‘O tobogán redentor’ vs ‘A milonga do camaleón’

Xornada 1. Duelo entre Pilar Vilaboy e Carlos Vega.
O tobogán redentor
Confeso que fun unha ilusa cando sentín a chamada do duelo literario. Non matinei en que as armas escollidas podían ser complicadas. Mesmo lle vin un toque romántico a iso de inspirarme ante certas imaxes.
Enceto este remuíño competitivo sentindo pánico cando vexo un edificio en ruínas que nunca vira diante. A temida páxina de word en branco. Elucubro sobre a procedencia da imaxe: o meu inconsciente descarta que as pintadas e os nenos retratados sexan galegos.
Os créditos da imaxe mencionan un lugar, Tirana (Albania). Enxergo algo de esperanza cando descubro en internet a historia do antigo edificio soviético. Descubro que se chama “A Pirámide“, construído pola familia do ditador Enver Hoxha como un mausoleo despois da súa morte. Contou cun orzamento de tres millóns de dólares. Vénme á cabeza o Gaiás, outra tolemia ideada por Fraga Iribarne, home vencellado a outro ditador. Galicia e Tirana unidos por arquitecturas onde se enterraron cartos públicos a esgalla. O albanés pechouse coa caída do comunismo e amosa un estado ruinoso. O galego supuxo un investimento faraónico de dez anos e unha sangría económica. Seica era mellor acabar de construílo ca indemnizar as empresas. Nos dous sitios podemos acceder ás súas cúspides e en calquera deles semella haber unha enerxía maléfica coma de malos presaxios.
Descubro catro rapaces rozando o ceo, protexidos por unha nube de impotencia que non os arreda da desgraza. Os dous da cima son irmáns orfos que fuxiron dunha casa de acollida de Kosovo e non teñen onde vivir. Os outros, máis arredados, semellan mendicantes explotados por mafias albanesas. Ninguén dixo que tivesen unha vida fácil. Xúntanse no edificio e usan a súa parede de tobogán para esquecer o mañá, para sobrevivir cada día. Un refuxio onde poden exercer de nenos por unhas horas, vivindo o momento. Xa teñen o resto do día para traballaren rebentados. Algún nifra pegamento para aturar o ritmo da mendicidade. Estoutros foxen das autoridades que queren volvelos ao cruel orfanato para converterse en simples números administrativos. O destino ben lles podía ter agarimado con algo máis intanxible: un sorriso, un abrazo acolledor que os redimise da triste culpa de nacer nun sitio inseguro. Pero tocoulles ser vítimas infelices que nunca obtiveron un ápice de tenrura.
A necesidade obrígaos a aferrarse a unha mínima esperanza. Quédalles tan só a amizade entre eles os catro. Xuntos fanse fortes, conseguen unha utopía: esquecen o miserable que pode ser o adulto, que en vez de protexelos, dedícase a extorsionalos, a poñerlles trabas para cumprir a lei. Os dous mendicantes acabarán imitando o aprendido, sempre coqueteando con ilegalidades turbias. Os orfos ben poden arrastrar un expediente disciplinario por estar indocumentados. Porque a vida só lles regalou un tobogán como solución para non suicidarse. Iso si, un tobogán redentor contra a soidade e o medo.
Pilar Vilaboy.
………………………………
Milonga do camaleón
De que cor son os camaleóns? Alí, subindo a presa de Prada, co Fabián e Víctor detrás, non me dá a cabeza para pensar noutra cousa que no libro de bioloxía. En que sempre teño que andar a mudar de pel. Sinto que debo reflectir o que os demais queren ver en min. Por iso sempre ando a adaptarme á cor dos demais. Mentres, David xa está no borde do muro, e bérrame que baixe dunha vez á auga.
Penso en que son un pouco camaleón, coma meu pai, que llo dixo a psicóloga cando levamos a meu irmán. Dende logo, estar alí arriba, mareado do medo e sen poder mirar abaixo non é a miña cor. Penso en que non tería que ter subido ao pantano aquela tarde; en que podería quedar na casa xogando á consola e non ter que vir aquí e aínda por riba quitar a camiseta. Sei que non me movo moito pero, fódase, que non me faga a nai os macarróns eses con carne, que me meten tremenda viaxe ao centro da terra. Os que están coma un garabullo son os primos, que logo teremos que aturalos toda a cea mentres nos contan o ben que o pasaron chimpando o balón dende o muro da presa.
Sinto o corpo frío e como as mans, da suor, van deixando esvarar o corpo cando escoito a voz de Fabián para que me tire dunha vez. Concéntrome en poñer un pé detrás do outro e non erguer a cabeza, nin mirar para os lados. Intento recordar todo o que aprendín en bioloxía sobre os camaleóns. É que son literalmente eu. De que cor sería un deses nunha habitación branca pero ás escuras? Hai algo que me guste de verdade? Que sexa meu?
O estrondo co que se tira David píllame por sorpresa. Levanto a cabeza un segundo antes de darme conta. Caio en mirar ao pantano e o corpo parece que se me bota sobre el. Quero dar media volta, pero ás costas so teño silveiras e o Fabián mírame dende a escaleira igual que os primos cando chegan de Madrid.
Víctor abanea no aire, pero non chego a entender o que di. A rabia consegue quecerme o corpo o suficiente como para que as pernas se me afrouxen dos nervios e boto a correr. Chego ao bordo antes de velo e chanto un pé no aire, perdendo o equilibrio. Non me dá tempo a pensar no bicho do libro, nin no ben que se asemella a súa cor á das follas que ten detrás.
As rochas polas que berraba Víctor chéganme ao corpo antes que aos miolos. Sinto a cabeza enchoupada. O sol quéntame a cara. Igual por iso os camaleóns teñen esa cara de pampos, de estar todo o día a velas vir. Estase ben así. Éntrame sono. Escoito como baixan ás présas polo muro. Non penso en nada. Non vexo nada.
Boa tarde, vou deixar as miñas impresisións e o meu voto para este duelo.
O relato ‘O tobogán redentor’ pareceume moi ben escrito e cun propósito moi claro e definido desde o comezo. O que non me gustou tanto é que botase man do recurso metaliterario dun xeito tan obvio.
O relato ‘Milonga do camaleón’ gustoume pola súa mestura de inocencia e catastrofismo. Esa tensión entre o medo irracional e a aceptación da peor das sortes creo que está moi ben representada ao final do relato.
O meu voto é para ‘Milonga do camaleón’.
Parabéns a ambos, están moi ben escritos e tiven que pensarme ben a quen darlle o meu voto.
‘O tobogán redentor’ conseguiu a miña atención dende a primeira liña; no meu caso, si funcionou o recurso de usar a voz do/a propio/a autor/a, talvez porque eu tampouco sabería de primeiras por onde tirar con esta imaxe… A historia é triste, e por desgraza reflicte unha realidade.
‘Milonga do camaleón’ fáiseme trepidante, desfrutei co ton e as reflexións do protagonista. Porén, houbo momentos nos que sentín que divagaba de máis e o meu interese vacilaba.
O meu voto é para ‘O tobogán redentor’.
‘O tobogán redentor’: Desde a primeira linha já intues por onde te pode levar (digo isto como uma fortaleza). Nesse sentido, creio que está súper bem escrito e cheio de reflexões interessantes. Porém, ainda que penso que o texto funciona à perfeição e é coerente consigo mesmo; talvez me faltasse uma aposta um pouco maior pola ficcionalidade. Às vezes, sentia-me atrapado numa descrição literária da fotografia. E creio que haveria material abondo para voar, porque justamente o que mais me interessou foram as vidas desses nenos dos últimos dous parágrafos, desenhadas com muito acerto.
‘Milonga do camaleón’: Tenho que confessar que às vezes me perdim nalgumas reflexões. Porém, não me importou o mais mínimo e deixei-me arrastar com muito gosto, já que o texto está escrito de uma forma que te vas deixando levar. Por algum motivo desses que um não se explica, este texto evocou cousas da minha infância e isso sempre funciona. Às vezes, as cousas mais irracionais são as que melhor che fam conectar com as leituras e, nesse sentido, o relato conseguiu-no à perfeição.
O meu voto vai pola ‘Milonga do camaleón’.
O tobogán redentor
Non hai moita diferencia, pero vouno tomar como que é unha ficcion, como se llo dera a ler a alguen que non sabe nada da liga de Biosbardia. Deste xeito (en realidade do outro xeito -sabendo que existe esta liga e as suas regra- sería o mesmo) dividiría o texto en 2 partes. Por un lado está a protagonista, que semella que ten que escribir un relato basandose nunha foto e non as ten todas consigo. Tenta inspirarse, busca fotos, relaciona a foto coa cidade da Cultura (eu tamen o fixen, inda antes de ler o relato) e vou lendo os seus pensamentos. Está ben narrado, inda que cambiaría algunha cousiña (a veces cae nunha linguaxe case xornalistica, como co da obra faraonica). Despois ven a historia dos rapaces, que é unha invencion da protagonista e, a diferencia de a Breogan, non me interesa en absoluto. Eu quería saber mais da protagonista. Escribiu o relato? De que ía? De que van eses duelos? Que resultado sacou? Ou cousas que non tivesen que ver con iso, pero seguindo a liña xa comezada. Teriame gustado, por exemplo, se a historia dos rapaces mostrase dubidas, tachons, erros, se volvese atrás, se estivemos antes un proceso de creacion dun argumento. En cambio é só unha fabulacion cara ningures que no propio contexto do relato se entrega como inventada -inspirada na foto- e non nos deixa ver apenas nada mais da protagonista nin do que estaba facendo.
Milonga do camaleón
Moi ben usada a 1º persoa. Gustoume tamen a comparacion entre o camaleon e o rapaz que se deixa levar polo grupo. O autor logrou que o prota contase mais do que conta. O lector, gracias ás suas experiencias, pode comprender ó rapaz inda cando este apenas se comprende a si mesmo. Ademais a accion acompaña moi ben ós pensamentos. o prota está, entre as silvas e o pantano, entre marchar ou quedar (ou mellor dito, entre aceptar que non queria ir ou quedar). O unico que non me convenceu foi o final. Estaba tan tan cantado que se ia esnaquizar contra as rochas seria unha grata sorpresa que non fose asi. Ademais, que ganamos con iso? É algo fortuito que lle da ó relato un aire de moraleja “debiches qeudar xogando coa play”. Pero puidolle pasar a calquera, tamen a alguen que si queria ir ó pantano. Enton é unha morte que está aí só por facer chirivitas no final, case por inseguridade do autor no valor do seu texto ou por crer que os finais sempre hai que resolvelos cun ranpatanplan. Como di Duncan, a tension xa estaba no relato, e ese era o obxectivo (e era complicado). Ademais asi evitabas iso tan chungo (literariamente) como que un actor en 1º persoa narre a sua propia agonia e morte (se é que morreu, vaia, pero tanto da).
Boas! Eu nun primeiro momento tamén pensei na cidade da cultura pero antes diso no complicada que me resultou esta foto así sin masticar.
De “O tobogán redentor” gustoume a exposición inicial da prota e como se enfronta á folla en branco, quizais porque tamén me sinto un pouco así en cada duelo pero ao contrario de Lois esa opción para o relato interesábame menos. Neste relato vin como media ducia de oportunidades para centrarse e desenrolar outra media ducia de relatos. Un exemplo: “Galicia e Tirana unidos por ….” e tirar dende aí. Tamén se podería desenrolar a historia dos dous orfos, aí hai relato sen dúbida. Os dous medicantes, outro relato. Outro “Algún nifra pegamento…” ese personaxe podería protagonizar un relato el só.
“Milonga do camaleón” Deste relato gustoume o que fai coa foto, ao contrario do relato rival. Colle só o que lle interesa e a partir de aí fai o seu relato e esquece a foto. Coido que ese é o camiño máis creativo e que che da máis liberdade. O camaleón …. outro animal para ter en conta no futuro. Tomo nota. Gustoume a historia e deixeime ir ata onde me levou. Nalgún momento perdínme entre amigos e primos (creo que 500 palabras non dan para tanta xente) pero cheguei co rapaz e ata case batín nas pedras. A pesar de ser predicible non o esperaba. Como ben di Lois e complicado relatar a túa morte. Eu tampouco o sabería resolver. Ao mellor era o momento de volverse camaleón e relatar a súa morte como xeito de relatar a do prota.
Voto por “Milonga do camaleón”.
Boas de novo. Aquí a imaxe no canto de unificar temática máis ben diversificouna. Inda que agora que o penso os dous van de mocidade morrendo (a distinta velocidade iso si).
“O tobogán redentor”, isto si que é un título. Xuro por deus que se algún día monto un parque acuático temático vou inaugurar esa atracción (e pagar dereitos, claro). Pois a min prestoume a parte meta. A comparación da arquitectura maligna e intemporal que asulaga as nosas cidades ao estilo de “Satán es mi señor” (algúns saberán do que falo) gustoume especialmente. O cambio de rexistro traendo as historias dos nenos… non está mal, pero penso que igual se podían intercalar os nenos de alá cos de aquí, como se fixo cos edificios.
“A milonga do camaleón”, outro titulazo. Este relato é máis sinxelo, ou aparentemente sinxelo. Está moi ben contado e é moi fácil identificarse e empatizar con ese camaleón cementerio de macarróns. Supoño que todos temos saltado de sitios só porque o facía todo o mundo, eu ata partín as dúas mans nunha destas (algúns saberán do que falo). A primeria persoa está moi ben usada, a morte do rapaz faiche pensar desde donde está contando iso.
O meu VOTO, con moitas dudas, vai para “A milonga do camaleón”.
Moi bo duelo.
Lin os relatos en canto se publicaron e deixeinos repousar toda a semana. Repaseinos de novo esta mañá, con calma, sen esa ansia por saber do chimpún final, e entón fun capaz de ver todo o valor que teñen.
O tobogán redentor
Como a Botana, encántame o título. Desfrutei do paralelismo entre os edificios tortos a tantos quilómetros de distancia. O relato fíxome pensar na ansia de transcendencia dalgúns gobernantes coa conciencia marcada. Logo a historia fai zoom nos rapaces do cumio que, abandonados polos gobernantes, esvaran sobre os cadáveres do gobernantes. Os edificios coma cadáveres, enténdase. Vexo na escena máis dun plano de redención.
Quedo con gañas de que se estenda o fío do principio, o da autora que se documenta. Quizáis quedou devorado pola traxedia vital dos rapaces. Igual lle viña ben que unha reflexión da autora pechase o relato, ao tempo que apaga o ordenador. Coma unha estructura de sándwich ou de matrioshka se se quere facer máis reforma. Engadiríase así un terceiro plano de redención: gobernante, rapaces, autora. Gústame o número tres.
Quen sexa que escribiu este relato, que non o deixe así, que está moi ben, pero que ten moitas posibilidades de medra. Xa convocaron o Murguía, eu déixoo aí.
A milonga do camaleón
Gran relato. Máis rematado. Seguramente porque se basea nunha historia máis simple pero universal. A necesidade integración social e as consecuencias de non ser ti mesmo. A historia tamén me levou de volta á película «Stand by me» e logo, por deformación relixiosa, á revisión que lle fan nos Simpson. Os Simpson sempre melloran as cousas.
Gústame a forma de monólogo interior do protagonista. Dáme a impresión de estar instalado na súa cabeza. Eu, nunha ansia gore, describiría con máis detalle (como a cámara lenta) o instante preciso en que o rapaz se estampa contra as rochas.
Parabéns a ambas plumas. Dáme pena non premiar os dous, pero como hai que escoller, omeu voto vai para «Milonga do camaleón».
Disfrutei lendo “O tobogán redentor” mais penso que ese relato daba para facer dous. Un seguindo coa rapaza nerviosa ante o folio en branco, e o outro, centrándose na historia deses catro rapaces.
O tema que trata é importante e, tristemente, de actualidade. Encantariame ler unha versión extendida da segunda parte.
En “Milonga do Camaleón” gustoume o comentario sobre o pai do protagonista e a referencia aos seus complexos, que deixan en poucas lineas empatizar con él e entrever cómo podería ser a sua vida. Isto fai que cando o relato torna en traxedia impacte mais.
O meu voto é para “Milonga do Camaleón” pero disfrutei lendo ambos. Grazas aos escritores