BiosBardia

O país dos libros en galego

Odiamos a guerra, amamos os libros de guerra

Fragmento do Tápiz de Bayeux, "cómic" medieval que relata a conquista de Inglaterra por parte de Guillerme de Normandía no 1066.
Fragmento do Tápiz de Bayeux, “cómic” medieval que relata a conquista de Inglaterra por parte de Guillerme de Normandía no 1066.

Manuel Veiga Taboada.

Moitos lectores coñecerán os resultados do Cuestionario Proust que, desde hai meses, vén publicando Ramón Nicolás no seu Caderno da Crítica. Aínda que a algunhas persoas “o Proust” lles parece anticuado e mesmo cursi –pregunta por exemplo pola cor, a flor e o paxaro favoritos– eu comprobei que lendo consecutivamente as respostas que ofrecen os interrogados é posíbel tirar non poucas conclusións interesantes. En concreto, unha das que a min me chamou máis a atención foi a de que case todos afirmen non sentiren admiración por ningún feito militar. A maioría rexeitan a propia idea con contundencia, coma se o diaño lles tivese suxerido un pensamento perverso e coma se non existisen, desde hai séculos, os conceptos de guerra xusta, defensa propia, guerra contra o invasor, revolta contra o tirano, etc. Na propia Biblia, David enfróntase a Goliat e moitas mulleres (e homes) teñen aplaudido a imaxe de, non lembro se era Thelma ou era Louise, na película famosísima de Ridley Scott, apuntando unha pistola en dirección a un camioneiro machista.

Pero aínda que se tome en consideración a existencia de distintas clases de guerra, máis ou menos xustificada cada unha, humanamente é doado comprender que, en si mesma, a guerra resulte odiosa. Non sucede o mesmo, en cambio, cando do que se fala é de literatura. O libro sobre o que se funda a cultura occidental, A Ilíada, é a crónica dunha batalla, narrada con detalle e sen aforrar desgrazas. A obra de Homero,  traducida ao galego por Evaristo de Sela, é prolixa por exemplo, máis quizais que en ningún outro aspecto, na descrición das armas empregadas polos contendentes. Os heroes que combaten na chaira de Ilión (ou Troia) son, ante todo, guerreiros, por non dicir que case toda a antigüidade clásica está tinguida de batallas, en bastante maior medida que de obras filosóficas e sen esquecer que Aristóteles foi o mestre de Alexandre Magno, un líder nada magnánimo cos seus inimigos. E hai que dicir que ese foi só o comezo, porque a partir de aí, até hoxe en día, a guerra non deixou nunca de representar a principal fonte de inspiración dos escritores, xunto co amor. Días e noites de amor e de guerra é precisamente o título dunha obra de Eduardo Galeano, que ben podería referirse á historia da humanidade no seu conxunto. Se quixésemos cerrar provisionalmente o arco das obras bélicas cunha narración actual, poderiamos citar, por exemplo, O home do salto de Don DeLillo, inspirado no 11 de setembro de 2001, o día no que dous avións bateron a mantenta contra as Torres Xemelgas de Nova York.

Días e noites de amor e de guerra é precisamente o título dunha obra de Eduardo Galeano, que ben podería referirse á historia da humanidade no seu conxunto.

E que encontran autores e lectores na guerra, deberiamos agora preguntarnos, para sentírense tan inspirados por ela e para desexar unha e outra vez percorrer eses miles de páxinas tinguidas polo desastre e a loita entre seres humanos? Eu penso que, esencialmente, a beleza. Non hai literatura nin arte ningunna sen beleza. Aínda que semelle un sacrilexio dicilo, existe beleza na imaxe dos homes saltando –e voando durante uns segundos– desde os pisos altos das Torres Xemelgas, fuxindo do lume e as explosións de gas pero condenándose inexorabelmente á morte. Igual que hai beleza –non só utilización política– nos mitos de Numancia ou do Monte Medulio. De non ser así non se recorrería tanto a eles. De feito, todo mito é fermoso e moitos son ademais tráxicos.

Michael Herr, reporteiro en Vietnam e máis tarde colaborador como guionista cinematográfico n’A chaqueta metálica e Apocalypse Now, é o autor de Despachos de guerra, probabelmente o mellor libro escrito sobre o conflito asiático. Nesta obra, que tivo un grande éxito no mundo anglosaxón, Herr escribe: “De noite era marabilloso. Mesmo os proxectís que caían sobre nós, as súas luzadas eran fermosas de noite, fermosas e profundamente aterradoras”. E hai varias frases así no libro. Pódese dicir que todo Despachos de guerra é tan fermoso como aterrador. A fin de contas iso é o que buscou sempre a gran literatura: proporcionarlle beleza e, ao mesmo tempo, un espectáculo ou cando menos unha idea terríbel aos lectores.

“De noite era marabilloso. Mesmo os proxectís que caían sobre nós, as súas luzadas eran fermosas de noite, fermosas e profundamente aterradoras”, Michael Herr.

Non hai literatura sen bondade, pero aínda menos sen maldade, simplemente porque ambas son características absolutamente humanas. Moitos dos mellores libros escritos no século XX  constitúen o relato dunha batalla tras outra, sen apenas pausa. E iso malia que, en contra do que se adoita a pensar, este non foi un dos séculos máis violentos da historia.

Cabalaría vermella de Isaac Babel, por exemplo, resulta case un orixinal mostrario de boa parte das historias humanas posíbeis, todas nacidas no ambiente da guerra entre polacos e soviéticos, nos anos vinte. Ao outro lado do Atlántico, e hai menos tempo, Cormac McCarthy escribiu Meridiano de sangue, novela de trazos bíblicos sobre a persecución dos pobos indíxenas acordada e levada a cabo, a través dun subrepticio reparto de papeis, entre gringos e mexicanos. Resulta, sen dúbida, a mellor novela do autor e unha das mellores da literatura norteamericana contemporánea. Meridiano de sangue é guerra, violencia tan salvaxe como programada, e literatura, outra vez, insoportabelmente fermosa.

Meridiano de sangue é a mellor obra de Cormac McCarthy e unha das mellores da literatura norteamericana contemporánea.

Dirán os que responderon o cuestionario Proust que unha cousa é a literatura e outra a guerra en si e que unha cousa é admitir un feito bélico como unha realidade e outra, moi diferente, admiralo. E eu estou por darlles completamente a razón, pero algo faime dubidar. Creo que a guerra case nunca é causa senón consecuencia. Nin sequera resulta necesario recorrer a Clausewitz, abonda con ler o xornal, para soster que non é máis que política por outros medios. Shakespeare deixou escrito que a vida era ruído e furia e Faulkner tomoulle a frase para o título dun dos seus mellores libros.

Din, con todo, que teñen que pasar, cando menos, catro xeracións para que un poida gozar libremente lendo un libro sobre unha batalla ocorrida na súa contorna próxima. Quizais por iso son capaz de gozar máis cos relatos d’O sabre do francés (Galaxia) de Miguel Anxo Fernández que coas novelas sobre a guerra civil, do mesmo modo que, probabelmente, os vietnamitas acostumen ler moi poucas novelas sobre a guerra de Vietnam.

 

3 thoughts on “Odiamos a guerra, amamos os libros de guerra

  1. Supoño que sempre facemos diferencias entre a ficción e a realidade, aínda que esa ficción estea baseada en feitos reais ou históricos como pode ser unha guerra. Tal vez sexa unha parvada a miña reflexión mais, se o levamos á literatura de terror, un lector pode gozar con unha posesión demoníaca e o seu correspondente exorcismo e non aturar a idea de ter que padecelo na súa vida real. Consciente ou inconscientemente marcamos diferencias entre o que vivimos e o que pasa ante os nosos ollos como meros espectadores, sexa un libro, un filme ou unha nova nun xornal.

    1. Concordo e é interesante a comparación co terror. Aínda que penso que a mellor literatura de guerra está moi baseada na realidade. De feito, os textos de Babel e Herr son, antes de libros, artigos xornalísticos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *