‘O valse eterno’ vs ‘Só é un baile de madrugada’
Xornada 1. Xosé Duncan contra David Botana.
O valse eterno
—Mamá, ti cres no máis alá?
—Dilo por teu pai?
—Non sei… acordoume agora.
—Xusto cando botan na tele unha desas de Chakie Chan que tanto lle gustaban. Paciencia tiven.
—Boh… Responde, anda.
—Nunca coñeciches a túa bisavoa, Viruca. Ela sempre contaba unha historia moi bonita que seica lle oíra a un mariño mexicano co que moceara.
«Toda vida non é máis ca unha fermosa moza a bailar. Ás veces a canción é unha ranchera e toca queimar suelo; outras é unha suave mazurca que acompañar coas mans; moitas van ser tristes boleros cos que afogar as bágoas en tequila. A morte é un cabaleiro nobre e namorado que, como non sabe bailar, agarda respectuoso a que a moza canse. Só entón se achega e pide o único baile que coñece, un lento valse eterno».
—Vaia.
—Si…
—Papá aínda non cansara de bailar.
—A teu pai pararon de tocarlle os mariachis. Estás ben?
—Si. Non sei, gústame pensar que nos ve, que sabe de nós.
—Estará vendo a película en todo caso. Esta é a do mono borracho que tanto lle gustaba.
—Mamá!
—A min pásame ao contrario. Reconfórtame a idea de que non hai nada. Perder alguén xa é o duro abondo. Ter a certeza de que está preto pero non o podes ver… Para min sería insoportable.
—Entón non cres no máis alá.
—Eu son máis de mariachis.
—Odio os mariachis.
—Inda es novo.
—Non podo crer que prefiras que non exista.
—Ei, non é iso. Para min existe… dalgunha maneira. Na miña cabeza, nas miñas lembranzas. Agora mesmo estouno a ver ríndose de nós por estar a falar del en vez de ver este «Clasicazo marcial!», acórdaste?
—Meu deus… O maratón de acción mortal de Semana Santa.
—Ven aquí, anda. Gustaríache que estivese aí, véndonos tristes sen poder facer nada?
—Non…
—Pois iso. Na miña mente non sofre, está a rir, como facía sempre. Aprendeu a bailar e todo. Perdeu un par de quilos e só ve cine iraniano subtitulado. Na miña mente ve como medras e está orgulloso.
—Na túa mente…
—Cando contamos algunha das cousas que fixo, traémolo de volta. Deformado pola memoria e o propio mirar? Si, pero auténtico. Eu creo niso. Creo que toda ficción está viva dalgunha maneira. Mira a historia que che contei. Chegou a nós diluída tras incontables versións pero chea de forza, de chispa; viva. A que case ves os bailaríns? A muller de cabelos azuis, a caveira con smóking.
—Si.
—Ser parte dunha historia tamén é estar vivo. Imaxina por un momento que ti mais eu só estamos aquí porque alguén nos escribiu. Imaxina que só somos unha escusa para divagar sobre a morte. Un esbozo de persoa en apenas cincocentas palabras. Que sería entón teu pai, onde podería estar?
—Que fumaches, mamá?
—Mamá?
David Botana.
………………………………………………………..
Só é un baile de madrugada
Aínda non percorrera a metade do camiño á barra e xa tiña varios pares de ollos postos nela. Aumentou o movemento das cadeiras, o xusto para non caer no ordinario, mais dabondo como para garantir a atención dos seus espectadores até alcanzar o mostrador. Apoiou os brazos e ergueunos de inmediato. Anoxada, sacou de enriba os restos pegañentos dalgún líquido con grandes doses de alcol. Fregou as mans contra o pantalón e, nun acto reflexo, axustou a máscara cando se lle achegou o camareiro.
–Que vai ser? –pasou o trapo pola barra, mirándoa como se non entendese a que viña tanto reparo–. Deille co xel hai pouco, por iso está húmida. Non te vas intoxicar.
–Un licork. Sen xeo, por favor –evitou miralo e que se notase o que pensaba del.
–Agora mesmo –marchou, chascando a lingua varias veces e acadando sorrisos cómplices entre os seus clientes.
Ignorou o desprezo do mozo e botoulle unha ollada rápida á clientela. Que previsible é a natureza humana, pensou. A primeira noite que permitían abrir os garitos e a xente xa estaba a saltar restricións a mancheas. Un grupo de cinco mozas guindaran as máscaras sobre a mesa, ao carón dos gintonics, e poñían os seus mellores morros para inmortalizarse nas redes sociais cun selfie cutre de madrugada. Por detrás delas, unha manda de imitadores do ídolo adolescente de moda sobrevoaban ao seu redor, coma voitres a agardaren a que a súa vítima deixase de agonizar e non puidese resistirse á profanación dese corpo que desexaban devorar.
Foi un cruce de miradas fugaz, mesmo máis breve ca o resplandor dos faros dun coche perdéndose nunha curva ao lonxe. Porén, malia que durase unha fracción de segundo, os dous quedaron prendidos da retina do outro.
El encartábase sobre o curruncho máis escuro da barra, agochando a faciana no interior do cóbado cada vez que se lle escapaba un tusido. Ela fregou de novo as palmas suorentas no pantalón e botou o cabelo por diante da fronte. Colleu a copa de licork e deu conta dela dun grolo. Coa quentura da bebida estoupando na caldeira do peito, cruzou os metros que os separaban antes de que el se decatase.
–Ola. Tes mellor gusto musical ca estes pailáns?
–Desculpa?
–Levo sufrindo esta merda de música desde que cheguei. Se dás cunha boa canción, poderiamos botar un baile…
–Hasme perdoar, pero non entendo o que…
–E logo, non ves a máquina de música?
–A máquina de…? –a luz da gramola refulxía por riba da mesa de billar, pintando o tapete mofento coa brillante cor do perexil. Non podía crer que non reparase nela.
Aceptou o convite do baile, aquela oferta dun contacto humano que tanto botaba en falta, e chimpou da banca. Chimpou tan só para deterse a un paso de distancia.
–Estou tusindo sen parar desde a mañá –confesou sen xirarse, como quen admite ter unha bomba de reloxaría nas mans.
–Dáme igual –ela separou o pelo da cara–. Eu levo dous días con febre.
O valse eterno
gustoume, está moi ben. cando forma e contido se xuntan na pista de baile e se move ó mesmo son saen cousas coma esta. dialogos naturais (outro pequeno valse entre nai e fillo dentro do relato), que parecen copiados dunha gravadora e un tema atractivo tratado con tenrura e un toque de fantasia metaliteraria para rematar.
Ten razon a nai en que as personaxes están ben esbozadas, sobre todo o pai, que me da a impresion de ser o escritor do relato (dentro da ficcion) se tomamos o que di a nai como uha autoexplicacion do que sucede (polo tanto nai e fillo estarian mortos e esta sería unha forma de mantelos vivos). Tamen pode ser mais sinxelo e que o fillo estea imaxinando á nai (non necesariamente morta, pero suponselle; o pai si que teria que estar morto para que o dialogo tivera sentido). Non importa demasiado en realidade o que sucede, e iso tamen é un punto forte do relato, lograr que o foco estea no nos provoca a nos a historia -poñernos no lugar do fillo- e non tanto en descubrir que estaba pensando o autor (Botana ou Duncan, neste caso) cando o escribiu.
Só é un baile de madrugada
A escena final do relato é xenial, e cadra coa foto dunha forma espectacular. O malo é que para chegar a ata a meta o autor nos preparou unha carreira de obstacuos con fosos e minas explosivas.
Que bonito e facil é dicir as cousas de forma sinxela e como lle gusta á xente complicarse.
A veces son tonterias, cousas pequenas. Por exemplo, a primeira frase. Eu leoa e o que entendo é que hai moitos ollos postos sobre a barra. Sei que non é asi, pero é unha deduccion que teño que facer eu na casa contando cos dedos, porque o relato o que di é que os ollos miran cara a barra. Por que? porque ese “nela” non ten referencia. A mais proxima é a barra, a seguinte, o suxeito omitido de “percorrera”, que pode ser tanto unha rapaza como un camaleon, un barco ou o concepto de cousa en si mesma de Kant. Non é boa idea omitir un suxeito se ó final da frase vas facer referencia a el.
Tamen noto que lle sobran moitas palabras ó relato. Tiña que estar escrito, na miña opinion, dunha forma mais directa, para sacarlle todo o partido á historia. Ollo, non digo que haia que elminar escenas, digo alixeiralas de palabras para que a accion (sobre todo accions non importantes) sexa mais axil:
Apoiou os brazos e ergueunos de inmediato. Anoxada, sacou de enriba os restos pegañentos dalgún líquido con grandes doses de alcol. Fregou as mans contra o pantalón e, nun acto reflexo, axustou a máscara cando se lle achegou o camareiro.
–
Apoiou os brazos e ergueunos de inmediato. Anoxada, limpouse cun pano (por exemplo) e fregou as mans contra o pantalón. Nun acto reflexo, axustou a máscara cando se lle achegou o camareiro.
–
Para que falar dos “restos pegañentos dun líquido con grandes doses de alcol”, iso diriao un forense nun exame preliminar. Eu quedei pensando en esperar os resultados do laboratorio. E total xa o di despois o camareiro.
O parágrafo no que se describe a actitude das mozas/os gustoume. algo barroco, pero a atencion da prota está centrada niso e queda natural que o autor se recree no que sinte.
En cambio, aqui volvemos ó problema:
Foi un cruce de miradas fugaz, mesmo máis breve ca o resplandor dos faros dun coche perdéndose nunha curva ao lonxe. Porén, malia que durase unha fracción de segundo, os dous quedaron prendidos da retina do outro.
–
Foi un cruce de miradas fugaz, máis breve ca o resplandor dos faros dun coche. Porén, os dous quedaron prendidos da retina do outro.
–
Pensei que ia ler un novo relato sobre o coche en cuestion e por que andaba de noite na neboa a toda velocidade collendo curvas perigosamente, seguramente envolto nunha persecucion (imaxinei un coche americano do 50). Era necesario levar a comparacion a tal extremo? E por outra banda, se a escena durou unha fraccion de segundo plasmaa no papel brevemente, con premura, pispás, porque senon estás dando as sensacions contrarias ó que escribes.
–
No dialogo pasa algo pareceido. É demasiado longo, e a maquina de musica colle unha importancia que non merece.
–
–Ola. Tes mellor gusto musical ca estes pailáns?
–Desculpa?
–Levo sufrindo esta merda de música desde que cheguei. Se dás cunha boa canción, poderiamos botar un baile…
–Hasme perdoar, pero non entendo o que…
–E logo, non ves a máquina de música?
–A máquina de…? -a luz da gramola refulxía por riba da mesa de billar, pintando o tapete mofento coa brillante cor do perexil. Non podía crer que non reparase nela.
–
–Ola. Tes mellor gusto musical ca estes pailáns? Levo sufrindo esta merda de música desde que cheguei. Se dás cunha boa canción, poderiamos botar un baile…
–Se dou cunha boa cancion?
–E logo, non ves a máquina de música?
A luz da gramola refulxía por riba da mesa de billar, pintando o tapete mofento coa brillante cor do perexil.
–
O final está perfecto, igual que a idea do relato, os dous (auto)apestados dandose calor humano un ó outro. Está moi ben. Se estivera escrito destoutra forma non saberia cal dos dous relatos elexir. Pero, como non voto, tampouco teño que pensar niso.
Lin con gusto as dúas historias, tan diferentes malia o nexo común.
‘O valse eterno’ é, como di a personaxe, unha divagación. Parecíame interesante ata o final, do que esperaba algo máis que a broma de “somos seres ficticios”.
‘Só é un baile de madrugada’ sentín que estaba algo máis pensado que o seu rival; valéndose dunha situación que todos vivimos, bota man do humor negro para representar (e criticar, claro) a actitude de tanta xente ante o fin das restricións. Divertido e certeiro, convenceume máis.
O meu voto é para ‘Só e un baile de madrugada’.
Parabéns a ambos!
‘O valse eterno’: Gostei do uso da oralidade e do bem representadas que estavam as vozes de cada personagem. Neste sentido, resultou-me um texto com uma grande teatralidade (enquanto o lia, imaginava-me como espetador vendo a cena), não só polo seu caráter dialogado, mas também pola disposição física evocada, as relações das personagens, as imagens musicais… Talvez por isso, custou-me um pouco passar de uma dimensão humana (onde sou capaz de visualizar ambas personagens a interatuar) ao plano mais meta-literário. Para mim essas personagens estavam vivas, e descobrir no final que não o estão… puxo-me um pouco triste.
‘Só é un baile de madrugada’: Gostei do humor negro e dos sítios ao que me levou o relato (por alguma razão, imaginei isto a acontecer no Avante). Talvez por ese motivo (e assumo a responsabilidade disto, não sendo atribuível ao autor), me rengeu um pouco o início do diálogo entre rapaz e rapariga. A referência à gramola, e a maneira de entrarem-se desconcertaram-me um pouco… mas depois a conversa recupera o interesse. Acaba, como já digem, supreendendo-me e tirando-me um sorriso.
Resulta-me difícil escolher um. Depois de muita indecisão, e talvez influído polas sensações dos finais de ambos textos, o meu voto vai para ‘Só é un baile de madrugada’.
Pero… non están vivas?
Boas noites;
A min tamén me costou decidirme entre os dous textos, porque en calquera deles vexo moitas luces e algunha sombra.
“O valse eterno” ten unha lectura fácil grazas ao diálogo. Ten esa parte positiva e amena pero fáltame un pouco de presentación dos feitos. Penso que o inicio e ata a metade está ben, pero non me convence o final, abrupto e seco.
“Só é un baile de madrugada” empezou máis modesto pero penso que vai ganando en intensidade e creo que ten un final moi bo. Por facerlle algunha crítica construtiva non entendo o do “licork” nin o uso innecesario de “merda” para definir a música.
Despois de pensalo moito, voto por “Só un baile de madrugada”.
Moi bos relatos, teño o pálpito de que volverei a eles. Os duelos xa son parte da miña biblioteca.
“O valse eterno” non me emocionou o tema na primeira lectura, ese xeito case amable de tratar a morte, non me entrou de todo pero o final pareceume unha bofetada intelixente que me fixo sorrir, parabens ao autor, pilloume por sorpresa e agredecino.
A maiores ten esta xoia metida no medio “Toda vida non é máis ca unha fermosa moza a bailar…” por non dicir que os diálogos flúen perfectamente, coma unha pequena obriña de teatro. Imaxinas nai e fillo case a perfección. Aínda por riba ese final que non sabes se a nai está realmente fumada, se acabando de morrer ou …. libre albedrío para o lector.
“Só é un baile de madrugada” deste relato gustoume máis o ambiente, a atmósfera nocturna e xuro que quería estar nese pub e moverme ao lado da prota pero frase si frase non botábame fora e tiña que volver ao punto anterior e retomar a lectura, como se tivese frases a medio limar. O final sen dubida é xenial. Parabéns ao autor. Cun pouco de cicel entro ata a gramola.
Cústame un mundo decidir o voto voume decantar por “O valse eterno”
Para min, este é o mellor duelo da xornada. Está tan equilibrado que ambos relatos merecen punto.
O valse eterno
Ao principio descolocoume as formas da nai para falar co seu fillo. «Reconfórtame a idea», aí algo renxeu, pero logo todo toma forma e a nai vai diluíndose nunha disertación amoroso-filosófica moi chusca.
Despois hai frases que deberían estar no muro dunha catedral, como «O maratón de acción mortal de Semana Santa» e unha descrición preciosa de como a nai imaxina o pai nese momento. Todo ata o punto en que, como dixen antes, a nai esváese como unha néboa transilvana. Ou iso me gusta imaxinar.
Parabéns ao autor.
Só é un baile de madrugada
Este relato gañoume dende o principio. A lectura é sinxela e o ambiente está moi ben definido. Sospeito que todos estaremos nunha situación parecida antes de que acabe o ano e nos volvan confinar despois das festas. É por aí por onde se me fixo próximo o relato, onde se me pegou á pel.
Aínda por riba, o final está «ferpecto», non podería ser máis consecuente e ocorrente.
O meu voto vai para «O valse eterno», xa que cada vez que o leo atopo cousas novas.
Boas¡ Moi bo duelo, dende logo dous pesos pesados. Fáltanme por ler os outros dous pero forte candidato a duelo da xornada.
O valse eterno paréceme maxistral, cada vez que o leo mellora. Creo que está escrito con moito cariño e as referencias alí, moi ben lanzadas. Sempre o digo pero paréceme moi difícil so ter o relato co dialogo e a vez describir tan ben a unha personaxe que non fai acto de presencia. Ata que lin o relato non caín na conta de que podía ser o pai a imaxinalas. Dende logo, esta moi ben bailao.
De Só é un baile de madrugada gustoume moito por onde tira a imaxe. Non sei se é que ao outro entrei dende a primeira liña, pero si que noto neste algunha frase, como a dos ollos e a barra, que me sacou por un instante. A atmosfera está moi lograda, as luces do coche quedan xenial. Penso que no final chega a superar ao seu rival. Alí si que non lle atopo ningunha falla.
O meu voto vai para O valse eterno, pois creo que desta vez gaña o conxunto sobre unha parte.