BiosBardia

O país dos libros en galego

‘O viaxeiro radical’. Biografía íntima do ‘Man’ de Camelle

Xerardo Quintiá

Xerardo Quintiá novelou n’O viaxeiro radical a vida de Manfred Gnädinger, Man, o alemán de Camelle, falecido en 2002 tras ver a marea negra do Prestige destruír o seu museo de esculturas canda o mar. Nas súas propias palabras, Quintiá pretendeu fuxir do tópico do anacoreta tolo con que se viña identificando o alemán no noso país. Conségueo en parte centrando a estrutura da novela na mocidade de Gnädinger, a súa chegada a Camelle a comezos dos 60 tras estudar arte en París e os motivos que o levan, tras uns anos nesta vila costeira, a escoller unha existencia sinxela e esencial a carón do mar, procurando a comunidade coa natureza. Esta estrutura resulta clara, didáctica e informativa, pero non chega a facerse pesada, pois Quintiá elude décadas enteiras da vida de Gnädinger en Camelle: isto dálle á historia un aquel de misterio que vén ser un dos seus grandes acertos.

Na entrevista enlazada anteriormente, declarou tamén Quintiá que vía a Gnädinger fundamentalmente como un romántico, no sentido de ser o escultor alemán debedor dunha concepción da arte e da vida que data de comezos do século XIX. Isto quédalle claro ao lector ao longo de toda a novela, e resulta moi de agradecer no noso marasmo pedagoxista que Quintiá non bote aquí man dun exceso de subliñados argumentais.

Porén, que un artista queira revivir unha concepción da arte fundamentalmente romántica ás alturas do século XX e mesmo XXI pódenos semellar anacrónico, inxenuo e mesmo risible. Como alguén que quixese revivir o cadro do camiñante sobre o mar de néboa de Friedrich porque lle parece todo moi estético, pero sen terse parado a pensar que o mundo e a sociedade cambiaron e que os ideais románticos, por outra parte, tampouco están exentos de problemas (o irracionalismo xa sabemos todos a onde pode acabar chegando, etc.). Infelizmente, a novela non fai grandes esforzos para disipar ou matizar esta impresión de inxenuidade. O desengano amoroso de Gnädinger tras chegar a Camelle (que serve para explicar a súa decisión de emprender unha vida máis apegada á natureza) está contado de xeito apresurado, como se se tratase de pouco máis ca un namoramento adolescente: o lector pode compadecer o protagonista pero é difícil que chegue a entendelo como un igual, como un ser maduro e complexo.

Un dos principais piares que Quintiá utiliza para crear esta impresión de inxenuidade é o estilo, de sintaxe elemental e mesmo ás veces un pouco tentativa. Tanto Gnädinger nas súas cartas supostamente escritas en alemán como o narrador en terceira persoa exprésanse igual; cando Gnädinger fala en primeira persoa en galego a única diferenza é que usa infinitivos en lugar de formas conxugadas (un xeito bastante manido, por non dicir pouco realista, de intentar reflectir como se expresaría en galego unha persoa estranxeira). Non sei se Quintiá faría isto a mantenta, como querendo dicirnos que o universo de Gnädinger só pode entenderse nos seus propios termos e para facilitar que miremos o mundo desde os ollos do protagonista. Se así foi, teño que confesar que non chegou a convencerme: a impresión que queda de Gnädinger é que era unha persoa inxenua, un pouco miñaxoia, un pouco infantil.

Con todo, resulta interesante comprobar como Quintiá se insire no camino que xa insinuou aquí César Lorenzo a propósito de Fontán, de Marcos Calveiro: unha biografía novelada ben documentada, coa súa dose necesaria de fabulación (está moi conseguida a recreación de Camelle pola volta dos anos 60), que lle permite a un público amplo achegarse á figura aínda descoñecida de Gnädinger.

♦ O viaxeiro radical, de Xerardo Quintiá. Galaxia, 2015. 220 páxinas. ♠17€

Eva Moreda.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *