BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O viaxeiro perfecto’, unha estratexia diferente

Eva Moreda.

Iván García Campos.

Iván García Campos paréceme un dos escritores máis interesantes e máis orixinais da literatura galega actual; cando digo “orixinal” non me refiro a que cultive unha literatura vangardista ou experimental, senón a que os modelos, digamos, foráneos que parece seguir non se ven moito por aquí, e García Campos consegue, en xeral, adaptalos de forma exitosa. Paréceme, tamén, un dos escritores se cadra máis inxustamente tratados: non é que sexa deostado pola crítica (aquí ninguén o é, así que pretender o contrario non ten sentido), pero si que se lle podía prestar un pouco máis de atención á hora de facer listas de mellores do ano, mellores do século, canon actual da literatura galega e así.

O viaxeiro perfecto (Galaxia, 2019) —terceira obra e segunda novela publicada de García Campos— tamén é debedora destes modelos dos que falaba anteriormente. A literatura de García Campos paréceme moi anglosaxoa, no sentido de que se lle presta moita atención a describir xestos, ambientes, de xeito obxectivo e un tanto distanciado (“A botella de champaña e a gaiola do canario estaban abertas sobre a mesa da cociña. A señora Adela cortaba pan trigo negando coa cabeza. Era unha muller alta e grosa cun pequeno vulto na órbita esquerda. Aínda que cortaba pan sobre unha táboa de madeira, a súa ollada estaba chantada na gaiola do paxaro”). É unha estratexia que —aínda que non quero caer en esencialismos lingüísticos— non sei se sempre se adapta ben ás linguas romances, que adoitan precisar de máis palabras ca o inglés para dicir o mesmo: o que nun texto en inglés ten un efecto discreto, como de acoutación teatral, pode que en galego semelle un pouco excesivo e mesmo artificioso, e pareceume que algunha vez García Campos si se atopou con estas dificultades. Non sei se é que o autor está, polo momento, máis confortable con esta estratexia no formato curto: o seu libro de relatos Cuestións vitais secretas ségueme parecendo o mellor ata agora, sen que iso sexa obstáculo para que O viaxeiro perfecto sexa unha novela que convén recomendar.

En efecto, esta estratexia da que falaba antes revélase exitosa cando se trata de lles dar vida aos personaxes, Raimundo Martín (un ancián que tivo unha vida ben interesante) e Mario, que emprenden xuntos unha viaxe en coche a París. García Campos déixaos falar, deixa que actúen sen dicirlle constantemente ao lector o que ten que pensar e sen darnos demasiados detalles do que pensan eles, o que en moitas novelas remata por crear unha especie de sicoloxismo pouco efectivo. É un ton que lembra bastante —non sei de xeito consciente ou inconsciente por parte do autor— ao minimalismo norteamericano dos anos oitenta e así, que vemos pouco na literatura galega e que, ao cabo, García Campos consegue manexar con éxito para dicir o que quere dicir. O que temos ao final, penso eu, é unha novela que nos falou do conflito xeracional, da memoria, mesmo da política, sen estridencia ningunha, case como que chove, sen que mesmo nos decatemos.

♦ O viaxeiro perfecto, de Iván García Campos . Galaxia, 2019. 204 páxinas. ♠15,50€

One thought on “‘O viaxeiro perfecto’, unha estratexia diferente

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *