BiosBardia

O país dos libros en galego

O tenente Relanzón e Johán Carballeira

Estampa de José Relanzón publicada en El Pueblo Gallego para ilustrar o artigo de Johán Carballeira en marzo de 1934.

Xosé Enrique Acuña.

Seguro que moito do que vén deseguido non será considerado como unha historia maior. Tampouco, seguro, merecería do rigor académico nin se cadra converterse, coma tantas outras que si o demandan, no argumento dunha “novela con memoria histórica”. Pero se non fose por pequenas historias como a que segue, ás veces, pouco ou nada se podería comprender do que viviron en pouco tempo, e en clave tráxica, tantos daqueles que, en meses ou anos antes do 36, compartiron desde a diferenza, o lecer, a cultura, conversas, proxectos e sentimentos. Un encontro entre dúas persoas, ben diferentes, pode testemuñalo.

En 1931, como novel tenente de artillaría, un mozo chega destinado a Pontevedra. Tratábase de José María Relanzón y García Criado e, no seu caso, non era un oficial calquera do exército español. Este Relanzón, estudoso e aplicado, situárase como número 1 da súa promoción —a de 1929— e mesmo mereceu a pompa de ser o seu abandeirado antes de que, xa con despacho da Academia de Artillaría de Segovia, acade o primeiro dos seus destinos tras ser ascendido a tenente. Fillo de Dolores García Criado y Barsi, á vez filla dun sinalado carlistón director de Escola Normal, e mais de José Relanzón, farmacéutico na localidade toledana de Torrijos, despois de superar a temperá morte da súa nai en 1909, a súa brillantez cos libros e a insistencia familiar vai dirixilo cara á milicia. Aproba o ingreso na academia en agosto de 1923, en 1927 é promovido a alférez, e xa en febreiro de 1931 será cando asuma o adiantado destino no Regimiento Ligero nº 8 con gornición na capital pontevedresa.

Podemos imaxinar os primeiros días de tan mozo tenente na cidade. Presentaríase aos seus superiores, procuraría dos compañeiros cos que compartía gradación que o introducisen nunha pequena poboación galega da que seguro nada sabía nin coñecía. Que lle explicasen os seus ritmos vitais, os seus costumes sociais e que a el, solteiro e con familia de posibles, lle presenten novas amizades, femininas e masculinas. Aos poucos, o 14 de abril, este tenente Relanzón vive na cidade como se declara unha República que —debeu notalo na sala de bandeiras— pouco ou nada emocionaba a maior parte dos seus compañeiros militares. Pero o caso foi que este oficial toledano aterrou en Pontevedra con ánimo activo e resolto de se mesturar co máis selecto e “presentable” da sociedade local. En nada, logo de ser iniciado en faladoiros de casino e café, tamén desde a súa presenza nalgunha voda de avoengo, sorprenderá ás súas tan recentes amizades cando, no mes de xullo dese ano —tan de euforia republicana— e malia o seu oficio militar, pase a ser descuberto como un singular artista. E en especial da decoración, o debuxo e a caricatura.

Estampa de José Relanzón publicada en El Pueblo Gallego para ilustrar o artigo de Johán Carballeira en marzo de 1934.

José María Relanzón, en Torrijos e Toledo, xa dera en anos previos os primeiros pasos no eido artístico. A maiores de participar en lecturas poéticas, en 1927 asinara —co iniciático debuxo dunha muller moi na liña daquelas que popularizara Julio Romero de Torres— a cuberta da novela El dolor de ser bonita, publicada polo seu amigo e literato Benigno Alonso. Agora, xa a querer asentar o seu gusto pola pintura, solicitou por medio dos novos contactos que abrira, en especial Filgueira Valverde, o Salón de las Oficinas de Turismo. Un céntrico espazo que programaba por man do estatal Patronato Nacional de Turismo pequenas exposicións. A prensa pontevedresa xa comeza pois a falar do Relanzón artista. Anuncia unha mostra do tenente con caricaturas de “señoritas y varones pontevedreses”, que abrirá o 12 de xullo de 1931 baixo o título de “Perfiles parecidos”.

Inaugurada, configurouse por medio de corenta e unha obras polas que, afirmaban os xornais, “desfila toda Pontevedra”. Subliñan tamén que era a mostra dun “dibujante jocoso” que ofrece “cabecitas perfiladas en comicidad”. A relación destes perfilados e retratadas —enténdese que serían xa parte desas amizades acumuladas nos primeiros meses na cidade— foi ampla e centrábase en sonoros apelidos pontevedreses. Citando as mulleres: Nena e Mercedes Riestra, Maruchi Hevia, Susita Patiño, Maruja Malvar, Regina Viqueira e Papucha Gil que, todas, por medio da traza humorística de Relanzón, se mostran segundo as crónicas —ao igual que o elemento masculino plasmado— cun estilo desde o que “gozan de una fuerza de captación de la realidad enorme, y a través de los rasgos faciales caricaturizados, parecen palpitar las psiquis”.

As palabras son dun improvisado crítico, A. Óscar, que é por quen se chegan a transmitir os apelidos dos homes que o tenente Relanzón caricaturiza. A nómina contempla, entre outros, os Riestra (Raimundo e Vicente), Varela Radío, Caruncho, Fonseca, Malvar, Landín Tobío, Feijóo ou a Aboal e Otero (os futbolistas) e —sen poder sospeitar do seu futuro golpista— os dereitistas Foronda, Rocafort, Abeigón e Victor Lis. Tamén “plaxia” a Filgueira Valverde, Pedro Basanta, Cruz Gallástegui e Bibiano F. Ossorio-Tafall. O mesmo fai co debuxante Ramón Peña, co cineasta Ramón Barreiro, e co mesmísimo Alfonso Daniel Castelao. Tampouco faltou algún compañeiro como o tenente Coloma (o que lle abrira moitas portas na vila) e, sumada a tanto perfil alleo, unha autocaricatura do propio artista toledano.

Presenzas nun traballo que ao cronista A. Óscar lle facía lembrar aquel “chispeante ingenio de Bon o de un Bagaría”, dous recoñecidos caricaturistas da prensa de Madrid. O caso foi que esta aposta artística viríase correspondida coa compra de pezas por boa parte dos “modelos” que retrata. Recoñecíanse na “ironía” dunha traza que, segundo outra vez Óscar, “era fiel trasunto de la psicología de nuestros hombres de la élite pontevedresa”. Mulleres e homes, algúns de dereitas, outros republicanos, tamén galeguistas e, a maioría, simplemente xente de “orde” que se acomodaba, desde unha situación económica privilexiada, a calquera cambio político. Xa fose pacífico ou violento. Como o que había de vir.

Estampa de José Relanzón publicada en El Pueblo Gallego para ilustrar o artigo de Johán Carballeira en marzo de 1934.

En 1932, o tenente do Ligero nº 8 dá mostras doutra opción artística que tamén antes ensaiara en Toledo. A finais do mes de xaneiro, con vistas ao “Baile da Prensa” que por conta das festas do entroido se organizaba polo gremio xornalístico, o palco do Teatro Principal, lugar onde tradicionalmente se celebraba este evento, foi decorado polos artistas Ramón Peña, Luís Huesa e Relanzón. Os tres optaron para recibir as festas do Momo dunha grande alegoría mural e carnavalesca conformada por tres enormes figuras de Arlequín, Pierrot e Colombina. Unha colaboración —e á vez confirmación do ánimo de Relanzón para implicarse en Pontevedra— que se repetirá nas seguintes edicións do baile con protagonismo repetido dos tres artistas decoradores e novos simbolismos (“un patio andaluz, sabor de arabescos, rejas que inspiran amores, meridionales leyendas, el ensueño de Sierra Nevada…”) moi a gusto dos danzantes carnavalescos para quen eran executados. Bailes de moita sona neses anos, que mesmo cumprían unha función benéfica, e que, no caso de José Relanzón, lle permite aumentar a súa integración na cidade e mesmo, cos seus compañeiros artistas, recibir unha cea homenaxe por parte da asociación de xornalistas en 1933.

En agosto deste mesmo ano, logo dunha operación á que foi sometido na Coruña, xa é un oficial que pasea por Pontevedra con Mercedes, a moza coa que abre noivado, mais como tantos outros non deixa de ser un militar ensumido polas xestas históricas do exército español lidas e admiradas en tanto manual da academia. Un exemplo sería a conferencia que imparte no cuartel de San Fernando sobre: “La batalla de Lepanto”. Pero tamén, a mesturar arte e rango, en outubro de 1933 quedou inaugurado un denominado “Hogar del Soldado” no seu acuartelamento. En realidade, tratábase dun comedor-cantina, tamén con cuarto biblioteca, que “para apartar a los soldados de tabernas y lupanares” presentaba un decorado executado polo tenente Relanzón. Uns debuxos murais que por moitos anos permaneceron nese cuartel pontevedrés xa desaparecido para converterse, o seu edificio, en Facultade de Belas Artes.

O encontro Relanzón-Carballeira

Esas ceas e reunións con amigos xornalistas, e a amizade que abre con nomes que se movían dentro daquel moi activo galeguismo pontevedrés, condúceno certo día a contactar e compartir conversas con Johán Carballeira. Tanto polo seu activismo artístico como polo seu ánimo de se integrar, a Relanzón non lle deu grima situarse na contorna de persoas de ideoloxía política moi distante da que el mesmo podía manter en privado. As conversas abertas con Carballeira, facilitadas por Pedro Basanta, conducen a unha inesperada aparición de José Relanzón nas páxinas do xornal vigués El Pueblo Gallego onde, o25 de marzo de 1934, ilustra con tres inspirados debuxos un artigo literario de Johán Carballeira.

O pouco máis tarde asasinado alcalde galeguista de Bueu titulaba a súa peza “Todos en maillot”. E con ela (dedicada a unha muller “que tiene lápices de colores para todas las risas”) pretendía incidir nesa apertura de costumes que trouxera a República e como por eses días, recalcaba con certo humor, “los directores de los periódicos saben que, en verano, solo hace aumentar la clientela esta exposición de enervantes desnudeces. Con cualquier pretexto nos enseñan, en las primeras planas, a la Humanidad en maillot”. En rigor, o artigo só estaba asinado por dúas simples iniciais: “J. C.”. Mais ao estar datado e localizado polo autor en “Bueu-Castrelo, 1934”, certifica, sen dúbida, que esas dúas letras, se corresponden coas que encabezan o nome e apelido dun xornalista habitual, e mesmo estrela, de El Pueblo Gallego como era Johán Carballeira.

Johán Carballeira.

Obviamente, para esta complicidade, o tenente Relanzón recibira antes de Carballeira o orixinal do artigo que tiña previsto publicar no xornal de Portela Valladares. Confírmao o emparellamento que se detecta entre o contido do debuxado polo artista e o expresado polo xornalista no seu texto. Así, unha das estampas emparéntase graficamente cun tramo do artigo de Carballeira de xeito nidio: “Las actitudes más sugestivas se adoptan en la confusión de los juegos con el agua, al arrojarse oblicuos desde el trampolín al espejo de las piscinas; al descansar, horizontales, con los pechos erectos como montoncitos de arena. Temblorosos y duros”.

Outra, quizais con maior concreción, semella seguir a letra —obviando as colores (a plana foi impresa cunha única tinta negra)— do que se narraba na columna do escritor de Bueu: “Maillots. En azul, en verde, en amarillo, en negro. Estrictos como una manteleta sobre el vértice de los vientres y las naranjas de las grupas. De hule brillante marmorizado por las caderas, convirtiendo en redondos boliches de hierro los senos apretados. Maillots como un antifaz cínico sobre las ingles. Nuestro siglo se ha rasgado las vestiduras y se ha puesto en maillot. Todos en maillot.”

E a terceira estampa de Relanzón, a que mostra unha muller a recibir na praia baños de sol co peito espido, concíbese polo ilustrador como unha certificación do que en anos da República se comezaba a ver en Galicia por certas praias afastadas. É do que escribe Carballeira sobre eses corpos femininos que se atrevían a espirse nos areais con doses máis ou menos maiores de nudismo naturista: “No se trata de una frivolidad. Hay algo particularmente significativo en esa disminución de centímetros de tela con que se cubre la anatomía que se ha decidido halagar en el baño”.

Nestas tres estampas publicadas, Relanzón ofrécelles aos lectores e ao propio Johán Carballeira un estilo que, senón non especialmente vangardista, apostaba por un avanzado trazado e un risco temático que non era para nada habitual entre os ilustradores dun xornal como El Pueblo Gallego que, por outra parte, pasaba como o máis aberto ás tendencias renovadoras da arte galega. No trío de gravados o artista e militar inclúe mulleres en bikini, medio espidas ou en roupa de baño que (salvando distancias, e dado que se publican para ilustrar unha colaboración dun xornalista como Carballeira tan ligado a Bueu), poden entroncar con aqueles debuxos que, tomados ao natural nas praias desta localidade, realizara Federico Ribas con máis explícitas escenas de nudismo. Este xornalismo de 1934 —con certas frases incómodas (pola incomprensión, así o entendía Carballeira, cos “cuerpos feos” cando se mostran nus)— era máis que renovador. Anunciaba un futuro prometedor para a liberdade de expresión, sobre todo cando Carballeira se permite frases desas que, posta na mesa por algún denunciante no 36, te podían conducir directamente ao paredón. Atrévese a evocar, nun artigo que ilustra un militar, como a Xesús “para hacerle familiar e imponente el catolicismo lo presenta desnudo, con un maillot levísimo atado, como un cíngulo, sobre los riñones”.

Esta presenza de José Relanzón nas páxinas de El Pueblo Gallego vivirá un novo sinal na edición do 25 de marzo. Aquí publica o debuxo de título “Día de feria en la aldea” que en realidade foi tomado na praza da Ferraría de Pontevedra. Un debuxo ao carbón tirado do natural que, coa capela da Peregrina de fondo, é todo un apuntamento, malia o seu título, do mercado feiral que se realizou por moitos anos nesa praza urbana. Entrega que confirma que Relanzón gustaba de realizar bosquexos de distintos recunchos da cidade en que estaba destinado. Tomas de Pontevedra que, nunha liña pintoresquista afastada das estampas que realizara para Carballeira, terán certa continuidade noutra colaboración que insire nunha revista de exemplar único que Ramón Peña, pintor e empresario de publicidade, argalla en xullo de 1934. Peña convida a Relanzón a participar nesta puntual entrega que o publicitario preparou con motivo dun irmandamento de Pontevedra con Ourense que se celebrou nese ano. Neste caderno, editado baixo o nome de “Revista literaria”, o artista publica un debuxo que aparece entre outros que aportan consagrados como Castelao, Luís Pintos Fonseca e Carlos Sobrino, xunto cos da autoría de Sixto Vizcaíno, Turas (Ventura de Dios) e do propio Ramón Peña que se reserva a ilustración da cuberta.

Os cárceres de Johán Carballeira e José Relanzón

O tenente Relanzón xa non vivirá en Pontevedra os sucesos de Asturias de 1934. Antes, en xullo, recibe un novo destino e, como despedida, tantos dos amigos que reunira nos escasos tres anos que pasara na cidade, en especial xornalistas e xente da cultura, ofrécenlle un banquete de despedida no Bar Calixto. Destinado a Madrid, coa súa marcha evitou coñecer, despois da participación do exército na “revolución” de Asturias”, a toma de partido de moitos dos compañeiros de milicia que deixaba en Pontevedra. Militares (e algún dos xornalistas e pintores que o agasallaron) que xa por estas datas comezaban a situarse contra a República e a implicarse definitivamente, en especial desde o triunfo da Fronte Popular, a favor dun levantamento militar. Como o que en 1937 asasina mediante fusilamento ese home para o que José Relanzón, o tenente-artista, lle cedera as estampas de mulleres libres nos areais de Bueu.

Cando se sublevan os xenerais africanistas en xullo de 1936, José Relanzón estaba destinado no madrileño cuartel de Artillería ligera de Vicálvaro. Ao comezo do alzamento militar, os seus xefes tentaron sumar este cuartel á subversión. Derrotados e detidos, foron entregados á xustiza. E, antes de ser xulgado, algún foi asasinado mediante “saca”. Relanzón salvouse desta funesta práctica, mais foi tamén detido e procesado polos tribunais populares. A prensa republicana de capital recollería polo miúdo as sesións do xuízo a que foi sometido. “La actuación del Tribunal Popular en la Cárcel Modelo por los sucesos de Vicálvaro” era un dos titulares das noticias que, en outubro de 1936, informaban dos interrogatorios aos tenentes Eduardo Batler, Francisco Drake, Carlos Sebastián, Rómulo Ros, José Graña (de Ferrol), José María Romillo e noso José Relanzón. Ao final, o fiscal nas conclusións solicita seis anos de prisión para o tenente Relanzón. Moita menos condena que para os seus compañeiros e xefes que recibirán duras penas.

No seu anterior cuartel de Pontevedra, todos, xefes e oficiais, sumáronse ao “Alzamiento” e cos seus fusís e canóns contribuíron a dominar e esgotar a resistencia dos sindicalistas e republicanos da cidade. Igualmente administrarían a xustiza militar que, como desgraciado exemplo, constituíu o consello de guerra que en decembro de 1936 condena a morte a José Francisco Gómez de la Cueva, alcalde de Bueu, galeguista. O que atendía ao nome literario de “Johán Carballeira”. Mentres, en Madrid, Relanzón cumpría unha simple condena de cárcere acusado dun delito de traizón á República, o 17 de abril de 1937 Carballeira, o seu amigo, sería fusilado nun monte da Caeira. Foi, paradoxalmente, executado por defender a legalidade constitucional da República. E Relanzón, que se sumara ao alzamento militar contra ela, salvou a vida e pasou a maioría dos días da Guerra do 36 simplemente preso da xustiza republicana.

Un infame e incomprensible asasinato (o de Carballeira) do que podemos asegurar que José Relanzón chegou no seu día a coñecer polo miúdo. O “militar cautivo de los rojos”, tomada a capital polas tropas de Franco, queda liberado. E unha das primeiras cousas que emprende e organiza xunto a súa dona será unha viaxe de ferias a Pontevedra. Na cidade onde chegara en 1931, coñecerá agora, por liña ben directa, do fusilamento do xornalista. Anos antes, tamén en Madrid, o 5 de novembro de 1935, Relanzón casara con Mercedes Pérez de la Mata (xa retratada na súa exposición na sala de Turismo), filla do exdeputado a Cortes por Lugo Casimiro Pérez García e de Carmen de la Mata Gutierrez. Esta muller, que morre en Pontevedra en setembro de 1936, tiña dúas fillas. Unha, despois dun noivado aberto en Pontevedra, é a que casa co teniente Relanzón. E a outra fixérao antes con Pedro Basanta, o enxeñeiro director da Repoboación Forestal da Deputación e, por un tempo, moi ligado ao Partido Galeguista de Carballeira e Castelao. Basanta fora tamén entrevistado polo xornalista (e irmán daquela no galeguismo) para privilexiadas planas de El Pueblo Gallego.

Máis confidencias chegarían nesa visita do verán de 1939. Sabería tamén do que aconteceu —despois de xullo de 1936— con algúns dos que retratara na exposición de caricaturas de 1931. Coñecería pois o papel represor de Víctor Lis, das altas responsabilidades republicanas de Osorio Tafall e mais de Castelao (os dous en Madrid cando Relanzón foi detido) e dos “problemas” do seu propio cuñado Pedro Basanta —expedientado, e deseguido director de obra pública na que se utilizan prisioneiros de guerra republicanos—, a fonte máis directa que tería para coñecer o final tráxico de Carballeira. Aquel escritor co que tanto falou e para quen lle debuxara animadas mulleres en maillot,ou a mostrar directamente seus corpos. Mulleres xa moi distintas das que nas rúas e despachos desa Pontevedra de 1939 ordenaban e planeaban, desde o catolicismo e a revolución nacional-sindicalista (cousas de Acción Católica e da Sección Femenina), reiteradas censuras morais que batían de fronte coa liberdade do corpo feminino na República. A verificada por Relanzón e Carballeira desde a arte da ilustración e a literatura. Con deseños e escrita que, por décadas, desaparecerían das censurables (e censuradas) páxinas dos xornais galegos.

Memoria de Relanzón, memoria de Carballeira

Rematada a contenda bélica, Relanzón sería ascendido a capitán con antigüidade de 20 de marzo de 1937 á vez que —durante esa visita de 1939— foi confirmado como socio honorario da Asociación da Prensa de Pontevedra por parte doutro dos retratados: Manuel Cabanillas Pérez, o presidente gremial, tamén alto funcionario franquista da Deputación pontevedresa e pai de quen sería Pío Cabanillas Gallas, significado ministro da Ditadura. Pola súa parte, os outros dous artistas (Huesa e Peña) que con el colaboraran para decorar o baile dos xornalistas, tamén se acomodaron no novo réxime militar. O aparellador Luís Huesa, que coqueteara cos galeguistas antes do 36, cun irmán morto polos “rojos” en Málaga en 1939, que se uniu á Falange, e Ramón Peña —o que producira con Ramón Barreiro de director un filme, desaparecido desde 1936, en apoio da Autonomía de Galicia— será quen invente nos primeiros anos da vitoria franquista unha revista coa significativa denominación de “Triunfal”. E, contribuíndo ao contexto colaboracionista, aquel Filgueira Valverde que lle abrira as portas da sala de exposicións do Patronato de Turismo, chegou a aceptar e ocupar a alcaldía franquista de Pontevedra. E máis triste se cabe, o doutor, político e militar Tomás Abeigón Pazos, médico da temible Guardía Cívica do tamén médico Víctor Lis, certificará para a xustiza dos alzados as “causas” da morte de Johán Carballeira en Poio. Historias pequenas (que non menores), todas a sumar.

Debuxo de Relanzón que recolle unha feira na praza da Ferrería de Pontevedra, 1934.

Co retorno á milicia, o Relanzón artista atrevido, o que gustaba da experimentación propia dos anos 30, escureceu. Non deixou a pintura, certo, pero o seu estilo perderase polo rego estético imposto polos vencedores (carteis para as festas de Corpus toledano, por exemplo). Acumulou destinos de alta responsabilidade como enxeñeiro de armamento e coronel (Polígono Costilla en Cádiz e fábricas de armamento de Palencia e Toledo, entre eles). En paralelo, aventurouse como historiador militar (realiza estudos sobre os valores de “La espada toledana”) e convértese, como cultivador da máis tradicional acuarela, nun seguidor da obra de Josep Maria Sert. Un pintor que admiraba —redactou pequenos ensaios sobre a obra do catalán— e do que chega a facer copia dun dos seus máis famosos cadros para convertelo nun mural que instalará na fábrica militar de Palencia, sobre a que tiña mando. Desde aquel verán de 1939, xa non sabemos se retornou a Pontevedra. Mais tampouco habería que descartar novas visitas dada a súa relación de parentesco coa familia Basanta/Pérez de la Mata.

E a retornar (e cerrar) con Johán Carballeira, a súa autenticidade e compromiso mereceu, acto de xustiza democrática e republicana, dun monumento na vila onde foi alcalde. Boa parte da obra xornalística e poética que realizou foi recuperada e publicada (tanto se lle debe ao inesquecible Xosé Manuel Millán Otero, o entregado biógrafo), e o seu nome e apelido pasaron a ser merecentes de apadriñar premios literarios. Mais, lembremos, que o seu corpo, quizais gorecendo aquelas catro balas executoras certificadas por Tomás Abeigón, o médico franquista, aínda se agacha nun paradoiro descoñecido. Mentres, á espera, que cando menos retorne esta historia cruzada e mínima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *