BiosBardia

O país dos libros en galego

Os corpos fráxiles: Capítulo IV

Menciñas na man. RAWPIXEL.

Sofía Fernández.

Para a miña avoa sempre foi moi importante que os seus fillos estudasen. Tanto, que cando todos acabaron a universidade, o meu tío Celso regaloulle un marco con todos os títulos. Tres fillos enxeñeiros e unha filla economista fixeron a miña avoa a nai máis orgullosa de toda a vila. Deses tres enxeñeiros, dous acabaron sendo mestres, e só meu pai foi quen de traballar do seu. Marchara a Madrid sentíndose un emigrado, porque a súa carreira non a había daquela en Santiago. Dous meses despois de rematala atopou un traballo nunha multinacional que conservou ata a fin da súa carreira laboral.

Eu sempre crin que sería coma meu pai, porque de todas as persoas que existían no mundo, el era sen dúbida a única á que eu quería parecerme. “Eu vou ser enxeñeira”, dicía. Claro que cando fixen dezaseis anos comecei a suspender todos os exames de Matemáticas e a aborrecer a Física. O día que tiven que decidir a especialidade do Bacharelato, fun correndo onda a avoapedirlle consello.

—Non quero ningunha destas materias.

—Seguro que non queres cursar Latín? Mira nena que iso éche moi bo, que así saberás a orixe de case todas as palabras na nosa lingua. Ou podes dar clase despois tamén, no instituto, coma min.

Acabei por pedirlle ao papá que me quitase do colexio no que estaba e me matriculase nun instituto con materias de arte; así que os últimos dous anos da miña experiencia escolar paseinos no IES As Lagoas. Tiven Debuxo Artístico, Danza e Francés como optativas. Aínda meu pai e miña avoa, cando rematei, pensaban que querería quizais estudar algunha filoloxía, pero acabei por cursar Historia da Arte. Gradueime con moi boas cualificacións; fixen un Erasmus en París, onde coñecín o que por aquel tempo pensaba que sería a persoa coa que pasaría o resto da miña vida, pero rematei por deixalo porque estaba en contra de vivirmos algún día en Galicia.

Pasei na Coruña uns cantos anos traballando nunha galería. A miña avoa preguntáballe acotío ao meu pai se ía facer as oposicións, se xa atopara un traballo de verdade. Ao cabo dun tempo na galería, o meu xefe ofreceume viaxar a París para unha exposición dun artista franco-arxentino do cal querían mercar a obra. Aceptei. Viaxei coa idea de conseguir unha serie de cadros que logo a pequena empresa para a que traballaba puidese vendelos cunha marxe do 30%. Tiña que volver a Francia e quedar alá unha tempada.

—Mira, nena que teñas coidado —dicía meu pai—, que a min esas cousas sóanme raras.

O mesmo dicía a avoa.

Cando me ofreceran aquel contrato dubidara, porque incluso na facultade che din que de historiadora da arte ou curadora non vas atopar traballo, e menos despois da crise do 2008, que recolocou o sector artístico nos chanzos máis precarios da economía do país. Pero finalmente aceptei.

Ao principio compartín piso en París. A pesar de que o salario non era malo, non pensaba que aquel traballo me fose durar moito. Pero pasaron os meses e canseime de cohabitar, que é como lle chaman na tele á precarización da xuventude que está impedida de independizarse ao xeito. Mudeime á rúa Saint Denis. Meu pai veu visitarme e dixo que aquel era o lugar máis fermoso que visitara nunca. Decorara o meu apartamento con plantas, teas e cerámicas de Sargadelos.

Pouco despois, a galería na que expuña o artista que fora seguir ofreceume un contrato e traballei alí dous anos, até que a empresa pechou por un problema de solvencia. Non sufrín. Para entón eu xa fixera algo de nome no mundo da curadoría artística, polo que decidín poñerme pola miña conta. Comecei a traballar con proxectos independentes, fixen un curso en liña e aprobei un mestrado sobre arte europea contemporánea.

Cando me ofreceron o proxecto no que traballo a día de hoxe, fun clara coas condicións:

-Traballo remoto ao 100%.

-Salario fixo.

-Un mes de vacacións pagas.

-Gastos de desprazamento e manutención.

A xestora, Christine, aceptou todas as condicións. Sentinme a persoa máis privilexiada da miña familia, e sen dúbida da miña xeración. Podería ver máis a familia, prevín pasar dous meses ao ano en Galicia. Quería estar co meu pai, coa avoa.

*

Chego coa avoa ao centro de saúde mentres recibo mensaxes de Christine.

—Senta aquí, cariño —dígolle—, veña.

Amarro a avoa polos brazos e axúdoa a acomodarse na cadeira de plástico.

—Concepción? —di a enfermeira.

—Concepción, si, aquí está a súa tarxeta —dígolle á enfermeira mentres o móbil vibra no meu peto. Xa contestarei na casa, penso.

Ao cabo duns minutos o médico mándanos pasar, así que ergo a avoa e lévoa canda min á consulta. Alí repito a mesma operación para sentala, desta vez coa axuda dun enfermeiro novo, se cadra da miña idade.

—Como está, Conchita, como se atopa.

—Ben, ben —di ela. Logo tose.

—A ver, abra a boca.

A miña avoa abre a boca e o médico mételle un pau pola gorxa. Sinto un arrepío.

—Moi ben, así. Ben. Marcos, pásame o oscultómetro. Vale, o corazón vai ben. Moi ben, Conchita. E logo que tes, a neta de visita? Estás como queres. E logo por onde andas ti agora? —pregúntame.

—Vivo en París —contesto—. Vin pasar unhas semanas.

A avoa mírame cun sorriso, coa boca aberta que desvela a súa dentadura postiza, máis branca ca a miña.

—O corazón anda ben —di o médico—. Vamos mirar a tensión agora e logo os pulmóns. Agarda, Katy, míraslla ti?

—Miro —di a enfermeira.

—Que tal toma as menciñas? —pregúntame o médico.

Dáme apuro non saber que contestar.

–Iso normalmente faino meu pai —dígolle—. Non sei moi ben a verdade.

—Parece que tes a tensión un pouco baixa, sénteste máis cansa ultimamente —pregúntalle o doutor a miña avoa.

Miña avoa encóllese de ombros, unha reacción normal para unha persoa de máis de noventa anos.

—Vouche cambiar unha menciña, tes que ir por ela á farmacia —O médico pasara de mirar a avoa a mirarme a min.

—Sen problema —contesto.

Logo dun anaco Katy volta e di algo de que a miña avoa ten unhas flegmas nos pulmóns, e que debe pór unha cousa para cuspir pola noite e tomar non sei que outra cousa máis, que ademais no inverno pode complicarse. Comezo a pórme nerviosa. Ao meu carón, a avoa sempre medio sorrinte, sen dicir nada.

Cando saímos do centro de saúde miña avoa mándalle un bico á recepcionista, que llo devolve acenando coa man. No camiño cara á casa paramos un par de veces, para que poida coller aire. Tardamos case dez minutos en subir desde o portal ao noso piso, e cando chegamos eu deixo a avoa e vou correndo á farmacia antes de que peche para collerlle a nova prescrición. A farmacéutica pregúntame se a avoa se atopa ben, que hai moito que non a ve, e eu sospeito tamén que iso das menciñas é algo perigoso, aínda que ela non o menciona.

–E que xa non sae moito —dígolle.

Cando volto para a casa, por fin podo coller o móbil e ler todas as mensaxes que Christine me deixara. Fala de que hai un novo comprador interesado na colección, que se lle podo mandar un dossier do noso catálogo antes do venres. Contéstolle axiña, desculpándome pola demora e asegurándolle de que antes do venres terá na súa bandexa de recibidos o que me pide.

5 thoughts on “Os corpos fráxiles: Capítulo IV

  1. gustame que o capitulo se centre na protagonista, pero á vez, todo este flashback, por moi ben contado que estea (e estao), racha un pouco co presente que estabamos vivindo, nin sequera logro identificar ben co momento temporal no que ela mantén toda esta reflexion consigo mesma (recordemos que a novela está en presente). No fondo, o problema (conceptual, non de execucion) deste fragmento é o de preguntarse, a quen lle está contando todo iso? Por que revive ou repensa iso nese momento? Ou podemos ir máis aló, como de importante é que a prota estudara historia da arte e fose a paris? cambiaria en algo a novela se estudara física teoria e vivise en viena unha tempada?

    “Chego coa avoa ao centro de saúde mentres recibo mensaxes de Christine”
    eu penso que esta debia ser a 1º frase do capitulo. Podería engadirse xa na mesma frase que é a sua xestora. E despois xa sae Paris no dialogo co médico. Se o médico lle preguntase que fai aló, xa teriamos toda a sua vida laboral integrada na escena! Deste xeito poderiamos prescindir da metade do tocho de arriba. Ademais agora o lector ten un fio do que tirar, e é pertinente que a prota fale da sua carreira laboral, comezando por:
    “Para a miña avoa sempre foi moi importante que os seus fillos estudasen”. Xusto cando remata o dialogo do medico.
    E despois volve Katy a facer o seu.
    Inda tocaría retocar algunha cousiña, pero asi é como, na miña opinion, tiña que estar ordenado o capitulo para brillar como merecía.

  2. Gústame moito como está escrito este capítulo, ten unha lectura moi fluida e aporta moita información da protagonista.

    Porén concordo con Lois na estructura do capítulo e as solución que aporta son todas moi boas. Eu penso que este tería sido un moi bo capítulo 1, ou un capítulo 2, de querer comezar co primeiro capítulo publicado pola súa beleza. Mesmo na posición na que está partindo dunha premisa coma Lembro uns meses atrás cando cheguei de vacacións cargada de enerxía, e contar a súa historia.

    Polo resto, un capítulo moi interesante sobre a protagonista.

  3. Esta forma de escribir é unha homenaxe á sinxeleza, o que non lle quita brillo. Está moi ben desenvolto.
    Coñecemos algo máis da vida da protagonista e de como se relaciona a súa carreira profesional coa súa familia. A pesares de non ir polo camiño que lle recomendaran, está triunfando nunha ocupación na que é difícil atopar un bo lugar.
    Como dixo Sofía, o traballo ten un carácter intimista, polo que entendo a súa intención de dar a coñecer ao lector os vínculos entre a súa familia e as súas vivencias.
    Segue ese ritmo cariñoso e lento, moi ben plasmado nas narracións e nos diálogos.
    Parabéns!

  4. Gústame moito esta forma de escribir, con sinxeleza, e este capítulo dálle máis forza á protagonista. Ese primeiro parágrafo no que queda claro a importancia dos estudos e dos títulos nesta familia, que funciona como un símbolo de toda unha sociedade, paréceme importante.
    E tamén me gusta o contraste entre a súa carreira profesional brillante e a ignorancia sobre os promenores do coidado da avoa – é o meu pai o que se ocupa diso-
    Parece que a trama non avanza moito, pregúntome sempre en cada capítulo como vai seguir desenvolvéndose a acción, paréceme unha aposta arriscada porque non son capaz de imaxinar que conflito vai supoñer un reto para estes personaxes.
    E en cada entrega consigues que manteñamos o interese na historia destas xentes, e eses primeiros planos entregados ao detalle, así que parabéns, agardando ler máis.

  5. Como no resto de persoas, penso que a introdución da protagonista deulle forza a este capítulo. Sinto se me repito nas cuestións que vou anotando, que ao final poden acabar reflectindo as teimas de un e, por iso mesmo, non seren os mellores dos consellos. Mais: penso que un afortalamento desa 1ª persoa axudaría moito a narración. Todos os eventos corriqueiros que se narran gañan moito cando hai unha subxectividade implicada, especialmente cando, como neste caso, parece ter unha vida atractiva, capaz de xerar moita atención.
    Parabéns polo capítulo, en todo caso; penso que vai na liña axeitada, polo menos para min como lector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *