‘O teito é de pedra’, máis homenaxe ca novela

César Lorenzo Gil.
Desde hai uns anos, Xerais outórgalle un status especial á novela que queda finalista no Premio Xerais. Non forma parte da cerimonia do galardón, como por exemplo ocorre no Planeta, onde o finalista fai dupla co gañador, pero si consigna esta consideración no propio libro, que así atopa un recoñecemento específico dentro do catálogo editorial. O teito é de pedra, de Álex Alonso, foi finalista do Premio Xerais 2024 que gañou Marta Villar con Detective Ferruchi.
A novela é, máis ca un traballo de pura ficción, unha homenaxe explícita, tal e como conta Alonso no epílogo. A obra nace da lectura do libro Memoria dunha parroquia republicana. San Miguel de Oia-Vigo na década dos trinta, de Bernardo Vázquez Acuña. Xa no primeiro achegamento a ese volume, explica Alonso, tivo el claro que alí dentro estaba agochada unha novela. Velaquí o froito.
O obxectivo é un desafío: Plasmar as vivencias dun lugar moi concreto, unha parroquia no extrarradio de Vigo nun momento de gran conflito, non só o evidente provocado polo golpe de Estado fascista o 18 de xullo do 1936, senón pola tensión social e económica entre as diferentes clases sociais nun momento de gran dinamismo político. Non é un desafío calquera porque esa é a parroquia na que se criou o propio Alonso.
Pero o resultado non é literario, é máis ben pedagóxico. Alonso non consegue elevar unha obra narrativa autónoma. Todo queda nunha sucesión de personaxes e situacións tópicas. Non hai unha visión subxectiva, senón máis ben un abuso do wikipedismo, o lastre desa primeira lectura orixinaria e certa obsesión por presentarlle ao lector toda a información moi explicada, case triturada coma papa, para que nada se perda, para que se entenda todo. Dá a sensación de que o autor quixo ter en conta demasiado o propio pobo de San Miguel de Oia como público obxectivo e esa busca da claridade acabou por provocar todo o contrario.
Porque O teito é de pedra está bastante mal escrita. Coma o tópico, un lepisma (ou peixiño de prata) podería pular de páxina en páxina, do principio á fin do libro, entre adverbios innecesarios, epítetos cursis (“patente vinganza”, “alegre compaña”), frases feitas (“convencemento pleno”, “terribles circunstancias”) e diálogos imposibles. A narración faise farragosa, anticuada; apenas levanta o ritmo incluso nas situacións máis emocionantes e o autor vese sempre necesitado de sobreexplicar, de dotar o que conta de varias capas de xustificación.
É marca do autor usar diferentes rexistros lingüísticos nas súas novelas e tamén aquí aparecen diálogos en castelán e en galego, coa gheada e o seseo marcado. Pero falta o esencial: a expresividade oral. Os diálogos son da mesma caste ca o resto da narración, nin se procura definir as personaxes polo seu xeito de falar nin consegue Alonso transmitir a viveza da lingua, sexa cal sexa, naquela época. Esas liñas de diálogo, igual que case todo o que se escribe, só ten por obxectivo meterse nesas coordenadas tan concretas de ficcionar a historia local. É coma se a atención de Alonso non estivese aí, senón en deixar bo rexistro dos escenarios: os nomes das rúas e dos lugares, das fábricas e dos bares… Facendo un símil teatral, o básico nesta obra é o decorado, non os personaxes.
Polo tanto, O teito é de pedra só se fai substancioso para quen sexa de San Miguel de Oia, viva alí ou teña algún interese particular pola zona. Seguramente para que non tivese oportunidade de ler a obra de Vázquez Acuña.
♦ O teito é de pedra, de Álex Alonso, Xerais, 2025. 360 páxinas. ♠19,50€






