‘O vello coñecido’ vs ‘Oliver e Benji’
Xornada 2 da Liga da Primavera 2022. Duelo entre César Lorenzo Gil e Carlos Vega.
Traba: Microrrelato de 100 palabras.
O vello coñecido
Carlos Vega.
O vello coñecido agardaba a Fumes na bancada do estadio, onda sempre. Cos ollos como fiestras de forno, miraba para o campo, onde Pernambucano colocaba o balón no punto de falta. Era un tirador regular, pero a presión dunha final non é allea a ninguén, e menos nos últimos minutos. Sorriulle a Fumes, cos dentes amarelos polo xofre, e estendeu unha man cara el:
—Un trato, amigo?
Oliver e Benji
César Lorenzo Gil.
—Escoita, ho, que desta si che conto o gol.
E movía as mans e regalaba os ollos e tremíanlle as fazulas e aparecía e desaparecíalle a lingua entre os dentes e empezaba as frases e tragaba saliva e collía carreira e braceaba e tocábame no ombro e falaba e paraba e dicía e rectificaba e debuxaba na area co dedo e ziguezagueaba e brilláballe na vista unha bágoa e turraba das lapelas da miña chaqueta e orneaba gargalladas e pegaba patadas nas pedras e arfaba e fungaba e corricaba estendendo as palmas e voltaba aplaudindo cada palabra non pronunciada.
O vello coñecido
empezo con esta suposicion: o vello coñecido é a morte. Fumes quere que Juninho meta o gol. A morte ofrécelle un trato. A sua vida polo gol?
Se a trama é esta quedan uns fios soltos. Por que Fumes chega ó estadio no final do partido e non estaba alí desde o comezo? Como é que a morte agardaba por el alí, “onda sempre”? Os estadios nos que se xogan as finais rara vez son o estadio propio dalgun dos equipos. ademais non di “coma sempre”, senon que fai referencia a que sempre sentaba naquel lugar. está fumes atrapado nun bucle temporal do que non pode sair ata que acepte o trato? non me cadra tampouco pola reflexion sobre a falta que se vai lanzar, el xa sabería que foi gol ou non.
unha variante desta suposicion é que a morte sexa quen está interesada no partido. De feito a referencia a Juninho parte dela, é ela quen mira o campo, ela foi quen viu todo o partido. Fumes chega ó final. Segue existindo o problema de que ela o agarda “onda sempre”, cando os estadios nos que se xogan as finais son lugares “singulares”, a non ser se refira a qeu sempre estaba no fondo norte, por exemplo. E o trato? Non semella unha aposta, é un trato. É un trato que xa teñen feito antes, por iso non fan falla mais palabras. E ten que ter referencia co futbol, co partido. Nesta suposicion da igual que sexa a morte ou un amigo.
O relato ten 67 palabras, que costaba gastar 20 mais en explicar o que sucede no relato?
Será que Fumes morreu camiño ó estadio e a morte lle deixou presenciar o partido igualmente? pero enton, porque a morte o agardaba onda sempre? será que aquel era o lugar destinado da morte de Fumes? e o trato, enton? en fin, se algunha vez vos parece que unha historia mellora canto menos lle contedes dela ó lector talvez o que pasa é que non era unha boa historia.
Oliver e Benji
mentres lia o relato parecíame estar vendo a version anime. Está moi lograda e o titulo axuda a situarse inda que non haia unha relacion directa entre a serie (mais seria) e o relato (de humor). Incluso me sobra algo a frase inicial, o dialogo, a pesar de que penso que foi boa idea poñer unha entradiña. tamen me parece boa idea usar a 1º persoa en vez de narralo en 3º. O final non o entendo ben, quere dicir que en realidade non chegou a pronunciar palabra? Non importa demasiado, porque igual que no caso do relato de botana na xornada pasada o importante non é entender o gol ou os xestos concretos do rapaz. No relato do vello coñecido, en cambio, sinto que necesito entender o argumento de forma mais literal para sacar algo en limpo da historia.
En resumo, voto por Oliver e Benji, porque me gustou mais e me parece deseñado de forma mais efectiva. O seu rival creou un texto aberto, evocador quizais, mais para min demasiado inconsistente, ou ben simplemente non entendín algunha clave. Ata busquei a historia de junihno P. para ver se marcara algun gol de falta nunha final e non atopei. Se en vez dese xogador fose maradona pensaria que estaban xogando un partido entre mortos, e por tanto tamen os espectadores o estarian. Podería seguir toda a tarde asi pero non é plan.
Teño que felicitar a César pola escolla dos filmes. E non só dos filmes, senón tamén das escenas. El secreto de sus ojos é outra peli que me vai custar ver completa de novo, pero ten unha desas escenas que se me quedaron apegañadas ao cranio por dentro. Te das cuenta, Benjamín? El tipo puede cambiar de todo: de cara, de casa, de familia… de novia, de religión, de Dios… pero hay una cosa que no puede cambiar, Benjamín… no puede cambiar… de pasión.
Respecto aos relatos presentes aquí hei de dicir que me encantaron, cada un ao seu estilo, por suposto. O que teñen ambos en común é que non os entendín nas primeiras lecturas. Tiven que agardar a que Lois mos mastigase e dixerise (polo menos o primeiro) para poder meterlle man.
Entendo agora O VELLO COÑECIDO como un relato pregunta, venderías a túa alma por un título de liga? [Que lle pregunten a Lendoiro]. Tardei tres lecturas e un comentario de Lois para ver que o vello era o diaño e iso é porque esa información ten que deducirse únicamente da palabra xofre, unha soa palabra entre 67. Normalmente cando se fai iso, cando pillas a palabra clave, esa palabra ten que abriche o relato a unha nova dimensión, cambiarcho por completo, pero aquí non sucede e penso que o motivo é a orde na que se dá a información. Primeiro anúnciase o diaño e logo faise a pregunta e, claro, que pregunta vai facer o diaño? Os microrrelatistas de raza loban solucionan isto deixando a palabra clave para o final. É dicir, para min, o relato gañaría moito se comezase por “Un trato, amigo?”, por exemplo, e sobre todo se rematase “sorriulle a Fumes, cos dentes amarelos polo xofre”.
Se me custou pillar O vello coñecido, con OLIVER E BENJI nin vos conto. E ao final creo que o truco está en renderse. Que o relato quere que te rendas como fai o narrador co protagonista. É aí onde empezas a desfrutalo, e quizais a caer na conta de que si que está a contar o gol, pero non o que pasou no campo, senón o que sentiu o protagonista con el. Para min non é un anime, como si é para Lois, eu imaxínoo coma un GIF emocional. Algo así coma unha sucesión de imaxes con efecto estroboscópico. Por dicir algo malo, non entendo o porqué do título e sóbranme as palabras “area” e “pedras’, que creo que entran en conflito coa foto e descolocan ao lector dunha forma innecesaria.
O meu voto vai para OLIVER E BENJI.
ten toda a razon Fran, é o demo e non a morte. eu pensei na morte polos ollos negros e grandes (asi os imaxinei) e a mencion ós dentes. pero ó demo podelo ver varias veces na vida e é el o rei dos tratos. Isto despexa algun problema e confirma bastante que o trato sería a alma por ese gol. Ou talvez non a alma, porque se era un vello coñecido xa terian feito tratos antes. Talvez lle ía concedendo unha participacion de cada vez, ou só se trataba de corrompelo con tentacions e non cun “todo ou nada”. inda así, é estraña a forma na que se atopan. O demo é o que vai tentar ó pecador, non me cadra ese “onda sempre”.
Preguntome por que o autor non quixo deixar mais claro que o vello coñecido era o demo. A solucion de Fran sería efectiva, mais se cadra un pouco “estandar”, un pouco final sorpresa. Lanzo unha pregunta para responder cada un na sua cabeza. Sería peor o relato se a primeira frase fose “O demo agardaba a Fumes”? A miña resposta é que sería exactamente o mesmo relato, só que agora se entendería (asumindo que é correcta a teoria da interpretacion demoniaca).
A única razon que se me ocorre para non facelo é que así o relato gana a virtude da ambiguidade. A ambiguidade é boa. Pero para que exista ambiguidade ten que haber necesariamente 2 versions plausibles e máis ou menos parellas. Se consideramos ó vello coñecido como un ser humano o relato ten sentido? Extraemos algo del? Ese é o problema. Eu só vin unha interpretacion loxica, e se non fose por fran nin me daria conta que tampouco era a acertada. Non podes xogar a esconder informacion da interpretacion real se non tes unha interpretacion aparente sólida. Por que.. para que se nos di o do xofre se non é para deixar unha pista? Por que xogar ás adiviñas co lector? Se a pesar de todo queres ir polo camiño dificil, non des pistas.
As interpretacions, coma toda a ciencia que coñecemos, son só provisionais. Oxalá veña outro detrás que traia máis luz.
Boas.
Eu non coñezo a película, así que o meu comentario vai sobre os simples textos e como ilustran unha fotografía.
O primeiro texto, “O vello coñecido” fáiseme un algo escuro. Entendo que debe haber unha acción previa, un antecedente que non se nos presenta para comprender o relato. Resúltame, en consecuencia difícil de interpretar a oferta final, aínda que, agás esa eiva paréceme que cometa ben e corre perfectamente… Pero non dou adiviñado cara onde.
O segundo texto, “Oliver e Benji” paréceme un texto que retrata moi poéticamente o entusiasmo futboleiro, e un comprende perfectamente ese entusiasmo e a maneira de narralo con tanta arte como distancia.
Voto, pois por “Oliver e Benji”
Boas. Aproveito que durme Antón a súa terceira noite fóra da barriga de súa nai para teclear ben baixiño estos votos. “El secreto de sus ojos” pode ser unha das mellores pelis da historia. E todo iso a pesar de que se fale en arxentino.
O problema do primeiro relato é que fala de persoaxes dentro de escenarios moi concretos. Iso non é algo malo nun relato grande, onde todo dato sume. Pero nun micro coma este esa táctica é un todo ou nada, explícome. Se o lector está ao tanto do trasfondo consegues evocar moitísimo cunha gran economía de palabras, o propio coñecemento do lector rechea os ocos. Nese caso a solución é fantástica. Pero, se o lector é coma min, que aprendeu o que era un fóra de xogo como haberá un tres anos… pois iso, a min só me queda a historia da venta da alma ao diaño, que é moito máis vella que o fútbol.
Do segundo o único malo é o título. Despois consegue ao estilo da poesía reflectir ese escintileo que fai grande calquera afición. Esa emoció, esa épica do teu. Vino centos de veces cando saía para emborracharme finxindo que era do Super Depor, cando realmente non sabía nin de de que cor era Mauro Silva. Un gran relato armado con ben pouco, parabéns!
Voulle dar o meu VOTO a “Oliver e Benji” a pesar do seu título, porque me gustou máis. E tamén por non lle facer o feo ao autor de “O vello coñecido”. Pasoume unha vez que nun duelo alguén me votou para non quedar a 0. Agradecinllo por privado a quen o fixo, porque entendín as súas boas intencións, pero díxenlle que fóra o voto que máis me doera de todos. Os bicos por compaixón sempre saben a bico de primo (sempre e cando non sexas un Borbón).
Vaia por diante que esta traba é unha das máis complicadas, ao meu entender. Desfrutei moito ambos relatos, polo que parabéns aos competidores.
‘O vello coñecido’: Unha vez se entende quen é ese coñecido cobra todo o sentido, e de aquí pódese interpretar moito, dende unha crítica a corrupción no deporte, ata algo máis fantástico, como é a capacidade de facer negocios co demo. Talvez demasiadas posibilidades, que me deixan un sabor agridoce ao rematar con tanta incerteza sobre o que lin.
‘Oliver e Benji’: Este relato pareceume precioso, e penso que aproveita mellor o formato do microrrelato para describir algo tan emocional como é afección ao deporte, o que pode sentir unha persoa ao ver xogar ao seu equipo.
O meu voto é para ‘Oliver e Benji’ por como expresa ese sentimento.
Graciñas polos votos. Para min o formato do micro é dos máis complicados que existen. E como tarefa intentei que tivese as cen palabras xustas ou andar moi cerca, agora non lembro. Intentei utilizar o fútbol como material narrativo para explicar que, en realidade, a narración, tal e como demostra a literatura do século XX, xa non serve para contar nada. O relato vai sobre a imposibilidade de narrar. Eu fun cronista deportivo dez anos e sempre tiña a sensación de que cando escribía sobre un partido de fútbol tiña que gardar a discreción para non chocar coas versións dos miles de persoas que viran o mesmo partido ca min. Pero a literatura (e a crónica é o xénero xornalístico máis próximo ao relato) hoxe permíteche converter o narrador en materia literaria tamén. Este é un relato sobre un narrador narrado.
Coido que no relato do Carlos hai un erro de estrutura, de como se van establecendo os tempos do relato. Un microrrelato que non se centra nunha única imaxe corre o perigo de perder o pé. Penso que a idea forza é a de Pernambucano e o balón e a proposta demoníaca de pauto. Se o relato empezase aí, se centrase aí, gañaría. Outro problema é que sabemos que o demo é un vello coñecido, pero o demo só pacta unha vez. Por que nesa final, porque nese lance do xogo? Durante 90 minutos Mefistófeles pode influír ducias de veces, como vemos nun partido do Madrid.