Ollar para Ánxel Fole no seu 120.º aniversario

Xesús González Gómez.
Hai xa anos, vinte exactamente, a cargo de Claudio Rodríguez Fer a Editorial Galaxia publicou o III Volume da Obra Completa, de Ánxel Fole. Volume que reunía narracións e poesías escritas en castelán polo escritor lugués, e, ademais, unha selección (temática) dos seus case tres mil artigos publicados en diferentes medios, sobre todo en El Progreso e Hoja del Lunes, de Lugo. Se alguén sente a curiosidade de saber sobre que temas escribiu Fole nestes dous xornais lugueses, ver a listaxe que fixo deles María José Pardo Gil e que está colgada na rede. Como acontece con Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Álvaro Cunqueiro, Vicente Risco e algúns máis, a obra completa de Fole, seica, pode esperar séculos a ser publicada. Estou de acordo con aquel/a que afirme que a publicación das obras completas dos mencionados non sería rendíbel, crematisticamente falando, mais penso que si sería rendíbel para o país, aínda que a maioría dos escritos que faltan por recoller destes escritores estean en castelán. Non hai que esquecer que durante case corenta anos, Otero, Cunqueiro, Fole, e toda a restra, non podían expresarse libremente en galego, que gardaban, maiormente, para a obra literaria. Tampouco podían expresar, Otero e Fole, sobre todo, o seu pensamento en voz alta, aínda que souberon, sobre todo Fole, eludir a censura.
Hai tempo, nesta mesma web, ao falar de novelas con política e novelas políticas, escribía: «Cando en 1955 apareceu Terra brava. Contos da solaina, falouse, dentro dos límites (que eran moitos) bastante do libro. Entre os seus comentadores estaban as firmas de Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Méndez Ferrín…, e con citar estes tres é, acho, suficiente. Ningún dos tres, porén, puido falar da, digamos, liña ideolóxica do libro, aínda que ao mellor o tiñan in mente. Nese mesmo tempo, Álvaro Paradela, contestando a un tal “Cotovío”, afirmaba, nas páxinas de La Noche, que segundo Fole en Galicia existían dúas liñas ideolóxicas: “Ya Ánxel Fole subraya en Terra brava que en Galicia hay dos líneas ideológicas: Una, la línea de la saudade y otra la de… NO saudade”. »Paradela continuaba, e afirmábase anti-saudosista: os saudosistas, ao cabo, non serían máis que románticos superados, selenitas, melancólicos, etc. En fin, o de sempre. [Sobre o tema, é paradigmática a polémica António Sérgio/Teixeira de Pascoaes, hoxe felizmente enterrada, e que viña demostrar que nin a liña saudosista, nin a liña “racionalista/cartesiá” foran quen de mover un ápice da liña dominante en Portugal naqueles anos, é dicir, o salazarismo; e o paso do tempo demostrou que Sérgio ficou “atrás” e que Pascoaes continúa a ser o gran poeta que sempre foi.] Penso que Álvaro Paradela albiscou unha liña ideolóxica en Fole, mais non soubo ver cal era, ou se a viu non podía dicila, non podía mencionala, expresala. Porque esa liña ideolóxica existe en Terra Brava, domina os primeiros parágrafos de “O gran parladoiro”, unha parte da “Solaina” ou prólogo do libro. Neste gran parladoiro os diferentes falantes: Gumersindo, Cilistro, O Fidalgo, Gásparo van dicindo “as súas” sobre a lingua, a paisaxe, os labregos, o campo, as vilas, os séculos XVIII e XIX, a liberdade, etc., etc. O punto culminante desta conversa chega, penso eu, no momento en que se está a falar dos galegos, do particularista (home de bando, de fato) e o individualista (todo o contrario). O individualista di: “Non queiras para ti o que non queiras prós máis, porque todos, en certas cousas, debemos te-los mesmos dereitos. Os dereitos de todos fan que vallan os meus”. En troques, “o particularista pensa (que non di): ‘todo prá min e prós meus: ós autros que os parta unha centella. Miña casiña, miña terriña. O mundo, a lóxica i a moral rematan nas lindeiras dos meus eidos’”. Os galegos, veñen dicir os contertulios, son máis particularistas que individualistas, talvez “por rutina e atraso” como afirma Gumersindo. Porque, continúa, “O seu esceuticismo e o seu particularismo abrollan da súa iñorancia […]”. E Gásparo acada, na continuación do diálogo, como dixen antes, o cumio: “A verdadeira causa é que inda non ten concencia da unidade da súa terra. Está a tela, mais inda non a ten. Ista unidade xa está nas falas que fala e nas cantigas que canta, remanez da mesma terra que nos dá o manturio… Non abonda con que sintamos en galego, debemos pensar tamén en galego. Outramente, seguiremos a ser como un carro sin rodas” (subliño eu, XGG). Os diálogos continúan até que se dá paso aos contos que compoñen o libro. Se un lector fai unha comparativa entre estes diálogos argallados por Fole, diálogos nos que se fala de moitas cousas, e o programa do Partido Galeguista (comprendidos os puntos da famosa tríade) percibirá que o escritor lugués está, case, a recitar o programa do partido galeguista, ben agochado, evidentemente, mais tamén ben “visíbel”, punto por punto. É dicir, Fole introduce política no limiar do seu libro, e mesmo, cousa que non podían percibir moitos lectores, sobre todo os novos, política partidista: a do Partido Galeguista, do que el foi militante. Por outra parte, o escritor atina de cheo cando afirma que non se se trata só de sentir en galego (e agora non imos entrar en lerias: o nacionalismo sabémolo todos, é inobxectábel, é dicir, non pode converterse nunca en obxecto e menos en suxeito: é un sentimento) senón que hai que pensar en galego (a reflexión lévanos a superar os sentimentos, aínda que estes sexan “bos”, antes de que estes nos superen a nós). Noutras palabras, para Fole, talvez nacionalista, evidentemente, individualista no sentido que lle dá a esta palabra nestes diálogos, antes que particularista, por tanto, internacionalista, só coa reflexión (co pensar) se pode chegar, en galego, claro, a funcionar, a camiñar. Fole, os personaxes de Fole, xa que logo, para “reivindicar” Galicia, non apelan ao sentimento, senón que son conscientes de que só a partir da reflexión, que conduza a unha acción, se pode camiñar cara a adiante».
Pido desculpas pola ampla autocita, e agora gustaríame matizar o de «internacionalista». A palabra, no séculos XIX e XX foi, por así dicilo, «propiedade» dos movementos obreiros. Internacionalista fronte ao cosmopolita e/ou o universalista. Universalista ou cosmopolita non é o mesmo que internacionalista, xa que esta última palabra ten un, digamos,plus de solidariedade que non teñen as outras dúas. O ensaísta e narrador catalán Raül Garrigasait explicou moi ben os malentendidos entre cosmopolitismo ou universalismo e nacionalismo: «[…] un dos malentendidos máis curiosos e recorrentes da modernidade é a contraposición entre nacionalismo e universalismo. En realidade, o universalismo foi case sempre a ideoloxía dos nacionalismos. O nacionalismo consiste, entre outras cousas, en inculcar a fe na universalidade da propia cultura nacional, e o universalismo, na Idade Moderna, con bastantes traballos non fixo outro papel que o de dotar de prestixio certas ideais locais ou nacionais. Isto non é soamente válido para as formas máis ilustradas, máis democráticas, de nacionalismo, senón tamén para as máis cafres e destrutivas: calquera lector ten presente José Antonio Primo de Rivera e a súa “Unidade de Destino no Universal”. Que o nacionalismo teña mala fama e o universalismo non, é un daqueles misterios que debería resolver un psicanalista da mente moderna[1].» Feita esta aclaración, prosigamos.
Fole, como afirmamos, case que debulla no «limiar» de Terra Brava o programa do Partido Galeguista. É, todo o prólogo, un escrito político. Isto último viuno moi ben, curiosamente, un escritor non galego, un dos grandes novelistas españois de finais do século pasado e dos anos que levamos do presente, até a súa prematura morte en 2015: Rafael Chirbes. No segundo volume dos seus Diarios. A ratos perdidos 3 y 4, pódese ler: «Aprovechando la estancia aquí en Vigo, me leo algunas novelas en gallego: María Xosé Queizán, Amor de tango, digna evocación de la vieja ciudad conservera; y una confusa y bastante descabellada novela de corte policiaco sobre las redes nazis en la posguerra viguesa, As plumas do moucho. A continuación me pongo con Ánxel Fole: Terra Brava. Qué bien se respira siempre con él. Admiro su modestia, la capacidad que tiene de ponernos ante los ojos, y dentro de nosotros, su tierra. La vieja tradición del cuento (el Decamerón) como almacén de sabiduría popular. El miedo, el humor –la retranca–, la tristeza, me gusta mucho Fole. Lo quiero cada vez que lo leo, y lo quiero cada vez más. En la primera parte del de libro se reproduce un diálogo en el que expone su afán por mantener y reconstruir la lengua amenazada de su pueblo, las señas de identidad. Es un texto del año cincuenta y pocos: no era fácil tener claras por entonces las ideas que él expone, y, sobre todo, había que tener mucho valor para expresarlas así. Escribir con esa sencillez en la que, sin embargo, todo cabe; escribir así de bien.»[2]
Deixando de lado os artigos que Ánxel Fole escribiu en diversas publicacións (Yunque, Guión, El Progreso –de Lugo– e, sobre todo –pola cantidade–, El Pueblo Gallego) en tempo republicano, centraremos os nosos apuntamentos en diversos artigos publicados entre 1960 e 1968 no xornal El Progreso. Centrarémonos neses anos e nese xornal porque o periódico lugués está colgado en Galiciana desde a súa fundación até o 31 de decembro do último ano citado. Infelizmente, de Hoja del Lunes da mesma cidade de momento non está colgado ningún número en ningunha hemeroteca dixital.
Despois de 1939, o autor de Terra Brava colaborou tamén, pero en pouca cantidade, en xornais como La Noche, Faro de Vigo ou El Pueblo Gallego, e algún outro, así como nalgunha revista, mais a maioría dos seus artigos (eu diría que un 99%) apareceu neses dous xornais lugueses, usando o seu nome ou, o pseudónimo de Neumandro, ben que, segundo Xosé de Cora, no seu Diccionario de Fole[3], usou outros pseudónimos: Bacurín, Basiliense, Lexandro de Arcos, Lucencio, Lucense, Lucus, Plurego, Tudense II, Vicense, Xelos de Orbán. Tamén usou os pseudónimos de Fuco de Caldas e Eginardo de Tor. Anotemos que algúns deses artigos eran ben narracións ou ben poesías escritas en castelán por Fole ou ben algo semellante á recensión dun libro.
No devandito volume das súas Obras Completas, deixando fóra os poemas que se reproducen, Claudio Rodríguez Fer recompila un total de cento trinta e oito artigos. Noutros libros recolléronse artigos de Fole Cartafolio galego[4], Cartafolio de Lugo[5] e Paseante el Lugo[6]. En total, botando contas a «ojo de buen cubero», que se dicía en castelán, deben levarse publicados en libro entre un dez e un quince por cento do total de escritos xornalísticos do narrador lugués. Entre os artigos que escribiu Fole, hainos directamente políticos, as series «Los partidos políticos» e «Miscelánea política», aparecidas en Hoja del Lunes en 1966 e 1977; outros dedicados a persoeiros, acontecementos, institucións ou países: Gil Robles, o Pacto de San Sebastián, Basilio Álvarez, Castelao, Ramón Piñeiro, Fernando de los Rios, o primeiro Parlamento galego, a constitución española, o estatuto galego, o Senado, a nova constitución de China, a URSS, o despregamento do socialismo español (1976), as eleccións, etc. Mais non imos «traballar» sobre eses artigos máis ou menos directamente políticos, entre outras razóns, porque non coñezo a maioría deles e, ademais, non é o tema de que se tratara nestes apuntamentos.
Lendo os artigos que publicou en El Progreso sobre diversos temas máis ou menos políticos (artigos que, infelizmente, como avanzabamos, só coñecemos os que chegan até finais de 1968), algúns dos cales foi recollido por Rodríguez Fer no devandito volume de obras completas «foleanas», dedúcese doadamente, sen afondar demasiado no tema, que Fole era un liberal, no bo sentido da palabra: un liberal político –é dicir, amante de todas as liberdades, mentres non se prexudique ao próximo–, e, en temas económicos, quizais era máis ou menos socialdemócrata: moito non escribiu sobre economía, mais lembremos que procedía do Partido Radical-Socialista antes de pasar a militar no Partido Galeguista.

Nun artigo publicado en El Progreso o 8 de maio de 1965 co pseudónimo de Neumadro[7], «El abominable racismo» –recollido no devandito volume de obra de Fole en castelán–, falando sobre a Sudáfrica do apartheid, despois de debullar unha serie de datos sobre a supremacía branca, acaba o artigo coas seguintes palabras: «Son muchos los que piensan que esos once millones de negros se sublevarán algún día contra los tres millones de blancos, quizá reforzados por la restante población de color, mestiza y blanca no europea, que suma más de dos millones… ¿Y entonces…? La lucha será despiada, feroz. La revancha del antiguo esclavo hará correr ríos de sangre. No podemos imaginar otra cosa, dados los precedentes.» Por sorte non foi así, aínda que se os brancos non cedesen o seu poder, talvez a «profecía» de Fole, baseada en feitos anteriores acontecidos noutros lugares, si se cumprise. Como se pode comprobar, o escritor galego foxe tanto do «buenismo» como da moralina: a realidade era esa: os brancos mantiñan en escravitude aos negros, e cando estes se rebelasen «correrían ríos de sangre». Este artigo iniciase así: «El último domingo del mes de abril tuvo lugar en París una reunión de los ex cautivos de los campos de concentración nazis.» Campos nos que desapareceron uns cento cincuenta mil franceses. O goberno galo dispuxo que se proxectasen diversos documentais nos cines franceses sobre o tema. A revista O Correo da Unesco do mesmo mes fala do mesmo tema, e do racismo. E Fole trata nuns parágrafos o racismo alemán, hitleriano, e a eliminación dos xudeus para pasar a falar seguidamente de Sudáfrica. «Entre las razas infrahumanas, escribe Fole, Hitler incluía a los judíos, particularmente señalada por su odio más perentorio. Pero no creemos que la considerase raza inferior. Aun cuando por las estériles mentes nazis circulaba el tópico de que los judíos eran incapaces, aún más que los ingleses, de hacer pintura o gran música. Supuesto que se cae de puro estúpido. Esas fatales limitaciones raciales están siendo desmentidas por el acaecer de todos los días. El gran pintor Marc Chagall, el iniciador del arte abstracto, o el autor de las incomparables Danzas húngaras [Brahms] desmienten sobradamente aquella infundada apreciación, derivada del más estúpido encono.// Lógicamente, si la raza semita, por infrahumana, debería ser condenada al exterminio, los negros deberían también desaparecer en su totalidad».
[1] Raül Garrigasait, El gos cosmopolita i dos espècimens més, Barcelona, Edicions del 1984, 2021, p. 149, neste libro, o escritor catalán di cousas moi interesantes, aí vai unha, e desculpas outra vez pola longa cita que me dispoño a transcribir, traducíndoa: «Dióxenes proclámase cidadán do mundo. Poñamos un pouco de boa vontade e entendámolo nun sentido universalista, o paradoxo de todo isto –e o sarcasmo– é que se ben, dunha banda parece que, unha vez Dióxenes falou, todos os seres humanos deben ser cidadáns do mundo na mesma medida que o filósofo, o feito é que a inmensa maioría da humanidade continúa a se considerar dun lugar concreto. Entón, o cidadán do mundo está completamente só, mentres que as persoas non cosmopolitas que o rodean poden dicir que teñen concidadáns que lles fan compañía. No caso de Dióxenes, proclamarse cidadán do mundo é un exercicio de illamento, unha maneira de marcar unha diferenza. O mundo é unha cousa diferente da cidade. De feito, o mundo non inclúe a cidade», p, 27.
[2] Rafael Chirbes. Diarios. A ratos perdidos 3 y 4, Barcelona Editorial Anagrama, 2021, p. 132-133.
[3] Xosé de Cora, Diccionario de Fole, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1999. Este excelente dicionario está colgado en Galiciana: https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=581931.
[4] Ánxel Fole, Cartafolio galego, Vigo, A nosa terra, 1997.
[5] Ánxel Fole, Cartafolio de Lugo, Lugo, Círculo de las Artes, 1981.
[6] Ánxel Fole, Paseante en Lugo, Lugo, LugoPress, 2003. Artigos publicados en El Progreso e en Hoja del lunes.
[7] Todos os artigos de Fole que comentaremos e citaremos nesta serie de escritos, foron publicados co pseudónimo de Neumandro.