‘Os afogados’, o sermón do océano
César Lorenzo Gil.
Os afogados gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2023. Este é un certame convocado pola editorial Galaxia ao que se poden presentar autores menores de 35 anos. Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999), o autor, xa ten publicadas outras dúas novelas e varios relatos, todos en castelán. Esta é a súa primeira obra en lingua galega.
A novela comeza cando unhas estrañas criaturas mariñas, compostos por elementos característicos da fauna oceánica (cunchas, algas…) arriban á costa. A partir de aí desenvólvese unha trama clásica de encontro (alieníxenas vs indíxenas) baixo as regras da ficción científica.
Os afogados é unha novela non literaria que tería máis sentido que se publicase na colección xuvenil de Galaxia, que falla, entre outras cousas, no ritmo. A pesar de que ten un comezo interesante, traballado e convincente, o arranque é só un espellismo. O combustible duroulle ao autor cinco minutos. Porque despois dese fulgor, Rañales cae en moitos dos vicios da narrativa invertebrada, que intenta nutrirse unicamente dunha suposta boa idea de partida.
A trama é tópica, previsible, mil veces lida con outros disfraces. Os diálogos son moi frouxos, suprimibles en gran medida. Os personaxes son apenas clixés. Sobran adxectivos e adverbios, aínda que no estilo da obra teñen sentido porque unha das características da narración é a énfase meliflua. O narrador, en terceira persoa, omnisciente e aleccionador, faise difícil de aturar desde o principio, coas súas constantes sentenzas de feirón. E o peor é que se gusta; deléitase no seu sermón, até parece que presume. Por este motivo, e outros, o debate sociolóxico que intenta provocar está sustentado nun andaime argumental pobre. O encontro entre a nova e a vella especie necesitaba ou ben un enfoque orixinal ou ben a creación dun conflito de veras profundo que nos faga entender a máscara literaria, por que é máis interesante mostralo cos parámetros da ciencia ficción ca coa propia realidade que vivimos todos os días, nuns tempos nos que a cuestión das migracións están na boca da opinión pública. Rañales empeza a crear o seu futuro demasiado rápido (ano 2025) e os elementos que inventa para enmarcar Os afogados fanse inverosímiles. A parábola non funciona, vénselle as costuras e, sobre todo, o oportunismo.
Outro problema grave da novela é a súa linguaxe. Os afogados está practicamente escrito en castelán. A sintaxe, as frases feitas, a expresividade oral… non responden aos rudimentos do galego máis alá da ortografía e o léxico.
♦ Os afogados, de Pablo J. Rañales. Galaxia, 2023. 232 páxinas. ♠21,15€