BiosBardia

O país dos libros en galego

Os inimigos da literatura

PEQUENAS REFLEXIÓNS A PARTIR DE ORWELL (2)

Xesús González Gómez.

Nazis requisan libros para logo queimalos, na década do 1930, en Alemaña..

Talvez deba perdín perdón, porque no segundo artigo desta serie Orwell, o seu nome non apareceu para nada, mais a súa presenza, aínda que fose por ausencia, era, penso, constante.

En diversos textos, artigos, ensaios, por non dicir en case todos que tratan directamente de literatura, Orwell tiña presente unha cousa: a invasión da literatura pola política era, con toda evidencia, inelutábel, mesmo que non existise o problema do totalitarismo. Para Orwell toda literatura é política, ora ben, como lembra nun texto de 1941, se ben “toda obra de arte ten un significado e unha finalidade –política, social e relixiosa–“ e que “os nosos xuízos estéticos están influídos polos nosos prexuízos e crenzas”, tamén avisa, máis adiante, que a “valoración estética non é suficiente, mais a rectitude política tampouco” (“As fronteiras da arte e da propaganda”). O que se trata é de conseguir que a literatura política sexa arte. No importante ensaio, publicado en 1946, “A destrución da literatura” afirma que sen liberdade de expresión non hai posibilidade de literatura, sobre todo de prosa: é dicir, de novela e de libros de “ideas”. E a liberdade de expresión é atacada por dúas bandas: a) polo totalitarismo e os seus cómplices; e b) polos burócratas e o monopolio. O monopolio dos medios de comunicacións (el fala naquel tempo de radio e prensa), que están en mans dos ricos. Engada hoxe o lector á radio e á prensa, cine, televisión, etc.

Se estes “axentes” eran en 1946 os inimigos maiores da literatura, Orwell recalcaba sobre todo o totalitarismo. Baixo o totalitarismo afirmaba, pode florecer a poesía, porque ao final, a poesía pode ser unicamente sons, e, ademais, un poeta pode expresar herexías e non decatarse ninguén, mais a narrativa e a literatura de ideas poden chegar mesmo a desaparecer. Pon os exemplos da literatura, da novela, alemá baixo Hitler, que non produciu nada que mereza lembrarse; e o mesmo aconteceu na Italia fascista. E está a acontecer na URSS. Despois da gran floración de 1910-1925: Pilniak, Biely, Ziamatin, Babel, Bunin, etc., que era a novela rusa, soviética, en 1945, en 1960, en 1980, en 1990, e mesmo case hoxe? Non é certo que o mal denominado comunismo destruíu a novela rusa durante moitos anos e aínda hoxe non se reconstruíu? Non é certo que os grandes escritores polacos tiveron que escribir ou publicar no exilio? E o mesmo os checos, os húngaros, etc. O totalitarismo mata, destrúe a literatura. A novela alemá comezou a se recuperar (con nomes novos) a partir dos anos 1950: Hitler estivo só 12 anos no poder. A italiana recuperouse pola mesma década, aínda que Mussolini reinou durante 20 anos, pero en literatura era o fascismo máis “liberal” que o nazismo. O comunismo soviético reinou durante 70 anos; se o seu endurecemento se inicia en 1925, son 65 anos, sesenta e cinco anos que acabaron coa prosa rusa, que debe empezar a se recuperar e esperemos que non tarde[1]. Mesmo a gran floración da literatura cubana dos anos 1960, en narrativa, en que quedou? Que novelista de calidade deu a literatura cubana, en Cuba, a partir de 1970 até case o 2000, tendo en conta que Padura e outros son “disidentes”? “A literatura en prosa, tal como a coñecemos, é un produto do racionalismo, de varios séculos de protestantismo e de autonomía individual. E a supresión da liberdade intelectual paraliza sucesivamente o xornalista, o sociólogo, o novelista e, finalmente, o poeta”.  Mais a poesía pode salvarse, e sálvase. Mesmo en España, os primeiros narradores con “cara e ollos” aparecen a partir de 1960, antes, algunha individualidade, etc. Mais hai que matizar, como ben fai Orwell: a literatura pode florecer baixo réximes despóticos (como aconteceu en Latinoamérica durante aos anos 1940-1980 do século pasado).

Polo tanto, seguindo a Orwell, a tarefa do escritor é denunciar e loitar contra o totalitarismo, porque se non a literatura acaba desaparecendo –e non acaba de entender o inglés é que haxa escritores que loen o “totalitarismo”. Mais hoxe, pódese afirmar, non existe ningún país en que o totalitarismo reine[2] (sic), e se “fisicamente” o totalitarismo desapareceu, os totalitarios aínda pasean por todas as rúas de todas as cidades da terra. Xa que logo, non hai que baixar a garda, mais tampouco esquecer cales son hoxe os “axentes” que procuran a destrución da literatura. Non son os estados, está claro, polo tanto hai que botar a ollada cara á “sociedade civil”. E estes axentes da destrución foron, tamén, no seu día, sinalados por Orwell: o monopolio e os burócratas. Pero maticemos, seguindo a Orwell, quen é o monopolio, quen son os burócratas?

É evidente que nos países en que rexe unha oligarquía liberal (Europa, case todo o continente americano, algúns países de Asia, case que ningún de África, Oceanía) non existe, en primeira instancia, o monopolio aínda que existan as tendencias monopolistas, ou o monopolio fica agachado, oculto baixo a máscara da “competencia”. E os burócratas, os censores, case desapareceron, xa que a censura non adoita exercerse directamente e desde os poderes do estado: hoxe os resortes da censura son outros e, curiosamente, actúan en nome da liberdade, da diversidade, dos dereitos humanos, etc., cando non da “verdade”.

Mais quen é o monopolio, quen os burócratas? Falemos sen rodeos: o monopolio son as editoriais. As editoriais, nas sociedades de que falamos, sociedades de economía de “mercado” (máis ben mercado restrinxido ao máximo), lexitimamente, procuran un beneficio económico, en primeira e última instancia, se non é así, mellor que non existan, porque entón a maioría dos libros que publiquen, cando non todos, durmirán nos sotos de calquera almacén. É dicir, unha editorial é un negocio e como tal debe funcionar. O problema é outro. O problema é poliédrico e irregular, polo que ten varias, e diferentes caras.

Unha editorial pode publicar grandes e interesantes libros e acabar fechando: véxase, por exemplo, o catálogo da defunta xa hai moitos anos, Barral Editores, no “campo editorial” español. Ou o que aconteceu, no mesmo campo, coa defunta Editorial Bruguera, que non foi só un problema de administración e contabilidade, etc. Casos hai a moreas. O que queremos dicir é que non por publicar bos e interesantes libros unha editorial vai sobrevivir, polo tanto os responsábeis das editoriais procuran aquí e acolá libros que resulten ser best-sellers, calidades á parte. O problema formúlase cando se intenta, e hoxe semella xa norma, facer de cada libro publicado un best-seller. É entón cando os burócratas da literatura, que están, normalmente, instalados nas editoriais, entran en acción. Adoitan ter estes burócratas o título de director literario, e adoitan repartirlles, aos escritores, consellos “por doquier”. Se o escritor, os escritores queren publicar acaban aceptando os consellos. E o escritor que o segue, en vista do que se vai publicando (e vendendo), fai unha literatura semellante/parecida á que se publica e, finalmente, resulta que toda esa literatura é igual, goza das mesmas características, desaparece a diversidade porque a literatura diferente non se vende, etc. (Esta é unha das causas do florecemento actual da narrativa policial en español, e en catalán: a maioría son ilexíbeis cando non directamente parvadas.) Ao final un se pregunta quen escribe, os editores ou os escritores?

Tamén acontece que se publica unha primeira novela, escrita pacientemente, laboriosamente. É unha boa novela. Véndese ben. Dado o éxito, os editores empezan a reclamarlle ao escritor unha novela por ano, e, se pode, máis. (Caso, na literatura española, nos últimos dez anos de Eduardo Mendoza, Muñoz Molina e outros.) As obras, cando se escriben sen descanso, debilítanse, e o lector decátase e xa non se vende. E se se vende, o editor reclama máis obras dese tipo, polo que a literatura volve perder, porque adoita deixar de ser literatura, etc.

Ora, tamén é certo que ningunha editorial do planeta pode publicar unha obra mestra, nin mesmo unha boa novela, cada mes. Xa que logo, que facer? ou mellor dito, que fan, ou poden facer as editoriais? Sabemos que buscan desesperadamente o libro que se converta en líder de vendas. Entre que libros, novelas, xa que delas falamos, pode aparecer ese best-seller. Pensamos entre os que Orwell denominaba “bos malos libros”, que pode ser de diferentes clases:

  1. a) Literatura de evasión ou divertimento: Sherlock Holmes, Raffles –son os nomes que dá noso escritor, e podemos engadir outros moitos. Como afirma Orwell, en tanto que a nosa civilización teña (ou cree) a necesidade de se distraer, de “pasar o tempo”, a literatura “lixeira” terá o seu lugar. Tamén afirma que o simple savoir-faire ou a graza natural poden ser vantaxes en termos de supervivencia literaria, como a erudición ou a potencia intelectual.
  2. b) Libros que permiten comprender certas experiencias humanas como non fai calquera outro libro. Caso típico para Orwell, A cabana do tío Tom, de Harriet Beecher Stowe. Talvez sexa esta novela o exemplo máis acabado de “bon mal libro”; é unha novela involuntariamente grotesca, inzada de incidentes melodramáticos, mais á vez é fondamente conmovedora e esencialmente verdadeira, afirma: é difícil discernir cal destas calidades prima sobre a outra.
  3. c) Libros límite, os que, por exemplo crean atmosferas estrañas, mórbidas, etc. o exemplo modélico, para o inglés, desta clase de libros é Cumes borrascosos, de Emily Brontë.
  4. d) Finalmente, de maneira xeral, o libros dos «novelistas natos, cuxa sinceridade semella que se debe en parte ao feito de que non están inhibidos polo bo gusto».

Ora, seguindo a Orwell, tamén é certo que os autores destes catro apartados, fallan. Mais, normalmente, fallan por falta de sinceridade[3]. É dicir, un exquisito poeta é capaz de escribir a máis cutre novela policial, para ser coñecido e ter vendas. Un novelista nato, ao ser acosado polo seu editor, pode rebaixar o seu “nivel” para chegar a máis xente, etc. Ou argallar libros desa cousa que se denomina literatura infanto-xuvenil que, seica, é a que se vende por estes pagos. As editoriais poden ter culpa, pero menos, porque son un negocio e deben responder perante un presunto consello de administración: o problema é cando o escritor falta á súa sinceridade (autenticidade), cando considera as súas obras como un medio e non como un fin, como avisaba un mozo filósofo de 24 anos alá polo 1842. Porque desde o momento que considera a obra como un medio e non como un fin, é dicir, cando “rebaixa a liberdade [de prensa] até transformala nun medio material merece ser castigado por esta servidume interior como escravitude exterior”. Ora, tamén cabe dicir que non as teñen: a situación actual da literatura, da galega e das outras, ten un culpábel: as estruturas sociais básicas. A coerción que obriga a adaptarse á demanda, adaptación que desemboca case sempre nunha diminución das calidades inmanentes,que diría Adorno.

Finalmente, están os outros burócratas (mediadores): os críticos, dos que xa falamos. A maioría dos críticos[4] acaban asumindo: a) un libro bo é o que se vende ben; b) un libro bo é un libro premiado. E entón actúan en consecuencia. Noutrora, hai xa moitos anos, a crítica, a denuncia, era colocar un espello á desvergonza, á mentira continua. Iso acabouse: aos exercicios de marketing, que mesmo nin son case literarios, chámanlles éxito; á manipulación, calidade literaria; e á falta de talento, brillantez. E a literatura acaba destruída, ou desaparecida, sen que medie combate.

[1] Pode o lector galego botar unha ollada moi xeral ao que foi a narrativa soviética durante décadas folleando, ou lendo, se ten o aguante necesario, Sete narradores soviéticos, Vigo, Ed.Xerais, 1991, preparada e traducida por Manoel Riveiro Loureiro.

[2] Aviso: usamos a noción, ou o concepto, de totalitarismo para entendérmonos. O concepto foi, e aínda é, abondo discutido. Para unha historia do concepto, ver Enzo Traverso: “Le totalitarisme. Jalons pour l’histoire d’un débat”, en  Le totalitarisme. Le XXe siècle en débat, Paris, E. du Seuil, 2001,  pp. 9-110.

[3] Penso que aquí Orwell equivoca o substantivo, no cando de “sinceridade” acho que debería ser “autenticidade”: sincero pode ser até un mentirán.

[4] Non estamos a ver como certas novelas, certas obras, cuxa calidade intrinsecamente literaria non vou discutir, mais cuxas “teses” políticas, sociais e mesmo relixiosas, por retomarmos o léxico orwelliano, abondo discutíbeis, son promovidas pola prensa española a grandes titulares e enchendo páxinas non só de suplementos literarios, senón de información política, como ben afirmaba Suso de Toro hai unhas semanas a respecto de Patria, de F. Aramburu, que non lin aínda, e El monarca de las sombras de Javier Cercas, unha novela na que se rehabilita tanto o fascismo falanxista como certo franquismo –franquismo que rehabilitaba, xa, en Soldados de Salamina, onde fronte ao soldado republicano Cercas se decantaba polo fascista Sánchez Mazas? Promoción que, evidentemente, converte estas novelas en líderes de vendas. Ora, tamén hai que recoñecer que non promoven o primeiro recentemente chegado, senón escritores que teñen unha traxectoria e cuxa calidade é máis que mediana.

Por outra parte, lembro ter lido, e agora non podería dicir onde, unha entrevista ou un diálogo entre escritores arxentinos en que se afirmaba que a literatura arxentina estaba dirixida pola Editorial Planeta, propietaria das máis importantes editoriais arxentinas: Emecé, Paidós, á parte de Planeta Arxentina que reúne os selos Ariel, Seix Barral, Tusquets, etc., que editan naquel país libros que moitas veces non se publican en España.

One thought on “Os inimigos da literatura

  1. Envexa(?), mediocridade e literatura galega (II)

    Definir totalitarismo é doado: abonda con xuntar un grupo de xente máis ou menos numeroso remando na mesma dirección para impoñer as súas teses sobre outros. Con independencia da lexitimidade ou non das devanditas teses. No Estado Español (nomeadamente, en Galiza), o problema é que na consecución dos obxectivos deses grupos, xa non está claro se a mediocridade é a ferramenta, o fin, ou a consecuencia. Pero ningunha sociedade chega onde está por casualidade.

    Especialmente sangrante nos últimos meses foi o caso das celadoras (e celadores, aínda que estatisticamente sexan minoría) sen praza fixa do SERGAS que, logo de perder puntos na OPE do 2009 “porque fora moi difícil” (sic), decidiron organizarse sindicalmente para recuperar as notas da convocatoria do 2006 “que fora moito máis doada” (sic, tamén). Feita a piña, sacaron adiante as súas pretensións na mesa de contratación reunida (ollo coidado) no verán de 2016, desprazando nas listas ás compañeiras (un falar) que as superaran no 2009 nunha proba que elas mesmas criticaban por moi difícil. Conclusión? Unha vitoria da mediocridade conseguida a través de comportamentos totalitarios (escribe isto un firme defensor do asociacionismo laboral).

    No caso da narrativa pasa algo parecido. Non só na galega, por suposto, pero especialmente na galega. A explicación é sinxela: cando o barco afunde, as estratexias para ficar co nariz fóra da auga vólvense máis irracionais, e no sálvese quen poida, o obxectivo último non é executar elegantes piruetas na superficie. Abonda con flotar. E nesas andamos, dando vergonza allea. Loxicamente, os de arriba farán o posible para que os de abaixo non ocupemos o seu lugar porque, entre nós, se xa non hai sitio para eles, vai haber para os demais. Así que o que daremos en chamar “a caste” (escribe isto un firme detractor de Pablo Iglesias) anda ocupada en manter o statu quo pola conta que lles trae a editores, críticos e escritores. Con independencia do seu xénero, que a mediocridade é universal.
    Un nome famoso esfurrica unha obra, a editora decide publicala e, en beneficio de todos (?) os críticos gaban o resultado. Resulta curioso dar unha volta polos andeis das librarías e mirar quen asina esas furricas: a proporción de homes resulta notoria, o que dá pé á creación dun lobbie (lexítimo) feminino que demanda a súa cota (lexítima) dentro dese andel. Porque, como digo, a mediocridade non debería ser patrimonio exclusivo dos homes: é universal. Cómpre editar máis mulleres, premiar máis mulleres. De feito, nas últimas dúas semanas, teño os muros das RRSS saturados por unha campaña pedindo o voto nos premios para producións literarias creadas por mulleres. Non defenden unha obra ou outra pola súa valía. Non é iso o que se demanda. O que se esixe é representación. Como digo, é de xustiza que ocupen o 50% que lles corresponde. Dende logo, non sería ético por parte do sistema copar a mediocridade por xénero: esta tense que democratizar (escribe isto un firme defensor das cotas, tamén na literatura).

    Nesta loita organizada (lexitimamente) por flotar aparecerán coiteladas como as que estou a sufrir eu (a última, antonte mesmo, cando unha escritora nun novo xuízo sumario, decidiu arrogarse o dereito a falar e sentar cátedra por todas as mulleres, incluídas as que a leron a novela e gustaron dela e, xa de paso, as que nin sequera a leron), episodios de censura coma o que está a sufrir un compañeiro, medo entre as editoras a publicar no futuro a este ou aquel autor, ausencia de pronunciamento por parte da crítica ou, xa postos, a proba do nove de todo isto que digo: o mesmo día que recibín a copia da fatwa que se ditara na miña contra dende as páxinas do Faro de Vigo, a responsable publicaba unha recensión que puña polas nubes a que, de seguro, foi a peor novela publicada por Xerais o ano pasado (e non, non é “A ira dos mansos”). Por suposto, a obra pertencía a un autor (si, si, outro home) pata negra. Un deses que flotan arriba e que non cómpre molestar. Claro que, sendo xustos, ben é certo que o crítico que presidía o xurado que me premiou a min (sigo sen ter pensado devolver os cartos, aviso), tamén decidira poñer esa obra alá onde voan os voitres para rematar de me dar a razón.

    Aínda lembro o que me dixo un colega cando publiquei hai uns meses: “Ti espera a meter os fociños no cortello, e xa verás como cheira”. Un profeta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *