Only in Ohio

Talvez mañá (e 12)
Anxo Otero.
Dad, you know that razors give Chuck Norris a beard?
Si, e que Chuck Norris doesn’t walk dogs; dogs walk Chuck Norris
Chuck Norris! Que saberedes vós de Chuck Norris fóra dos chistes de Tik-Tok? As navallas de afeitar fanlle medrar a barba? Os cans paséano a el? Por que rides se non lle vistes unha película na vida? E se algún día o pensades, tentarei poñerme no medio. Aínda que non o vexades en serio. Xa é mal paso que o sintades como unha figura máis ou menos familiar. Tampouco non é que eu saiba moito máis del. Nunca me gustaron as ficcións que se prestan a desenvolver alambicadas manifestacións de violencia. A miña exposición a el aconteceu de esguello e medio obrigado nalgunha viaxe longa en autobús. Malia estas limitación, creo que sei ben o que representa. Alguén capaz de asasinar cheo de razón ducias de personaxes por hora. Intúo que cando non anda detrás dalgún terrorista está a levantar pesas no garaxe. Na periferia do seu decorrer vital probablemente manterá algún tipo de relación de parella seguindo ou tirando proveito dos costumes establecidos para garantir que nada cambie. Estarei a ser inxusto? Seguro. Pero tamén lle recoñezo os méritos. Ten que ser dar moito traballo ser Chuck Norris día tras día a través das décadas. No mesto caldo da cultura popular mundial poucos artistas alcanzaron a súa sona. Aínda hoxe se pode dicir, “unha de Chuck Norris” con certeza de ser comprendido. A ese nivel non se pode chegar sen algunha forma de talento. Supoño.
Tiven un profesor de Inglés na secundaria que lle chamaba Choco Norris. Seica unha vez escoitara na rúa uns mozos que dixeran: Vamos pá casa que van poñer unha do Choco Norris. Este era o único intento de motivarnos que lle lembro. Aprendede inglés para deixar de ser do monte. O chiste do Choco Norris aparecía como un retrouso cando alguén se queixaba pola dificultade da materia ou esquecía un -s de terceira persoa. Outra cousa non dicía en galego. Para as súas explicacións sobre temas gramaticais reservaba o español. Igual que para as arroutadas verbais coas que nos iluminaba acerca da superioridade da cultura británica. Nunca me quedaron claros cales eran os tres tipos de oracións condicionais pero aprendín moi ben que os ingleses tiñan mellores publicacións, líderes políticos, cervexa, músicos, hospitais, universidades, sentido cívico, escritores, comercios. A súa frase máis memorable: Somos los únicos hombres de Europa que no nos sentamos para mear.
Look! Deer antlers! Only in Ohio!
Pero cómo que só en Ohio? Ti sabes a cantas horas estamos de Ohio? Non entendo. Isto, esa cornamenta co sangue aínda visible, no remolque dun vehículo da policía, está a pasar no voso condado hoxe mesmo. En concreto, a mañá que tedes que ir antes de hora á escola para preparar o concerto de vacacións. Esta febre dos chistes de Ohio a ver se pasa rápido. Ides pensar que só alí suceden fenómenos alleos ao sentido común. Convencerédesvos de que está habitado por seres primarios e faltos de intelixencia. Tristísima conclusión. Lebron James é de Ohio, non sabiades? Teño moi bos recordos da única vez que estiven alí. Nunca vos contei que unha vez fun xogar a balonmán a Columbus. Certo! Un torneo de balonmán en Ohio, parece material para outro chiste. Waterpolo pero sen auga? Fútbol coas mans? Só en Ohio. Pero non. Nada diso. Organizaron unha competición estupenda. Acabei mallado porque o corpo xa non o tiña afeito e xoguei nove partidos en tres días. Pero tanto me tivo. Ata me gustou sentir as maniotas a semana enteira. E coñecín xente interesantísima. Na miña vida normal evito falar con estraños todo canto podo. Odio resolver asuntos por teléfono e asistir a case todas as formas posibles de acto social. Pero dentro dun torneo de balonmán éntranme unhas ganas enormes de coñecer xente. Falei unha hora enteira, por exemplo, cun pivote de Guatemala que tamén era central, presidente, adestrador e fisio do seu equipo. Mandaba nun grupo de xogadores de seis ou sete nacionalidades diferentes. Bo rapaz. Fóra do balonmán, ocupaba algún complicado cargo universitario que o obrigara a pasar un mes en Compostela. Quedara fascinado cunha queimada que fixeran para el. Mesmo tentou recitar o de Se vou a Bueu nun bou! O equipo de Houston tiña un lateral esquerdo brasileiro moi fozador que en cada lanzamento de sete metros lle dicía ao seu porteiro en francés por onde ía lanzar eu. E claro, à droite, à gauche, ao centro e padentro seinos ben. Metinos todos porque grazas a el mantiven a disciplina e lancei como fixen sempre: con moita resina na man, cara abaixo e a rachar. Se non sei eu ben onde vai terminar o balón como o vai saber o porteiro? E Marcelin o da Chaudière! Vimos xuntos dous partidos seguidos cos xeonllos cubertos de xeo. Extremo deses altos e melancólicos nos que só reparas ao final do partido, cando botas contas e resulta que meteu nove goles. Levaba na bolsa un libro de Herménégilde Chiasson, sobre quen pensaba escribir unha tese de licenciatura. Esa rúa de Moncton de Chiasson dalle outra luz a estoutra estrada tantas veces. Moi boas lembranzas teño eu de Ohio.
Go touch some grass, bro!
Como? Que? Tocar herba? Xa mo explicaredes máis adiante se podedes. Ou non, tanto ten. Deixádeme só que apunte esta para as conversas do vermú ou a sobremesa. Exporei con incredulidade o feito de termos alcanzado un punto da nosa civilización no que a meirande aldraxe consista en mandar a alguén a tocar herba. Todo normal, en realidade. Pero farei como se non. Falarei de como a esa idade nós xogabamos ao trompo e ás bólas. Faciamos cabanas. Iamos ao lance en setembro. Montabamos competicións de gabear muros. Alguén comentará que diciamos cousas como jugar en la veiga. Outro lembrará que as nais nos chamaban desde a ventá da cociña cando era hora de comer. Outro exporá que na infancia do pai del era crucial saber asubiar, ter puntería tirando pedras e habilidade para cazar paxaros. Os días de choiva levaban os zapatos pendurados do pescozo para non manchalos de lama. E o café ou a milnove saberán un tantiño mellor. Concedédeme, par de palanquíns, esa pequena impostura. A cambio, xa estou a calar estas enxurradas mentais miñas. Regálovos o privilexio de atopardes vós soíños as vosas certezas. Asentade os marcos do voso imaxinario sen o meu estorbo. Chuck Norris que vaia a Ohio a tocar herba.
Mirade, par de lapaxoubas, un double rainbow!






