara a esa nova vida. Nas fases futuras, o autor describe, cunha xiria científica na que é doado perderse e que non ten demasiado valor no argumento, os cambios da vida do porvir a respecto da nosa. Naqueles episodios ambientados na Auria do século XXI, a graza é ver como a familia do futuro ten problemas de integración ao ver todo tan incivilizado, tan primario.
A novela de Bóveda ten dous grandes problemas. O primeiro, que navega durante 150 páxinas na intrascendencia. Os personaxes apenas evolucionan, non hai trama nin intriga. Non se crea ningún nó que o lector estea desexando desamalloar. Toda a tensión narrativa xógase á carta do atractivo dun futuro proxectado no presente. En ver como se desenvolven aqueles factores técnicos, sociais ou humanos que hoxe só son teorías, especulacións ou materia prima da próxima revista “Muy interesante”.
A novela de Bóveda ten dous grandes problemas. O primeiro, que navega durante 150 páxinas na intrascendencia.
O segundo problema é que está escrito ás présas, as páxinas avanzan a base de frases se non feitas demasiado calcadas dos xornais, mediante longuísimas oracións que un non dá lido sen tomar alento no medio e medio. O rexistro, coidado en moitos casos, non se axusta ao ton do libro. Ou mellor dito, si se axusta nun aspecto: é tan requintado como os protagonistas. Quizais era o que quería Bóveda: non só crear uns personaxes tan anódinos que a ninguén lle interese que lles pasa senón contar a súa peripecia coas súas propias palabras.
Bóveda é un narrador que porfía por integrarse no sistema editorial. As súas primeiras obras pagounas do seu peto e parece enfocado cara aos xéneros da novela popular estadounidense: terror, ciencia ficción… Especialmente no campo da ciencia ficción, demostra certa capacidade para imaxinar voltas e reviravoltas da historia presente. Fáltalle puír o seu estilo, abandonar a complexidade expresiva e os diálogos ampulosos ou banais; pórse no lado do lector, moitas veces incapaz de acceder ao seu universo creativo.
♦ O sol do pasado, de Xorxe Emilio Bóveda, Urco, 2014. 152 páxinas. ♠10€