BiosBardia

O país dos libros en galego

Os audiolibros non se len

Unha muller con cascos na rúa. SASCHA KOHLMANN/WIKIMEDIA COMMONS.

César Lorenzo Gil.

Estes días apareceume nas redes sociais (agora as noticias non se buscan, aparecen, sen contexto nin xerarquía) que abrira en Nova York unha “libraría” sen libros, un espazo dedicado en exclusiva aos audiolibros, propiedade de Audible, a marca para este formato de Amazon. Audible é unha das marcas máis coñecidas e mellor colocadas no substancioso mercado da descarga de pago de audiolibros, pero hai outras plataformas e a oferta é ampla. O audiolibro medra nun novo ecosistema “radiofónico” que se descarga pola internet, ao carón dos podcasts, que realmente son a estrela dese mundo, grazas ao esforzo voluntario de ducias de miles de persoas en todo o mundo e o labor de institucións e firmas privadas por difundir as súas actividades por estas novas “ondas”.

Ao contrario ca os podcasts, o audiolibro, como é necesario cando utiliza un material fixado e protexido polas leis de propiedade intelectual, non é, salvo excepcións, libre. Adoita ser un produto controlado polas editoriais que se presenta case sempre como unha extensión lóxica do material orixinal: o libro escrito e publicado en papel.

A súa orixe non é recente e incluso no sistema editorial galego houbo unha experiencia de audiolibros, en CD, que partiu de Rinoceronte, quizais demasiado visionaria para aquel momento no que a industria discográfica do disco compacto cambiou para sempre, substituída en gran parte polo mp3 e, en menor medida e dun modo posmoderno, pola volta ao vinilo.

Que fose Amazon quen apostase decididamente polo audiolibro axudou a que tivese éxito, pero foi a eclosión do podcast como alternativa á radio convencional (con programas de nicho que multiplicaron os micropúblicos) quen conseguiu que parecese atractivo ir escoitando unha novela no coche ou no transporte público, ou mentres lavamos a louza e fregamos o chan.

O libro como concepto, máis alá do obxecto físico, volveu estar de moda durante a pandemia de covidia do 2020. “Ler” converteuse nun hábito balsámico, enriquecedor, algo do que presumir. Pero ler, tal e como debe ser entendido, é dicir, seguir un texto sobre a páxina, en silencio ou en voz alta, cansa, consome tempo, é demasiado lento para un modelo de vida no que todo, o produtivo e o improdutivo, necesito amosar resultados, ser rendibilizado con algún tipo de compensación.

Daquela, escoitar un audiolibro é ler? Non hai unha resposta evidente. Para quen o practique a diario, así será. Para min, no 2026, non. A experiencia de ler e a experiencia de escoitar son completamente diferentes.

Haberá quen diga que nas fábricas de tabaco da Coruña unha traballadora lles lía ás outras mentres liaban cigarros (ver La tribuna, de Emilia Pardo Bazán), pero, por unha banda, a gran parte desa poboación obreira era practicamente analfabeta e, pola outra, os libros que se lían eran, principalmente, folletíns e folletóns, recompilacións de noticias de sucesos e outros subprodutos editoriais previos ao nacemento do cinema e a televisión.

Porque escoitar un audiolibro ten máis que ver co audiovisual que co libresco. Cando un le, reconstrúe o universo do autor. As convencións ortotipográficas son escasas para marcar por completo a mensaxe literaria. E se o libro non é evidente, se ten unha vocación artística, aínda que só sexa nun pequeno grao, esa ambigüidade obriga a que o lector participe na experiencia por completo. En cambio, cando escoitamos unha voz ler, por suposto que captamos a esencia da “historia”, pero o ton, o timbre, a cadencia da lectura, os cambios de expresión, as marcas sobre as frases… Todo isto perténcelle ao locutor/actor, non a nós como lectores.

A radio xerou unha tradición e un modelo propios de arquitectura da comunicación dos que agora se benefician os creadores de contido para podcasts. Sábese como captar e manter a atención do público, e os propios “escoitantes”, como di a veterana xornalista radiofónica Pepa Fernández, están educados. Sabemos que funciona mellor o diálogo ca o monólogo, que hai que recalcar certas mensaxes, que as frases deben ser curtas, directas, que hai que evitar a cacofonía… E seguro que haberá audiolibros deseñados, por vontade ou por azar, que casen moi ben con esa linguaxe radiofónica, igual que os cantares de cego, que estaban escritos para declamar. É posible que haxa (descoñézoo) novelas escritas para ser escoitadas, mais na maior parte dos casos, o que consome audiolibros ten que escoller: Entre captar a medias o texto a través do oído ou acceder a el mediante versións adaptadas, e polo tanto mutiladas. Porque igual que ver a película baseada no libro non conta como obra lida, “escoitar” un libro non é lelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *