‘O trevo de catro follas’, diálogo de amor e morte

César Lorenzo Gil
Non sei cantas veces dun libro nace un premio. Mais si é común que do amor naza un legado que transcende os propios límites dese sentimento e das persoas que o experimentan para se converter en algo que permanece como testemuño imborrable dese amor.
O trevo de catro follas, de María Duro Mansilla e Daniel Ugarte, pode gabarse de entrar nesa listaxe de prendas de amor cuxo froito se transforma: Neste caso, no Premio Trevo, que desde o 2025 premia a mellor obra de narrativa publicada o ano anterior. O seu primeiro gañador foi Xabier López, con Contrabiografía.
Mais falemos do libro en si. Na pequena introdución, Daniel Ugarte explica o motivo e o método desta obra. Pouco despois de mercar un “carísimo caderno” onde anotar “citas e ideas das novelas que leo”, entre outras cousas, a María Duro Mansilla diagnostícanlle un cancro que acabaría coa súa vida no 2022. Como homenaxe póstuma, como xeito de manter viva a súa muller e nai dos seus fillos, Ugarte decide tecer, tomando como referencia primaria os cadernos de Duro, un testamento que une vida e literatura, dó, recordo, celebración do amor e caneo á despedida.
Duro é unha narradora eficaz. Vai ao gran, xerarquiza a información. Sabe captar a esencia do que conta. Une con naturalidade diferentes elementos para soster o seu argumentario. Non é un diario íntimo sen máis. Hai unha vontade de estilo, de permanencia. Desde o principio, malia que Duro expresa o seu desexo inquebrantable de curar, a presenza da morte paira demasiado perto. “Estou morrendo. As antraciclinas non serviron de case nada” (p. 41). É para esa morte para quen Duro escribe, a ela lle ofrece o esforzo dos seus textos. Non é acaso unha das funcións básicas da literatura esquivar o final? Nese sentido, este libro é moi literario, porque (á forza) crea a necesidade de contar, de explicar. Duro, que demostra, como veremos, ser unha excelente lectora, coñece as técnicas, os artificios, os modelos. Sabe que cando alguén se pon a narrar unha historia, o demais non importa: o relevante é esa historia e o xeito co que queremos contala. Ugarte, neste sentido, participa activamente nese proceso. Non só intenta cubrir ocos do diario ou ordenar algúns aspectos. Cando ofrece “a súa versión” dalgúns feitos procura que O trevo de catro follas manteña a súa autonomía a pesar das ausencias. Decatouse de que a súa muller non estaba a confeccionar un diario familiar, unha especie de xustificación de vida. Notou que Duro pretendía ir máis alá, chegar a un porto literario co seu barco ben apetrechado. O punto de vista que escolleu, a primeira persoa apelativa, e o rexistro: formal, a media distancia, reforzan eses obxectivos.
Á parte de ir contando o que a enfermidade provoca no seu corpo e na súa maneira de pensar, reflexionar, fantasiar e lembrar, O trevo de catro follas amosa un moi interesante diario de lecturas. María Duro é unha lectora voraz, con gran capacidade para relacionar obras entre si. Os seus comentarios son profundos e moi intelixentes. Non se conforma con facer apostilas expresionistas, senón que demostra “ollo”. Non en van, Rinoceronte publicou varios dos “libros favoritos” de María Duro Mansilla, caso de A inquilina de Wildfell Hall, de Anne Brontê.
Que alguén cun gusto tan sensible para a literatura inspirase a creación dun premio que intenta premiar a excelencia é un deses, poucos, círculos perfectos que é capaz de deseñar o Universo sen necesitar millóns de anos.
♦ O trevo de catro follas, de María Duro Mansilla e Daniel Ugarte, Morgante, 2025. 152 páxinas. ♠17,50€






