BiosBardia

O país dos libros en galego

Oito aspirantes para a I Liga Maruxairas

Esta semana publicaremos a xornada preliminar da I Liga Maruxairas de Relatos. Será un “todos contra todos” ao redor dunha soa imaxe, con textos de menos de 150 palabras. Ao usarmos o sistema suízo de competición, os emparellamentos de cada xornada dependen dos resultados da anterior.

Non conseguimos que cada duelista contase cun lector beta, polo que o editor de Biosbardia, César Lorenzo, será lector beta de tres duelistas. Para evitar distorsións na competición, Lorenzo só terá un voto en cada duelo e non poderá votar en todos aqueles duelos nos que participen os “seus” autores.

O calendario queda así.

Xornada preliminar: 2 de xullo.

Xornada 1: 16 de xullo.

Xornada 2: 30 de xullo.

Xornada 3: 13 de agosto.

Xornada 4 (final): 27 de agosto.

Durante os meses de xullo e agosto disputarase a liga, na que participan oito duelistas. Imos coñecelos máis polo miúdo.

Xosé Carlos Carracedo

Xosé Carlos Carracedo.

Nace en Compostela o 8 de novembro de 1990. Non é ata a adolescencia cando reloce un instinto literario que embarazara nunha infancia chea de soños. Na mocidade vive intrépidas aventuras  sobre o pouso das letras: a creación da revista Cicloxénese Expresiva, a publicación do libro Somos de Arxerís, as clases e escritura creativa, a súa profesión de mestre en audición e linguaxe e, ultimamente, a escrita dun popular diario sobre o confinamento. Lector beta: César Lorenzo Gil.

Ana Vigo

Ana Vigo.

Nacida en Pontevedra. Considérase a si mesma “devoradora e creadora de historias dende que teño memoria. Para min, ler, escribir, debuxar e imaxinar son actos tan necesarios como respirar”. Graduada enComunicación Audiovisual pola USC, actualmente é redactora xefe e coordinadora da sección cultural no diario dixital TimeJust. Autora da novela La búsqueda de los dioses (Luhu Editorial), confesa que ten outro puñado de narrativa aínda no caixón. É autora de relatos curtos dispoñibles en diferentes antoloxías. Lector beta: César Lorenzo Gil.

Lois Z

Crítico literario. Licenciado en Bioloxía. Ourensán (1981) empadroado en Compostela. Xogador de rol, escritor de relatos e estampador de camisetas. Lectora beta: Ana Cataria.

Marcos López Concepción

Naceu en Lavadores no 1975. É administrativo de profesión. Publicou dous contos no libro Contos da rúa (Elvira) e o libro infantil Pitusa, a fantástica nena da caca de ouro(Galaxia). Lector beta: César Lorenzo Gil.

Natalia Otero

Natalia Otero Oubiña.

Ten 36 anos e é natural de Taragoña (Rianxo). É enfermeira de profesión, inda que tamén adica parte do seu tempo á música. Formou parte do grupo de pandereteiras “O Aquel de Aquelar”, no que participaba como cantareira e compositora dos temas propios. O grupo editou un disco e resultou gañador do Cultivando Música 2016. Tamén foi vocalista do grupo folk vilagarcián “Moeda Vella”. Actualmente combina a actividade como compositora e letrista a nivel afeccionado coa colaboración como vocalista na banda de rock viguesa “Analyse- The Cranberries Tribute”. Escribir sempre foi un dos seus pasatempos máis habituais cando era nova, afección que abandonou unha vez comezou a carreira. Volveu retomalo hai uns meses, logo de descubrir os microrrelatos a raíz dun concurso de radio. Gañou o Premio do Xurado do I Concurso de Microrrelatos da plataforma BenComún. “Preséntome a este torneo con moitas ganas de seguir aprendendo e enriquecerme dos coñecementos de outras autoras e autores”. Lector beta: César Lorenzo Gil.

Carlos Vega

Naceu en 1997, a 30 dias de que acabase o verán. Comezou a escribir hai anos por celos dos libros de medo que tanto lía. Aos 19 anos buscou e achou fortuna en Inglaterra, sendo case

Carlos Vega.

nomeado herdeiro dunha fortuna de procedencia checa, en parte grazas a recoñecer un cadro de Mondrian. Gústanlle as cancións de Johnny Cash e Elton John. Tamén se xacta de coñecer un segredo crítico sobre o príncipe de Gales. Con todo isto xa ten 20 anos e pouco máis sabe escribir. Probou coa bebida pero acabouno deixando seco. Tería deixado de escribir hai tempo, pero por sorte agora podédelo atopar na capital, amando con todos os seus contos a unha persoa. Lectora beta: Sigrid González Fernández.

Marisol Gándara

Marisol Gándara.

Naceu en Francia un 6 de Xaneiro de 1981, “así que podo atopar epifanías en calquera lugar”, di. Os caprichos das migracións quixeron que medrase en Galicia pero considérase nómade de nacemento. Licenciada en Filoloxía Inglesa “contra todo prognóstico” e Grado en Educación Primaria “por pura necesidade laboral”. Agora é mestra de educación primaria “aínda que estou a traballar con adultos. As contradicións perséguenme”. Escribe versos “dende que teño memoria”. Publicou o libro de poemas  e Ata o corazón da mazá (Espiral Maior). “Coido que son máis de escoitar que de contar, e aínda que non me gustan os duelos, poucas cousas me excitan máis que un desafío, e gusto de excitarme. Por iso estou a enrolarme nesta aventura, na que un amigo, todo hai que dicilo, me empuxou en certa medida, así que alá vamos e que sexa o que dite a tinta, ou os píxeles”. Lector beta: Gonzalo Sanjurjo.

David Botana

Dedícase a dar clases particulares “(do-que-sexa)”, confesa, “mentres agardo a que as catro vacas da avoa xunten o esterco dabondo que me obrigue a facer algo de deporte; é

David Botana.

unha sorte, podían ser cinco vacas. O pelo da cabeza múdaseme a lugares insospeitados do corpo, corpo xa con forma de fariñenta pera mol, mol pera que me fag… err… que me vou pudrindo; vamos”, conta. “Estou a escribir esta “Bio_Sbardia” miña (haha) cun pé en alto por mor dun ataque de gota aguda; é unha sorte, podía ser cunha embolia. A persoa coa que vivo leva todo o día a dicirme: «Maldito aleixado!» polo meu pé inflamado, curiosamente iso faime rir, faime sentir ben; é unha sorte, a maior de todas”, continúa. “Escribo cousas, polo xeral na cabeza, ás veces en papel. Son cousas variadas, algunhas con feitura de conto, o máis das veces de terror. Varias están publicadas e todo; é unha sorte, podían… podían… É unha sorte”, conclúe. Foi gañador do III Torneo Biosbardia de Relatos. Lectora beta: Claudia Neira.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *