‘O tempo contigo’ vs ‘Montaxe na arranxa…’
Xornada 2 da Liga Maruxairas da Primavera 2021. Duelo entre Fran Fernández Davila e Anxo Vacca.
O tempo contigo
Anxo Vacca.
Acórdame perfectamente, fora todo antes da pandemia, viñeramos aquí ó cine, a ver a nova de Makoto Shinkai. Foi a primeira vez que vin unha peli subtitulada ó galego, na pequena sala de cine de Numax. Agora sempre me vén e non podo evitar lembrar os rapaces que rían e choraban canda nós, ou os velliños máis emocionados mesmo ca os netos que supostamente acompañaban. Nós estiveramos toda a sesión calados, desfrutando da beleza da animación, do xeito de falar que a tradutora lles regalara ás personaxes, e dos actores berrando. E, sobre todo, acórdome da calor da túa man collendo a miña.
A peli saíu dos cines e aínda que está en streaming, mesmo a sacaron en DVD, non hai rastro deses subtitulos, coma se non foran, coma un soño perdido que me doe recordar.
Por outra banda, tiven sorte e conseguín traballo aquí e podo ver o pouco que se subtitula e as caras de alegría da xente, mentres recordo aínda doído o tempo contigo.
……………………………………………
Montaxe na arranxa se todo non
Fran Fernández Davila.
Chimpa o mozo dende a auga ata a ponte, recólleno os amigos no borde do petril, agárrano entre todos, límpanlle a roupa a puñadas, sáltalle o sangue da camisa e vólvelle ao nariz. Arrástrano polos brazos á discoteca, ábrese soa a porta de atrás, bate unha música estraña e de merda, plántano diante da moza do dillei. Primeiro plano de ollos a fumegar. Fundido a branco. Saída en iris.
El toca a fazula encarnada coa punta dos dedos. Ela tira unha cóbrega e dálle unha hostia de envés. El intenta bicala e sorrí.
―Aló ―di el, e volve á barra reguetón cara atrás.
Colle o mozo un vaso baleiro e cospe dun golpe a cola con ron. Entrégalle a bebida ao camareiro, que saca da caixa un billete de dez. Queda un intre a escanear o baile da moza, sácalle un molde en tres-dé. Retira o cóbado da barra e cruza a pista. Os corpos tropezan coa luz. Cortina de estrela e plano xeral. Apaña a chaqueta do gardarroupa e abandona o garito. O mangallón do porteiro despídeo cun aceno de pase. O coche roda á súa inversa por un mundo en dirección prohibida.
Os bombeiros marchan moito antes de que el entre no estudio. Apaga a papeleira. Recolle o lume no chisqueiro. Apaña os negativos e espállaos pola mesa. Ela, sempre ela, en cada fotograma unha pintura dela. Manipula, manosea e nunha hora os cachos volven á súa orde orixinal. Aínda non pensa que a súa vida é unha merda, aínda pode soportalo un pouco máis. Desanoitece.
‘O tempo contigo’: Unha historia moi melancólica, a través da lembranza do protagonista. Está ben, correcta, penso que lle falta algo de traballo.
‘Montaxe na arranxa se todo non’: Admito que ata a metade do relato non entendía de todo que fallaba. Paréceme unha xenialidade o uso da montaxe cinematográfica a inversa no texto.
O meu voto é para ‘Montaxe na arranxa se todo non’.
Que ben, dous relatos curtiños e traballados! Paréceme moi complicado ser breve e sempre o valoro moito, a verdade. Xuntar os dous estilos había dar unha obra de arte…
“O tempo contigo”: O primeiro parágrafo paréceme moi completo e traballado, pero logo parece que a historia queda coxa tras unha idea brillante. Como un recordo tan persoal que non acabamos de ser quen de transmitir como nós o sentimos. Percibo iso e gústame, e gústanme as palabras que o debuxan, pero fáltame algo e o peche gozaría dunha voltiña máis.
“Montaxe na arranxa…”: Ao ter que descifrar o título entrei de golpe na marcha atrás e encantoume ir recompoñendo a historia. Paréceme que resolve moi ben a idea e gustoume moito a sinxeleza coa que as esceas invertidas se debuxan (“límpanlle a roupa a puñadas”, “desanoitece”). Sinceramente, neste caso, dáme igual a historia, porque a forma o fai todo.
O meu voto vai para “Montaxe na arranxa…”.
outro no que me costou escoller. “Montaxe na arranxa se todo non” paréceme un prodixio técnico, moitos aplausos para o autor. Eu vexo perfectamente ese ir para atrás das escenas. Pero a vea romántica poido comigo en “O tempo contigo”. melancolia e amor e cine. E Makoto Shinkai! <3 tres veces vin your name e aínda tño ganas de vela outra máis
O meu voto vai para Montaxe na arranxa se todo non¡
Ola! Neste duelo tocou unha das fotos que eu mandei e que divertido ver como a imaxe xermola en historias inesperadas. De feito pensando no duelo a un pouco de distancia pode ser case un epítome do clásico debate entre forma e emoción. Imos cos relatos.
“O tempo contigo”. Ai,eu tamén boto de menos ir ata a Numax a ver algunha película cos subtitulos de Samuel Solleiro. Concordo co que comentaban arriba outras compañeiras, o relato ten como maior forte a capacidade de transmitir a nostalxia polo tempo pasado, a través dun recordo que se sinte moi persoal. Sinto conexión entre este relato e o de “Doce” da xornada anterior, o autor ten boa man para sintetizar un realismo moi humano e volve repetir neste conto. O problema é que un inicio moi potente queda un tanto esvaído despois, non mantén o pulso e a propia trama parece esfarelar como se chegase exhausto ao punto final. É unha mágoa, creo que está feito o máis difícil, o espírito, e que cunhas voltas e máis traballo hai material para algo máis potente.
“Montaxe na arranxa se todo non”. Todo o contrario ao conto anterior, aquí todo está medido e estudado, hai un esforzo moi logrado de sorprender a quen le coas diferentes maneiras en que se pode verbalizaro tempo movéndose cara atrás. É imposible non lembrar aquí a última película de Nolan, non sei se a vería o autor, “Tenet”, onde se xoga cunha idea semellante e o que alí son recursos visuais aquí son narrativos. No plano formal paréceme moi brillante, tanto pola idea como pola execución. O problema, claro é que a historia e os personaxes quedan sepultados debaixo do mecanismo. Non é esta unha crítica tanto ao relato concreto, fai moito en poucas palabras e con pouco tempo, pero sempre que se opta por un risco tan grande no formal, adoitan quedar historias sosas, das que recordamos sempre “Ah si, o conto aquel que ía para atrás”, pero non que pasaba exactamente nel. Con todo, creo que hai unha orfebrería no relato impresionante.
Voto por “Montaxe na arranxa se todo non”.
<3
Ai, o cine como vehículo da memoria afectiva! Os dous relatos, creo, tócanse nese punto.
O tempo contigo: como xa dixeron os compañeiros e compañeiras, tamén a min me pareceu que un inicio evocativo de tempos mellores se disolvía nun final demasiado abrupto. Paréceme que o autor ten aquí un bo material para expandir a súa historia.
Montaxe na arranxa se todo non: imaxinación innovativa para un relato que, como sucede tamén en “Amigos de infancia”, racha (para ben) cos modelos narrativos máis tradicionais. A liga ponse seria!
O meu voto vai para “Montaxe na arranxa se todo non”.