Os informes de Manuel de Pedrolo, o autor máis vendido das letras catalás
Xesús González Gómez.
No 2018 celebrouse o centenario do nacemento de dous coñecidos, e populares no seu día, hoxe acho que non tanto, escritores (sobre todo novelistas) cataláns: Maria Aurèlia Capmany (1918-1991) e Manuel de Pedrolo (1918-1990). Cando o centenario, da Capmany reeditáronse varias obras e apareceu algún que outro estudo sobre a súa obra. Sobre Pedrolo apareceron tamén diversos estudos, reeditáronse unhas 20 obras súas e publicouse algún inédito, xa que cando morreu, segundo afirmaban, deixou inéditas miles de páxinas.
Manuel de Pedrolo (do que ao galego se traduciron catro obras, que eu saiba, publicadas todas por Galaxia –Xogo sucio, Mecanoscrito da segunda orixe, Traxecto final e Círculo vicios)– foi (ou é) non só o autor máis vendido da literatura catalá (no 2016, Edicions 62 daba unha venda de 886.779 exemplares de Mecanoscrito… –tendo en conta as vendas da edición do hoxe desaparecido Círculo de Lectores e mais a tirada que fixera unha coñecida caixa de aforros para regalarlles aos seus impositores, nese ano dábase unha «venda» de 1,3 millóns de exemplares para tal novela; de Xogo sucio vendera até ese ano 225.951 exemplares, e de Traxecto final 208.308; as tres obras foron publicadas pola devandita editorial); diciamos que Pedrolo non só é, ou foi, o autor máis vendido da literatura catalá, senón que foi, e aínda é, o máis prolífico. Sen termos en conta que poidan aparecen algunha novela e outros textos seus inéditos, até o día de hoxe viron lume setenta e seis (76) novelas, dezasete (17) libros de narracións; dezaseis (16) obras de teatro, sete (7) libros de crónicas e/ou artigos, tres (3) de poesía e tres (3) de diarios. Deixamos fóra os libros de cartas; é dicir, a súa correspondencia, do que viu lume só unha ínfima parte. A todo isto cómpre engadirmos as corenta e sete (47) obras (novela, poesía, teatro) que traduciu ao catalán: Os cantos de Maldoror e Poesías, de Isidore Ducasse/Conde de Lautréamont; Baixo o volcán, de Malcolm Lowry; Intruso no pó, Luz de Agosto e Santuario, de W. Faulkner; O señor das moscas, de W. Golding; Diñeiro longo, Paralelo 42, O ano 1919 e Manhattan Transfer, de John dos Passos; A noite móvese, de Henri Michaux; Dentro do labirinto, A. Robbe-Grillet; Seymur: unha introdución, J, D. Salinger; e todo un etcétera que vai desde Jean-Paul Sartre (catro obras de teatro) a novelistas policiais como Ross MacDonald, Mickey Spillane ou Sebastian Japrisot, pasando por autores como J. Steinbeck, Muriel Spark, Jack Kerouac, Salvatore Quasimodo. Lawrence Durrell (cinco novelas), Henry Miller, Howard Fast ou Harold Pinter, até un total, como dixemos, de 47 obras. Bote contas o lector: 122 obras propias ás que hai que sumarlle as 47 traducidas, todo iso nun máximo de 50 anos! A verdade e que podería afirmar: así lle saían. Porque como narrador, malia as súas vendas, Pedrolo era un narrador de calidade media tirando a baixa, con novelas infumábeis cuxo único interese radicaba no tema da novela: Un amor fora ciutat –publicada durante o franquismo, vai de amores homosexuais: foi denunciada e, finalmente, Pedrolo declarado inocente–; Totes les bèsties de càrrega, novela cargada de símbolos até nos espazos en branco; novela, por outra parte, insufríbel. Outras eran directamente ilexíbeis (Text-Càncer, por só citarmos unha), e as mellores eran as que se achegaban ás literaturas populares do século XX: relato policial e de ciencia-ficción. Son as novelas influídas por estes xéneros as que mellor se sosteñen hoxe: algunha da serie Temps Obert (oito novelas, se mal non lembro), Algú que no hi havia de ser, M’enterro en els fonaments, Detall d’una acció rutinària, etc. Por outra parte, era tan versátil, que un lector asiduo de Pedrolo podería ler: unha novela kafkiana, unha novela faulkneriana, unha novela hammettiana, etc., mais dificilmente pode dar cunha novela de Pedrolo-Pedrolo: é como se as traducións e as lecturas que facía a cada intre influísen directamente (sen peneira ningunha) sobre o que estaba a escribir naquel preciso momento. E polo que respecta á súas traducións, non sei se naceron envellecidas, pero o certo é que hoxe habería que corrixilas, e moito.
Pois ben, cando os eu centenario, a lleidatana Pagès editors publicou, a cargo de Anna M. Moreno-Bedmar, A. Munné-Jordà e Anna M. Villalonga, todos eles pedrolianos convictos e confesos, un libro titulado Pedrolo informa. De que vai? «Unha mañá de febreiro», fozando na casa do escritor, a que tiña no seu lugar natal, Tàrrega (Lleida), a filla do escritor e Moreno-Bedmar «sorprendéronse cando atoparon uns textos mecanografados en cuartillas, o formato de medio folio que Pedrolo empregaba a miúdo. Concretamente eran douscentos tres documentos numerados a lapis polo propio Pedrolo, ordenados alfabeticamente, e onde non constaba o destinatario». Despois de leren uns cantos documentos, escollidos ao acaso entenderon «que os documentos eran uns informes [de libros] realizados polo escritor segarrenc [da Segarra, bisbarra de lleidatana] e que abranguían autores, nacionalidades e xéneros moi diversos». E fixéronse diversas preguntas: quen encargou os informes e cando?, publicáronse as obras que recomendaba?, que criterios seguía o escritor para aconsellar ou desaconsellar un libro? E puxéronse mans á obra, como se di, engadindo os nomes de Munné-Jorda i Anna M.Villalonga.
Pedrolo axuntara e numerara o total (súponse) dos informes que fixera para distintas editoriais catalás: Edicións 62, Proa e un (1) para a editorial Nova Terra, que suman exactamente, douscentos tres (203). Os autores do libro dividíronos por «xénero»: Ensaio (3 informes); Historia (20); Ciencia (5); Ciencias sociais (9); Literatura: por xéneros: Novela policial (19); Narrativa ciencia-ficción (21); Xuvenil (9); Teatro (2). E, finalmente, Literatura (narrativa), dividida por lingua: Literatura Reino Unido e Irlanda en inglés: trinta e dous informes (32); Estadounidense: trinta e seis (36); Literatura doutras nacionalidades en lingua inglesa (maiormente sudafricanos): dez (10); Literatura francesa: catorce (14); Literatura en lingua hebrea: catro (4) [cómpre aclararmos, como avisan as autoras do libro, que os escritores en lingua hebrea, sueca, polaca, árabe, neerlandés, alemán e húngaro, Pedrolo leunos en inglés, francés ou castelán]; Literatura catalá: oito (8); Literatura checa e sueca: dous (2) cada unha; e con unha lectura (un informe), obras de autores alemáns (Günter Grass), árabes, casteláns (Domingo Santos), italiano, neerlandés, húngaro e polaco .
Os autores do libro, logo dunha introdución na que falan do que é o seu libro, e do Pedrolo como experto en censura, pasan a describir como eran os informes do escritor segarrenc. En cada un deles, se é axeitado, avisa dos problemas que pode ter o libro coa censura. El foi un dos grandes censurados polo franquismo, e non só por escribir en catalán, senón polo tema das súas obras e pola súa posición ideolóxica (queríase independentista e marxista: o primeiro érao; o segundo, nin por asomo; iso si, sabía usar dos manuais marxistas que circulaban nos anos 1960/70, do Politzer á Harnecker, pasando polos manuais para uso de neófitos argallados pola Academia de Ciencias da defunta URSS. E afirmamos que non era marxista nin por asomo porque antepuña a condición nacional á condición de clase, e porque, léanse os seus diarios, diferenciaba, dentro de Cataluña, os obreiros cataláns dos obreiros «españois»). E a partir dos informes intentan argallar unha «teoría da literatura» en Pedrolo (ou de Pedrolo), que sería máis unha teoría «sociolóxica» da literatura que unha teoría «literaria», se nos atemos ao que din os informes e non ao que pensan as autoras do libro. Veñen logo os informes pola orde que transcribimos enriba. Antes de entraren de cheo neles, as autoras informan da posición de Pedrolo perante cada un dos temas de que informou: sobre a ciencia, a historia, as ciencias sociais, a novela policial, a narrativa de ciencia ficción, a literatura xuvenil, as diversas literaturas, o teatro, etc… e se cultivou algunha desas modalidades literarias. En certo modo, pode considerarse como unha introdución ao que o escritor catalán pensaba sobre literatura, o teatro, a ciencia, etc. Non se transcriben os informes, as autoras dan a noticia do que di Pedrolo e reprodúcense algúns treitos dos informes e salientan unha outra opinión pedroliana sobre un tema ou outro, ou reproducen algunhas frases que consideran interesantes sobre tal ou cal autor.
A maioría destes informes realizouse entre 1963 e 1976. Dos informes positivos, publicáronse vinte (20) títulos: dous (2) de historia, un (1) de ciencias, un (1) de ciencias sociais, tres (3) de ciencia-ficción, cinco (5) de literatura británica, seis (6) de literatura norteamericana, un (1) de literatura francesa e un (1) de literatura hebrea. Digamos que destes libros Pedrolo traduciu cinco títulos. Cómpre afirmarmos, polo demais, que os informes son dunha total profesionalidade, non só porque o autor avise dos problemas que pode ter o libro coa censura, senón que noutros avisa que se necesita un grande tradutor; noutros informes declara que o libro é bo, ou moi bo, pero que o lector catalán non está «preparado», que a súa lectura sería dificultosa; e noutros avisa da inutilidade do libro que acaba de ler. Inutilidade que pode ser literaria, política, etc, etc.
Os autores sobre os que máis informes realizou Manuel de Pedrolo foron os seguintes: con catro (4) informes: Lawrence Durrell (Nunquam, A papisa Xoana, Tunc, etc.); Doris Lessing (O caderno dourado, Martha Quest, etc.) e Norman Mailer (Caníbais e cristiáns, Papeis presidenciais, Un soño americano); con tres (3): Saul Bellow (O facedor de choiva, etc.), Gil Brewer, A. Koestler, Mary McCarthy, Allan Sillitoe, J. Vance Marshall, Angus Wilson, Nathanael West e Domingo Santos. Con dous e un informe hai un monte de autores: Henry Miller, Jerzy Andrzeiesvki (Cinzas e diamantes), James Baldwin (O cuarto de Giovanni), Truman Capote (A harpa de sombra), Graham Greene (ao que non acaba de entender: moléstalle o seu catolicismo), Howard Fast (A paixón de Sacco e Vanzetti, Camiño de liberdade), Anaïs Nin, Iris Murdoch (O sedutor abandonado), James Purdy, Evelyn Waugh, Arthur Miller (Os inadaptados, coñecida tamén como Vidas rebeldes), Amos Oz, I. Silone (Escola de ditadores), Georges Simenon, Erskine Caldwell, Michel Butor (Pasaxe de Milán), F. Scott Fitzgerald (O outro lado do paraíso), V. Nabokov (A vida real de Sebastian Knight), J. D. Salinger (Erguede carpinteiros a trabe mestra, Seymur: unha introdución), Nathalie Sarraute (Martereau) ou George Orwell (A filla do clérigo), pasando por un amplo etcétera.
Finalmente, transcríbense vinte e seis (26) informes pedrolianos: The Cockatoos, de Patrick White; The Silver Locuts, de Ray Bradbury; Lord of the Flies, de W. Golding, etc., e reprodúcense en facsímile os informes de The Eye of the Night, de John L. Brom; Miss Seeton Bewitched, de Heron Carvic¸ Appointment in Andalusie, de Mary Machinstosh, Dans le labyrinthe, de A. Robbe-Grillet e Histoire de Michèle, anónimo. A lectura destes informes, aínda que non se estea de acordo co que di o seu autor, é altamente recomendábel, porque é unha especie de crítica con total liberdade: o que se di nun informe para unha editorial, non hai crítico que se atreva a dalo a luz, xa que no informe usa(se) dunha liberdade que é imposíbel nun medio público; precisamente por iso, pola liberdade, e por saber o autor que non lerán o texto máis alá de catro ou cinco persoas.
Manuel de Pedrolo foi, tamén, director da primeira colección de novela policial en catalá, La cua de palla, que de 1963 a 1969 publicou 71 novelas. Informou Pedrolo destas obras aos seus editores ou os editores publicaron sen máis as obras que presentaba o director da colección? De darse o primeiro caso, habería nalgún sitio os informes destas novelas; informes que poderían conformar unha interesante historia do relato policial da primeira metade do século XX, xa que os títulos aparecidos nesta colección, cando foi dirixida polo noso autor, son todos posteriores a 1925. Esperemos que se fixo tales informes, un día aparezan e sexan publicados.
En fin, a pesar de que Pedrolo informa só reproduce –na súa totalidade– 31 dos 203 informes, o libro é altamente recomendábel. Un libro que só ten un par, que saibamos nós, nas literaturas peninsulares: Noticia de libros, de Gabriel Ferrater (Barcelona, Ediciones Península, 2000); volume argallado polos informes que o poeta fixo para diversas editoriais, españolas e alemás. Evidentemente, o interese do libro de Ferrater e, para min, superior ao do libro de (sobre) Pedrolo. E non só literariamente, senón mesmo ideoloxicamente, porque Ferrater, a diferenza de Pedrolo, antepón os intereses (ou gustos) literarios a calquera outra cousa e, xa que logo, é máis libre nas súas opinións que o autor do Mecanoscrito da segunda orixe.