Oito predicións realistas sobre a literatura galega do 2050
César Lorenzo Gil.
Inventar futuros é un xogo literario que nunca pasa de moda. Inventar futuros literarios é o xogo por antonomasia, o enredo metaliterario máis absurdo e divertido; a lotaría imposible de gañar, o enigma imposible de adiviñar. Cando falamos de mañá sempre falamos de hoxe: do que ansiamos, do que tememos. Arestora.
I
Para o 2050 haberá moitas máis editoriais. Xerais, a pesar de que todos os anos se comente polo baixo que está a piques de desaparecer, seguirá en pé. Galaxia formará parte do grupo de empresas públicas do Goberno. O seu catálogo nunca baixará das 500 publicacións anuais. A súa directora xeral afirmará: «Ningunha autora pode queixarse; todos teñen os seus cinco minutos de gloria». A tecnoloxía da impresión baixo demanda sairá vitoriosa dunha guerra comercial contra formatos flexibles de pantallas dixitais alá polo 2030. Nas librarías haberá imprentas-expendedoras de libros. Irás á que máis che preste e preparanche a túa edición exclusiva, con amplas posibilidades: autógrafo da autora, un selfi xuntos… Calquera cousa para que te sintas único e especial. Para non perder o prestixio comercial, contaranse por reedicións cada unha das copias solicitadas. Mais non todos lerán en papel. Haberá quen lea en esveltas tablets solares, pero a maioría da xente, para unha ducia de libros que le ao ano, prefirirá ter consciencia do obxecto que pagou e ter algunha escusa para renovar cada certo tempo os andeis Billy. Con todo, na maioría das cidades habilitarán puntos verdes específicos para a reciclaxe de libros. Moitas autoras pasarán as fins de semana facendo excursións para recoller os seus propios títulos, avergoñados de verse así, abandonados do favor das súas lectoras coma electrodomésticos obsoletos.
II
Fracasará o enésimo intento para formar unha industria audiviosual galega que unifique os ámbitos creativos a través de grandes proxectos transmedia. O último intento, a Lei Gago, preverá no 2030 un orzamento de varios millóns para adaptar novelas á televisión e crear tamén produtos transmedia nativos, con novela máis película máis serie de televisión máis aplicación móbil máis videoxogo máis parque temático. Todo con moitos hipervínculos e interacción entre autoras e espectadoras. Mais como a maioría das autoras literarias optarán pola autoficción e o costumismo para todos os públicos e a maioría das guionistas e directoras escollerán historias contemplativas e longos planos silenciosos, en cada reunión que manterán adormentaranse mutuamente mentres a creadora de videoxogos terá que gardar para si a súa fabulosa e inédita idea de aproveitar o pasado celta de Galicia para un éxito internacional con nome en inglés, pero alma «galeguiña».
III
Á parte de autoficción e realismo costumista, a literatura galega especializarase nas lecturas edificantes. A crítica literaria gabará a gran capacidade das autoras para tratar todos os temas de actualidade con dous anos de atraso (a pesar do alto número de títulos publicados seguirá a haber listas de espera), seguindo ademais as coordenadas morais máis á moda dun xeito estrito. No 2042, a Asociación de Críticos conseguirá establecer un selo de calidade que se transcribirá en todas as obras de ficción: «Neste libro non se ofende a ninguén. As personaxes malvadas e as plantacións de eucaliptos, se as houber, son convenientemente castigadas». Na poesía terá moito éxito o colectivo BertoYáñez, a pesar de que correrá o rumor de que compón os seus poemas reciclando versos de autores publicados entre o 1980 e o 2025. «Iso é unha falacia», defenderase a través do seu avatar nas redes sociais o tal colectivo. «Somos tan orixinais coma a inmensa maioría das poetas que publicaron nos últimos anos en galego».
IV
A literatura xuvenil seguirá a ser a máis vendida, pero haberá unha maior regulación do mercado. Cada ano, cada instituto, proporalles ás autoras un concurso de méritos. Leranse nas aulas aquelas obras que:
1. Conten con menos léxico, para evitar que o estamento docente teña que acudir ao dicionario.
2. Usen na trama máis tópicos, clixés e ideas alleas, para así poderen pasar por clásicos.
3. Inclúan unidade didáctica en audiolibro, para que o estamento docente poida ir escoitándoa de camiño ao traballo ou á casa.
4. Mellor ratio de visitas ao centro escolar ofrezan. Valorarase que as autoras vaian disfrazadas, saiban cociñar, fagan malabares ou toquen a guitarra.
No 2039 intentarase que as autoras logren o don da ubicuidade mediante hologramas que se «aparecían» a un tempo en todas as bibliotecas dos institutos de Galicia. O proxecto fracasou pola mala calidade da conexión á internet.
V
As facultades de Literatura Galega cambiarán o canon. Porán fóra todos os señoros. Chegar a vello, ser calvo, levar gravata ou lentes de cu de vaso consideraranse decisións estéticas moi pouco artísticas. Na década do 2020 haberá unha infeliz vaga de suicidios de poetas novos mais con suficiente obra publicada. Na maior parte dos casos, xunta a nota de despedida, deixarán books con fotos profesionais.
VI
O Día das Letras Galegas seguirá a ser o 17 de maio e seguirá a ser festivo. O seu mantemento corresponderalle á Real Academia Galega. Tampouco haberá mudanzas sobre o período de dez anos falecido para poder optar á homenaxe. Non haberá novidades no tocante á polémica sobre a escolla ou ás acusacións de espurias causas da escolla deste ou doutro homenaxeado. Seguirán a publicarse haxiografías e convocaranse congresos nos que apenas se fale de nada novo. Ocultaranse os datos máis escuros das súas biografías. Uns anos haberá máis festa e noutros máis sopor. Fracasará o Proxecto Monteagudo, iso si, unha iniciativa que alá polo inicio da década do 2030 buscará formar autoras vivas destinadas a ser no futuro homenaxeadas no Día das Letras. Entre outros motivos, algunhas das convocadas temeron que as envelenasen, non tanto para acelerar a súa canonización, senón para evitar que seguisen escribindo e publicando como medio de salvagarda da calidade do conxunto da súa obra.
VII
No 2041 xurdirá a Iniciativa Roberto Vilar de fusión do Dicionario da Real Academia Galega co da Real Academia Española, o famoso DRAGE, de efémera vida, que reivindicará a nova esquerda como confirmación do proceso de mestizaxe da lingua galega. «Somos mulatos, somos crioulos, somos fronteira. Unirnos ás palabras traballadoras das nosas irmás españolas é a mellor maneira de reivindicar a nosa identidade», comentará unha das dirixentes do novo-novo espazo de converxencia. Mais a coalición maioritaria en Galicia, PP-BNG, contraatacará co Plan Estraviz, que aprobará, dunha hora para a outra, aproveitando unha ponte, o paso do ll e o ñ ao lh e ao nh; con tan mala sorte que nesa mesma hora Portugal estreará unha nova normativa que incorpora o ll e o ñ, entre outras mudanzas, para favorecer a etiquetaxe dos produtos de Mercadona, xa primeira marca de alimentación no país, e cuxos cruzamentos entre portugués e castelán desesperaran os falantes. «Entendíase menos un paquete de papel hixiénico “absorbvente” ca unha novela de Lobo Antunes».
VIII
No 2050 eliminaranse todos os premios sen apelido. Considerarase un despropósito convocar un premio literario para unha novela, así, a secas. A Asociación de Escritoras queixarase de que con tal imprecisión pode caber calquera cousa, incluso a literatura. Desde ese momento todos os premios terán unha correcta atribución temática ou escolar. Por dar algúns exemplos, o Premio Eduardo Blanco Amor de Novela pasará a ser Premio Eduardo Blanco Amor de Novela sobre Diversidade Afectiva e Consumo Consciente. O Premio de Novela Manuel García Barros toma o nome de Premio de Novela de Dinamización Rural e Repoboación Autóctona Manuel García Barros, e o Premio Repsol de Narrativa Breve é oficialmente agora o Premio Repsol de Narrativa Breve sobre Empoderamento Enerxético.
(Este texto publicouse orixinalmente na revista Luzes).
Dentro de vinte e sete anos dis…?